Ir al contenido principal

4 Domingo Pascua


E TI, QUE ESTAS DISPOSTO A APORTAR?

 

PÓRTICO

As persoas sempre buscamos referentes nos que ver reflectidas as nosas aspiracións, aquilo que nos gustaría ser, ao que aspiramos chegar. O problema vén cando non os temos, cando ao que nos invitan a mirar, a televisión, a radio, as modas,.. non nos enche, quedando así perdidos,desorientados. Por iso hoxe, se cadra máis que noutros momentos da historia, precisamos recuperar a nosa capacidade de escoita se non queremos vernos afogados na vulgaridade. A nosa sociedade está enferma na súa vontade de vivir. A civilización do benestar ofrece medios de vida, pero non motivos para vivir.

Por iso cómpre estarmos ben atentos á chamada de Deus, a escoitar a voz da verdade, a sintonizar co mellor que hai en nós, a desenvolver o no mundo interior. Temos que ser quen de recoñecer a súa voz entre tantas outras. Teremos que abrir oídos e corazón, teremos que poñer oídos á espreita para non deixarnos enganar por cantos de serea. Que esta celebración nos axude a descubrir esta voz amiga que nos fala de felicidade.

 

O PERDÓN

 

ö  Porque Ti ofreces diálogo e nós preferimos seguir ancorados no enfrontamento, SEÑOR, PERDOA A NOSA XORDEIRA

ö  Porque Ti queres colaboración e nós preferimos seguir vivindo a costa dos demais, CRISTO, PERDOA A NOSA XORDEIRA.

ö  Porque Ti nos chamas á igualdade, e nós seguimos facendo distincións baleiras e inútiles, SEÑOR, PERDOA A NOSA XORDEIRA.

 

 

 

 

REMUÍÑO

 

ö     CRISTO, PEDRA ESQUINAL: A Palabra que vimos de escoitar invítanos a descubrir, mirando en profundidade a nosa vida, se de verdade Cristo pinta algo nela, é dicir, se El é para cada un e cada unha de nós a pedra esquinal. Porque pode ocorrer que teña máis que ver cunha mesiña supletoria (que utilizamos cando nos fai falla, cando necesitamos e que logo volvemos gardar ou arrinconar, esquecéndoa ata a próxima vez) que cunha viga mestra. Porén, construírmos a nosa vida sobre a pedra angular que é Cristo ten que ver coa nosa opción fundamental, co noso punto de referencia á hora de elaborar unha escala de valores sobre a que construír a nosa vida. Seguir a Xesús é acoller e coidar gozosamente todo o que dá vida, e continuar a súa causa. Só facendo o éxodo cara ao mundo e escoitando “os gozos e as esperanzas, as tristuras e as angustias da xente do noso tempo”, poderemos seguilo. Para iso cómpre facerse cargo da realidade (o que supón estar no medio do mundo e non metidos en formol ou en guetos artificiais), cargar coa realidade (asumir as nosas responsabilidades e o noso compromiso co mundo) e encargarse da realidade (transformar o mundo, enchéndoo de esperanza e de humanidade).

 

ö      PASTORES A SOLDO: Por iso hoxe, máis ca nunca, cómpre que nos paremos a reflexionar sobre o papel da autoridade, dos líderes, dos que dun ou doutro xeito exercen o goberno: cabezas de familia, responsables de asociacións, xerarcas eclesiásticos.... Porque... é tan doado caer na tentación do autoritarismo, do protagonismo, de chamar a atención, de que se axeonllen diante de nós....!!!!!!!!!!!!!. Xesús non quixo que na súa comunidade seguise a relación que había no xudaísmo, no que os dirixentes parecían asalariados, procurando o beneficio propio. Por iso nesta pasaxe que vimos de proclamar o seu xuízo é duro cara aqueles que non exercen o seu ministerio ou servizo, aqueles que se aproveitan da situación, créndose donos das persoas.... Que triste é que despois de tanto tempo non teñamos aprendido nada!!!!!!!!. En demasiadas ocasións a nosa xerarquía amosa actitudes que están ben lonxe de preocuparse polas comunidades que teñen encomendadas máis alá do meramente ritual, sen ter en conta nin ás persoas nin as súas circunstancias. Nin amor ás persoas, nin coñecemento das súas comunidades, nin preocupación por tender pontes de unión,.... parecen pastores a comisión ou funcionarios da fe.

