Ir al contenido principal

Bautismo do Señor 2024

 QUE A AUGA DO BAUTISMO SEXA AUGA DE VIDA E ESPERANZA

CANTO GOZOSO

Entrada.- A auga do Señor (125)

Lecturas.- As túas palabras (113)

Ofertorio.- Grazas Señor na mañá(117)

Comuñón.- Acharte presente (51)

 

ESCOITA ACTIVA

Nadal sempre é tempo de bendición e agradecemento. O Señor faise un de nós, El asume a nos condición humana para vivir a nosa propia experiencia; unha experiencia que se vai desenvolvendo entre luscos e fuscos, entre alegrías e tristuras, entre esperanzas e desesperanzas. Pero neste ir vivindo de cada unha e cada un de nós, porque El asumiu a mesma condición humana ca nós, non imos sos. A fraxilidade fainos ver que non sempre somos quen de acertar ou de tomar a decisión mellor, pero esa mesma fraxilidade é a que fai posible que El camiñe ao noso lado dándonos azos, forza e alento para non deixarnos levar pola desesperación.

       Que a auga do bautismo nos esperte a ser continuadores e continuadoras do proxecto de Xesús. Un proxecto que sempre quere ser luz que ilumine as tebras e fraxilidades do noso camiñar.

CORAZÓN MISERICORDIOSO

·      Porque non sempre somos quen de acoller a bendición de Deus nas nosas vidas. SEÑOR, SEGUE A BENDICIRNOS CADA DÍA.

·      Porque non sempre sabemos agradecer  a cercanía e agarimo de quen temos ao lado. CRISTO, SEGUE A BENDICIRNOS CADA DIA.

·      Porque non sempre somos capaces de descubrir que Deus sempre camiña ao noso lado. SEÑOR, SEGUE A BENDICIRNOS CADA DÍA. 

  

PALABRA PROCLAMADA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS

 

Isto di o Señor:

Velaí o meu servo, a quen teño collido da man;

velaí o meu escollido no que eu me comprazo.

Teño posto sobre el o meu espírito:

ditaralles sentencia xusta ás nacións.

Non berrará,

non levantará a súa voz nin a fará oír nas rúas.

Canivela fendida non a romperá,

e torcida esmorecente non a apagará.

Con fidelidade proclamará a xustiza,

non desfalecerá nin crebará

ata establecer na terra a xustiza,

e a súa lei, que esperan as nacións.

Eu, o Señor, chameite por causa da xustiza, collinte pola man e protexinte,

e convertinte en Alianza dun pobo e en luz das nacións,

para que lles ábra-los ollos ós cegos, para que libres do cárcere ós presos,

da prisión ós que viven na escuridade. Palabra do Señor.

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS

 

Tomou Pedro a palabra e dixo:

 Abofé, vexo que Deus non fai distinción de persoas, senón que acepta ó que lle é fiel e practica a xustiza, sexa da nación que sexa. El mandóulle-la súa palabra ós fillos de Israel, anunciándolle-la Boa Nova da paz por Xesús Cristo: este é o Señor de todos. Vós sabéde-lo que pasou en toda a Xudea, comezando desde Galilea, despois do bautismo que Xoán predicou: como Deus unxiu con Espírito Santo e con poder a Xesús de Nazaret, que pasou facendo o ben e curando a tódolos que estaban asoballados por Satán; pois Deus estaba con el. E nós somos testemuñas de todo o que fixo no país dos fixo no país dos xudeus e mais en Xerusalén. Palabra do Señor.

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

 

Xoán proclamaba:

‑Detrás miña está a chegar o que é máis forte ca min, ante quen non son digno de prostrarme para lle desatar os amallós do seu calzado. Eu bautizo con auga, pero el havos bautizar con Espírito Santo.

E aconteceu por aqueles días que chegou Xesús desde Nazaret de Galilea, e Xoán bautizouno no Xordán. E de seguida, mentres saía da auga, viu abrirse o ceo e baixar sobre el, coma unha pomba, o Espírito Santo. E unha voz deixouse oír desde o ceo:

‑Ti es o meu fillo benquerido, o meu predilecto. Palabra do Señor.

