Ir al contenido principal

EPIFANÍA 2010

SABER SER ESTRELA PARA OS ESTRELADOS

PÓRTICO

A celebración de hoxe quere ser para todos nós unha chamada a descubrir ao Señor presente nas nosa vidas como luz e, ao mesmo tempo, a tomar conciencia de que esta luz é para tódalas persoas, sen distincións de razas, nin de credos, nin de ideoloxías. Todos estamos chamados a construír un mundo cada vez máis humano e humanizador, no que non haxa persoas estreladas pola falta de condicións de vida, pola falla da educación, pola falla de oportunidades.

Pidamos pois, que o Espírito nos mostre o camiño que nos leve a construír este mundo dende o proxecto de Deus.

PERDÓN

  • Polas veces nas que lle agochamos luz aos demais, excluíndoos, negándolles a palabra, non valorándoos como o que son, SEÑOR, ILUMINA A NOSA NOITE.
  • Polas moitas veces nas que o noso actuar e o noso dicir non son luz para os demais, senón polo contrario, somos motivo de escándalo, CRISTO, ILUMINA A NOSA NOITE.
  • Porque o nacemento do neno Deus non é motivo de alegría e cambio, senón que permanecemos na rutina e reducimos estas datas a un puro materialismo e consumismo, SEÑOR, ILUMINA A NOSA NOITE.

REMUÍÑO

  • A Palabra que proclamamos hoxe ofrécenos aquel acontecemento dos Reis Magos, uns homes que, alumeados pola estrela, chegaron a Belén para levarlle os seus agasallos ao Neno Deus. Popularmente convérsese na festa dos regalos, das ilusións e dos bos desexos. Pero nós temos que ir máis lonxe, reflexionando á luz da fe o que estamos a vivir. O primeiro que nos chama a atención é que a luz non procede do grande, senón do pequeno; non sairá de Xerusalén, senón de Belén; non nacerá do templo, senón dunha corte; non se ofrecerá como seguro, senón como risco; Herodes, a pesares de coñecer as Escrituras, é incapaz de recoñecer ao Mesías; porén, os Magos, sen coñecer as Escrituras recoñéceno e preséntanlle a súa adoración. Son dúas actitudes que se van repetir ao longo de toda a historia da humanidade: Deus ofrece a luz a todas as persoas, pero non todas queren camiñar alumeadas polo seu resplandor.
  • Porque moito lle custou ao pobo de Israel saír da exclusividade da relación con Deus e compartir e descubrir que El manifestase a tódolos pobos. Diso fálanos hoxe o profeta Isaías: de cómo Xerusalén é o centro de toda a terra, o centro onde tódolos pobos veñen convocados por Deus. De universalidade nos fala a primeira lectura, de acollida e de solidariedade. Estamos chamados, todos os que experimentamos o nacemento do neno Deus, a acoller a tódalas persoas. Acollelas dende o que son, respectando culturas, xeitos de ver o mundo, relixións e formas de vida. Só poderemos experimentar toda a intensidade da graza destes días se somos quen de transmitirlla aos demais dende esas categorías.
  • E ante todo, estamos chamados a poñer a estrela entre tantas persoas estreladas, desalentadas, fracasadas ante a vida; de tantas persoas con falta de oportunidades as que nós deixamos de lado, discriminadas pola falla de educación, pola pertenza a un grupo, pola falta de recursos económicos ou porque o seu dicir ou pensar non concordan cos nosos. Os Reis seguen a estela e alégranse co encontro do neno Deus. Alegremos nós a tantas persoas que non atopan sentido a este Nadal. Levémoslle nós o mellor regalo, a alegría de atoparse con Deus e a alegría de ser valorados e alentados na súa vida.Que esta celebración nos faga a todos descubrir a manifestación de Xesús en tantas persoas que sofren e que necesitan de nos e do noso compromiso comunitario. A toda esta xente, que este ano quixemos representar no noso Belén, comprometémonos a levarlle tamén a nosa estrela: O mellor agasallo que lles podemos ofrecer é esta mensaxe: "Comunicámosvos unha grande noticia que encherá de ledicia a todo o pobo: naceuvos o Salvador".

