Ir al contenido principal

REMOL BAUTISMO SEÑOR 2011

Sen Ti non somos nós......

e sen ti, tampouco

PÓRTICO

Xa chega ao final o tempo de Nadal. E máis alá da contaminación consumista que leva ao gasto, moitas veces desmesurado e innecesario, para os cristiáns foi un tempo de graza, de vida, de renovación: Deus, o Salvador, asume a nosa condición humana, quere camiñar á nosa beira sufrindo e gozando con nós. Non quixo quedarse á marxe, senón ser un máis. El é o que sempre está aí. Por iso nin o consumismo, nin a alegría superficial, nin o divertirse por decreto, porque o fan todos, porque toca, conseguirán apagar o gran anuncio da salvación: Deus xa está entre nós.

Hoxe a celebración quere ser unha invitación a que lembremos que un día fomos acollidos no seo dunha comunidade para sentir a ledicia de ser e chamarnos seguidores de quen pasou polo mundo facendo o ben. Porque esa foi a súa invitación, reunímonos hoxe para compartir a calor agarimosa dos que nos sentimos necesitados de encontrarnos para comparti-la fe a encher a nosa vida de novas forzas.

PERDÓN

(Aspersión)

  • Para que a auga do bautismo nos limpe de canto nos fai infelices, SEÑOR PERDOA A NOSA INDIFERENZA.
  • Para que o óleo do bautismo reafirme o noso sentírmonos irmán se irmás, CRISTO, PERDOA A NOSA INDIFERENZA.
  • Para que a luz do cirio pascual sexa a que ilumine o camiño da nosa vida, SEÑOR, PERDOA A NOSA INDIFERENZA.


 

REMUÍÑO

A auga do bautismo introdúcenos nunha nova xeira: a xeira do amor, a xustiza e a paz. A xeira do Reino. Un Reino que se converte en tarefa e compromiso, e que é froito da decisión que un día tomaron por nós, e que logo persoalmente temos reafirmado, e desde onde somos invitados; mellor, urxidos, a poñer corazón e mans para que poida irse facendo. Por iso, tamén coma co Señor temos que dicir: "chameite con xustiza para que abras os ollos aos cegos, saques da prisión aos cativos e do cárcere aos que viven nas tebras".

Porque o bautismo nos abre a unha nova xeira, ninguén debe quedar á marxe. Todos estamos chamados a responder desde o novo horizonte que Xesús sementou, e de cuxa semente nós temos que ir dando froitos: "sen facer distincións". Fronte da tentación de distinguir, separar, apartar, facer a uns máis e a outros menos... El viu trae-la paz, a facer o ben, a curar aos oprimidos. Neste mundo no que os ricos son cada vez máis ricos, e os pobres cada vez máis empobrecidos, non nos queda máis remedio que deixar a un lado as escusas e pornos a traballar. Porque inda que a cousas empezou en Galilea, agora continúa, está a continuar aquí.

E a auga, non só símbolo, senón tamén forza e purificación, ten que ser para nós o medio polo que limpemos corazóns, reguemos esperanzas e ilusións, alentemos camiños de entendemento e xustiza, facendo que agromen, desde a forza do Espírito, utopías que nos vaian pondo no camiño da verdadeira liberación. Non permitindo que ninguén se autoproclame liberador de canto significa e supón cambiar o Evanxeo pola burocracia. Onde está a imaxe de cercanía, encontro, entendemento...da que hoxe se chama a Igrexa de Xesús?. Cales son as pontes de diálogo cos que pensan distinto?. De que xeito imos abrindo mans para que outros poidan collelas?. Porque a auga é máis que un rito, decidámonos dunha vez a dar pasos cara adiante!.

Xesús non quedou con Xoán, traía un novo estilo. Xoán gritaba, Xesús calaba; Xoán esixía conversión, Xesús pedía e ofrecía; Xoán aseguraba que o Mesías ía chegar, Xesús insinuaba: o Mesías chegou e vén coa paz. Xesús personalizou todo o que predicou. El será o camiño, a verdade e a vida. Que oportunidade temos todos de facer vida os compromisos do noso bautismo, un compromiso como o de Xesús. A que esperamos?.

