Ir al contenido principal

6 domingo TO C 2025

CANTOS 

  • ENTRADA: Vinde axiña (Nº 10)
  • LECTURAS: O Señor é o meu pastor (Nº 27)
  • OFERTORIO: Eu soñei (Nº 58)
  • COMUÑÓN: Grazas, Señor, graciñas (Nº 50)

OLLOS DE ESPERANZA

Ditosas as persoas que saben ser pobres e compartir o pouco ou moito que teñen cos seus irmáns e as súas irmás. Pobres das persoas que só se preocupan das súas riquezas e dos seus intereses.
Ditosas as persoas que coñecen a fame e a necesidade, porque non queren explotar, oprimir ou pisotear á xente. Pobres das persoas que son capaces de vivir tranquilas e satisfeitas, sen preocuparse da xente necesitada.
Ditosas as persoas que choran as inxustizas, as mortes, as torturas, os abusos e o sufrimento da xente pequena. Pobres das persoas que se rin da dor da xente mentres disfrutan do seu benestar.
O camiño de Xesús cara á felicidade é completamente distinto ao que nos propón a sociedade actual. Chámanos a ir contracorrente. Aceptas o seu desafío?

CORAZÓN MISERICORDIOSO

Por non ter aprendido a escoitar e a mirar cos teus ollos á xente pobre, famenta e que chora; SEÑOR, PERDOA A NOSA INSENSIBILIDADE.
Porque non temos fame e sede de xustiza, senón de vinganza, CRISTO, PERDOA A NOSA INSENSIBILIDADE.
Polas veces en que excluímos ás persoas só pola súa aparencia externa; SEÑOR, PERDOA A NOSA INSENSIBILIDADE.

 

PALABRA PROCLAMADA 

 

PROCLAMACION DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE XEREMÍAS

Así fala o Señor:

Maldito o home que confía no home:

pon a súa forza na carne, e retira do Señor o seu corazón.

Será coma un cardo no ermo, non verá vir a fartura;

habitará nas pedras do deserto, terra salobre e inhabitable.

Bendito o home que confía en Deus:

a súa esperanza é o Señor.

Será coma unha árbore transplantada xunto á auga,

que bota as súas raíces para o regueiro;

non notará cando veña a seca,

e a súa follaxe estará frondosa;

nos anos de seca non terá preocupacións,

pois non deixará de dar froito.

Palabra do Señor

 

 

 

PROCLAMACION DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE PAULO AOS CORINTIOS

Irmás e irmáns:

Se se predica que Cristo resucitou dos mortos, ¿como é que andan algúns de entre vós dicindo que non hai resurrección dos mortos?.

Pois, se os mortos non resucitan, tampouco Cristo está resucitado. E, se Cristo non está resucitado, a vosa fe é unha ilusión: estades aínda nos vosos pecados.

Resultaría tamén que os que finaron en Cristo pereceron completamente. Ora, se a esperanza que temos en Cristo é soamente para esta vida, nós somos os máis dignos de compaixón entre todos os homes.

Pero non: Cristo resucitou dos mortos, coma primicia dos que dormen.

Palabra do Señor

Grazas a Deus

PROCLAMACION DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO LUCAS

Xesús detívose nunha valgada cun bo grupo de discípulos e numerosa xente de toda Xudea, de Xerusalén e mais de toda a ribeira de Tiro e Sidón. Coa mirada posta nos seus discípulos, Xesús dixo:

Ditosos vós os pobres, porque voso é o Reino de Deus.

Ditosos os que agora pasades fame, porque Deus vos fartará.

Ditosos os que agora chorades, porque riredes.

Ditosos vós, cando vos aborrezan os homes, vos expulsen e vos aldraxen, cando poñan nas listas negras o voso nome por causa do Fillo do Home: alegrádevos nese día, brincando de gozo, porque grande será a vosa recompensa no ceo, pois así mesmo foi como os pais deles lles fixeron ós profetas.

Pero, ¡ai de vós, os ricos, porque xa acadastes a vosa satisfacción!

¡Ai de vós, os que agora estades fartos: xa pasaredes fame!

¡Ai de vós, os que agora rides: xa choraredes e xa laiaredes!

¡Ai, cando todos falen ben de vós: o mesmo fixeron os seus pais cos falsos profetas!

