Ir al contenido principal

2 domingo 2011

Nun mundo cargado de luces e sombras, deixémonos iluminar pola luz que non cega

Pórtico

    A sociedade da que formamos parte insiste tanto en vestir todo de luz, que moitas veces o exceso acaba cegándonos. É unha cegueira que leva a que vaiamos dando tombos dun lado ao outro sen atopar o noso verdadeiro sitio. E iso pode acabar converténdonos en monicreques. Porén, Xesús, preséntasenos coma a luz que sabe respectar ao que vén de fronte, coma a luz que sabe iluminar sen molestar; ao contrario, a súa luz mesmo fai posible que moit@s que nin o coñecen nin son dos del, acaben sendo iluminados por ela. Que esta luz que vai facendo que non trabuquemos o camiño, nos acompañe nas nosas decisións, e sexa tamén luz para cantos no mundo de hoxe se atopan perdidos.

Perdón

  • Polas veces nas que nos deixamos cegar polas luces da aparencia e da falsa felicidade, SEÑOR, GRAZAS POR SER LUZ.
  • Polas veces nas que o noso saúdo non é de acollida, senón de violencia, CRISTO, GRAZAS POR SER LUZ.
  • Polas veces nas que non deixamos que a túa luz ilumine a nosa vida, SEÑOR, GRAZAS POR SER LUZ.

Remuíño

  • Como di o profeta Isaías, "Deus
    convértese en luz das nacións". A luz que vai iluminando, ás veces con distancias moi curtas, pero sempre iluminando, o camiño de cada un de nós. E as distancias son curtas porque as nosas confusións, o noso non saber escoller o camiño adecuado, o vernos superados por problemas e dificultades, fainos moitas veces persoas que se deixan levar polos acontecementos, polo día a día, perdendo a perspectiva de que os verdadeiros proxectos, e o de Deus para con nós o é, son de percorridos longos e vanse facendo no tempo, sen esgotarse no aquí e agora de cada un. Esta falta de perspectiva á hora de situar, analizar, a nosa vida, é o que vai facendo que as distancias que a Luz de Deus vai iluminando sexan en nós moitas veces curtas, demasiado curtas, o que nos leva a vivir nun constante e continuo desacougo, inseguridade ou desconfianza. Deus está, pero nós xa non o vemos máis que nos resultados. Uns resultados aos que lle damos nome: solución aos problemas concretos de cada un, como se fose un "tapa-furados", a modo do produto milagre que o soluciona sempre todo. Porén, o texto da profecía fálanos dun Deus que nos escolle e encomenda unha misión, un Deus que se converte en forza; unha forza persoal que se mostra no quefacer da comunidade/s que día a día realizan proxectos que superan calquera tipo de egoísmo ou de utilización interesada. Deste xeito as comunidades séntense arroupadas pola presenza do Señor e polo agarimo dos seus membros entre si e para os demais. Por iso a súa presenza é presenza salvadora, manifestada a través dos ollos que miran, os oídos que escoitan, o corazón que acolle e as mans que se esforzan para levar conforto a quen non o ten e xustiza a quen dela se sente necesitado. Conforto e xustiza que converten ao Deus, en cuxas mans poñemos a nosa vida, en Solidariedade continua e permanente. Onde haxa un irmán/á ao que lle falte a luz do consolo e a esperanza, alí temos que estar, máis alá do idioma que falemos, o continente ao que pertenzamos ou a relixión que profesemos, coas mans ben abertas os cristiáns, porque isto si que é a salvación de quen nos trae a luz.
  • E, con confianza, sabendo que onde estamos nós tamén está El, acudimos dispostos a facer a súa vontade. Unha vontade que non quere o externo, senón dispoñibilidade; non quere que sexamos moitos ou esteamos ben vistos, senón capacidade de romper prexuízos e dar pasos cara quen pode estar necesitado de nós. E iso non se pode facer se non é desde o corazón, non con rutinas ou tradicións externas e das que xa descoñecemos o seu significado. O que en palabras que todos poidamos entender supón que perdemos o medo para dicir a verdade, que como nos di o salmo: "proclamei a túa xustiza diante da grande asemblea, non pechei os meus labios". Que tampouco nós pechemos os labios cando vexamos que hai situacións de inxustiza, persoas ás que se as marxina, mentiras que buscan aproveitarse do demais ou utilización da boa vontade das xentes para que os máis "avispados" saquen tallada. Deste xeito, a graza e máis a paz de Cristo, coas que Paulo nos saúda hoxe no comezo da carta aos Corintios, serán tamén a nosa paz e a nosa graza.
    • Neste descubrir como temos que estar no medio do mundo non estamos solos. Un compañeiro vai sendo o que nos segue a mostrar a luz no camiño:o Espírito, para que, como ocorreu con Xoán, tamén nós poidamos, coa nosa maneira de facer e dicir as cousas, dar testemuño de Xesús, o Fillo que pasou facendo o ben.

Oración da comunidade

    No compartir comunitario da fe e máis da vida, poñemos nas mans de Deus, a nosa luz, proxectos e esperanzas, e dicimos xuntos:

SEÑOR,ACOMPÁÑANOS NO CAMIÑO

  • No medio dun mundo cheo de tantas sombras, a luz da fe quere ser resplandor que nos mostre o camiño. Para que na Igrexa nunca esquezamos que esa luz é Cristo, non os curas, bispos ou papa, Oremos.

SEÑOR,ACOMPÁÑANOS NO CAMIÑO

  • Dentro das nosas comunidades parroquiais van aparecendo moitas sombras: enfrontamentos, violencia, desatención, soidade, exclusión… Algunhas destas sombras poderíamos evitalas se tiveramos presente que como crentes, nós temos que ser movemento de misericordia e entendemento. Para non esquecelo máis veces, oremos.

SEÑOR,ACOMPÁÑANOS NO CAMIÑO

  • Cada un de nós sentimos en bastantes ocasións a falta de luz naquilo que facemos e nos nosos proxectos, o que nos provoca inseguridade e desconfianza. Porque non queremos deixarnos levar por canto nos afasta da túa luz, Oremos.

SEÑOR,ACOMPÁÑANOS NO CAMIÑO

    Grazas, Señor, por ser luz no camiño que cada día imos realizando. Que saibamos compartilo con cantos, coma nós, están dispostos a non facelo en soidade. P.X.N. S. Amén.

Reflexión

Somos construción de Deus,

non nos pertencemos,

somos cidade no alto.

É absurdo pretender agocharse…

Estamos feitos todos e todas

para a colaboración mutua,

para a iluminación mutua,

para o reforzamento mutuo.

Somos feitos para a comunidade,

para dar e recibir,

luz,calor,ánimos, ideas…

A primeira luz son os feitos bos,

non as palabras;

e o fin non é o propio lucimento,

senón a bendición de Deus.

(Manuel Regal, A graza…)

Cantos

  • ENTRADA: Con ledicia vamos todos ao altar
  • LECTURAS: Aquí estou, Señor, para facer a túa vontade
  • OFERTORIO: Sede o sal, sede a luz
  • COMUÑÓN: Oh, Señor, escólleme

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...