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Escoita Señor a nosa oración. Presentámoscha esperando que Ti ilumines o noso camiño coa luz do teu amor. Por iso dicimos confiados:

GRAZAS POR ALUMEAR A NOSA VIDA

  • Pola Igrexa, para que poña a luz do neno Deus en tantas situacións de dor, de marxinación, de exclusión, de desamor e así todas as persoas poidan ver a manifestación do amor de Deus, OREMOS.

GRAZAS POR ALUMEAR A NOSA VIDA

  • Polas nosas comunidades, para que a vivencia destas datas, sexa para elas estimulo e alento para traballar na construción dunhas parroquias máis humanas e humanizadoras, nas que entre tod@s poidamos curar as feridas, OREMOS.

GRAZAS POR ALUMEAR A NOSA VIDA

  • Hoxe, queremos darche as grazas por tantas e tantas persoas que, ao noso carón, dan testemuño, coas súas palabras e accións, de que outro mundo é posible, converténdose así en estrelas que conducen aos irmáns e irmás cara Ti. Por todas elas, OREMOS.

    GRAZAS POR ALUMEAR A NOSA VIDA

    • Por tod@s nós, para que sexamos quen de levar a tod@s a descubrir a estrela: a estrela do amor, a estrela da acollida, a estrela da comprensión, a estrela da solidariedade, a estrela do diálogo. OREMOS:

    GRAZAS POR ALUMEAR A NOSA VIDA

    Grazas, Señor, porque día a día nos mostras a luz do teu amor. Encamiña os nosos pasos cara o camiño que nos leve a ti. PXNS.


     

    PARA A REFLEXIÓN

    Queridos Reis Magos:

    Pedímosvos que a nosa mirada gañe en fondura e detalle,

    para que poidamos ver con claridade a viaxe da nosa vida,

    con toda a humanidade,

    coma unha viaxe de paz, unidade e esperanza.

    Que sexamos conscientes da fermosura dos pés do mensaxeiro

    que anuncia a Boa Nova.

    Que lle deamos a benvida cun sorriso

    a todas as persoas que estreiten a nosa man:

    as mans estendidas forman redes de solidariedade.

    Que sexa noso o agasallo de todo o creado;

    que saibamos disfrutalo a todas as horas do día.

    Que nos enfrontemos, con valentía e entusiasmo,

    á responsabilidade de coidar a terra enteira.

    Que o manancial da tenrura e a compaixón

    mane sen parar dentro de nós,

    ata que poidamos probar os gozos e as bágoas de quen camiña con nós.

    Que espertemos cada mañá serenos e agradecidos,

    e que as nosas palabras e feitos, pequenos e grandes,

    proclamen que todo é graza, que todo é don.

    Que o noso espírito estea alerta

    para descubrir o querer de Deus en todo momento.

    Que a nosa oración sexa encontro de vida, de sabedoría

    e de entendemento dos camiños de Deus para nós.

    Que a nosa vida se mesture coa masa

    e faga fermentar este mundo no que vivimos,

    para que sexa novo e tenro.

    E que a bendición do Deus que sae ao noso encontro,

    que é a nosa roca, o noso refuxio, a nosa forza, o noso consolo

    e o noso apoio en todo momento, chamémolo ou non,

    descenda sobre nós e nos garde de todo mal.


     

    CANTOS


     

    Panxoliñas

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...

4 advento 2024

    HUMILDES CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA SINXELEZA ACOLLEDORA SINAL DE ADVENTO Completamos o noso berce.   CANTO GOZOSO o    ENTRADA:  Volve Señor (Nº 90) o    LECTURAS:  Vén axiña visitarnos (Nº 86) o    OFERTORIO:  Recibe, Señor (Nº 31) o    COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   OLLOS DE ESPERANZA              Belén era unha aldea pequeniña, un lugar que pasaba totalmente desapercibido e que semellaba pouco ou nada importante. Ata que unha noite converteuse en lugar de salvación e acollida, porque alí naceu o Fillo de Deus. Neste cuarto e derradeiro domingo do Advento, Belén quere ser para todas e todos nós un recordatorio claro de que Deus está no sinxelo, no humilde, na xente máis esquecida e que, ao igual que Belén, é moitas veces invisibilizada e marxinada.    CORAZÓN MISERICORDIOSO ·      ...