Escoitar e xaxuar. Coresma, tempo de conversión
Sinal de Coresma
No taboleiro que poñemos diante do altar iremos colocando, ao longo das próximas semanas, cada unha das partes da estrutura dunha Igrexa, acompañadas da seguinte lenda: Todos xuntos somos parroquia.Porque a parroquia ten que ser, vencendo rutinas e tradicións, casa na que a porta estea sempre aberta para acoller.
CANTOS
· Entrada.- Seguirei os teus pasos ( 103)
· Lecturas.- Na noite escura (104 )
· Ofertorio.- Eiquí están Señor ( 32)
· Comuñón.- Eu sei de quen me fiei ( 64 )
PÓRTICO
Agasallounos o papa León cunha mensaxe para esta coresma á que alcumou “Escoitar e xaxuar. Coresma, tempo de conversión”. Nela invítasenos a facer deste tempo un momento privilexiado para practicar a escoita e ser quen de facer do xaxún renuncia de todo canto sabemos que se nos vai adherindo ao noso xeito de actuar, dicir ou de tratarnos. Xaxuar é ser capaces de non deixarnos dominar, de sabernos libres para dicir non; non ás cadeas que nos atan e nos impiden ser nós mesmos e mesmas; non a todo canto nos impide ser verdadeiramente libres para elixir ou decidir. Que non reduzamos a Coresma a un simple non comer carne os venres namentres na nosa vida nada cambia nin se cuestiona.Fagamos o esforzo, como tamén nos di León, por medir as nosas palabras, cultivar a amabilidade, practicar a acollida e dedicar un pouco do noso tempo a compartir con quen está só. E... coidemos o noso trato coas redes sociais para que non escribamos o que sabemos que non está ben nin deixemos que nos rouben o tempo que ben poderíamos compartir con quen máis o precisa.
Avancemos logo para que ao longo destes corenta días sexamos quen de deixar atrás manías, retrousos ritos e todo canto non nos deixe cambiar o corazón de pedra por un corazón de carne. É aquí onde ha estar o verdadeiro xaxún.
AGRADECENDO A MISERICORDIA
· Para que este tempo de Coresma sexa tempo de verdadeiro cambio e conversión. SEÑOR, QUE O NOSO XAXÚN SEXA RENOVADOR.
· Para que a misericordia nos leve a saber perdoar e dar novas oportunidades. CRISTO, QUE O NOSO XAXÚN SEXA RENOVADOR.
· Para que tomemos en serio que temos que xaxuar de palabras ferintes, comportamentos indiferentes e actitudes insolidarias. SEÑOR, QUE O NOSO XAXÚN SEXA RENOVADOR.
PALABRA OFRECIDA
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA XÉNESE
O Señor Deus formou un home do po da terra, soproulle no nariz o alento da vida e tornouse o home persoa viva.O Señor Deus plantou un xardín en Edén, cara a oriente, e puxo nel ó home que formara. Fixo xermolar da terra árbores fermosas para a vista e boas para comer, e entre elas a árbore da vida e a árbore do coñecemento do ben e do mal.
A serpe era o máis arteiro de tódolos animais que o Señor Deus fixera. Díxolle á muller: ‑"¿Conque Deus vos prohibiu comer do froito das árbores do xardín?"
A muller respondeulle: ‑"Podemos comer do froito das árbores todas do xardín.
Soamente da árbore de alá no fondo nos mandou Deus: Non comades dela nin a toquedes, non sexa que morrades".
A serpe insistiu: ‑"De ningunha maneira morreredes. É que Deus sabe ben que o día en que comades dela, se vos abrirán os ollos e seredes coma Deus, sabedores do ben e do mal".
A muller reparou que o froito da árbore era saboroso, atraente, e bo para adquirir entendemento. E coa mesma colleu do froito e comeu; logo deulle ó seu home, e tamén el comeu.
Entón abrironsélle-los ollos ós dous e decatáronse de que estaban espidos. Entrelazaron follas de figueira e cinguíronse con elas. PALABRA DO SEÑOR.
