Ir al contenido principal

Domingo 19 TO 2010

O TEMPO QUE PERDECHES POLA TÚA ROSA É O QUE A FIXO TAN IMPORTANTE

(O Principiño)

PÓRTICO

Inmersos nunha cultura na que todo é efémero, na que a todo se lle pon data de caducidade, a Palabra segue a falarnos de constancia, insistencia, esforzo, paciencia... valores todos eles á baixa nesta sociedade de "mercaderes" na que temos convertido o mundo. E claro, a Igrexa, que forma parte del, non queda allea a este mercadeo: todo se rebaixa con tal de non perder número, e en pouco se ten a calidade. Que máis dá se detrás da celebración dun sacramento hai ou non fe!. Que máis dá se a preparación foi pausada, comunitaria, integradora da persoa na vida social e na comunidade cristiá!. Que importa que reduzamos a vivencia da fe a unha pura pastoral funeraria, pero que proporciona moitos e bos beneficios!. Que importa cales son as motivacións que hai detrás e animan a pedir da Igrexa isto ou aquilo!. Que... Deste xeito acabamos tamén nós máis agoniados polo número que pola calidade. Impórtanos máis ser moitos, que ser doutro xeito, ir contracorrente, loitar e esforzarse por outra Igrexa posible. Diante desta tentación, tantas veces consentida, o Señor que nos convoca invítanos á constancia, ao esforzo, á sinceridade das opcións e decisións en todos e cada un dos ámbitos da vida. Que nunca o esquezamos.

O PERDÓN

  • Por non ter sabido descubrir que o corazón da xustiza de Deus está na fe e que o núcleo central da fe é a xustiza, SEÑOR, GÁRDANOS Á TÚA SOMBRA.
  • Porque moitas veces somos quen de pedir moitas cousas pero non estamos dispostos a dalas, ou se as damos, cobramos xuros e débedas eternas. CRISTO, GÁRDANOS Á TÚA SOMBRA.
  • Polas veces nas que os noso arroutos teñen levado tristeza e desasosego a cantos viven ao noso lado, SEÑOR, GÁRDANOS Á TÚA SOMBRA.

REMUÍÑO

Nunha sociedade ferida por tantas inxustizas e abusos, onde medran as silveiras dos intereses e das rivalidades, onde agroman tantos toxos de xenreiras, discordias e agresividade, son necesarias persoas sas que dean outra clase de froitos. A pregunta entón sería: que podemos facer cada un e cada unha de nós para sandar un pouco a convivencia social?. Quizais cómpre empezar por non facerlle a ninguén a vida máis difícil do que xa é. Esforzarnos por vivir de tal xeito que alomenos onda nós a vida sexa máis humana e levadeira. Non envelenar o ambiente co noso pesimismo, a nosa amargura e a nosa agresividade. Crear ao noso redor unhas relacións distintas, baseadas na confianza, na bondade e na cordialidade. Saber acoller e comprender, non xulgar nin condenar sen compaixón. Xunto a nós hai persoas que sofren inseguridades, incomprensión, soidade.... como lle ocorría á viúva do evanxeo, e que precisan abrirse aos demais e que alguén as escoite.

