Ir al contenido principal

5 domingo TO 2011

Nin luces de neon nin lámpadas de baixo custo. Unha única e sempre activa luz: Xesús de Nazaré

Pórtico

Nunha sociedade plural coma a nosa, e diante dun clima social indiferente ao relixioso, moitos cristiáns terminan por vivir a súa fe cunha especie de complexo de inferioridade. Séntense crentes no máis fondo do seu corazón; pero non se atreven a confesarse como tales diante dos demais, nin no seu ámbito profesional nin nos seus círculos sociais.

Porén, nun tempo no que tanto se fala de autenticidade, sería un contrasentido que os crentes ocultaramos as convicións que poñen luz e sabor na nosa vida.

Entre o cristián intolerante e agresivo (que tristemente tanto prolifera) e o cristián acomplexado e avergoñado, está a persoa de fe, que sabe presentar e testemuñar a súa propia experiencia de crente dun xeito sinxelo e profundo. A nosa sociedade precisa destas persoas mensaxeiras do Reino, testemuñas que demostren que a vida pode ser vivida con dignidade e confianza, con fondura e esperanza, con ledicia e positividade.... sempre que sexamos conscientes de que somos sal e luz desde o amor e a xustiza.

Perdón

  • Moitas veces a nosa preguiza non quere que abramos os ollos, impedíndonos ver que o mundo que formamos necesita a luz da honestidade e da sinceridade, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE ABRAMOS OS OLLOS Á TÚA LUZ.
  • Moitas veces a nosa preguiza non quere que abramos os ollos, impedíndonos ver que o mundo que formamos necesita a luz da xustiza e da solidariedade, por iso che pedimos, CRISTO, QUE ABRAMOS OS OLLOS Á TÚA LUZ .
  • Moitas veces a nosa preguiza non quere que abramos os ollos, impedíndonos ver que o mundo que formamos necesita a luz da non violencia e do perdón, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE ABRAMOS OS OLLOS Á TÚA LUZ.

Remuíño

  • A vida cristiá non é un conxunto de principios que hai que cumprir para non caer no pecado; tampouco é unha ideoloxía pechada que nos impide abrirnos ao diálogo con outras persoas que pensan ou senten de xeito distinto a nós; nin sequera é unha suma e normas e obrigacións que hai que levar a cabo por riba das persoas e do que a elas lles pasa. Non, a fe cristiá é un camiño que se vai facendo día a día desde o amor a un mesmo, aos demais, ao mundo, e porque todo iso ten coma orixe e coma meta a Deus, é un camiño que nos leva e abre a El. Polo tanto, cando dicimos que nós temos fe, que rezamos, e que nos reunimos coa comunidade para agradecer e compartir, o que queremos dicir é que o Deus no que cremos, o Deus de Xesús, é o Deus da salvación, da acollida, do perdón… do respecto e da dignidade das persoas. Por iso é luz que mostra o camiño, forza que alenta cada un dos nosos días e esixencia para non permitir que os verdugos saian gañando ás vítimas. Que Deus sexa luz ten que abrirnos ao entendemento, ten que facernos pensar e levar a clarificar que a fe non pode ser sustento de estómago agradecido que cala diante de situacións nas que as vidas das persoas son minusvaloradas e maltratadas. A luz da fe é tamén a luz da claridade e a de tomar, sen medo, decisións que leven a sacar a quen o está a pasar mal da súa dignidade non respectada.


 

  • El é a luz que rompe a aurora. El está no comezo do día, de cada un dos días de todos e todas nós. É aurora que nos di cal é o camiño polo que temos que ir andando con ollos abertos, sen deixarnos enganar por ninguén e superando a tentación de ser nós os que enganemos aos outros. Unha aurora que nos invita a ser xustos, conformes con nós mesmos e co que facemos aos demais. A xustiza que nos fai saír, ou non caer, na tristura, interior e exterior, das tebras que pechan horizontes, poñen o ter por riba da dignidade do ser de cada persoa ou confunden a cantos se deixan levar polo camiño cómodo e fácil de quen, sen esforzo, engana, maltrata, silencia ou domina, sen respectar a liberdade nin atender a que o sentido da vida non está na tebra do ter moito, senón na luz do compartir con máis.