SALMO RESP.- Apiádate, Señor, porque pecamos
Apiádate de min, meu Deus, pola túa bondade,pola túa misericordia, borra o meu pecado;
lávame ben da miña iniquidade,
límpame da miña culpa.
Eu recoñezo o meu pecado
e teño sempre presente a miña culpa.
Contra ti, contra ti mesmo, eu pequei
Crea, Deus, en min un corazón puro,
renóvame por dentro cun espírito firme.
Non me botes da túa presencia
e non tires de min o teu santo espírito.
Devólveme a alegría da túa salvación,
sostenme co espírito xeneroso.
Abre, Señor, os meus labios,
e a miña lingua pregoará a túa louvanza.
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS ROMANOS
Irmáns e irmás:O pecado entrou no mundo por un home só, pero como polo pecado entrou a morte, a morte pasou a tódolos homes e, en consecuencia, todos quedaron incursos no pecado. Porque, de feito, antes da Lei había pecado no mundo; anque o pecado non se ten en conta cando non hai Lei; a pesar diso, a morte dominou desde Adam ata Moisés, mesmo sobre aqueles que non pecaron cunha transgresión semellante á de Adam. E Adam é unha figura arquetípica daquel que está para vir.
Pero de ningún modo hai comparanza entre o delito e o don. Porque, se polo delito dun morreron tódolos demais, moito máis polo favor dun home, Xesús Cristo, a gracia e o don de Deus rebordaron sobre todos.
Nin pasou co don o mesmo que coas consecuencias do pecado dun único home: porque o xuízo, partindo dunha soa transgresión, rematou en condena; en troques, o don, partindo de tantos delitos, rematou en absolución. Se, logo, pola transgresión dun home reinou a morte, e por culpa dun só, ¡canto máis os que recibiron a abundancia da gracia e do don da benevolencia reinarán na vida por medio dese un que é Xesús Cristo!
Por tanto, como pola transgresión dun só veu a condenación sobre tódolos homes, así tamén pola xustificación doutro só vén para tódolos homes a xustificación que dá a vida. Como a desobediencia dun único home volveu pecadores a tódolos homes, así tamén a obediencia dun só volveu xustos a todos.
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
O Espírito conduciu a Xesús ó deserto, para que Satán o tentase. Despois de xaxuar corenta días e corenta noites, acabou por ter fame. O tentador, achegándose a el, díxolle:‑Se es Fillo de Deus, manda que estas pedras se convertan en pan.
Pero el respondeu:
‑Está escrito: Non soamente de pan vive o home, senón de toda palabra saída da boca de Deus.
Levouno logo o Satán á cidade santa, e púxoo na atalaia do templo, 6dicíndolle:
‑Se e-lo Fillo de Deus, bótate de aquí embaixo, que está escrito: Mandará os seus anxos para que te coiden e te leven nas súas mans; e os teus pés non se mancarán nas pedras.
Xesús respondeu:
‑Tamén está escrito: Non tentará-lo Señor, o teu Deus.
Pero aínda o levou o Satán a un monte moi alto e, mostrándolle os reinos todos do mundo enteiro, cheos de esplendor, díxolle:
‑Heiche dar todo isto se te prostras e me adoras.
Entón replicoulle Xesús:
‑Arreda, Satanás, porque está escrito: Só ó Señor, o teu Deus, adorarás, e só a El darás culto.
Deixouno o Satán, e achegáronse os anxos para o serviren.