RENOVACIÓN PROMESAS BAUTISMAIS

(Atendendo á festa que hoxe se celebra, no momento da confesión de fe, e lembrando o momento do noso bautismo, renovamos os compromisos que un día outros fixeron por nós, e que agora de xeito persoal e comunitario publicamente manifestamos.)

  • Cres en Deus, Pai de tod@s e Señor do perdón e da misericordia?
    • SI, CREO
  • Cres en Xesús, que pasou polo mundo facendo o ben, e que nos deixou unha mensaxe de compromiso solidario, xusto e dignificador da persoa humana?

    • SI, CREO
  • Cres na Igrexa, que camiña no medio do mundo, coa forza e a presenza do Espírito, para ser a voz dos sen voz e a man aberta e acolledora de todo aquel que se sente desprezado e explotado?
    • SI, CREO
  • Cres na resurrección como camiño e sentido de salvación, que fai que a nosa vida non se deixe vencer pola desesperanza e o desánimo?
    • SI, CREO

Este é a nosa fe, que xuntos acabamos de confesar e compartir uníndonos ao Deus que, facéndose un de nós, pasou polo mundo facendo o ben. Por Xesucristo o Noso Señor. Amén.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

No noso bautismo fomos un día acollidos no seo da comunidade cristiá. Hoxe, reunidos con esta mesma comunidade, compartimos e celebramos a fe na que aquel día comezamos a camiñar, por iso che dicimos:

GRAZAS POLO DON DA FE

  • Grazas, Pai, por darnos a oportunidade de formar parte dunha Igrexa que quere ser cada día máis fiel a túa Palabra liberadora e solidaria e que se vai realizando no servizo aos irmáns, por iso che dicimos:

GRAZAS POLO DON DA FE

  • Grazas, Pai, polas nosas comunidades, e pedímosche que no seu seo sexamos conscientes do que asumimos polo bautismo e o fagamos vida entendendo que só será posible dende a cercanía as persoas, especialmente ás que menos oportunidades teñan, dicímosche:

GRAZAS POLO DON DA FE

  • Grazas, Pai, por invitarnos a encher a vida de cada un e cada unha de nós de actitudes que unen, encontran, acollen, valoran e gozan de poder compartir a fe con cantos se senten necesitados de cariño, axuda e tempo solidario, por iso che dicimos:

GRAZAS POLO DON DA FE

Grazas, Pai, porque nos volves dar a oportunidade de que a túa auga sexa rexeneradora da nosa vida. Unha vida que chamas a ser ponte de unión e comuñón entre as persoas. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN

Sentimos, Señor, que estamos onde Ti queres que esteamos,

que nacemos para estar onde agora estamos,

que viñemos ao mundo para facer o que facemos.

De non ser así,

Ti teríasnos feito diferentes:

máis sabios ou máis pobres;

máis hábiles ou máis torpes;

máis tenros ou máis firmes;

máis fortes ou máis febles...

Ti,

que abriches o ceo para sempre,

que nos deches vida e nome,

que te mollaches para mollarnos,

que nos perfumaches co teu Espírito,

que nos fas saber a túa vontade,

que nos chamas "fillos e fillas" sen ter vergoña,

que nos bautizaches para comprometerte

e que te aledas de que esteamos onde Ti nos soñaches,

acouga o noso espírito

cando, ás veces, se nos ocorre

ao pesar as nosas vidas –o que facemos, as nosas vaidades-,

que poderiamos ter feito algo máis grande.

CANTOS

  • ENTRADA: Que ledicia a miña.
  • ASPERSIÓN: A auga do Señor.
  • LECTURAS: Escoita ao Señor
  • OFERTORIO: Ti es o pan do ceo
  • COMUÑÓN: Os bautizados levamos

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...