Ir al contenido principal

2 advento 2025 A

 ii domingo de advento

ADVENTO, TEMPO DE ESPERANZA

CANTO GOZOSO

o   ENTRADA: Camiñando pola vida (Nº 9)

o   LECTURAS: A túa palabra (Nº 25)

o   OFERTORIO: Benaventurados (Nº 118)

o   COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 119)

ESCOITA ACTIVA       

         A pasada semana comezabamos este tempo de Advento, un camiño para facer realidade o soño de Deus: unha humanidade de irmáns e de irmás no Fillo.

Mais moitas veces deixámonos ir e non traballamos para facer realidade esa amizade social á que tantas veces nos chamaba Francisco. Xulgamos por aparencias, por faladurías, polo que escoitamos ou polas historias que nos montamos na nosa cabeciña e que moitas veces non se corresponden coa realidade. E despois de emitir sentencia, canto nos custa recoñecer que podiamos estar equivocados, canto nos custa dar oportunidades se xa temos un cliché feito dunha determinada persoa.

Por iso o Advento é tempo de reconducir o rumbo, de reconciliarnos con Deus, con nós e cos irmáns e as irmás para que o lobo poida habitar co carneiro e o leopardo poida deitarse co cabrito. 

CORAZÓN MISERICORDIOSO

·      Porque o “falar non ten cancelas”, e nós somos persoas expertas en xulgar e sentenciar, SEÑOR, QUE NON NOS DEIXEMOS LEVAR POLOS PREXUÍZOS.

·      Porque nos custa dar oportunidades a quen nos falla, CRISTO, QUE NON NOS DEIXEMOS LEVAR POLOS PREXUÍZOS. 

·      Porque nos sobra soberbia e nos falta misericordia; SEÑOR, QUE NON NOS DEIXEMOS LEVAR POLOS PREXUÍZOS.

PALABRA REGALADA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS

 

Sairá un retoño do pé da árbore de Ixaí

e un gromo brotará da súa raíz.

Descansará sobre el o Espírito do Señor,

espírito de sabedoría e discernimento,

espírito de consello e fortaleza,

espírito de ciencia e temor do Señor.

Sentirá a súa compracencia no temor do Señor.

Non xulgará conforme a aparencia dos seus ollos,

nin sentenciará conforme as faladorías dos seus oídos.

Xulgará ó pobre conforme a xustiza,

e sentenciará con rectitude ós oprimidos da nación.

Castigará ó violento coa vara da súa boca,

e co espírito dos seus labios matará ó malvado.

Será a xustiza o cinguidor da súa cintura

e a fidelidade o cinguidor do seu lombo.

O lobo habitará co carneiro

e o leopardo deitarase co cabrito;

o becerro e o leonciño pacerán xuntos:

un meniño pequeno sacaraos ó pasto.

A vaca e a osa pacerán xuntas, xuntas deitaranse as súas crías;

o león, o mesmo có boi, comerá palla.

Un meniño de leite xogará no tobo da cobra,

e un neno destetado collerá a víbora coa súa man.

Ningún será malvado nin fará o mal en todo o meu monte santo:

o país estará cheo de coñecemento do Señor,

o mesmo que as augas enchen o mar.

Sucederá o día aquel que a raíz de Ixaí estará ergueita de bandeira das nacións, os pobos procurarana, e a gloria será o seu lugar de descanso. Palabra do Señor.

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS ROMANOS

 

Irmáns e irmás:

Todo canto antigamente se escribiu, escribiuse para a nosa instrución: para que entre a nosa paciencia e o consolo que dan as Escrituras, manteñámo-la esperanza.

Que o Deus da paciencia e do consolo vos faga ter un mesmo sentir entre vós, conforme o exemplo de Cristo Xesús. Para que cun só corazón e unha soa boca louvedes a Deus, Pai do noso Señor Xesús Cristo.

Por iso, acollédevos uns a outros, como tamén Cristo vos acolleu, para gloria de Deus. Pois dígovos que Cristo se fixo servidor dos xudeus en razón da fidelidade de Deus, para lles mostra-la firmeza das promesas feitas ós patriarcas; e tamén para que os xentís, pola súa parte, glorifiquen a Deus en razón da súa misericordia. Tal como está escrito:

Por iso louvareite por medio das nacións e cantarei himnos ó teu nome. Palabra do Señor .

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

Naqueles días apareceu Xoán Bautista no deserto, proclamando:

‑Convertédevos, que xa chega o Reino dos Ceos.

El era de quen dixera o profeta Isaías:

Unha voz clama no deserto:

Preparade o camiño do Señor,

endereitade os seus vieiros.

Xoán ía vestido con pelos de camelo e cun cinguidor de coiro no van, e mantíñase de saltóns e mel bravo. Ía onda el xente de Xerusalén, de toda Xudea e mais da banda do Xordán. Confesaban os seus pecados e el bautizábaos no Xordán.

Como se decatara de que moitos fariseos e saduceos viñan a que os bautizase, díxolles:

‑¡Raza de víboras! ¿Quen vos ensinou a fuxir do castigo que está a chegar? Dade froitos dignos dunha verdadeira conversión, e non vos fagades ilusións dicindo entre vós: "Somos fillos de Abraham", porque vos aseguro que Deus pode sacar fillos de Abraham mesmo destas pedras. Xa está a machada posta contra a raíz das árbores, e toda árbore que non dea froito cortarase e botarase ó lume.