Palabra do Señor

Grazas a Deus

PALABRA REMOÍDA



Moitas veces ocórrenos que a forza de escoitar unha noticia que perdura e que se alonga no tempo, afacémonos a ela e xa non nos afecta. Despois do primeiro impacto que nos causa (sexa positivo ou negativo) logo deixámonos ir e acostumámonos á súa presenza nas nosas vidas e xa nos esvara. Temos bos exemplos disto que vimos dicindo a diario: as mulleres que morren vítimas da violencia, as persoas que morren pola guerra, as vítimas da DANA, as persoas que... Poñemos o piloto automático, pensamos “outra vez co mesmo” e deixamos que a indiferenza aniñe no noso corazón. Esquecemos que, detrás deses datos numéricos e estatísticos hai persoas con nomes e apelidos; persoas coma nós; persoas irmás nosas. E iso é moi perigoso, porque ser indiferente é o peor que lle pode pasar a alguén. Ser indiferente é ser invisible, é non contar, é non existir.

E para que nos lembremos, para que non caiamos no Alzheimer espiritual que denuncia Francisco, o Evanxeo que vimos de proclamar dinos ben clariño que as persoas pobres, as persoas famentas, as persoas tristes... as persoas descartadas por unha ou por outra causa son as preferidas de Deus, son as meniñas dos seus ollos. Porén, nós seguimos rexeitándoas e, como denuncia o profeta Xeremías, estamos retirando a Deus do noso corazón.

A mensaxe de Xesús rompe cos esquemas de felicidade do noso primeiro mundo, e poida que en pleno século XXI sexa un tanto estraña, porque estamos afeitos, tamén os cristiáns, a vivir nunha sociedade que estivo e que está de parte dos poderosos e dos que basean a súa felicidade na economía materialista. Así é imposible entender a mensaxe de Xesús e o seu programa de vida; pero o Espírito sopra na nosa historia, invitándonos a espertar para tomar en serio a conciencia social do Evanxeo. ¡Que nos deixemos guiar por el!.

Hoxe é un bo día para facer un exercicio de memoria que nos permita lembrarnos de que nós, coas nosas actitudes, coas nosas palabras, co noso antitestemuño moitas veces tamén facemos que a desigualdade que xera a inxustiza medre. Porque o verdadeiro desenvolvemento humano cimentarase no cambio de actitudes: de donos e propietarios do mundo a moradores e coidadores, que loitan por unha vida digna, na casa común, para toda persoa.

ORACIÓN COMPARTIDA

Con alegría e confianza, con espírito de pobres, rezamos dicindo:

 

QUE CAMIÑEMOS NA TÚA BENAVENTURANZA

 

û  Para que toda a Igrexa sexa capaz de acoller a invitación de Deus a camiñar na benaventuranza de poñer no centro o ser e non o ter, OREMOS.

û  Por todas as persoas que se atopan nunha situación de sufrimento, polas persoas enfermas, polas persoas que viven con fame e sede, polas persoas que non ven respectados os seus dereitos e a súa dignidade, OREMOS.

û  Polas nosas parroquias, para que non permitamos nunca que ningunha persoa caia no esquecemento ou na indiferenza, OREMOS.

û  Por cada un e cada unha de nós, para que para que comprendamos que é mellor dar que recibir, servir que dominar, compartir que acaparar, perdoar que vingarse, OREMOS.

Grazas, Señor, por invitarnos a camiñar contracorrente nun mundo individualista e pechado na indiferenza. P.X.N.S. Amén

MIRADA DE ESPERANZA

Mira, non te trabuques,
non busques a felicidade barata,
non a busques polos camiños trillados que nos pintan.
Non fagas caso dos reclamos da publicidade
nin te deixes levar da sedución das cousas.
Non está a dita en ter moitas cousas,
en lucir boas marcas, en conseguir gran fortuna.
Non está a dita nos praceres da vida
ou en chegar a ser unha estrela.
Esta dita é enganosa, e fuxe.
A xente mátase por ela e termina sendo infeliz.
Eu vin a felicidade na cara da xente pobre, que era libre.
Eu vin a dita en persoas que choraban; pero facíano con fe e abertas á esperanza.
Non é máis feliz o que máis ten, senón quen máis comparte.
Non é máis feliz o ansioso que mendiga o pracer de porta en porta,
senón o que escala a montaña da liberdade.
Non é máis feliz o escravo dos seus instintos, senón o escravo do amor.
Ditoso, pois, quen se abre aos camiños do amor.
Bendita a persoa que se nega a si mesma para dar vida aos demais.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...