Ir al contenido principal

2 domingo TO 2010

"FACEDE O QUE EL VOS DIGA"

Pórtico

Anda… pero se xa rematou todo… Tanto preparar… tanta ilusión… tantos kilos de máis… e ao final volvemos á normalidade. Que depresión!... Resúltanos familiar esta sensación?. E é que cando reducimos o Nadal a un puro consumismo, á xuntanza familiar, a unha opípara comida..., gastamos moitas forzas en preparar todo, en facer cousas, en ter todo perfecto.. pero corremos o risco de non decatarnos de que realmente o que celebramos é que o amor de Deus é tan grande que envía ao seu Fillo feito Neno para que sexamos felices.

Hoxe, na Igrexa, volvemos ao tempo ordinario despois do Advento e o Nadal. O extraordinario pasou e é tempo de poñelo en práctica... Tódalas ilusións, tódolos propósitos, toda esa vida proxectada para este ano. Que alegría sentir esa nova vida que vai revolucionando e transformando o cotiá, o día a día, pois diso se trata.

Que a celebración de hoxe sexa un motivo de encontro co Pai que nos anima a comezar esta nova xeira.

PERDÓN

  • Porque nos deixamos vencer pola apatía, pola indiferenza e non temos en conta nin escoitamos aos demais, SEÑOR QUE ESCOITEMOS A TÚA VOZ.
  • Porque moitas veces non escoitamos os teus anuncios, pechamos os oídos e torcemos a cara, CRISTO, QUE ESCOITEMOS A TÚA VOZ.
  • Porque non somos quen de descubrir o bo das persoas, de valoralo, de contar con elas na nosa vida, SEÑOR, QUE ESCOITEMOS A TÚA VOZ.

Remuíño

  • Xesús comeza a súa predicación, xa ten os primeiros discípulos... A escena transcorre nunha voda; pero... non teñen viño, falla o máis importante da festa. Nós tamén comezamos o tempo ordinario, o día a día do noso compromiso cristián: na casa, cos veciños, no traballo... e cantas situacións de carencia de...!. A nós este domingo, invítasenos, como fixo María, a estar atentos a esas situacións, intentar comprendelas e na medida do posible buscar solucións. Pero sen protagonismos, sen trompetas de anuncio, sen "aquí estou eu". Só dende o diálogo, a comprensión, a escoita... poderemos ser quen de mostrar a Xesús aos demais.
  • Este "facede o que El vos diga" é o que transforma a auga... auga de tristura, de soidade, de incomprensión, de calumnias, de desprezo... en viño novo de comprensión, de diálogo, de paz, de novos lazos familiares, veciñais, na Igrexa...É Xesús quen fai posible que a auga se transforme en viño sen deixar de ser nós, sen obrigas, senón dende a liberdade de sentirnos queridos polo Pai que se manifesta nos demais.
  • E sempre coa valentía de Isaías, por amor ás persoas para que non se sentan abandonadas nin desfavorecidas para que atopen o rostro de Deus no noso compromiso, no noso actuar no medio deles. Que esta celebración do amor do Pai a todos nós sexa festiva, alegre e chea de ilusión, xa que é o mesmo Deus quen está no medio de nós.

Peticións

Pai, Ti sempre estas atento ás nosas necesidades, por iso dicimos:

SEÑOR, QUE CUMPRAMOS A TÚA VONTADE

  • Pola Igrexa, para que estea atenta ás necesidades das persoas para así saír ao paso de situacións de dor, de incerteza, de rexeite, de pobreza... procurando a confianza con todos, OREMOS.

SEÑOR, QUE CUMPRAMOS A TÚA VONTADE

  • Polas persoas que teñen responsabilidades no goberno das nacións, para que convertan a auga do desacougo, da tristura, do paro, do problema da vivenda, da enfermidade, da exclusión, da pena,... en viño novo de ledicia, liberación, de humanidade nova, de paz e amor, OREMOS.

SEÑOR, QUE CUMPRAMOS A TÚA VONTADE

  • Por tód@s que estamos nesta celebración, para que esteamos atentos ás chamadas de Deus ("Facede o que El vos diga") e así sexamos quen, no día a día, de ser portadores de ledicia, solidariedade, comprensión, diálogo, escoita, acollida a Deus, OREMOS.

SEÑOR, QUE CUMPRAMOS A TÚA VONTADE

Pai, Ti queres que tod@s participemos no banquete do teu amor. Fai que sempre nos sorprenda a túa acción entre nós e así, como María, escoitemos a voz dos que non a teñen. Por Cristo noso Señor.

PARA A REFLEXIÓN

Non temos viño, Xesús.

Non temos viño.

Para as vodas de irmandade,

onde festexamos o que amor que Ti nos dás,

non temos viño.

Para as xuntanzas fraternas,

nas que fas medrar os nosos amores,

non temos viño.

Para a alianza do Norte co Sur,

do mundo rico co mundo pobre,

non temos viño.

Para a aperta solidaria cos inmigrantes,

que reclaman os dereitos máis fundamentais,

non temos viño.

Para as manifestacións de protesta,

pedindo paz, traballo, xustiza,

non temos viño.

Para a festa do compromiso humano,

onde celebramos triunfos e fracasos,

non temos viño.

Para o encontro do perdón,

que sanda, renova e rehabilita,

non temos viño.

Para a apertura do amor familiar,

limpo, fondo, agradecido,

non temos viño.

Para as nosas celebracións de cada día,

sinxelas, íntimas, queridas,

non temos viño.

E por iso andamos tristes e apoucados,

sen graza e coa ilusión apagada.

Non temos viño, Xesús.

Non temos viño.

CANTOS

  • ENTRADA: Que ledicia a miña
  • LECTURAS: Ide e pregoade
  • OFERTORIO: Na nosa terra
  • COMUÑÓN: O amor é o meirande

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...