Ir al contenido principal

7 domingo TO C 2025

UN COMPROMISO PERMANENTE: SUPERAR O PREVISIBLE E APOSTAR POLA CREATIVIDADE

·      ENTRADA .-  Con ledicia vamos  ( 2 )

·      LECTURAS.-  Douvos un mandato novo ( 18) 

·      OFERTORIO.- Recibe Señor ( 31 )

·      COMUÑÓN .-  Ti es camiño e verdade  ( 57 )

ABRAMOS OS OLLOS

Cada domingo reunímonos como comunidade parroquial ao redor da mesa do altar. Pero claro, non sempre vimos co mesmo ánimo nin coa mesma disposición; hai domingos que chegamos un pouco máis tristeiros e tristeiras ca outros; hai outros domingo nos que non sentimos ben nin con moitas gañas; mesmo hai domingos que podemos preguntarnos se a celebración do domingo nos axuda a ser mellores persoas; pero tamén hai domingos nos que agradecemos, valoramos e nos aledamos de poder estar e compartir oración e compaña coas persoas coas que nos van unindo lazos de cariño, respecto, amizade, parroquialidade e fe compartida. E un deles pode ser hoxe, por iso estamos aquí.
Comecemos entón aquecendo e aledando o corazón e uníndonos nunha mesma oración que busca compartir comunitariamente que somos persoas importantes para Deus, que nos quere, que nos acompaña, mesmo que se fai presente, un domingo máis, no medio da nosa comunidade para que hoxe poidamos sentir a forza da súa presenza e do seu amor no noso corazón.

CO CORAZÓN AQUECIDO 

·      Polas veces nas que a nosa disposición para participar na celebración non é a mellor. SEÑOR, NON DEIXES NUNCA DE ACOMPAÑARNOS.

·      Porque somos máis de xulgar aos demais que de achegarnos e compartir a alegría de rezar comunitariamente. CRISTO, NON DEIXES NUNCA DE ACOMPAÑARNOS.

·      Para que non fagamos desta celebración un encontro sen vida nin esperanza. SEÑOR, NON DEIXES NUNCA DE ACOMPAÑARNOS.

A ACOLLER A PALABRA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO PRIMEIRO DE SAMUEL

Xaúl baixou, ó momento, ó deserto de Zif con tres mil homes escolleitos de Israel para buscar alí a David.

David e Abixai chegaron de noite ó campamento e viron que Xaúl estaba deitado, durmindo, no cercado, coa lanza cravada no chan, á súa cabeceira. Abner e o exército estaban deitados ó redor.

Abixai díxolle a David: ‑"Hoxe púxoche Deus o teu inimigo nas túas mans. Agora déixame que o crave dun golpe de lanza contra o chan. Non cumprirá repetilo". David respondeulle a Abixai: ‑"Non quero que o mates. ¿Quen poñería a man impunemente sobre o unxido do Señor?"

David colleu a lanza e a xerra da auga de onda a cabeceira de Xaúl e fóronse sen que ninguén os vise, nin se decatase, nin espertase. Estaban todos durmidos, coma se un sono do Señor caese riba deles.

David pasou para a outra banda e detívose no cume do monte deixando un longo treito entremedias. 

David respondeulle: ‑"Aquí está a lanza do rei. Que veña un dos teus homes recollela.

Que o Señor lle teña en conta a cada un a súa xustiza e a súa lealdade. Hoxe púxote El nas miñas mans; pero eu non ousei erguelas contra o unxido do Señor. Palabra do Señor.

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS CORINTIOS

Irmáns e irmás:

O primeiro home, Adam, fixérono un ser vivo; o último Adam, un espírito que dá vida. Pero non foi primeiro o espiritual, senón o natural, e despois o espiritual. O primeiro home, saído da terra, era terrestre; o segundo home veu do ceo. Como era o terrestre, así son os terrestres: e como é o celeste, así son os celestes. E o mesmo que antes levámo-la imaxe do terrestre, tamén levarémo-la imaxe do celeste. Palabra do Señor.

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

Dilles Xesús ós seus discípulos:

A vós, que me escoitades, dígovos: Amade os vosos inimigos, facédelles ben ós que vos odian, bendicideós que vos maldín e rogade polos que vos calumnian; ó que che zoupe nunha meixela, preséntalle a outra; e ó que che leve o manto, non lle prives de levar tamén a túnica. O que che pida, dálle; e ó que che leve o teu, non lle reclames nada. Así que tratade á xente tal como queredes que vos traten a vós.

Se amáde-los que vos aman, ¿que facedes de máis? Os pecadores tamén aman a quen os aman a eles. E se lles facedes ben ós que vos fan ben, ¿que mérito tedes? Os pecadores fan outro tanto. E, se non emprestades máis que cando esperades cobrar, ¡poucas gracias! Os pecadores tamén se emprestan entre eles para cobraren despois outro tanto. Vosoutros non; vós amade os vosos inimigos, facede o ben e emprestade sen esperardes nada a cambio. E así teredes unha gran recompensa e seredes fillos do Altísimo, pois El é bo cos malos e desagradecidos. Sede compasivos coma o voso Pai é compasivo.

Non xulguedes, e non vos xulgarán; non condenedes, e non vos condenarán; perdoade, e hanvos perdoar. Dade, e darásevos a vós: unha boa medida ‑acugulada, rebordada, apertada‑ seravos botada no voso regazo; pois coa medida que midades hanvos medir a vós. Palabra do Señor.

