Ir al contenido principal

REMOL EPIFANÍA 2011

Sen Ti non somos nós......

e sen ti, tampouco

PÓRTICO

Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus sen os mostra a tod@s, sen reparar na nosa condición social, na cor da nosa pel, no xénero ou en calquera outra cousa. Deus móstrasenos como brazo sempre aberto para acoller sen exclusións e para darnos tódalas apertas posibles. Acaso isto non é máxico para ilusionarnos e ilusionar?. Pero tamén é día de verdadeira maxia, a maxia onde a ilusión, a sorpresa e a capacidade de sorprendernos non ten límites, tanto para os pequenos como para os grandes. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe.

PERDÓN

  • Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR.
  • Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR.
  • Señor, polas veces nas que nos fallan as formas e non somos capaces de acoller a maxia da túa mensaxe, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR.


 

REMUÍÑO

  • SOBRE TI RESPLANDECE O SEÑOR: Neste día da Epifanía –manifestación–, Deus móstrasenos de tod@s e para tod@s, sen poñer nin barreiras nin fronteiras que separen. A pesares de que o temos escoitado, e mesmo dito moitas veces, Deus, si, o que nace neno e se vai revelando en Xesús, non é o que pon dificultades, atrancos, leis… que lle van facendo a vida máis difícil aos que son de fóra, teñen menos ou non gozan de recoñecemento social. Non, non é Deus quen iso fai, senón nós. Nós que nos tomamos as cousas tan en serio que cando vimos á misa cústanos recoñecer que pedir perdón é deixar atrás e non gardar nada no cofre do rancor; nós que para non sentir vergoña non somos capaces de abrir as mans no Nosopai e dicirlle que nos pomos nas súas mans; nós, que cando damos a paz cústanos entender que debemos mirarnos aos ollos e dicir convencidos: "e contigo tamén"; nós que ás veces sentimos vergoña de cantar, esquecendo que o canto tamén é oración. Pois a pesares de que todas estas cousas as facemos sen acabar de tomar en serio a fe que profesamos, seguimos sendo queridos por El. E sobre cada un e cada unha de nós, cada día e en cada momento, a luz do Señor resplandece e acompaña.
  • TRANSMISORES DUN MISTERIO DE AMOR TOTAL: Unha luz que nos converte en testemuñas e transmisores do verdadeiro amor. Non o amor que se desgasta co paso do tempo; non o amor físico que esmorece cando se acaba a química; non o amor irreal de mundos ficticios e ilusións irrealizables, senón o amor do paso a paso e do día a día; o amor de man con man e camiño compartido, o amor capaz de ergue-la cabeza e mirar aos ollos sen sentir nin vergoña, nin a culpabilidade de quen ten sido collido nun renuncio. Non, o amor que hoxe queremos celebrar coa festa dos Reis, é o amor total e auténtico, pobre nos seus logros pero rico, moi rico no esforzo e na unión de ir avanzando para facerlle a vida máis doada e feliz aos que están ao noso lado e aos que virán despois ca nós. Que mellor agasallo ca este legado!. Que maior ilusión que deixarnos enchoupar deste amor, gratuíto e desprendido, e compartilo con cantos se senten, coma nós, ilusionados neste día no que a maxia do Deus salvador se quere estender a tod@s e sen excepcións?.
  • CAPACIDADE DE AGASALLAR: O seu é o mellor e maior dos agasallos. Un agasallo que non ten prezo nin tampouco se vende en ningún centro comercial, senón que é o agasallo inmaterial da súa presenza e da súa pegada ao noso carón, que nos urxe a ila facendo presente na acción e labor dos seus seguidores, nós, cada día a través do noso traballo e da nosa capacidade de superar dificultades e atrancos. Este agasallo que fai que nunca nos sintamos solos, lévanos tamén a nós a agasallar con el a cantos nos abren a súa man, nos piden a nosa compaña ou agradecen a nosa visita. Porque Deus xa está aquí, poñámonos en marcha para ensinarlle que o amor e o esforzo por facer as cousas ben é o mellor dos agasallos cos que El nos agarima cada día. Con un Deus así, como imos perde-la ilusión e deixar de crer nos Reis?

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Neste día no que a maxia do amor de Deus se abre como manto que acolle todo, presentámoslle a nosa oración a Aquel que volve saír ao noso encontro para dicirnos que nos quere. Respondamos xunt@s:

QUE A ILUSIÓN DOS REIS NON SEXA SÓ PARA OS NEN@S

  • Para que na Igrexa saibamos acoller canta iniciativa leve a xerar ilusión, crear proxectos solidarios e esforzo por defender a dignidade humana, Oremos.

QUE A ILUSIÓN DOS REIS NON SEXA SÓ PARA OS NEN@S

  • Para que desde as nosas comunidades, neste día no que se renovan as ilusións e se nos invita a vivir a fe sen complexos, nos comprometamos a levar sorrisos a aquelas familias ás que a tristura e as dificultades lle impiden poder encarar o futuro con esperanza, Oremos.

QUE A ILUSIÓN DOS REIS NON SEXA SÓ PARA OS NEN@S

  • Por
    tod@s nós, para que non nos deixemos levar do pesimismo e o derrotismo, que impiden a tantas persoas encarar o mañá coa esperanza de que só unindo brazos e corazóns poderemos superar dificultades, Oremos.

QUE A ILUSIÓN DOS REIS NON SEXA SÓ PARA OS NEN@S

Señor, que a ilusión que os Reis van deixando na porta do noso corazón sirva para xerar correntes de renovación, esperanza e proxectos de futuro nas nosas vidas, nas nosas parroquias e nas nosas familias. P.X.N.S.Amén.

PARA A REFLEXIÓN

Unha vez, un home dixo polo baixo: "Deus, dime algo". E unha árbore cantou. Pero o home non escoitaba. Logo, o home falou máis alto pedindo: "Deus, fálame". E o vento asubiou ao seu redor. Pero o home non oía. O home mirou ao seu redor e gritou: "Deus, déixame que te vexa!". E unha estrela prendeu con forza no ceo. Pero o home non miraba. Entón, o home gritou; "Deus, móstrame un milagre!". E nese momento naceu un neno. Pero o home non o soubo.

    Logo o home, xa desesperado, pediu a berros: "Tócame, Deus; faime saber que estás aquí!". Ao dicir isto, Deus baixou e tocoulle. Pero o home, sen darse conta, espantou a bolboreta que voaba ao seu redor e seguiu a camiñar".

CANTOS

  • PANXOLIÑAS

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...