Ir al contenido principal

Santiago Apóstolo 2025

 Santiago Apóstolo 2025

 

COMPARTAMOS O TESOURO DA FE ENRAIZADO NA TERRA DA DIGNIDADE COMPARTIDA

            Cantos.-

         Entrada.- Pedras vivas

Lecturas.- Canta o sol ( 22 )

Ofertorio.- Na nosa terra ( 36)

Comuñón.- Oh, Señor, escólleme ( 62)

 

PÓRTICO

            A festa do Apóstolo Santiago vivímola en toda Galicia unida ao agradecemento de poder vivir, celebrar, agradecer e compartir unha mesma cultura, unha mesma lingua e un mesmo sentir desde o noso ser galegos e galegas. Isto fainos dar grazas a Deus pola fe recibida a través do testemuño dos nosos familiares, que, xunto con ela, transmitíronnos tamén o amor a esta terra, terra que ten que ser sempre casa común e de sorriso de corazón aquecido. 

Pero non podemos esquecer que esta foi tamén terra de migración a outros países buscando un modo de vida que nos sacara da pobreza, e non poucas das veces miseria, na que os nosos antepasados vivían. Aprendendo do que foi ter que saír e deixar aquí familia e casa, nós hoxe estamos chamados a ser terra de brazos abertos, de apertas e aloumiños, para quen, coma nós inda non hai moito, veñen buscando vida digna que os saque da pobreza e da morte.

            En tempos revoltos de xenofobia e rexeitamento, que nós non esquezamos nunca a nosa historia: quen somos e de onde vimos, para, como xente de ben, dar grazas a Deus por poder celebrar hoxe o día da nosa terra e cultura desde a compaña, sempre camiñante, do Apóstolo Santiago, que tamén se puxo en camiño para evanxelizar lonxe da súa terra.

ACOLLIDA MISERICORDIOSA

·      Para que non aniñen no noso corazón pensamentos de rexeitamento para con quen chega de fóra. SEÑOR, QUE NON ENFRIEMOS O CORAZÓN.

·      Para que non deixemos que da nosa boca saian palabras que fagan de menos a quen non ten nacido aquí. CRISTO, QUE NON ENFRIEMOS O CORAZÓN.

·      Para que practiquemos a pedagoxía de Xesús de escoita e respecto. SEÑOR, QUE NON ENFRIEMOS O CORAZÓN.

ESCOITANDO A PALABRA

Proclamación da Palabra recollida na segunda carta de san Paulo Apóstolo ós Corintios

 

Irmáns e irmás:

levamos ese tesouro en vasos de barro. E así esa forza tan extraordinaria aparece como forza de Deus, e non nosa. Apértannos por todas partes, mais non nos esmagan; andamos en apuros mais non desesperados; andamos perseguidos pero non abandonados; derrúbannos pero non nos rematan. Por todas partes levamos no noso corpo a morte de Xesús, para que a vida de Xesús se manifeste tamén no noso corpo. Porque a nós, estando vivos, entrégannos decote á morte por causa de Xesús, para que tamén a vida de Xesús se manifeste na nosa carne mortal. E así a morte actúa en nós, e a vida en vós.

Mantendo, sen embargo, o mesmo espírito de fe, segundo o que está escrito ''creo e por iso falo'', tamén nós cremos e por iso falamos. Porque sabemos que Aquel que resucitou a Xesús nos ha resucitar tamén a nós con Xesús e nos ha colocar convosco onda El. Todo isto acontece por causa vosa, de modo que, ó estenderse a gracia, se multiplique o número dos agradecidos, para gloria de Deus. Palabra do Señor

 

 

Proclamación do santo Evanxeo segundo Mateo

 

 Achegóuselle a Xesús a nai dos fillos do Zebedeo cos seus fillos, prostrándose para pedirlle algo. El preguntoulle:

-¿Que queres?

Respondeulle:

-Manda que estes dous fillos meus senten un á túa dereita e outro á túa esquerda no teu Reino.

Respondeulle Xesús:

-Non sabéde-lo que pedides. ¿Poderedes bebe-lo cáliz que eu teño que beber?

Respondéronlle:

-Podemos.

Xesús replicou:

-O meu cáliz beberédelo; pero o sentar á miña dereita ou á miña esquerda, iso non depende de min concedelo: é para quen o meu Pai o ten preparado.

O escoitaren isto os outros dez, anoxáronse todos cos dous irmáns. 25Entón Xesús chamou por eles e díxolles:

-Xa sabedes que os xefes dos pobos os tiranizan, e os poderosos os asoballan. Pero entre vós non pode ser así. Nin moito menos: quen queira ser importante, que sirva ós demais; e quen queira se-lo primeiro, que sexa o máis servicial; porque o Fillo do Home non veu a que o sirvan, senón a servir e a entrega-la súa vida en rescate por todos. Palabra do Señor.

 

REMOENDO A PALABRA

·      O tesouro da fe, como acabamos de escoitar na carta de Paulo aos Corintios, é un ben que temos que coidar para que non esmoreza. Isto úrxenos a que, como persoas crentes neste século vinte e un, non deixemos de esforzarnos para que o proxecto de amor que nos iguala e dignifica, o proxecto de Xesús, se vaia concretando, a través das nosas decisións e accións, en froito abondoso de respecto, sinxeleza, acollida, dispoñibilidade, fraternidade, servizo, amizade... de xeito que nos convertamos en verdadeiras, e cribles, testemuñas del no medio do mundo. En cada un dos lugares e recunchos onde nos atopemos. 

