Ir al contenido principal

En tempo de crise, Advento é Amor

Signo:
Nun taboleiro colocamos unha cartolina na que pegamos ou escribimos a frase que eliximos como lema para o Remol ao longo de todo o tempo de Advento: "En tempo de crise, Advento é amor". Farémolo deixando un oco no centro. Logo, ao longo de cada un dos catro domingos iremos axuntando no oco que deixamos un dos pétalos en forma de corazón que conforman o logotipo de Cáritas. Deste xeito, ao final do tempo de Advento, e como remate do camiño de renovación interior ao que nos invita este tempo forte que agora iniciamos, presentarémoslle ao Deus que nace en nós e no mundo un corazón, noso e de tod@s, expresión do amor co que queremos ir loitando contra da crise, non só económica, que estamos a vivir.

(Para darlle unidade a este tempo litúrxico, utilizaremos a mesma resposta no perdón e na oración da comunidade durante os catro domingos. Asemade, tamén propoñemos os mesmos cantos ao longo de todo o tempo).

PÓRTICO

Un dos grandes problemas da nosa sociedade quizá sexa o da monotonía, a rutina, a falla de ilusión. Témolo todo e todo nos aburre: grandes charlatáns, grandes proclamas publicitarias, tanta crise que non dá pasado… Faltan ilusión e esperanza na nosa vida, necesitamos espertar do soño da nosa mediocridade, da nosa monotonía e apatía. O Advento que comezamos hoxe é un tempo de soños e promesas, unha luz que rompe a noite da desesperanza. Catro corazóns que iremos mostrando como un camiño, o camiño do AMOR, o camiño de Xesús. Catro corazóns que queren expresar o amor de Deus que chega para todos as persoas e que se nos vai mostrando neste tempo. Oxalá sexamos quen de experimentalo e de dalo aos demais de xeito renovado e dinámico.

O PERDÓN

  • Porque queremos camiñar polos vieiros que renoven e ilusionen a nosa vida, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á CONVERSIÓN.
  • Porque queremos esforzarnos para que a túa visita atope a casa do noso corazón e da nosa vida limpa e preparada para acollerte, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á CONVERSIÓN.
  • Porque estamos dispostos a limpar os oídos para poder escoitar, con claridade e sen interferencias, a túa voz que nos fala de preparar camiños e desterrar indiferenzas. SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á CONVERSIÓN

REMUÍÑO

  • ADVENTO SEMPRE NOVO: Comezamos, un ano máis, o tempo do Advento, tempo de espera e esperanza, tempo de ser conscientes da nosa vida, de que vivimos non na rutina e no tedio senón na consciencia do noso compromiso como cristiáns. Pero teñamos coidado para que este tempo non quede só no externo, no pasaxeiro. Advento é algo máis, advento é unha actitude profunda. Advento é dicir vixilancia, espera, compromiso, valentía, alegría, sinxeleza, paz e amor. Advento é saír dun mesmo e arriscar na busca de Xesús no outro. Advento é unha busca constante para atoparnos a nós mesmos, para ilusionarnos e ser capaces de darnos, de amar: para erguer ao que está caído, para poñer palabras de consolo, para encher tanta soidade e tanto corazón baleiro. Ser profetas de tempos novos, de ilusión.. de Amor.


 

  • ADVENTO É ESPERA: Neste tempo convén que nos preparemos para ser humildes, agradecidos, confiados. A paciencia axudaranos a madurar, a fortalecernos, a crecer. Tan fartos estamos de non pensar, de pasar pola vida polo aire, que convén que nos paremos, que fagamos un descansiño para ser conscientes da realidade. E esta paciencia fai que tamén esperemos desexando. Desexando que a nosa vida sexa unha entrega, que o Reino se faga presente xa agora, que a Igrexa se renove á luz dos máis pobres e que ante todo, este Advento sexa un tempo de graza. Desexamos a xustiza. A xustiza é a plenitude do amor, é o reino que vén a todos nós. A xustiza que leva a comprometernos dende o pequeno da nosa vida, dende o cotiá. Sen correr o perigo de botarnos atrás por non ver os resultados. Unha gran cantidade de pequenos compromisos transforma o mundo e ademais, non estamos sos, por iso queremos:
    • Recoñecer a nosa pobreza, o nos baleiro.
    • Recoñecer que nós sos non podemos acadar as nosas metas.
    • Ser persoas de grandes desexos.
    • Ser pacientes e perseverantes e non caprichosos.
    • Estar vixiantes e atentos a calquera xesto, voz ou pisada cos ollos e os oídos ben abertos... non sexa que nos pase a oportunidade.

    Esperamos a xustiza plena, Xesús. Esperamos un mundo mellor. Esperamos que todos sexamos irmáns e irmás por riba de nacionalidades, crenzas e ideoloxías. Esperamos o triunfo do amor... que hoxe queremos facer visible con este primeiro pétalo do noso corazón do Advento.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Porque o amor é a mellor das respostas coas que podemos prepararnos para acollerte, dicímosche xuntos:

QUE NUNCA TEÑAMOS CRISE DE AMOR

  • Que na Igrexa aprendamos tod@s a poñer amor onde hai separación, buscando tender pontes e superar fendas, OREMOS.

QUE NUNCA TEÑAMOS CRISE DE AMOR

  • Para que, desde as nosas comunidades, este tempo de advento sexa un tempo que se vaia abrindo en nós, levándonos a camiñar na luz; a luz que nos descubre que no mundo no que vivimos, tod@s sen excepción, temos moita tarefa por facer, OREMOS.

QUE NUNCA TEÑAMOS CRISE DE AMOR

  • Porque queremos facer deste tempo de Advento un tempo de revisión persoal, que nos leve a descubrir que son moitas as cousas que temos que deixar atrás para poder entender que a Luz chega tendo nome: Xesús, Oremos.

QUE NUNCA TEÑAMOS CRISE DE AMOR

Señor, que saibamos ir deixando atrás canto nos fai seguir camiñando na escuridade e impedindo poder comezar a descubrir que a luz é esperanza e máis amor. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN

Este é o tempo da espera, do desexo e da ilusión.

É un tempo de ollos abertos,

de olladas longas coma o abrente

e de pasos lixeiros por outeiros e vales.

É o tempo das salas de espera,

dos soños bos que soñamos

e dos embarazos da vida.

É tempo de anuncios, pregóns e sobresaltos,

de vixías, gardiáns e carteiros,

de trobadores e profetas.

É tempo de pobres e emigrantes,

de cadeas e cárceres rotos

e de follas con boas novas.

É tempo de Isaías, Xoán Bautista e María;

e de Xosé quitando pantasmas,

embarcado na aventura e pasando as noites en vela.

En tempo de crise..... Advento é tempo de amor.

CANTOS

  • ENTRADA: Vén axiña visitarnos
  • LECTURAS: Preparade o camiño ao Señor
  • OFERTORIO: Ti es camiño e verdade
  • COMUÑÓN: Xesús chamado amigo/Maranatá

Comentarios

Entradas populares de este blog

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...