Eu bautízovos con auga para que vos convertades. Pero o que vén detrás miña é máis forte ca min, e nin tan sequera son digno de lle leva-las sandalias. El havos bautizar co Espírito Santo e con lume. Porque trae a forcada na man, para limpa-la súa eira e na hucha recolle-lo trigo; e ha queima-la palla nun lume que nunca se apaga. Palabra do Señor.

OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN

ü Hai unha frase da primeira lectura que temos escoitado hoxe que nos pode axudar na reflexión deste domingo, e que ten unha gran actualidade. Dicíasenos: “Non xulgará conforme á aparencia dos seus ollos, nin sentenciará conforme ás faladorías dos seus oídos”. Canto temos que aprender! Canta atención lle debemos prestar á Palabra de Deus que proclamamos nas celebracións!. Verdade que nos sona a todos iso de xulgar pola aparencia e falar de oídas? Seguro que todos nós temos que entoar o “mea culpa” por telo feito máis dunha vez. E ademais, é tan doado! Si, porque unha vez dita a frase, feito o comentario ou manifestada a media verdade, o mal xa está feito. E por moito que logo desmintamos, recuemos ou recoñezamos o noso erro, o agravio á persoa sobre a que se falaba, o mal e a dor causada, xa ninguén o vai quitar. Por iso é fundamental pensar as cousas antes de dicilas, evitar deixarnos levar polo primeiro comentario que escoitamos sobre alguén, e non facer xuízos sobre ninguén. Verdade que non nos gusta cando eses comentarios, miradas, xuízos... se refiren a nós? Apliquemos, xa que logo, o mesmo criterio para darnos conta que, do mesmo xeito que nos sentimos mal cando nolo fan; outros tamén se sentirán mal cando llo facemos. Pode ser un bo compromiso para esta segunda semana de advento.

ü E este Deus que non fai distingos, que non xulga por aparencias, que nos mira con ollos de Pai e de Nai, convídanos a nós a facer o mesmo entre nós. Que ben o entendeu Paulo e que ben llo transmite á comunidade de Roma: acollédevos uns aos outros. Iso tamén é o que se nos pide hoxe a nós, ao pobo de Deus: que nos acollamos, que nos respectemos, que nos axudemos, que nos perdoemos.... Canto nos desviamos do camiño: pechamos as portas para que non veñan estranxeiros, respectamos só a quen pensa coma nós, axudamos a quen é dos nosos.... Advento é tempo de retomar o camiño sen rodeos, poñámonos a traballar!!!!

ü Xoán Bautista, que irrompe con forza no camiño do Advento quere ser esa voz que nos esperte do noso adormecemento para que nos poñamos a construír o berce do noso corazón. Porque o Advento non pode quedar só en algo externo; interioricemos, afondemos, sintamos a acollida desta chegada no corazón. Porque se todo se vai reducir a poñer luces, árbores ou adornos decorativos, desaproveitaremos a oportunidade que Deus nos dá para cambiar tristezas, indiferenzas, egoísmos, insolidariedades, soberbias, rutinas, inxustizas, despreocupacións... e sempre desde a esperanza e a misericordia.

 

FRATERNIDADE ORANTE

Presentámoslle a Deus a nosa oración e o noso esforzo por construír amizade social e digamos: 

QUE CONSTRUAMOS FRATERNIDADE

v Pola Igrexa, para que non caia na doada tentación de xulgar por aparencias e faladorías, OREMOS. 

QUE CONSTRUAMOS FRATERNIDADE

v Polas nosas parroquias, para que neste tempo de Advento nos esforcemos por dar froitos de boas obras, sabendo acompañar a quen nos necesita, e non caiamos na indiferenza, OREMOS. 

QUE CONSTRUAMOS FRATERNIDADE

v Para que nós, que hoxe nos reunimos para celebrar a fe, saiamos desta celebración co corazón cheo de misericordia e as mans abertas para xunguilas ás da xente que camiña con nós, OREMOS. 

QUE CONSTRUAMOS FRATERNIDADE

Que fagamos, Señor, deste tempo de Advento, un tempo no que non teñamos medo a comezar de novo e deixar atrás todo canto sabemos que nos fai persoas tristes, amargadas e infelices. P.X.N.S. Amén.

MIRADA ESPERANZADA

Señor, co salmista, pedímosche:

que nos seus días floreza a xustiza,

que cada día progrese o entendemento e a paz,

que se multipliquen os profetas da non-violencia,

que a naiciña terra sexa respectada e cultivada,

que as persoas se atopen e os pobos se solidaricen,

que os nenos e os anciáns sexan queridos e valorados,

que as persoas paradas atopen traballo,

que ninguén, nin os de dentro nin os de fóra, se sintan estraños,

que non endeusemos as cousas nin compremos a felicidade nos mercados,

que a familia sexa un valor ben estimado,

que demos e defendamos a vida,

que non queiramos vivir por riba das nosas posibilidades,

que non queiramos ser felices a costa do sufrimento dos demais,

que saibamos vivir ao xeito do Mesías, o Fillo das Benaventuranzas.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...