Pero, por desgraza, entendemos que estas cousas non pertencen ao eido da fe. Así, se analizamos ben o sentir común de moitos cristiáns, decatarémonos de que cos seus feitos dan a entender que a moral cristiá é unha moral que esixe cousas moi afastadas da vida cotiá e da xustiza. As cousas ordinarias, as realidades diarias, as tarefas e as implicacións sociais ou persoais… quedan fóra desta fe que, para eles, é outra cousa. Así, moitos pensan que as obrigacións das leis de tráfico son unha cuestión civil; pero non moral. Moitos tentan defraudar e mesmo defraudan a facenda na súa declaración da renda, porque isto, como ben sabemos, non ten que ver en absoluto coa moral cristiá. A corrupción administrativa e xurídica, as recomendacións de calquera tipo, o tráfico de influenzas, as inxustizas nos procedementos administrativos e legais tan comúns no noso mundo e nos nosos días, teñen como protagonistas a cristiáns que din ter a conciencia tranquila, porque a moral é outra cousa. As relacións laborais (cheíñas de abusos), o compromiso político, o paro, a fame no mundo, o subdesenvolvemento, o maltrato á muller, a discriminación… son cuestións irrelevantes desde o seu punto de vista, porque… a moral cristiá refírese a outras cousas. O resultado?. Un auténtico caos. Moitos cristiáns acúsanse compunxidos de faltar á Misa un domingo, mesmo de ter actuado contra do sexto mandamento; porque é a estes dous aspectos ou a dun deles aos que relegan a moral cristiá. Así, non consideran inmoral explotar aos demais, non tomar en serio o seu compromiso, non formarse máis alá do cristianismo infantil no que están situados, non dar testemuño, non compartir bens e talentos, non participar na vida da Igrexa, non traballar pola igualdade de xéneros…Desgrazadamente, resúltanos doado casar fe e sacramentos, fe e actos de piedade, fe e relixión... pero non fe e xustiza, cando resulta que son dúas realidades parellas.

Hoxe, a palabra que vimos de escoitar invítanos, unha vez máis a que nunha oración pausada, reflexiva, sinxela, descubramos que o Deus no que cremos é:

  • apoio dos pequenos fronte do poderosos
  • xenerosidade, tenrura, festa...
  • gratuidade dos desacougados
  • esperanza dos que son ninguneados
  • afecto dos que se senten oprimidos
  • alento dos que son silenciados

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Invítasnos hoxe a descubrir a paciencia, que non é submisión, como virtude fundamental no desenvolverse da nosa vida. Dispostos a poñela en práctica, e sabendo aprender de cantos foron capaces de ila vivindo con cada un e cada unha de nós, dicímosche:

QUE EVANXELICEMOS COA NOSA VIDA

  • Oramos como Igrexa, que sempre disposta a que se faga a túa vontade, traballa arreo para liberar das súas cangas a todas as persoas que se senten atenazadas pola dor, a tristura, a desesperanza, o desamor, OREMOS.

QUE EVANXELICEMOS COA NOSA VIDA

  • Oramos para que no medio das nosas comunidades aprendamos a ser pacientes, reflexivos, respectuosos, solidarios, alegres… e sempre dispostos a aprender dos que teñen vivido sen desesperar nin deixarse levar do interese e da obtención de beneficios e do engano dos veciños, OREMOS.

QUE EVANXELICEMOS COA NOSA VIDA

  • Oramos para que nós saibamos valorar e aprezar o tempo de calidade que levou ás persoas que nos queren a, con paciencia e sen angustia, irnos mostrando o rostro de Deus do que nos fala Xesús: ledo, agarimoso, esperanzado, solidario, sinxelo, cheo de amor… a través do seu xeito de facer as cousas e darse aos demais, OREMOS.

QUE EVANXELICEMOS COA NOSA VIDA

Grazas, Xesús, por poñer diante de nós a túa Boa Nova de salvación que nos dá vida e ilusión no noso camiñar cotián. PXNS.

PARA A REFLEXIÓN

Eu xa te busquei

cando o mundo era pedra intacta,

cando as cousas buscaban os seus nomes,

eu xa te buscaba.

Eu xa te chamei

cando só a voz do vento soaba,

cando o silencio chamaba polas verbas,

eu xa te chamaba.

Eu xa te procurei

no comezo dos mares e das chairas,

cando Deus procuraba compañía,

eu xa te procuraba.

Eu xa te chamei

cando só a voz do vento soaba,

cando o silencio chamaba polas verbas,

eu xa te chamaba.

Eu xa te namorei

cando o amor era unha folla branca,

cando a lúa namoraba os altos cumes,

eu xa te namoraba.

Sempre,

desde a neve dos tempos.

Sempre

na túa alma.

(C.Emilio Ferreiro)

CANTOS

  • ENTRADA: Vinde axiña
  • LECTURAS: Escoita ao Señor
  • OFERTORIO: Sede o sal
  • COMUÑÓN: No colo da miña nai

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...