FACÉNDOA VIDA 

Cada domingo a proclamación da palabra ocupa un lugar preferente na celebración, o que nos indica que debemos corresponder cunha actitude de escoita, acollida e disposición a reflexionar e ver como poder levala a nosa vida de cada día, facendo dela a forza que nos mova a non ser persoas previsibles –das que sempre se sabe como van actuar e responder– senón persoas creativas, capaces de buscar camiños novos, de ser creativas á hora de buscar como facer as cousas de xeito que nos axuden a nós e ás demais a vivir con maior esperanza e alegría.... que como ben sabemos, moita falta nos fai neste momento da historia que estamos a vivir.
Este domingo a palabra ofrécenos dous eixes que quizais nos poidan axudar a acadar estes obxectivos de ser persoas máis esperanzadas e ledas: non ser persoas movidas pola vinganza, inda que pensemos distinto ou teñamos miradas diversas sobre cuestións ou situacións da vida. Porque se con cada persoa que non pense nin entenda a vida coma nós, lle respondemos de maneira vingativa, acabamos converténdonos en xuíces e xuízas que só buscan amargar e controlar a vida das demais. E a segunda cousa que nos ofrece a palabra hoxe é que, para evitar converter a vinganza en guía da nosa vida. Temos que esforzarnos e traballar, persoal e comunitariamente moito por nun emitir xuízos sobre as demais persoas. E verdadeiramente, temos que dicilo, iso non é nada doado, porque sempre nos sae antes un xuízo sobre os demais que un esforzo por calar e coñecer mellor as situacións. Vimos de escoitar como Xesús repite, e faino con convicción: non xulguedes, non condenedes, non... e non só para que non nolo fagan a nós, senón porque se facemos da vida un xuízo permanente sobre todo e todos, acabarémonos converténdonos en persoas máis solas, amargadas e entristecidas. E iso non responde ao que debe ser un/ha seguidora de Xesús.
Esforcémonos , desde a escoita da palabra que hoxe temos proclamado, e seguindo o vieiro polo que Xesús nos invita a seguilo, aquí e hoxe, por ser persoas que nos esforzamos por:
· Amar e Facer o ben
· Bendicir e Non xulgar
Para deste xeito facer da misericordia e da compaixón, perdón e reencontro. E iso pide de nós ser persoas creativas e con capacidade de renovación persoal e comunitaria, e non retrousos inamovibles do sempre “foi así”.

DESDE O COMPARTIR COMUNITARIO

O Deus amor e misericordioso invítanos agora a compartir a nosa oración comunitaria dicindo: GRAZAS POR QUERERNOS, SEÑOR.

·      Que nos esforcemos sempre en actualizar a mensaxe do Evanxeo diante das situacións cambiantes do noso mundo. Oremos. GRAZAS POR QUERERNOS, SEÑOR.

·      Que traballemos por renovar, de maneira creativa, a vida e as accións que desenvolvemos nas nosas parroquias, para que o estancamento non nos invada e inmobilice. Oremos. GRAZAS POR QUERERNOS, SEÑOR.

·      Que nós non nos deixemos invadir nunca pola preguiza da costume, que estanca, empobrece e dilúe a forza e a esperanza do Evanxeo. Oremos. GRAZAS POR QUERERNOS, SEÑOR.

Acompaña, Señor, este noso camiñar cotián, para que non renunciemos nunca á renovación como criterio de vivir, compartir e celebrar a nosa fe. Por Cristo o noso Señor. Amén.

QUE NOS CHAMA A CAMIÑAR SEGUINDO A SÚA LUZ

Volver sobre os nosos pasos e, en fidelidade creativa, escoitar como o Espírito regalou vida e osíxeno a un contexto histórico determinado que parecía asfixiar e esmagar toda esperanza e dignidade.
A esperanza cansada será sandada e gozará desa «particular fatiga do corazón» cando non teña medo de volver ao lugar do primeiro amor e logre encontrar, nas periferias e desafíos que hoxe se nos presentan, o mesmo canto, a mesma mirada que suscitou o canto e a mirada dos nosos maiores. Así evitaremos o risco de partir desde nós mesmos e abandonaremos a canseira auto-compaixón para encontrar os ollos cos que Cristo hoxe nos segue buscando, nos segue mirando, nos segue chamando e invitando á misión. (Francisco)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

2 Nadal 2026

  PERSOAS BENDICIDAS NA PALABRA ENCARNADA     CANTO GOZOSO           - Entrada: Que ledicia (nº 4)          - Lecturas: Con tódalas criaturas (Nº 22)          - Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36)    - Comuñón: Acharte presente (Nº 51)   A MAXIA DE ABRIR OS OLLOS Escoitaremos hoxe na proclamación da palabra que somos persoas bendicidas por Deus. Unha bendición que temos recibido na Palabra Encarnada que, como dicíamos o día de Nadal, faise dos nosos para que nós poidamos ser Del. Pero grazas á Encarnación non só somos persoas bendicidas, senón elixidas para facer do Deus Amor presenza viva a través do noso testemuño.  A isto se nos convida neste tempo de Nadal: no medio de tanto balbordo chámasenos a facer silencio dentro de nós para escoitar a súa chamada; no medio de tanto lucerío invítasenos a descubrir a Luz verda...