·      E para nós ese lugar e recuncho chámase Galicia; a terra onde temos aberto os ollos á vida e á xente. A Galicia que valora a cultura que nos teñen deixado os nosos antepasados; a cultura que fai posible que compartamos unha lingua coa que poder sentir e expresar as nosas alegrías e as nosas tristuras, as nosas esperanzas e as nosas desilusións; a cultura e a lingua na que aprendemos a dicir por vez primeira mamá e papá, avó e avoa, carballo, auga, xílgaro ou toxo. Sexamos entón persoas que nos sabemos queridas por ese Deus que non mira para outro lado ignorándonos, senón que camiña connosco e nos vai axudando a  construír pontes que unan e a derrubar muros que separan. 

·      Neste noso ir construíndo pontes para poder pasar todas e todos sen que ninguén quede atrás, Xesús vaise facendo compañeiro, á vez que nos invita a ir tomando decisións sen medo e con afouteza, como tamén lles pedía, acabamos de escoitalo no evanxeo, a aqueles irmáns Zebedeo, Santiago e mais Xoán. E se a eles lles dicía se serían capaces de beber o cáliz da incomprensión e da persecución por ser os seus amigos; a nós pídenos hoxe ser capaces de beber tamén ese mesmo cáliz. Agora convertido en loita contra a xenofobia, o maltrato, o abuso... e calquera outro comportamento que faga indignas e de menos ás persoas. Bebendo deses cálices temos hoxe que atoparnos aquelas persoas que cremos na dignidade que Deus nos outorga e que está por riba de pasaportes, fronteiras ou continentes de procedencia. Seremos quen de responder coma aqueles irmáns Zebedeo? Da nosa resposta dependerá a coherencia, ou incoherencia, de seguir chamándonos cristiáns e seguidores e seguidoras de Xesús.

 

 

 

 

 

COMPARTINDO A ORACIÓN

Unímonos agora en oración fraterna e comunitaria para dar grazas a Deus pola súa presenza no noso camiñar cotián. Facémolo dicindo:

QUE O NOSO SEXA UN CAMIÑO DE ACOLLIDA E PAZ

·      Para que sempre teñamos presente temos que ser Igrexa dinámica, aberta, acolledora, creativa e fiel á xente. Oremos.

·      Para que neste día de Santiago e mais de Galicia, saibamos  agradecer a fe que temos recibido, e valorar a lingua e a cultura que fai posible achegarnos ao Deus amor que vai acompañando o noso camiñar. Oremos.

·      Para que teñamos sempre presente a fermosa herdanza recibida dos nosos antepasados; herdanza que fai posible que expresemos a universalidade da fe desde o servizo, a axuda e a amizade de quen temos preto e precisa de nós. Oremos .

Acolle, alenta e acompaña sempre, Señor, a nosa oración comunitaria. Pedímoscho a Ti que vives e reinas por sempre eternamente. Amén.

ALENTANDO O CAMIÑAR

            Hai un ano o Noso Bispo Antonio comezou o seu camiñar entre nós como irmán e amigo. No cabodano daquel vinte de xullo, vén de agasallarnos cunha carta na que, entre outras cousas nos di:

 “... Non deixo de soñar cunha Igrexa diocesana máis cercana ao evanxeo, máis fraterna, máis acolledora, máis familiar… E creo que os soños poden facerse realidade; xa o están a ser… Gustaríame que esa capacidade de soñar que cadaquén leva no seu interior non se esmoreza; pola contra, aproveitémola para seguir buscando novos camiños, para deixar canto nos sobre e estorbe, para saír ao encontro de cada persoa, para seguir anunciando a Cristo e o seu Reino, e facelo con esperanza e moita alegría. Nesta Igrexa hai moito andado, e ben andado; tócanos seguir camiñando sen cansar, e facelo xuntos, sen que ninguén se sinta á beira do camiño, esquecido ou abandonado. Cando penso nesta Igrexa particular recordo aquelas palabras do benquerido papa Francisco: todos, todos, todos. Estamos invitados todos, todas, e estamos chamados a saír a todos; esta é a Casa de todos e ninguén pode quedar fóra. E se nalgún momento alguén se sinte cansado ou tentado a marchar… axudarémonos e sairemos adiante en comunidade” .

Esforcémonos para facer dos soños realidade, sendo todas e todos nós, comunidade fiel á terra e á Boa Nova de Xesús.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Cristo Rei 2025

  UN REI DE SERVIZO NUN MUNDO PRECISADO DE ACOLLIDA E ESCOITA: XESÚS CRISTO CANTO GOZOSO   ·        ENTRADA .- Que ledos hoxe estamos (  ) ·        LECTURAS .- Moito me alegrei (  ) ·        OFERTORIO.-  Na nosa terra ( 36 ) ·        COMUÑÓN.-  No colo de miña nai   ESCOITA ACTIVA          Remata hoxe o ano litúrxico que comezabamos o primeiro domingo de Advento, hai xa un ano. Un ano de ledicias e tristuras, de esperanzas e desacougos, de loitas e cansazos, pero sempre guiados pola forza e a presenza de Xesús o Mestre, aquel que pasou facendo o ben e tendendo a man a quen ía atopando ao longo do camiño.          E hoxe, como remate deste camiñar, celebramos a festa de Cristo Rei coa que queremos poñer de manifesto que o seu r...