Ir al contenido principal

Imitadores? Non grazas! Seguidores e seguidoras!

Domingo 5 do tempo común

3 de febreiro de 2007

Pórtico

Estamos cansos de palabras. Sobran. Parece que cada un/ha de nós vémonos obrigados a dar sentencia, a opinar, e sobre todo a sentírmonos sempre importantes e protagonistas. Porén a mecánica de Deus é ben distinta; sóbranlle as nosas palabras e fáltanlle os nosos feitos.

Que pouco atención lle prestamos! Temos grandes documentos, moitas das nosas homilías son estupendas pezas de retórica literaria, os nosos centros de formación teolóxica teñen profesores cultos, entendidos na materia, sabios...pero a pesares disto, segue a faltarnos o máis importante: a vida. Onde está o noso testemuño? As enquisas dinnos que a Igrexa é a institución da nosa sociedade menos valorada. Tan pouca ilusión temos para transmitir?

A nosa celebración de hoxe xira arredor do tema do seguimento: Isaías, Paulo, Pedro... son chamados por Deus, coma cada un e cada unha de nós, que vimos aquí convocados por el para celebrar a nosa fe. Non é un mago nin un tapaburacos que vaia resolver os problemas que temos, pero si nos vai alentar, agarimar e acompañar para que fuxa de nós a soidade. Que saibamos descubrilo.

Perdón

Porque seguimos tentando pescar coas vellas redes do cumprimento, da imposición e do autoritarismo, en vez de cambialas polas redes da coherencia, do testemuño e do amor. SEÑOR, TI AXÚDASNOS A CAMBIAR.

Polas veces en que nos pechamos a túa palabra, que ven reflectida nas palabras dos demais, que chaman por nós para axudalos, escoitalos, comprendelos, valoralos e querelos.. CRISTO, TI AXÚDASNOS A CAMBIAR

Son demasiadas as persoas que imos deixando nas beiras por unha falsa fidelidade á letra e non ao espírito. SEÑOR, TI AXÚDASNOS A CAMBIAR

Remuíño

http://www.conferenciaepiscopal.es/pastoral/turismo/MISAS/C/gallego/Ordinario05.pdf

DEUS CHAMA...A PERSOA RESPONDE...: ¿Que fai falla para ser discípul@s de Cristo?, ¿que fai falla para ser cristián e cristiá?. Hai vocacións e profesións que requiren cualidades especiais, porque non todas as persoas somos aptas para todo. ¿E ese tamén o caso do cristianismo, é unha vocación?. Tamén para ser cristián cómpren determinadas cualidades. Imos destacar tres:

confianza absoluta en Xesús, fiarse da súa persoa e da súa mensaxe, que non é máis que amalo e amar aos irmáns e ás irmás. Entramos entón nunha aventura perigosa e que ás veces a moit@s mesmo lles pode resultar ridícula: ¿a quen se lle ocorre lanzar as redes a pleno sol?, ¿a quen se lle ocorre pensar que as mulleres sexan iguais aos homes dentro da Igrexa?, ¿a quen se lle ocorre que os curas promovan e o que é peor, participen, en festivais parroquiais?, ¿a quen se lle ocorre non facer a xenuflexión?, ¿a quen se lle ocorre non cobrar estipendios ou non ter lampadarios?, ¿a quen se lle ocorre... Se sempre se fixo así!.

fiarse de Xesús é descubrir a alguén polo que paga a pena apostar. Pero esa entrada de Xesús no noso propio terreo, alí onde estabamos segur@s: na nosa boa vida, nesta barca, nos nosos cartos, no noso catecismo, na nosa comodidade... ponnos en crise. Como Pedro estabamos afeit@s ao noso mar familiar e aos nosos traballos ben dominados e coñecidos... e El ven espertarnos da nosa rutina e do noso acomodamento.

ir aos demais, saír ao seu encontro, levarlles algo deste descubrimento persoal, sacalos, coa nosa propia vida dos seus horizontes, ampliar a súa esperanza e acompañalos na súa tarefa de facer un mundo máis humano, máis xusto, máis fraterno. O seguimento de Xesús provoca, desde o aquí e agora, un novo presente, unha función, un servizo cara aos outr@s.

...CO SEGUIMENTO, NON COA IMITACIÓN...: Porque ser imitador supón copiar un modelo, non ter personalidade propia, non cuestionarnos nunca nada... Por iso, nós non queremos ser imitadores, senón que somos seguidores: porque nos identificamos coa persoa e coa mensaxe de Xesús de Nazaret, porque estamos segur@s de que paga a pena apostar por el, porque estamos dispost@s a seguir o seu camiño de amor, humildade e servizo... poñémonos en camiño desde a nosa liberdade e desde a nosa pluralidade. Deus chámanos ao seguimento, pero a súa é unha chamada persoal, porque cada persoa é diferente, porque os dons que Deus pousou nos nosos corazóns son diversos, porque en cada persoa intervén a súa propia liberdade... e porque grazas á nosa resposta positiva somos libres de verdade.

