Ir al contenido principal

 SE ESCOITAS AO TEU CORAZÓN, TAMÉN TI CHEGARÁS A BELÉN

CANTOS: Panxoliñas



OLLOS ABERTOS

Vivimos nunha época que pretende chamarse universal, planetaria. Escoitamos falar do mundo coma unha aldea global, as nosas sociedades son cada vez máis multiculturais, as distancias son cada vez máis pequenas.... pero paradoxalmente as persoas andamos cada vez máis divididas e enfrontadas, loitando por defender os propios intereses.

Neste contexto é fácil esquecer a mensaxe de Deus: a liberación é para todas as persoas, pois o noso orgullo fainos crer que somos os mellores e os primeiros.

Por iso hoxe, neste día de ilusión, vimos diante do Señor, que é a estrela que guía a nosa vida. Oxalá que ningunha Boa Nova de solidariedade, xustiza e universalidade nos asuste. Oxalá que as escuridades da nosa vida non nos deteñan nin nos desvíen do que un día nos puxo no camiño e se nos ofrece de balde.

CORAZÓN MISERICORDIOSO

  • Polas veces nas que lle agochamos luz aos demais, excluíndoos, negándolles a palabra, non valorándoos como o que son; SEÑOR, QUE A TÚA ESTRELA NOS ALUMEE.
  • Polas moitas veces nas que o noso actuar e o noso dicir non son luz para os demais, senón polo contrario, somos motivo de escándalo, CRISTO, QUE A TÚA ESTRELA NOS ALUMEE.
  • Porque o nacemento do neno Deus non é motivo de alegría, ilusión e cambio, senón que permanecemos na rutina e reducimos estas datas a un puro materialismo; SEÑOR, QUE A TÚA ESTRELA NOS ALUMEE.

PALABRA REGALADA 

 

PROCLAMACION DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS


Levántate, brilla, que a túa luz xa chegou;
si, a gloria do Señor resplandece sobre ti.
Pois, olla, a escuridade encobre a terra
e a negrura os pobos,
pero sobre ti resplandece o Señor
e a súa gloria faise ver sobre ti.
Certo que os pobos camiñarán coa túa luz
e os reis co resplandor do teu alborexar.
Levanta os teus ollos arredor,
todos estes xuntáronse, viñeron a ti.
Os teus fillos veñen de lonxe
e as túas fillas son traídas no colo.
Entón, cando o vexas,
estarás radiante
e o teu corazón latexará e ensanchará,
pois as riquezas do mar traeránchese a ti
e os bens dos pobos virán para ti.
Estarás cuberta dunha chea de camelos,
de dromedarios novos.
Todos eles virán de Sabá.
Virán cargados de ouro e incenso,
e proclamarán lediciosos a louvanza do Señor.

Palabra do Señor
Grazas a Deus

PROCLAMACION DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE PAULO APÓSTOLO AOS EFESIOS

Coido que oístes falar da encomenda que a graza de Deus me fixo en favor voso: xa que por medio dunha revelación se me deu a coñecer o misterio que noutras xeracións non se lle dera a coñecer á humanidade como agora llelo manifesta o Espírito ós seus santos apóstolos e profetas: que os xentís son parceiros, membros do mesmo corpo e copartícipes da promesa en Cristo Xesús polo Evanxeo.

Palabra do Señor
Grazas a Deus

PROCLAMACION DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO MATEU

Xesús naceu en Belén de Xudea, en tempos do rei Herodes. E nisto uns magos de Oriente chegaron a Xerusalén preguntando:
- ¿Onde está o Rei dos xudeus que acaba de nacer? Porque vimos saír a súa estrela alá no Oriente, e vimos para lle rendermos homenaxe.
Oíndo isto, o rei Herodes alporizouse, e con el toda Xerusalén. Convocou a todos os sacerdotes e letrados do pobo, para lles preguntar onde tiña que nacer o Mesías. Eles responderon:
- En Belén de Xudea, que así o deixou escrito o profeta:
E ti Belén, terra de Xudea,
de ningún xeito es a máis pequena,
entre as vilas de Xudea,
que de ti ha saír o guía
que será o pastor do meu pobo Israel.
Entón Herodes, ás agachadas, chamou ós magos, para se informar ben de cando lles aparecera a estrela. Logo mandounos a Belén, dicíndolles:
- Ide e informádevos ben do que hai dese neno; e unha vez que o atopedes, avisádeme, para ir eu tamén a lle render homenaxe.
Eles, despois de oíren ó rei, puxéronse en camiño. E, velaí, a estrela que viran saír no Oriente foinos guiando ata se deter enriba de onde estaba o neno. Grande alegría sentiron ó veren saír de novo a estrela.
E cando entraron na casa atoparon o neno con María, súa nai. Prostráronse e rendéronlle homenaxe; logo, abrindo os seus tesouros, ofrecéronlle coma regalo ouro, incenso e mirra. Logo, avisados en soños de que non volvesen por onda Herodes, saíron para a súa terra por outro camiño
Palabra do Señor
Louvámoste, Señor


