Ir al contenido principal

Domingo 3 TO 2010

DE NÓS DEPENDE QUE SE CUMPRA A PALABRA QUE PROCLAMAMOS

Pórtico

Cando alguén empeza nun cargo ou ten unha responsabilidade que facer durante un tempo, sempre presenta un programa, unhas liñas de actuación que van marcar o período, como ocorre por exemplo cos políticos cando están en campaña electoral ou co alto cargo dunha empresa de cara á xestión que ten que realizar.

Pois ben, a celebración de hoxe móstranos o programa de Xesús, o que el vén realizar, coa garantía de que sabemos que El o que promete cúmpreo.

Que a celebración de hoxe nos faga conscientes da gran responsabilidade que temos para con tódalas persoas, xa que Xesús invítanos a ser os seus colaboradores na súa tarefa.

Perdón

  • Polas veces en que preferimos mirar para outro lado e deixar ao marxe a tantas persoas que precisan a nosa axuda, SEÑOR, ARREDA DE NÓS O MEDO.
  • Porque preferimos ter unha fe que non nos comprometa, que se refuxie no noso interior e non se complique a vida cos demais, CRISTO, ARREDA DE NÓS O MEDO.
  • Porque non estamos dispostos a deixarnos corrixir polos demais e preferimos pensar que nós somos os máis importantes e os mellores, SEÑOR, ARREDA DE NÓS O MEDO.


 

Remuíño

  • Hoxe Xesús móstranos no evanxeo o discurso programático do seu ministerio, cumprindo nel a profecía de Isaías e as promesas do Antigo Testamento. Destaca o Evanxeo dos pobres: consolo, esperanza e ledicia para os pobres, os que son esquecidos da sociedade; pero non de Deus. Unha opción clara por eles e non polos poderosos, polos satisfeitos, polos que o teñen todo. Vén quitar o sufrimento da exclusión da soidade, dos últimos. Son amados e acompañados por Deus, son dignificados no seu ser aos ollos de Deus e das persoas. Tamén destaca a liberdade: Deus vén liberar, quitar toda escravitude, opresión e cadeas. Vennos quitar a cadea do consumismo, do materialismo, da prepotencia, da tristeza. A verdade fainos libres, auténtic@s. Xesús vén traernos vista e luz. El é a luz do mundo, vén curar cegueiras, vén abrir os ollos dos que se pechan á fe, dos que bloquean a verdade, dos duros de corazón, dos que non recoñecen ao outro, dos que non ven as pegadas de Deus na propia historia e na historia colectiva. Vén traer un ano de graza: o perdón, a reconciliación, a unidade, a igualdade de oportunidades e de bens. Xesús, por último, vén anunciar un acontecemento: a presenza de Deus no medio das persoas, a liberación para todos os pobos,a paz que o inunda todo.
  • De nós depende que esta palabra se cumpra, que o aquí e agora sexa un tempo de salvación da man de Xesús. Tamén no marco de oración pola unidade dos cristiáns. Todos temos un mesmo Espírito e estamos chamados a colaborar activamente na propagación dos valores do Reino. Chamados a buscar canles de unión, de diálogo de colaboración. Esta a pobreza e opción polos pobres ten que ser asumida como propia por todos nós. San Paulo invítanos, co exemplo do corpo, a que todos colaboremos, dende o que somos e podemos, na tarefa que Xesús nos deixou: a de levar a tódalas persoas a Boa Nova do Evanxeo. Non teñamos medo e poñámonos en marcha.

Oración da comunidade

Señor, ti queres que a nosa fe se exprese en comunidade como único xeito de cumprir a túa misión. Danos azos e ánimo para que esta tarefa a cumpramos con alegría e dedicación. Por iso dicimos confiados:

QUE SEXAMOS SEMENTADORES DE COMUNIDADE

  • Pola Igrexa, para que fomente no seu seo comunidades vivas, dinámicas e acolledoras, que sexan quen de levar a cabo o Reino dende a colaboración con tódalas persoas, OREMOS.

QUE SEXAMOS SEMENTADORES DE COMUNIDADE

  • Polas nosas comunidades, para que no centro do seu actuar estean as persoas, especialmente as que están ao marxe delas, as que pasan por dificultades, as que se vén escravas dos acontecementos ou de si mesmas, as encarceradas polo noso egoísmo, OREMOS.

QUE SEXAMOS SEMENTADORES DE COMUNIDADE

  • Por nós mesmos, para que comprendamos que a nosa pertenza a unha comunidade é principal na nosa fe e entendamos esta presenza como unha colaboración e non imposición das ideas de cada un e da súa forma de ser e actuar, OREMOS.

QUE SEXAMOS SEMENTADORES DE COMUNIDADE

Grazas Señor, porque nós somos os primeiros en experimentar a túa salvación. Fai que sexamos quen de transmitirlla fielmente aos demais. PXNS. Amén

Para a reflexión

Que non se me afaga o corazón, Señor,

a ver persoas sufrindo en situacións inxustas.

Que non vexa normal tropezar todos os días

con homes e mulleres desprazados, sen casa, sen teito.

Que me sorprenda cada día deste mundo que montamos

no que uns temos de todo e a outros fáltalles todo.

Que non se me afaga o corazón

á mirada triste e perdida,

ao xesto caído e desanimado,

á palabra soez ou burlona,

ás poucas ganas de vivir,

a calquera deterioro do irmán,

que é o seu berro desde a beirarrúa da vida.

Que non se me afaga o corazón, Señor,

a ver como normal ao recén chegado

que cruza o mar para buscar un futuro,

ao que quedou sen familia, sen traballo, sen teito

e mañá non atopará saída para o seu problema.

Pon tenrura, Señor, no meu mirar;

pon agarimo na miña man que saúda;

pon misericordia na miña mente que fai xuízos;

pon sabedoría na miña linguaxe;

pon escoita nos meus oídos que reciben.

Cantos

  • ENTRADA: Camiñando pola vida
  • LECTURAS: Como che cantarei
  • OFERTORIO: Na nosa terra
  • COMUÑÓN: O pouco que Deus nos dá

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...