Ir al contenido principal

Advento é amor

En tempo de crise, Advento é Amor

Signo: Colocamos o segundo dos pétalos en forma de corazón do logotipo de Cáritas.

PÓRTICO

O protagonista por excelencia deste segundo domingo de Advento é Xoán Bautista, un home que a pesares de que non pertencía a xerarquía algunha e de que non posuía poder, cartos ou autoridade é o único que escoita a Palabra de Deus.

Tamén hoxe un berro doloroso resoa no noso mundo. É o clamor dos pobres, dos indefensos, dos parados, dos atropelados pola inxustiza, dos anciáns, dos humillados, dos manipulados, dos emigrantes, dos que viven nun sensentido... E a súa voz, coma a de Xoán Bautista, ten que urxirnos a socializar máis a nosa vida e a empeñarnos en proxectos e camiños novos que pairan unha nova sociedade, organizada non en función dos intereses duns privilexiados, senón das necesidades dos débiles e indefensos. Esa voz que fala de converterse, de endereitar, de igualar.... é a que nos convoca nesta mañá para que, deixando atrás tanto lastre que nos impide avanzar, descubramos o fundamental e o eixo central das nosas actuacións, que é sempre a persoa, e para que non esquezamos que "En tempo de crise, Advento é amor".

O PERDÓN

  • Polas veces en que non nos abrimos á novidade e preferimos quedarnos no cómodo do "sempre se fixo así", SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á CONVERSIÓN..
  • Porque moitas veces non somos capaces de renunciar ao que temos a prol dos demais, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á CONVERSIÓN.
  • Polas veces en que somos fonte de división e de enfrontamento coas nosas palabras, mentiras, e falsas aparencias, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á CONVERSIÓN.

REMUÍÑO

  • A mensaxe que cremos é clara e contundente, non anda con medias tintas nin tampouco con rebaixas. Así, diante do pensamento "líquido" deste noso tempo, no que todo parece ser sempre bo, no que a economía é a que move os fíos da sociedade, no que o individualismo é o pan de cada dia, e onde escoitamos tantas veces que o importante é o que un pensa, sen importar a situación dos outros, a túa Palabra dinos: "non xulgará por aparencias nin sentenciará de oídas, defenderá con xustiza ao desamparado, con equidade ao pobre". Será certo?. Entón, segundo a túa Palabra, non todo é o mesmo, nin tampouco todo é bo. Os centros do que cremos e desde onde temos que vivir son o compromiso cos pobres e os excluídos, aqueles aos que se lles vai deixando á beira. Que difícil, Señor!. Co doado que sería reducido todo a unhas misiñas e a unhas esmolas...... Que maneira de complicar as cousas con tanta xustiza social e tanta mandanga. Porque prepararse para acollerte, converter o Advento en tempo de salvación, non é máis que pararnos a pensar sobre a nosa opción para encauzar desde aquí a nosa vida. Así poderemos ir camiñando a ese mundo mellor onde "o lobo habitará co año". Por que deixamos que o año sexa comido polo lobo?. Non permitamos que outros nos fagan crer nun Deus que xustifica e encirra para o enfrontamento e a violencia sobre persecucións históricas e xenreiras enterradas.
  • Se temos os ollos ben abertos, e os oídos á espreita, non deixaremos que outros nos fagan crer o que Ti non queres nin alentas. E iso será posible se somos capaces de ir purificando aqueles comportamentos, aquel xeito de dicir e pensar que impide que nos "acollamos mutuamente". Descubramos, con paciencia e sentidiño este noso mundo, non empreñemos do aire, afinquemos os pés no chan e esforcémonos por ser críticos con todo aquilo que fai que moitas persoas non poidan sentir a dignidade que Ti nos deches, denunciando canto fai que se escureza a esperanza que alenta o noso camiñar cotián coa mesma forza coa que denunciamos a "persecución" á que estamos sometid@s.
  • Porque Deus segue a berrar neste noso mundo, deserto tantas veces de paz, acollida, encontro... nós, coma Xoán, temos que esforzarnos cada día para que a nosa vida se vaia purificando e limpando de todo o que nos fai infelices, sabendo que non podemos pedir a Deus o que non estamos dispostos a darlle aos irmáns. Porque neles está Deus, camiñemos con eles na acollida, a axuda, o compromiso parroquial e veciñal en cousas solidarias... Camiñemos para que o Advento sexa verdadeiro camiño de conversión e para que, neste tempo de crise, sexa camiño de amor para todas as persoas que comparten a nosa vida.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Porque o amor é a mellor das respostas coas que podemos prepararnos para acollerte, dicímosche xuntos:

QUE NUNCA TEÑAMOS CRISE DE AMOR

  • Porque queremos facer da Igrexa comunidade asentada na esperanza, e sempre chamada á conversión, OREMOS

QUE NUNCA TEÑAMOS CRISE DE AMOR

  • Polas nosas comunidades, para que este tempo de Advento sexa verdadeiramente camiño de conversión que nos axude a limar esas aristas que fan que outros tropecen e se manquen cando se atopan con nós, OREMOS.

QUE NUNCA TEÑAMOS CRISE DE AMOR

  • Porque na nosa vida recoñecemos lagoas que nos impiden facer reinado de paz, amor e misericordia a nosa relación coa familia, cos veciños e con cantos necesitan de nós, OREMOS

QUE NUNCA TEÑAMOS CRISE DE AMOR

Señor, que saibamos ir deixando atrás canto nos fai seguir camiñando na escuridade e impedindo poder comezar a descubrir que a luz é esperanza e máis amor. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN

Señor, co salmista, pedímosche:

que nos seus días floreza a xustiza,

que cada día progrese o entendemento e a paz,

que se multipliquen os profetas da non-violencia,

que a naiciña terra sexa respectada e cultivada,

que as persoas se atopen e os pobos se solidaricen,

que os nenos e os anciáns sexan queridos e valorados,

que as persoas paradas atopen traballo,

que ninguén, nin os de dentro nin os de fóra, se sintan estraños,

que non endeusemos as cousas nin compremos a felicidade nos mercados,

que a familia sexa un valor ben estimado,

que demos e defendamos a vida,

que non queiramos vivir por riba das nosas posibilidades,

que non queiramos ser felices a costa do sufrimento dos demais,

que saibamos vivir ao xeito do Mesías, o Fillo das Benaventuranzas.

(Cáritas. "Hoxe....estou á túa porta e chamo)

CANTOS

  • ENTRADA: Vén axiña visitarnos
  • LECTURAS: Preparade o camiño ao Señor
  • OFERTORIO: Ti es camiño e verdade
  • COMUÑÓN: Xesús chamado amigo/Maranatá

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...