PALABRA REMOÍDA

Inmersos e inmersas como estamos no consumismo, parece que a festa que hoxe celebramos sexa só un intercambio de agasallos, perdendo o seu senso orixinal: a festa dos Reis é a festa da Epifanía do Señor, da súa manifestación a todos os pobos, razas e culturas. Nestes tres personaxes que chegan de Oriente está representada a universalidade da salvación, que non é só para os xudeus, senón que ven para todas as persoas. Polo tanto, a de hoxe é unha chamada a saírmos de nós mesmos, a deixar o cascarón, a mirar máis alá do noso embigo para abrírmonos á pluralidade e á multiculturalidade. Ninguén é máis ca ninguén, ninguén está en posesión da verdade absoluta, non hai bos nin malos....senón que todos e todas somos convidados e convidadas a deixar que a luz de Belén alumee as nosas vidas.
Nós, sexa cal sexa a nosa situación e condición, pertencemos ao mundo dos privilexiados, e sería unha burla, coma a de Herodes, querer defender a capa e espada os nosos privilexios, a nosa situación económica, social e cultural. Os pobos e grupos privilexiados habemos vivir sempre coa sospeita de ser opresores. Non son posibles a solidariedade, a liberación universal, se queremos manter a nosa situación, porque mantela lévanos a tentar eliminar a quen, coa súa presenza, aínda que sexa de recén nacido, anuncia e trae unha nova sociedade cunhas novas relacións humanas baseadas na igualdade e na xustiza. Por iso vén ben esta festa con aires ecuménicos e coa cor do arco da vella, porque a mensaxe da GS segue a ter plena actualidade: ”os gozos e as esperanzas, as tristuras e as angurias das persoas do noso tempo, sobre todo dos pobres e de cantos sofren, sexan tamén os nosos”.
Polo tanto, alumeados por Aquel que se manifesta para toda a humanidade, estamos chamados a sermos tamén nós fachos que alumeen a tantos irmáns e irmás nosos que viven na escuridade, que alumeemos tantas situacións sociais adversas: o consumismo deste primeiro mundo, a fame que mata millóns de persoas, a violencia e as guerras, os escravos incontables, a natureza explotada, os ideais mortos... Porque só si tomamos en serio o noso compromiso activo coma cristiáns seremos capaces de alumear e vencer escuridades. De seguro que se escoitamos o noso corazón, tamén nós chegaremos a Belén.

ORACIÓN COMPARTIDA

Coma os Magos, nós tamén proclamamos a túa louvanza e dicimos:

GRAZAS, SEÑOR, POR ENSANCHAR O NOSO CORAZÓN

û  Pola Igrexa, para que poña a Luz que nace en Belén en tantas situacións de dor, de marxinación, de exclusión, de desamor e así todas as persoas poidan ver a manifestación do amor de Deus, OREMOS.

û  Pola paz do mundo, para que escoitemos a voz do Señor, que nos chama a camiñar polos vieiros do diálogo e da escoita, do respecto e da pluralidade, OREMOS. 

û  Polas nosas comunidades, para que a vivencia destas datas, sexa estimulo e alento para traballar na construción dunhas parroquias máis humanas e humanizadoras, OREMOS:

û  Por cada un e cada unha de nós, para que deixemos que a Luz de Belén ensanche o noso corazón enchéndoo de compaixón e misericordia, OREMOS. 

Grazas, Señor, porque día a día nos mostras a luz do teu amor, encamiña os nosos pasos cara o camiño que nos leve a ti. PXNS. Amén.

MIRADA DE ESPERANZA

Que a festa da Epifanía, Señor,
nos ensine a percibir o nivel de marxinación e insolidariedade que hai na pobreza do pobo.
Que non lle pechemos, Señor, a porta a ninguén.
Que nos poñamos a derrubar muros e a tender pontes
para que academos a graza de que Xesús veña a nós.
Que saibamos ver a túa luz ao lado das persoas excluídas
e das que non teñen un lugar neste mundo.
Que aceptemos esta opción como boa nova,
coma o teu camiño para salvarnos a toda a humanidade.
Que teñamos ollos para ver a grandeza humana,
que a loita contra a marxinación e a pobreza
non sexa cousa de xente experta e entendida,
senón a unión de todas as forzas,
e que o Nadal que está a punto de rematar sexa eterno.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

3 Coresma 2024

DIANTE DA TENTACIÓN DE MERCADEAR COA FE, PROPOÑAMOS GRATUIDADE CANTO GOZOSO o     ENTRADA .- Eu sei de quen me fiei  ( 64) o     LECTURAS .- Oh, Señor, escólleme ( 62 ) o     OFERTORIO.-  Grazas Señor na mañá ( 34) o     COMUÑÓN.-   Ti es camiño e verdade ( 57)   Sinal de Coresma.-  Engadimos unha nova parte do corazón roto que estamos a conformar.   ESPERTANDO Á RENOVACIÓN              As comunidades cristiás vanse conformando ao redor da persoa e a palabra de Xesús. Persoa e palabra desde as que se nos invita a interiorizar a fe, as conviccións, os valores e actitudes desde os que vivir. Pero ocorre que moitas veces, por razóns diversas, imos esquecendo estes dous aspectos fundamentais da fe para caer na inconsistencia das rutinas, os costumes, o aburrimento desde os que acabamos vivindo a fe. No evanxeo de hoxe escoitaremos co...

6 Pascua 2024

  CONSTRUÍNDO CASA COMÚN SEN FACER DISTINCIÓNS NIN PERDER A IDENTIDADE CANTOS ·        ENTRADA:  Con ledicia vimos todos ao altar (Nº 2) ·        LECTURAS:  Cantádelle ao Señor unha cantiga nova (Nº 23) ·        OFERTORIO:  O amor é o meirande (Nº 120) ·        COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   AQUECENDO O CORAZÓN              Neste sexto domingo de Pascua invítasenos a prestar atención, poñendo corazón, ollos, mans, pensamento, pés... para vivir facendo do amor cerne da nosa vida. A isto chámanos o Evanxeo de hoxe. Non é doado, sabémolo, pero non podemos renunciar a tentalo, porque só quen se esforza pode recoller logo o froito do seu esforzo.          Cando Xesús fala do amor, non está a teorizar nin tampouco a dicir palabras pa...