Ir al contenido principal

2 Corema 2026 A

Escoitar e xaxuar. Coresma, tempo de conversión

SINAL DE CORESMA

Colocamos a segunda peza da nosa estrutura. Como non podemos comezar a casa polo tellado, senón polos cimentos, esta semana colocamos a peza que pon “somos”.

CANTO GOZOSO

o   ENTRADA: Na noite escura (Nº 104)

o   LECTURAS: Eu soñei (58) 

o   OFERTORIO: Camiñar sen Xesús (Nº 58) 

o   COMUÑÓN: Seguirei os teus pasos (Nº 103)

ESPERTANDO Á RÚAH

Escoitaremos na primeira lectura a invitación que Deus lle fai a Abram a saír da súa terra, a poñerse en camiño cara á terra prometida. El é o primeiro migrante da historia; e o Señor di algo que nos ten que facer reflexionar, e máis nos tempos que corren: “bendicirei a quen te bendiga e maldicirei a quen te maldiga”. Toda unha declaración de intencións para que hoxe reflexionemos ao respecto de como é o noso trato cara ás persoas migrantes, se as acollemos ou se seguimos tendo medos e prexuízos cara elas. 

Porque no “somos” que hoxe colocamos na nosa estrutura estamos todos e todas, sen distingos. A dignidade que Deus pousa en cada persoa, fainos iguais. Convén non esquecelo. 

SUPERANDO A DISTRACCIÓN

·      Por non estar dispostas e dispostos a poñernos no camiño do cambio e da conversión; sementar igualdade nos nosos xestos, nas nosas palabras, na nosa vida cotiá; SEÑOR, QUE A TÚA MISERICORDIA VEÑA SOBRE NÓS.

·      Porque os nosos prexuízos fan que desconfiemos das persoas migrantes e lles deamos as costas ou nos aproveitemos delas, CRISTO, QUE A TÚA MISERICORDIA VEÑA SOBRE NÓS.

·      Porque Ti nos chamas para sermos testemuñas e nós seguimos ancorados no cumprimento e na rixidez da norma, SEÑOR QUE A TÚA MISERICORDIA VEÑA SOBRE NÓS.

PALABRA OFRECIDA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA XÉNESE

 

Señor díxolle a Abram: 

-      "Vaite da túa terra, da túa patria, do teu clan,  á terra que eu che mostrarei.

Eu farei de ti un pobo grande, bendicireite e dareiche un nome de sona, que será exemplo de bendición.

Bendicirei a quen te bendiga, maldicirei a quen te maldiga.

Os pobos todos da terra chamaranse benditos no teu nome".

Abram púxose ó camiño, conforme lle dixera o Señor; e con el foi Lot. Abram tiña setenta e cinco anos cando saíu de Harán.

PALABRA DO SEÑOR

SALMO RESPONSORIAL

Veña a nós, Señor, a túa misericordia.

A palabra do Señor é recta 

e todas as súas obras son leais.

El ama o dereito e a xustiza, 

a súa misericordia enche a terra.

Veña a nós, Señor, a túa misericordia.

Os ollos do Señor están postos nos que o temen,

nos que esperan na súa misericordia

para librar as súas vidas da morte,

para os manter no tempo da miseria.

Veña a nós, Señor, a túa misericordia.

Nós agardamos ao Señor.

El é o noso socorro, o noso escudo.

Veña a nós, Señor, a túa misericordia

como de Ti o esperamos. 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA SEGUNDA CARTA DE PAULO A TIMOTEO

Non teñas vergonza de noso Señor, nin de min, preso por el; ó contrario, faite partícipe dos meus sufrimentos polo Evanxeo, contando co poder de Deus. El vivificounos e chamounos cunha vocación santa, non polas nosas obras, senón polo seu designio e pola graza que nos deu en Cristo Xesús antes de tódolos tempos, e que se manifestou agora pola aparición do noso Salvador, Cristo Xesús. El destruíu a morte e alumeou a vida e a inmortalidade por medio do Evanxeo.

PALABRA DO SEÑOR

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

 

Seis días despois colleu Xesús a Pedro, a Santiago e a Xoán seu irmán, e subiu con eles sós a un monte alto. Alí transfigurouse diante deles; o seu rostro resplandecía coma o sol, e os seus vestidos viraron brancos coma a luz. Nisto apareceron Moisés e mais Elías falando con el. Pedro colleu a palabra e díxolle a Xesús:

-     ¡Señor, que ben estamos aquí! Se queres, farei aquí tres tendas, unha para ti, outra para Moisés e outra para Elías.

E aínda estaba falando cando apareceu unha nube luminosa que os cubriu; e unha voz saíndo da nube dixo:

-     Este é o meu Fillo benquerido, o meu predilecto: escoitádeo.

O escoitaren isto, os discípulos caeron debruzados, cheos de temor. Xesús achegándose, tocounos e díxolles:

-     ¡Erguédevos, non teñades medo!

E levantando os ollos, non viron a ninguén fóra de Xesús.

Cando baixaban do monte, Xesús encargoulles:

-     Non lle faledes desta visión a ninguén, ata que o Fillo do Home resucite de entre os mortos.