PALABRA REMOÍDA
· Falar hoxe de pecado parece que é contraproducente. Para moitas persoas é un concepto arcaico, pasado, doutro tempo; para outras é un intento de controlar e dirixir a nosa liberdade. Porén, hai persoas que, sen esquecer que durante moito tempo foi unha categoría de control e de infantilización das persoas crentes, cremos que o pecado é unha realidade que camiña sempre a nosa beira, porque é a expresión da nosa limitación, da nosa capacidade de equivocarnos, do noso xeito de ferir e facer dano ás demais persoas. Mesmo o pecado está detrás de todos eses comportamentos que nos fan escravos de moitas cousas que temos asumidas como normais: a dependencia das redes, a incapacidade para conmovernos diante do sufrimento das persoas, a nosa desconexión para recoñecer que nos equivocamos moitas veces, ou o noso querer mirar para outro lado diante da violencia contra das mulleres, a inxustiza coa que se trata ás persoas que teñen outra maneira de vivir a súa afectividade ou o seu compromiso de amor, e mesmo cando colaboramos, cos nosos pequenos xestos de cada día, a destruír un pouco máis o medio ambiente. E inda que haxa xente que faga riso disto que vimos dicindo, temos que afirmar que o pecado si existe, e agóchase detrás de todas esas actitudes que nos converten en persoas ausentes do que facemos e a quen llo facemos. Que mellor que este tempo de coresma para recoñecelo e poñer os medios para cambialo!· En loitar contra este comportamento de querer desentendernos do que nos temos convertido por considerar que todo vale, que todo é igual, que a nosa liberdade está por riba do que lle poida pasar a outras persoas, como consecuencia das decisións que nós imos tomando, é no que temos que situar, e comprender, o evanxeo de hoxe: as tentación. A Xesús, nun momento de debilidade e soidade tamén lle chega ese momento de verse tentado. Poder, dominio, endeusamento... estaban naquel momento ao seu redor, pero tamén están hoxe ao noso redor. Porque, sabéndonos limitados e con capacidade de equivocarnos, a posibilidade de deixarnos tentar facéndonos crer que somos “lo más” e que a nós non hai nin quen nos tusa nin quen nada nos teña que ensinar nada, vai sempre con nós.
· Por iso, a coresma pode ser ese tempo de realismo que nos faga baixar do noso propio endeusamento e da nosa soberbia, para comezar a camiñar na humildade de quen se ve necesitado da axuda das demais persoas para non repetir os mesmos erros, e tentar saír dos nosos propios e tenebrosos túneles persoais. Xesús afastou del a tentación, queremos nós, alomenos, tamén intentalo?
ORACIÓN COMUNITARIA
No comezo deste tempo de coresma, unímonos agora palabra e convicción e dicimos: SEÑOR, QUE A CORESMA SEXA TEMPO DE RENOVACIÓN.
· Para que este tempo coresmal sexa tempo de renovación e compromiso pola xustiza e a igualdade en toda a Igrexa. Oremos. Señor, que a coresma sexa tempo de renovación.
· Para que este tempo de coresmal sexa tempo de creatividade e participación nas nosas comunidades parroquiais. Oremos. Señor, que a coresma sexa tempo de renovación
· Para que este tempo coresmal sexa un tempo no que nós fagamos da conversión esforzo por deixar atrás todo canto nos escraviza, impedíndonos sentirnos libres e respectuosos para dicir a verdade. Oremos. Señor, que a coresma sexa tempo de renovación.
Señor, acompaña esta oración comunitaria que hoxe compartimos poñendo en ti a nosa esperanza. Por Cristo o noso Señor. Amén.
ALENTO NO CAMIÑAR
As nosas parroquias, familias, grupos eclesiais e comunidades relixiosas están chamadas a realizar en Coresma un camiño compartido, no que a escoita da Palabra de Deus, así como do clamor dos pobres e da terra, se convertan en forma de vida común.Aproveitemos este tempo de coresma para absternos de utilizar palabras que afectan e magoan ao noso próximo. Comprometámonos para que a nosas comunidades se convertan en lugares onde grito dos que sofren atope acollida e escoita e xere camiños de liberación, facéndonos máis dispostos e dilixentes para contribuír a edificar a civilización do amor. A disposición para escoitar é o primeiro signo co que se manifesta o desexo de entrar en relación co outro.
O xaxún constitúe unha práctica concreta que dispón á acollida da Palabra de Deus polo que é importante manter esperta a fame e a sede de xustiza, subtraéndoa da resignación, educala para que se converta en oración e responsabilidade cara ao próximo. (León XIV)
Comentarios