...DEIXANDO ATRÁS TODO: E para o seguimento de Cristo, ¿que é o que hai que deixar?. Durante moito tempo parecía que o que había que abandonar era todo o que fai agradable a vida: o amor, a festa, a familia, o sorriso, a diversión... pero así ademais de ser insoportable a nosa vida, presentamos a imaxe dun Deus sádico que se comprace no sufrimento das súas criaturas. Certamente, trátase de deixar atrás todo, pero todo o que estorba, o que é contrario ao mundo que queremos construír: a inxustiza, a ambición, o egoísmo, as ansias de poder, os silencios cómplices.... Asemade, hai que deixar atrás calquera cousa que supoña renuncia á propia dignidade da persoa, calquera xeito de escravitude: a intolerancia, os exclusivismos.... Pero paga a pena embarcarse neste proxecto no que a felicidade está asegurada, a que esperamos?:

Oración da comunidade

Señor, invítasnos a non facer ideoloxía, senón vida a túa mensaxe, que saibamos responder á invitación que nos fas con alegría e convicción, por iso che dicimos:

QUE SEXAMOS TESTEMUÑAS DA TÚA PALABRA

Pola Igrexa, comuñón de comunidades, para que saibamos co testemuño de tódolos seus membros ser pan e palabra, oración e compromiso, esixencia e fraternidade no medio do mundo do que formamos parte. Oremos.

QUE SEXAMOS TESTEMUÑAS DA TÚA PALABRA

Polas comunidades das que formamos parte e coas que celebramos e compartimos a fe, que venzamos a tentación de converternos en grupos pechados, para abrirnos á comuñón con cantos con nós queren facer do mundo a casa de tod@s. Oremos.

QUE SEXAMOS TESTEMUÑAS DA TÚA PALABRA

Por nós, para que nos comprometamos a non facer do Evanxeo algo teórico, senón o alento, a forza e a esperanza da nosa vida, e ser así testemuñas do que nos invitas a crer e vivir. Oremos.

QUE SEXAMOS TESTEMUÑAS DA TÚA PALABRA

Grazas por lembrarnos que so vivindo o que cremos estamos a responder a túa invitación. Ti o noso único Mestre, e primeira testemuña, que vives e reinas por sempre eternamente. Amén.

Reflexión

Testemuñas de Xesús

Queremos ser
mensaxeiros da túa Palabra;
danos valentía
para levala por todos os recunchos
da nosa sociedade, Señor.

Queremos ser
sementadores da túa Esperanza;
danos perseveranza
para non baixar os brazos
e empezar cada día
como si fora o primeiro día de labranza.

Queremos ser
anunciadores de Boas Novas;
danos alegría
para contaxiar a outros
a gratuidade do teu amor.

Queremos ser
unha man tendida ao outro;
danos compaixón
para sentir co teu espírito
e actuar co teu compromiso.

Queremos ser
construtores de comunidade;
danos comprensión
para escoitar,
para enortecer relacións,
para unir a las persoas.

Queremos ser
peregrinos dos teus camiños;
estar sempre en movemento,
sen instalarnos,
sedentos sempre de búsquea
e de encontro.
Móstranos o horizonte,
mantén vivas as utopías,
axúdanos a seguir adiante.

Queremos ser as túas testemuñas,
Señor da Historia;
queremos mostrar coa nosa vida
que Ti estás no medio de nós.
Danos a fe a toda proba de tantos
que, a diario e sen primeiras planas,
fan santo o teu nome
porque fan presente neste mundo
ao Deus- con - nós,
coa vida, testemuño e exemplo
de irmáns –de – tod@s.

Marcelo A. Murúa


Cantos

Entrada.- Pedras vivas / Vinde axiña

Lecturas.- Seguirei os teus pasos

Ofertorio.- Eiqui están

Comuñón.- Ide e pregoade/ Deixade esta terra

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...

4 advento 2024

    HUMILDES CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA SINXELEZA ACOLLEDORA SINAL DE ADVENTO Completamos o noso berce.   CANTO GOZOSO o    ENTRADA:  Volve Señor (Nº 90) o    LECTURAS:  Vén axiña visitarnos (Nº 86) o    OFERTORIO:  Recibe, Señor (Nº 31) o    COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   OLLOS DE ESPERANZA              Belén era unha aldea pequeniña, un lugar que pasaba totalmente desapercibido e que semellaba pouco ou nada importante. Ata que unha noite converteuse en lugar de salvación e acollida, porque alí naceu o Fillo de Deus. Neste cuarto e derradeiro domingo do Advento, Belén quere ser para todas e todos nós un recordatorio claro de que Deus está no sinxelo, no humilde, na xente máis esquecida e que, ao igual que Belén, é moitas veces invisibilizada e marxinada.    CORAZÓN MISERICORDIOSO ·      ...