Ir al contenido principal

Santos 2011

VIVIR APLICANDO O MENOS COMÚN DOS SENTIDOS: O SENTIDO COMÚN

PÓRTICO

Bo día!. A festa de tódolos santos, a festa dos sinxelos de corazón e vida, volve convocarnos unha vez máis neste comezo de novembro para que fagamos memoria agradecida de tantas persoas de tantos tempos e lugares que camiñaron como servos e servas de Deus; tantos homes e mulleres que creron sempre que o amor era o meirande ben; de tanta xente, dunha moitedume tan inmensa que nos enche o corazón de esperanza, porque, coñecidos ou descoñecidos, todas aquelas persoas que hoxe celebramos viviron o que nós queremos vivir, e por iso axúdannos e acompáñannos.

Na festa de todos os santos, sintamos nós tamén a ledicia de querer camiñar polo vieiro polo que eles pasaron. Sintamos a ledicia de pertencer a este mundo de homes e mulleres que quixeron ser pobres e amar, mantendo acesa a lámpada do Espírito. Que esta celebración que agora comezamos nos axude a sentir a ledicia de ser chamados e chamadas a sermos benaventurad@s, celebrando a vida e o amor de Deus que se derrama no noso mundo cada día.

O PERDÓN

  • Polas veces nas que caemos no pesimismo, na desesperanza e na apatía, renunciando a traballar por outro mundo máis humano e máis xusto, SEÑOR, QUE CAMIÑEMOS CON SENTIDIÑO.
  • Porque non cremos nos pobres, nos famentos, nos que choran, nos misericordiosos, nos que traballan pola xustiza, nos limpos de corazón, nos desposuídos e nos que traballan pola paz, CRISTO, QUE CAMIÑEMOS CON SENTIDIÑO.
  • Porque non acabamos de fiarnos de que Ti es a meta cara á que camiñamos, e que nos esperas cos brazos abertos, SEÑOR, QUE CAMIÑEMOS CON SENTIDIÑO.

REMUÍÑO

  • MIREI UN MUNDO DE XENTE, DE TODAS AS NACIÓNS, TRIBOS, POBOS E LINGUAS: Na festa de todos os santos, a Palabra, unha vez máis, volve falarnos de universalidade. E é que Deus non cansa nunca de insistir en que El non fai distingos nin exclusións, que para El tod@s posuímos a mesma dignidade, que chama por todos e todas nós. O abrente está, pois, preñado de esperanza. Somos invitad@s a mirar cara adiante e a alegrarnos, porque os plans de Deus vanse cumprindo. A nosa contabilidade, que peca de mesquiña, non coincide coa de Deus. Hoxe celebramos a ese mundo de xente do que se nos fala no libro da Apocalipse. Algunhas destas persoas foron canonizadas, son coñecidas e mesmo veneradas dentro da Igrexa; pero nesta morea de xente tamén hai persoas que non aparecen nos santorais, que non contan nas nosas listas pero si nas de Deus. Persoas sinxelas que, no medio das dificultades, souberon ser fieis a Deus e vivir como nos ensinou Xesús: polo camiño das benaventuranzas.
  • CANDO XESÚS APAREZA SEREMOS COMA EL, PORQUE O VEREMOS TAL COMO É: Porque de certo que se collemos o camiño que Deus nos marca, atoparemos sentido para a nosa vida. Nós, pola fe, sabemos que non camiñamos sen rumbo, que Deus é a nosa meta. A resurrección de Xesús abriunos a porta e marcounos a orientación. Nas nosas mans está aplicar o sentido común, fiarnos e deixarnos guiar por ela, como fixeron ao longo da historia tantas e tantas persoas boas que pasaron polo mundo facendo o ben e que agora están ao seu carón, participando da súa resurrección. Por iso a festa de hoxe, a pesares de que nos lembra cemiterios e nos deixa un pouso de tristura, é unha chamada á esperanza, á ledicia: camiñamos cara ao encontro con Deus.
  • BENAVENTURADOS VÓS: Porque se de verdade poñemos nel a nosa esperanza, traballaremos por realizar, cadaquén no seu ambiente e segundo a súa personalidade, o sentido das benaventuranzas. Porque ser santo e santa é...

    - seguir sendo unha persoa normal, que sinte a insatisfacción que produce unha visión do mundo na que a xente acepta como necesidade ter moitos cartos.

    - sentir a preocupación do desemprego e do paro, e solidarizarse con quen o sofre, traballando para que os responsables teñan unha mentalidade menos lucrativa e busquen o ben común.

