Ir al contenido principal

Bautismo 2010

O BAUTISMO É ALGO MÁIS CA UN RITO, É UN COMPROMISO DUNHA VIDA ENTREGADA

Pórtico

Nalgunhas sociedades ou para pertencer a un grupo concreto, ás veces cómpren uns ritos de entrada, e faise un compromiso de pertenza asumindo uns compromisos concretos e o ideario do grupo ao que se quere pertencer. Márcase así un punto de partida e o comezo dunha relación entre os seus membros. Eu comprométome a… Pois ben, a nosa fe tamén ten no bautismo un rito de entrada na comunidade e unha asunción de responsabilidades, que nun primeiro momento fixeron os nosos pais e as nosas nais e que logo nós persoalmente renovamos coa nosa vida. Pero non queda só na pertenza a un grupo, senón que nos fai fillos e fillas dun Deus Pai que sae ao noso encontro.

A festa que celebramos hoxe, o bautismo de Xesús, que pecha o tempo litúrxico do Nadal, é unha chamada a que revisemos os compromisos do noso bautismo, a que sexamos conscientes da pertenza á Igrexa dende o noso compromiso con tódalas persoas desde unha identidade propia: a identidade de fill@s dun Deus que nos quere. Entendamos pois a grandeza da nosa pertenza e da nosa misión.

Perdón

  • Polas veces en que reducimos a nosa fe a algo íntimo, que non ten repercusións na nosa vida nin nos compromete a nada, SEÑOR, QUE A TÚA AUGA NOS RENOVE.
  • Porque moitas veces pensamos que a Deus podémolo manipular con rezos ou cunha serie de ritos máxicos, CRISTO, QUE A TÚA AUGA NOS RENOVE.
  • Porque preferimos enganarnos a nós mesmos, pensando que a vontade de Deus son os nosos pensamentos e a nosa forma de ver o mundo e as persoas, SEÑOR, QUE A TÚA AUGA NOS RENOVE.

Remuíño

  • A experiencia bautismal de Xesús, non queda reducida á relación trinitaria, senón que tamén hai nela un compoñente fundamental de misión e de compromiso. É unxido e enviado, sendo este o punto de inicio da misión de Xesús. Atrás queda a vida en familia e de traballo na carpintería. O bautismo abre unha nova etapa na súa vida. Pero a misión non é asoballamento, nin poder, nin dominio, senón que a leva a cabo dende a mansedume, a humildade, con paciencia, con esmero, con firmeza e con valentía. Unha misión que tódolos cristiáns, polo noso bautismo, estamos chamados a realizar. Pero tendo en conta como a fixo Xesús, co seu estilo. Somos unxidos para servir, para evanxelizar e levar esperanza aos pobres, para crear unha fraternidade na que todos entramos, pensemos ou non igual, creamos o mesmo o distinto. Somos chamados a ser testemuñas, coa nosa vida, de Xesús. Somos outro Xesús na terra, e non so os curas ("Alter Cristus"), senón todos os bautizados. Temos o estilo de Xesús.
  • Tamén o bautismo nos fai pertencer a unha comunidade, á Igrexa, que se concreta nas parroquias. Unha pertenza a un grupo que fai que a nosa fe non se agoche en nós mesmos senón que se exprese en comunidade. Unhas comunidade que teñen que saír da rutina, do sempre se fixo así, para, dende a creatividade, dar respostas alí onde están, unindo, acollendo, curando, tantos corazóns. Un compromiso de tódolos membros dende o servizo e a dispoñibilidade, dende a gratuidade. Dende unha reflexión pausada da realidade para dar respostas axeitadas, as respostas de Xesús.
  • Tamén o bautismo fai que nos renovemos día a día, que purifiquemos as malas palabras, os nosos egoísmos, os crernos os mellores e sentirnos autosuficientes. O bautismo márcanos un estilo que sen ser propio, xa que estamos enxertados no mundo, si fai que as motivacións do noso traballo adquiran outro senso. A construción do Reino que Xesús nos deixou, a continuación do seu mandado e ao mesmo tempo a concreción do noso compromiso como bautizados. Non perdamos máis tempo e que esta celebración nos faga ser conscientes da transcendencia do noso bautismo na nosa vida.

Oración da comunidade

Señor, Ti no bautismo mostráchesnos un camiño de compromiso e amor con tódalas persoas. Nós queremos atopar o noso camiño actualizando cada día o noso compromiso do bautismo, por iso dicimos confiados:

QUE O BAUTISMO COMPROMETA A NOSA VIDA

  • Pola Igrexa, para que fomente en nós un compromiso activo e dinámico con tódalas persoas, e máis neste tempo de crise tanto económica como de identidade, e así poidamos entre todos construír un mundo máis humano. OREMOS:

QUE O BAUTISMO COMPROMETA A NOSA VIDA

  • Polas nosas comunidades, para que sexan quen de acoller a tódalas persoas no seu seo, renovándose continuamente á luz da palabra e expresando a súa fe comunitaria de xeito alegre, comprometido e festivo, OREMOS:

QUE O BAUTISMO COMPROMETA A NOSA VIDA

  • Por tod@s nós, para que dende unha actitude aberta, sincera e comprometida, sexamos quen de mostrar o noso compromiso, non coma unha forma de quedar ben ou como un xeito de buscar prestixio, senón como algo esencial a nosa fe que se manifesta no día a día, OREMOS.

QUE O BAUTISMO COMPROMETA A NOSA VIDA

Grazas Señor, porque co teu bautismo abriches unha canle de compromiso e gratuidade. Segue alentando co teu amor as nosas vidas. PXNS.

Para a reflexión

Servo de Deus, Xesús, pero reinando.

Rei de reis, Xesús, pero servindo.

Es servo de Deus, o predilecto,

feito amor e servizo, esa é a túa vida.


 

Vés para servir, en liberdade,

Vés para reinar, no servizo.

Ensinas a servir para ser libre,

ensinas a ser libre no amor.

Ensinas a vivir no amor,

ensinas a irmandade en comuñón.


 

Ensinas a sacar aos prisioneiros,

a cantar a liberdade, cheos de gozo.

Invitas a curar de toda lepra.

Ensinas a partir o pan e a repartilo.

E a facerse pan,

a lavar os pés,

a ser enteiramente bautizados e bautizadas

no lume do Espírito do teu amor.

Cantos

  • Entrada: Que ledos hoxe estamos
  • Lecturas: A auga do Señor
  • Ofertorio: Non vou só
  • Comuñón: Ide e pregoade

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...