     

  • Nós somos hoxe, tamén o fomos onte e outros o serán mañá, luz no medio dun mundo que tantas veces anda confundido e mesmo perdido. Un mundo no que, aparentemente, só aparentemente, os máis "espabilados" son os que gañan. Pero non, inda que nos custe crelo, o mundo non é dos "lerchos" –flor dun día– senón dos constantes, dos que non tiran a toalla diante das primeiras dificultades, dos que non se renden a pesares que a fidelidade do que cren e @s fai feliz, supoña que outros se rían, os deixen de lado ou os acusen de beatos e fanáticos. A Luz, Cristo é para honestos, sinceros e coherentes, que sen crerse máis ca ninguén e acusar a outros de cómo son, fan coa súa vida unha presenza de convición e verdade, que nos leva a dicir cada alba: grazas, Xesús, por ser luz e forza.

Oración da comunidade

Porque es luz que fai que non confundamos o camiño, dicimos xunt@s:

QUE A MISERICORDIA ILUMINE A NOSA VIDA

  • Pola Igrexa, que camiña neste mundo alumeando á vida das persoas, para que non caia na tentación de mostrar camiños que só busquen a súa autocomplacencia e o quedar ben con todos, OREMOS.

QUE A MISERICORDIA ILUMINE A NOSA VIDA

  • Para que nas nosas comunidades tomemos en serio a afirmación de que somos crentes e seguidores de Xesús, e saibamos ser luz para tantos veciños e amigos que, camiñando na escuridade da dor, do abandono, da tristura, da desesperanza..., agardan de nós acompañamento e amizade, OREMOS.

QUE A MISERICORDIA ILUMINE A NOSA VIDA

  • Por todos nós, para que nos caiamos na tentación de manipular e aproveitarnos dos demais, senón que pola contra busquemos sempre o seu ben, sendo conscientes de que se non somos luz e sal nas súa vidas, non seremos verdadeiros cristiáns, OREMOS:

QUE A MISERICORDIA ILUMINE A NOSA VIDA

Señor, grazas por ofrecernos a capacidade de abrirnos á misericordia do Deus que se presenta sempre como luz que nos vai mostrando cal é o noso camiño. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN

Señor:

Ti ofrécesnos ser luz desde dentro,

silveiras ardentes nas soidades do deserto que buscan o futuro,

remol do fogar que xunta aos amigos compartindo pan e peixes;

lóstrego profético que rache a noite, tan dona da morte.

Ti ofrécesnos ser luz do pobo,

fogueiras de Pentecostes.

Ser lumieiras en Ti, que es luz da nosa vida.

CANTOS

  • ENTRADA: Traede para quen escoite
  • LECTURAS: Como che cantarei
  • OFERTORIO: Sal do mundo

COMUÑÓN: Ide e pregoade

Comentarios

Entradas populares de este blog

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...

Cristo Rei 2025

  UN REI DE SERVIZO NUN MUNDO PRECISADO DE ACOLLIDA E ESCOITA: XESÚS CRISTO CANTO GOZOSO   ·        ENTRADA .- Que ledos hoxe estamos (  ) ·        LECTURAS .- Moito me alegrei (  ) ·        OFERTORIO.-  Na nosa terra ( 36 ) ·        COMUÑÓN.-  No colo de miña nai   ESCOITA ACTIVA          Remata hoxe o ano litúrxico que comezabamos o primeiro domingo de Advento, hai xa un ano. Un ano de ledicias e tristuras, de esperanzas e desacougos, de loitas e cansazos, pero sempre guiados pola forza e a presenza de Xesús o Mestre, aquel que pasou facendo o ben e tendendo a man a quen ía atopando ao longo do camiño.          E hoxe, como remate deste camiñar, celebramos a festa de Cristo Rei coa que queremos poñer de manifesto que o seu r...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...