 


PALABRA REMOÍDA

 

·      En Xesús, ao asumir a nosa condición humana, todas e todos nós somos persoas bendicidas. A súa encarnación ábrenos a facer do camiño da nosa vida unha experiencia de acompañamento, acollida e solidariedade. Sendo estas tres actitudes que han ser fundamentais na nosa vida, van dándonos un horizonte desde o que situar todo canto imos facendo tanto a nivel persoal, como social, comunitario e eclesial. A encarnación de Xesús xa nunca máis nos deixa sos, porque a súa man sempre aberta ´ofrecemento permanente na nosa vida. Pero sendo verdade que El nos tende a man, tamén o é que nós non estamos sempre en disposición de acollela e deixarnos acompañar, por iso canto hoxe compartimos, celebramos e agradecemos comunitariamente na celebración quere ser a invitación permanente a que non lle deamos as costas a este proxecto que Deus, en Xesús, nos ofrece. E se El nacendo pequeno, necesitado, fráxil e precisado de axuda, por que nós, tantas veces, nos cremos superiores, autosuficientes, omnipotentes e por riba de tódalas demais persoas? Aprendemos logo desta palabra que, unha vez máis, quere abrandar o noso corazón, tantas veces endurecido, pola nos soberbia e a nosa incapacidade de deixar de pensar só en nós.

 

·      E máis alá dun tempo de Nadal puramente consumista, superficial e movido por pasalo ben por riba de todo e todos, tentemos nós, os que seguimos confesando e acollendo a este neno indefenso como o Fillo de Deus que nos trae unha mensaxe a contracorrente, dar testemuño de sobriedade, sinxeleza, humildade e colaboración. Porque, tamén en Nadal, segue a  haber persoas solas, tristes, esquecidas e sufrindo. Superemos logo o retrousiño de identificar Nadal co “falso sorriso” porque o fan todos; esforcémonos para que Nadal, e tamén os demais días do ano, sexa tempo de poñer mirada con corazón nas persoas, e compromiso por estar ao lado de quen só ve portas pechadas e oídos xordos ao seu redor.

 

·      E do mesmo xeito que Xoán foi quen de dar testemuño da Luz que viña tras del, sexamos nós agora os e as que testemuñemos co nosa vida, as nosas actitudes, o noso xeito de dicir e facer as cousas, que a Luz xa chegou, que a temos acollido, e porque a temos descuberto entre nós, non nos deixa indiferentes. 

O bautismo non é rito, senón comezo dun camiño que entre fraxilidades, fracasos e esperanzas, invítanos a camiñar cara á resurrección, plenitude e superación de toda debilidade. Que esta palabra que, facéndose carne, plantou a súa tenda entre nós, nos acubille para que nós tamén acubillemos a quen o precise.

 

 

PARA ORAR EN COMUNIDADE

Porque o bautismo nos abriu un camiño de seguimento e plenitude, compartamos esta fermosa andaina desde a oración comunitaria agradecida e compartida dicindo: 

GRAZAS POR SER AUGA DE VIDA E PAZ.

·      Para que sexamos Igrexa auga e non de barro; Igrexa paz e non enfrontamento; Igrexa misericordia e non condena. Oremos. Grazas por ser auga de vida e paz.

·      Para que sexamos comunidade parroquial capaz de compartir tempo con quen o precise; alegría con quen está triste; esperanza con quen vive na desesperanza. Oremos.Grazas por ser auga de vida e paz.

·      Para que auga do bautismo sexa sinal da esperanza que vai agromando na nosa vida; esperanza que queremos co corazón aquecido e a man sempre aberta para ofrecer e acoller. Oremos. Grazas por ser auga de vida e paz.

Grazas, Señor, por ser auga fresca que renova e estimula a nosa vida. Por Cristo o noso Señor. Amén.

 

ACOUGANDO NO SILENCIO DO CORAZÓN

O bautismo co que Xesús foi bautizado continúa na historia das persoas cremos nel, na participación na vida e morte do Señor.

As persoas que acollemos a invitación á fe somos introducidas no proceso e misterio da Pascua do Señor: proceso de morte e resurrección.

O bautismo simboliza a presenza do mundo da resurrección nas condicións do mundo actual. Se estamos unidos con el nunha morte como a súa, tamén o estaremos nunha resurrección semellante, insiste San Paulo na carta aos romanos, porque se morremos con Cristo cremos que tamén viviremos con el, que vive para Deus. ( J.M.M.Hernández)  

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...