PALABRA DO SEÑOR

 

 

PALABRA QUE ALEDA, ALENTA E MOVE

ü Deus chama. Chama como chamou a Abrahán, a Isaac, a Moisés, a María, a tantos e tantos homes e mulleres ao longo da historia. Hoxe chámanos a nós, para que respondamos acollendo valores que convertamos en actitudes que falen da encarnación do seguimento de Xesús na nosa vida. Si, porque a fe ten que encarnarse, ten que facerse vida na nosa vida, ten que deixar de ser teoría espiritual e fría para ser práctica de corazón quente. Pero escoitar a voz de Deus supón estarmos abertas e abertos a esa voz que nos vai falando de saír de nós mesmas, de nós mesmos, para sementar xustiza, paz, misericordia, escoita e acompañamento. E diante da tentación de agocharnos e reducir a fe ao ámbito do íntimo, do individual ou a dentro da Igrexa, Xesús vennos dicir no Evanxeo de hoxe que a súa mensaxe hai que comunicala, anunciala a todas as persoas que a descoñecen. Como? Co bo facer por parte da cada un/ha de nós na casa, na parroquia, no traballo, no medio da sociedade.

ü E que ben acaída nos vén esta Palabra sempre actual, sempre refrescante e sempre nova. Si, porque a invitación a Abrahán a saír da súa terra pon no centro ás persoas migrantes. Si. A Biblia, de Xénese a Apocalipse, conta a historia dos migrantes de Deus. Comezando co mandato de “enchede a terra” e terminando coa congregación dos redimidos de toda nación, pobo, lingua e tribo na Cidade de Deus, atópase nas súas páxinas a crónica dunha nova vida anunciada. As persoas migrantes constitúen, xunto cos orfos e as viúvas, a triloxía típica do mundo dos marxinados en Israel, quen coñece na súa propia carne a experiencia da emigración. A través da experiencia da escravitude en Exipto e o éxodo, Israel irá descubrindo que a terra é un don de Deus, que non ten domino exclusivo sobre ela senón que debe compartila con outras xentes cara ás que son prescritas unhas actitudes éticas concretas: non vexarás ao emigrante, non o oprimirás, non o explotaredes, non defraudarás o dereito do emigrante, Asemade, na Palabra recóllese a sentenza definitiva do comportamento cara ao emigrante de onte e de hoxe: ao forasteiro que reside xunto a vós, mirarédelo como a un do voso pobo e amaraslle como a ti mesmo. Pola súa banda, Xesús lémbranos que ao final dos nosos días preguntarásenos se demos hospitalidade ao forasteiro. 

ü Hoxe estamos chamadas e chamados a contemplar para transfigurarnos, a contemplar para cambiar, a contemplar para berrar, a contemplar para denunciar, a contemplar para acompañar, escoitar e querer. 

PALABRA QUE UNE EN ORACIÓN

                                   Deus mándanos baixar das nubes onde ás veces escapamos para non afrontar os problemas cos que nos imos atopando. Respondendo a esta misión que nos encomenda digamos:

QUE NON TEÑAMOS MEDO A ANUNCIAR O EVANXEO COA NOSA VIDA

v Para que a Igrexa asuma que ha ser unha Igrexa sempre cos pés no chan e o corazón no Evanxeo, para deste xeito poder servir ás persoas; a tódalas persoas, OREMOS.

QUE NON TEÑAMOS MEDO A ANUNCIAR O EVANXEO COA NOSA VIDA

v Para que nos esforcemos por entendernos uns veciños cos outros, superando a tentación de ignorar ou facer de menos a quen vén doutro lugar; OREMOS.

QUE NON TEÑAMOS MEDO A ANUNCIAR O EVANXEO COA NOSA VIDA

v Para que a nosa vida, neste tempo de coresma e sempre, sexa un esforzo por converternos á invitación de Xesús de non pechar os ollos ás dores do noso mundo, e na medida que poidamos vaiamos aprendendo a tender a nosa man para colaborar nas causas que buscan facer o ben aos demais, OREMOS. 

QUE NON TEÑAMOS MEDO A ANUNCIAR O EVANXEO COA NOSA VIDA

Grazas, Señor, por lembrarnos que temos que prestar atención para non caer na tentación de impoñer, mandar ,discriminar ou invisibilizar dentro da Igrexa e tamén fóra dela. PXNS. Amén.

FACENDO DA PALABRA ALOUMIÑO

O Evanxeo da Transfiguración traza tamén para nós un camiño: ensínanos o importante: estar con Xesús, mesmo cando non é fácil entender todo o que di e o que fai por nós. De feito, é estando con el como aprendemos a recoñecer no seu rostro a beleza luminosa do amor que se entrega, mesmo cando leva as marcas da cruz. E é na súa escola onde aprendemos a captar a mesma beleza nos rostros das persoas que cada día camiñan xunto a nós: familia, amizades, colegas, quen en diversos modos coidan de nós. Cantos rostros luminosos, cantos sorrisos, cantas engurras, cantas bágoas e cicatrices falan de amor ao redor de nós! Aprendamos a recoñecelos e a enchernos o corazón con eles. E despois poñámonos en marcha, para levar tamén aos demais a luz que recibimos, coas obras concretas do amor. Acender pequenas luces no corazón da xente; ser pequenas lámpadas do Evanxeo que leven un pouco de amor e esperanza: esta é a misión da persoa cristiá.

(Francisco)

Comentarios