Ir al contenido principal

5 Domingo TO-A 2026 Mans Unidas

 DARLLE SABOR Á VIDA: PLANTARLLE CARA Á FAME

Declara a guerra contra a Fame

PÓRTICO

Escoitaremos hoxe no Evanxeo a chamada de Xesús a ser sal e luz no medio do mundo. Certamente, as persoas cristiás non podemos nin queremos contentarnos cunha vida insípida e rutineira. Non. Porque estamos certas e certos de que Deus nos leva da súa man, de que El sostén os nosos pasos, de que El luz, urxe levar esta certeza a quen vive no desacougo, na pobreza, na invisibilidade, no subdesenvolvemento ou na tebra.

Por iso neste segundo domingo de febreiro unímonos á chamada de Mans Unidas para plantarlle cara á fame. E facémolo non por costume ou por quedar ben, senón como esixencia inherente á nosa fe, pois tal e como nos lembra a profecía de Isaías só seremos luz se somos quen de non darlle as costas nin poñernos de perfil diante das dificultades dos nosos irmáns e das nosas irmás.

O PERDÓN

  • Polas moitas veces nas que nos contentamos con ir sobrevivindo e temos renunciado a ser sal e luz, SEÑOR, SACÚDENOS DESTA APATÍA.

  • Porque non lle plantamos cara á fame e seguimos consumindo, malgastando e despilfarrando bens e recursos, CRISTO, SACÚDENOS DESTA APATÍA.

  • Por reducir a fe a un mero cumprimento, que nin compromete nin cuestiona a nosa vida, SEÑOR, SACÚDENOS DESTA APATÍA.

PALABRA REGALADA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS

Isto di o Señor:

Comparte o teu pan co famento

e acolle na túa casa os pobres sen pobo.

Cando vexas o espido, vísteo

e non te escondas da túa propia carne.

Entón resplandecerá a túa luz coma a alba

e a carne nova da túa ferida brotará logo.

Si, a túa xustiza camiñará diante de ti

e a gloria do Señor pechará a marcha.

Entón clamarás ó Señor e responderache,

pediraslle axuda e dirache: "Aquí estou".

Se apartas do medio de ti o xugo,

o sinalar co dedo e a palabra mala,

se lle quitas ó famento a gana que ti sentes,

e fartar a gorxa aflixida,

entón a túa luz brillará na escuridade

e a túa tebra será coma o mediodía.

PALABRA DO SEÑOR

SALMO RESPONSORIAL

O xusto brilla na tebra como unha luz.

Brilla na tebra coma luz para as persoas rectas, 

quen é misericordioso, compasivo e xusto.

Venturoso quen se apiada e presta,

e goberna os seus bens con xustiza.

O xusto brilla na tebra como unha luz

A persoa xusta endexamais abalará,

gardarase memoria dela para sempre.

Non terá medo de malas noticias,

pois o seu corazón confía no Señor.

O xusto brilla na tebra como unha luz

O seu corazón está firme e sen medo.

Dálles xenerosamente ós pobres,

a súa xustiza permanece para sempre:

erguerá con honor a súa fronte.

O xusto brilla na tebra como unha luz




PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE PAULO AOS CORINTIOS

Irmáns e irmás:

Cando cheguei onda vós, non cheguei exhibindo elocuencia nin saber para anunciarvos o misterio de Deus. Nada pretendín saber entre vós fóra de Xesús Cristo; e Cristo crucificado. E eu presenteime diante vosa cunha sensación de impotencia e tremendo de medo; e a miña palabra e mais a miña predicación non se apoiaban en argumentos persuasivos e sabios, senón que constituían unha demostración do poder do Espírito: todo para que a vosa fe non se apoie na sabedoría dos homes, senón no poder de Deus.

PALABRA DO SEÑOR

PROCLAMACIÓN DA BOA NOVA DE XESÚS SEGUNDO MATEU

Vós sodes o sal da terra. Pero se o sal se volve insulso, ¿con que se vai salgar? Para nada vale xa, senón para tirar con el e que o pise a xente.

Vós sodes a luz do mundo. Non se pode agachar unha cidade afincada na cima dun monte. Tampouco se acende unha lámpada para poñela debaixo da artesa, senón sobre o candeeiro, para que alume a todos os da casa. Alume así a vosa luz ós homes, para que, vendo as vosas boas obras, glorifiquen a voso Pai que está nos Ceos.