    - ofrecer a nosa amizade a quen se atopa só

    - non aceptar a violencia á que nos leva a competición, a xenreira que esperta en nós a separación de persoas con barreiras económicas, sociais, relixiosas ou raciais.

    - buscar a superación de todas as situacións negativas que producen sufrimento nas persoas.

    - saberse fill@ de Deus, o que significa querer estreitar lazos de irmandade

    - vivir coa limpeza de corazón suficiente como para camiñar pola vida sen segundas intencións, ofrecendo sinceridade e confianza.

    - ter confianza, esperanza e ledicia, porque Xesús está connosco facendo posible unha convivencia nova que invirta, coma as benaventuranzas, todo o noso sistema de valores.

    - decidir construír esa nova humanidade na que as persoas se aman, son solidarias e capaces de axudarse, sen que haxa rexeitamentos por mor da cor, dos cartos ou do poder.

    - manter o espírito combativo a pesares de que sabemos que é unha tarefa difícil e lenta, e na que somos conscientes de que moitas veces seremos criticados.

É entón cando poderemos falar de santidade, porque a pesares de todo mantemos a esperanza de que a tarefa realizada por e con Xesús terá un bo final e a fraternidade irá facéndose realidade ata que todos sexamos autenticamente irmáns, santos, felices, ditosos e benaventurados.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Na festa de toda a Igrexa, a festa de todas as persoas que souberon facer da súa vida un canto de amor compartido e solidario, poñámonos en actitude de agradecer a Deus o seu exemplo e digamos:

GRAZAS POLO TESTEMUÑO DE TANTA XENTE BOA

  • Pola Igrexa que formamos todos e todas nós, para que sempre saibamos testemuñar de palabra e obra o espírito das benaventuranzas sendo sinxelos, pobres, limpos de corazón, pacíficos, famentos de xustiza e misericordiosos, OREMOS.

GRAZAS POLO TESTEMUÑO DE TANTA XENTE BOA

  • Polas nosas comunidades, para que aceptemos a todas as persoas sen exclusión e así deamos testemuño do amor de Deus, que é sempre incluínte e non fai distingos, OREMOS.

GRAZAS POLO TESTEMUÑO DE TANTA XENTE BOA

  • Por tantas e tantas persoas ao noso carón que, sen facer balbordo e sen publicidade, traballan acompañando a quen está só, escoitando a quen está triste, sendo voz de quen non a ten, alentando a quen está desesperanzado, visitando a quen está enfermo, dando así verdadeiro testemuño de santidade, OREMOS.

GRAZAS POLO TESTEMUÑO DE TANTA XENTE BOA

  • Por tantas persoas que repousan nos nosos cemiterios e teñen sido para nós exemplo de servizo, de esperanza, de alegría e de testemuño cristián, OREMOS.

GRAZAS POLO TESTEMUÑO DE TANTA XENTE BOA

  • Por cada un e cada unha de nós, para que, confiando no Señor, deixemos de vivir esta festa con espírito triste, con espírito de morte, e comecemos a camiñar na benaventuranza de quen descobre a Deus como meta do seu camiño, OREMOS.

GRAZAS POLO TESTEMUÑO DE TANTA XENTE BOA

Grazas por poñer diante de nós, o testemuño entregado e sempre ledicioso de tantas persoas que son capaces de mostrar coa súa vida e entrega, que é posible seguirte no aquí a agora do noso mundo. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN

Camiñar na santidade é:

  • gañar honradamente o pan de cada día,
  • gardar o corazón da envexa e da cobiza,
  • agradecer e gozar cos logros que imos acadando,
  • compartir do que temos con quen non ten nada,
  • poñer o corazón na harmonía veciñal,
  • gastar do noso para que a comunidade medre,
  • enxugar bágoas, sementar risas e ledicias,
  • denunciar o sistema inxusto que fai que moitas persoas morran de fame,
  • alzar a voz diante das inxustizas do noso mundo,
  • abrir camiños que levan ao pan compartido,
  • quedar sen nada, pero téndoo todo,
  • andar tralos pasos de Xesús...
  • con liberdade, con humildade, con alegría,
  • sabendo que hai garantía de futuro porque El é a fonte da nosa felicidade.

CANTOS

  • ENTRADA: Andarei na presenza do Señor
  • LECTURAS: Eu soñei
  • OFERTORIO: Benaventurados
  • COMUÑÓN: O amor é o meirande

Comentarios

Entradas populares de este blog

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...