Pola contra, o servizo, o xeito de autoridade e responsabilidade é unha das liñas básicas que diferenza o proxecto de Xesús. Na Igrexa, os responsables son só intendentes, servidores. Hoxe é un bo día para telo en conta.

ö     ESCOITAMOS A SÚA VOZ: E máis alá de se exercemos ou non un papel de autoridade, fai falla que todos nos preguntemos qué estamos dispostos a facer polos demais, que podemos achegar nós para xerar un novo xeito de estar na familia, na política, nas asociacións, na Igrexa. Que podemos facer para ser unha comunidade de persoas servidoras mutuas e non unha pirámide imposible de escalar?. Porque non haberá unha Igrexa comprometida mentres permitamos que os pastores anden a soldo, sen cariño polas comunidades, mentres nós non esteamos dispost@s a darnos nós mesmos para o servizo común.

 

ORACIÓN DA COMUNIDADE

 

Presentamos agora agradecidos a nosa oración a Deus, Pastor verdadeiro, que nos chama para que andemos nunha vida de felicidade e digámoslle:

 

GRAZAS POR NON FACERNOS ESTRAÑOS Á TÚA VOZ

 

§      Grazas, Señor, pola Igrexa que formamos cada un e cada unha de nós e que non quere esquecer que a autoridade é sinónimo de servizo, proximidade, dispoñibilidade, gratuidade... e non de autoritarismo, pensamento único ou dominación, OREMOS.

 

GRAZAS POR NON FACERNOS ESTRAÑOS Á TÚA VOZ

§      Grazas, Señor, polos pastores das comunidades da nosa unidade pastoral, que queren ser persoas cercanas, agarimosas e que son quen de compartir os nosos gozos e tristuras, OREMOS.

 

GRAZAS POR NON FACERNOS ESTRAÑOS Á TÚA VOZ

 

§      Grazas, Señor, polas nosas nais, por todas as mulleres que están a levar adiante o coidado da vida, escoitando a voz do Señor e dando a luz unha sociedade nova, máis humana e fraterna, OREMOS.

 

GRAZAS POR NON FACERNOS ESTRAÑOS Á TÚA VOZ

 

§      Grazas, Señor, por querer ser na nosa vida pedra esquinal que nos mova a acariñar e acubillar a quen máis sofre: nenos, maiores, mulleres maltratadas, enferm@s, parados, marxinados...OREMOS.

 

GRAZAS POR NON FACERNOS EXTRAÑOS Á TÚA VOZ

 

Grazas, Señor, por guiar a nosa vida coa túa voz e co teu exemplo. Fai que camiñemos coma comunidade unida no servizo común e no amor aos máis pequenos. PXNS. Amén.

 

PARA A REFLEXIÓN

(Facemos fotocopias para darlle á xente e rezamos tod@s xunt@s)

 

O Señor é o meu pastor, nada me falta.

Apacéntame en verdes prados,

condúceme cara ás fontes de descanso e repara as miñas forzas.

Coñece os meus proxectos e ilusións,

guíame polos camiños da xustiza,

ensíname os tesouros da vida

e asubía cancións de alegría polo amor do seu nome.

Aínda que pase por vieiros escuros non temo nada,

pois El esta xunto a min, protexéndome de trampas e inimigos.

O seu caxato dáme seguridade.

Aínda que os meus traballos sexan duros e urxentes

non me agonío nin perdo a paz,

pois a súa compaña dálle serenidade aos meus actos.

Cada día, con graza anovada,

pronuncia o meu nome con tenrura e chámame onda el.

Cada mañá únxeme con perfume

e permíteme brindar, á noitiña, coa copa chea de paz.

O Señor é o meu pastor.

Faille honor ao seu nome

dándolle ás nosas vidas dignidade e valor.

Nada lle temo aos profetas de calamidades,

nin á tiranía dos poderosos,

nin ao murmuio dos mediocres,

porque sei que Ti vas comigo!.

Preparaches un banquete de amor fraterno

para celebrar o meu camiñar polo mundo.

Nel descóbresme quen son os teus preferidos

e cales han ser as miñas sendas do futuro.

Grazas ao Señor que me crea, me sostén e me guía

coa súa presenza cargada de vida!.

 

CANTOS

 

§      ENTRADA: Vinde axiña

§      ASPERSIÓN: A auga do Señor

§      LECTURAS: Escoita ti

§      OFERTORIO: O Señor é o meu pastor

§      COMUÑÓN: Esa é María

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...