PALABRA DO SEÑOR

PALABRA REMOÍDA

  • Probablemente un dos maiores males dos cristiáns e das cristiás do século XXI é a nosa falta de coherencia. Vivimos de xeito paralelo, destinadas a non encontrarse nunca, a vida de fe e a vida cotiá, polo que imos caendo nunha especie de bipolaridade que fai que o punto de intersección entre fe e vida, que debera ser punto de partida e de chegada, non exista. Porén, aínda que a moitos e moitas lle pese, a Palabra insiste unha e outra vez no feito de que vida cristiá non é un conxunto de normas que hai que cumprir para non caer no pecado. Tampouco é un corpus pechado que nos impide abrirnos ao diálogo con quen non pensa coma nós. Moito menos unha pesada carga sobre os nosos ombreiros destinada a que a nosa vida sexa triste e rutineira para non caer na tentación. Non. O camiño das benaventuranzas que se nos ofrecía o pasado domingo deixábanolo ben claro: a fe é un camiño que imos facendo desde o amor a nós mesmos, aos demais, ao mundo....porque Deus está na orixe e na meta de todo. Polo tanto, cando falamos de que temos fe, falamos de que Deus é para nós compañeiro de camiño, porque é o Deus da acollida, do acompañamento, da misericordia e do perdón. Por iso é o Deus que nos invita a facelo presente na nosa vida, coa nosa palabra e coas nosas obras. O profeta Isaías déixanolo moi claro: cando compartimos o noso pan, o noso sorriso, a nosa roupa, os nosos cartos... a nosa vida... andamos na xustiza e todo se nos devolverá multiplicado por mil.

  • Pero claro: é un camiño esixente e comprometido. Por iso é moito máis doado vivir nese paralelismo fe-vida, facendo compartimentos separados e sen complicarnos moito. Reducimos a fe a un culto de cumprimento no que estamos de corpo presente e de corazón ausente; dedicamos 30 minutiños semanais e.... a outra cousa bolboreta!!! Non damos entendido que o noso tamén é darlle sabor e luz a unha vida que moitas veces é insípida e escura, para nós e para tantas irmás e irmáns que camiñan ao noso lado e que ven a súa dignidade pisoteada. Si, malia que moitos pensen o contrario, a fe vai diso.

  • Por iso é bo que paremos un chisco e que reflexionemos ao respecto das cifras que Mans Unidas pon por riba da mesa e que son como puñais no noso corazón: arredor de 673 millóns de persoas pasan fame no mundo mentres que o planeta produce alimentos para máis de 11.000 millóns de persoas. Que escándalo!!!! Moi atinada a reflexión do papa León cando afirma que os alimentos están sendo utilizados como arma de guerra. Négase así un dereito fundamental de todo ser humano: o dereito á vida. E o silencio de quen morre de fame grita na nosa conciencia, porque a fame non é o destino da persoa, senón a súa perdición. Sexamos sal e luz e plantémoslle cara á fame. 


ORAMOS EN COMUNIDADE

Oramos como comunidade crente para que o Señor nos axude a ser sal que dea sabor á vida e luz que alumee a tebra e digamos:

AXÚDANOS A SER SAL E LUZ

  • Pola Igrexa, para que nunca renuncie a ser sal e luz que dea sabor e alumee a vida de todas as persoas, especialmente a daquelas que é invisibilizada e pisoteada, OREMOS

  • Polas persoas que teñen calquera tipo de poder: económico, político, eclesial... para que busquen sempre o ben común, a xustiza e a paz, OREMOS.

  • Polas nosas comunidades, para que nunca deixemos aniñar nelas a crítica, a envexa ou o afán de protagonismo, OREMOS.

  • Por todas as persoas que, en Mans Unidas ou en calquera outra ONG traballan pola paz e o desenvolvemento, para que conten sempre coa nosa axuda e a nosa oración, OREMOS.

  • Por cada unha e cada un de nós, para que sexamos persoas que lle plantemos cara aos desafíos dun mundo que promove o ter por riba do ser, OREMOS.

Escoita, Señor, o que con fe che pedimos e danos a coherencia necesaria para que a nosa fe se traduza en obras. P.X.N.S. Amén


PARA A REFLEXIÓN

A pesar dos avances tecnolóxicos, científicos e produtivos, 673 millóns de persoas no mundo vanse á cama sen comer. E outros 2300 millóns non poden permitirse unha alimentación adecuada desde o punto de vista nutricional. Son cifras que non podemos reputar como meras estatísticas: detrás de cada un deses números hai unha vida truncada (...) Isto non é casualidade, senón o sinal evidente dunha insensibilidade imperante, dunha economía sen alma, dun cuestionable modelo de desenvolvemento e dun sistema de distribución de recursos inxusto e insostible. Nun tempo no que a ciencia alongou a esperanza de vida, a tecnoloxía achegou continentes e o coñecemento abriu horizontes antes inimaxinables, permitir que millóns de seres humanos vivan —e morran— golpeados pola fame é un fracaso colectivo, un extravío ético, unha culpa histórica. 

Os escenarios dos conflitos actuais fixeron rexurdir o uso dos alimentos como arma de guerra, condenando a homes, mulleres e crianzas á fame, negándolles o dereito máis elemental: o dereito á vida. Con todo, o silencio de quen morre de fame grita na conciencia de todos, aínda que a miúdo sexa ignorado, acalado ou terxiversado. Non podemos seguir así, xa que a fame non é o destino do home senón o seu perdición. Fortalezamos, pois, o noso entusiasmo para remediar este escándalo! Non nos deteñamos pensando que a fame é só un problema que resolver. É máis. É un clamor que sobe ao ceo e que require a veloz resposta de cada nación, de cada organismo internacional, de cada instancia rexional, local ou privada. Ninguén pode quedar á marxe de loitar denodadamente contra a fame. Esa batalla é de todos.

(León XIV. Discurso en la FAO, 16.10.2025)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...