Ir al contenido principal

33 Domingo TO B

A FORZA DA COMUNIDADE TÉNDENOS A MAN ESPERANZADA QUE SUPERA TODA DESESPERANZA

PÓRTICO

Tod@s somos conscientes dos problemas e dificultades que a crise está a producir. Problemas que non son só ter perdido o traballo, a vivenda ou o coche, senón que todas esas situacións levan ao desmoroamento do sentido, do horizonte e da razón pola que vivir. É dicir, a unha crise existencial que vai socavando os alicerces sobre os que as persoas asentamos canto facemos e as relacións de uns para cos outros. Porque, se todo o que tanto nos custou xuntar, o perdemos nun momento..., que sentido ten seguir vivindo ou seguir esforzándose por acadar as cousas, se ao final todo ese esforzo se queda en nada?, preguntámonos moitas veces. Diante da dureza desta situación, dureza que día a día vai indo a máis, os cristiáns temos que tomar conciencia da importancia, como apoio e forza, que ten a comunidade da que formamos parte. Se non somos capaces de estar, en presenza, en colaboración e en axuda, ao lado de quen está a pasar por estas situacións, como podemos dicir que cremos en Deus, que rezamos ou que temos fe?; sabendo que ese Deus, unha e outra vez a través da súa palabra, fálanos do sentido da unión, a solidariedade, a axuda e o saber acompañar ás persoas.
Que a celebración de hoxe nos axude a reafirmar o sentido e o valor da pertenza á comunidade cristiá, para que coa axuda dos seus membros nos sintamos arroupados, e aprendamos tamén a arroupar, nestes momentos no que parece que non nos queda nada máis que desesperación.

Perdón

  • Para que non esquezamos nunca que o que hoxe sofren os demais, mañá podémolo sufrir nós, SEÑOR, TI ES O NOSO REFUXIO.
  • Para que non fagamos da fe un recurso que consuma tempo, pero non nos leva a preocuparnos dos irmáns, CRISTO, TI ES O NOSO REFUXIO.
  • Para que nos momentos de dificultade e desacougo saibamos buscar a axuda na man tendida que nos ofrece a comunidade, SEÑOR, TI ES O NOSO REFUXIO.

Remuíño

O texto do profeta Daniel que escoitamos como primeira lectura, ben poderíamos dicir que foi escrito para o noso tempo ou mesmo, no noso tempo. O tempo de angustia e dificultade do que fala, ben se parece a este momento, tamén cheo de angustia e dificultade. A pesares diso, hai unha invitación a non deixarse levar do desencanto e da desesperanza que sempre supoñen estas situacións. Se nos deixaramos ir, pouco sentido tería que fixeramos afirmación de Deus, ou confesaramos a fe nel, pois Deus é o contrario do derrotismo e do sensentido. Desde Deus, o destino de ninguén –e pensemos ben sobre esta afirmación- nunca está escrito nin formulado de antemán. El créanos libres e con capacidade de tomar decisións. Unhas veces estas serán acertadas, outras equivocadas; as veces serán inxustas e levarannos a poñernos contra del e dos demais; noutras moitas veces a xustiza da decisión supoñerá levar felicidade e realización persoal para nós e os irmáns. O gran reto dos seres humanos é facer da liberdade a columna desde a que maduremos, crezamos e non renunciemos a ser nunca nós mesmos, máis alá dos problemas, dificultades ou presións que sobre nós poidamos ter. É esa a liberdade, froito da experiencia que nos fai sabios e capaces de testemuñar coa vida a grandeza do ser humano que, confiando en Deus, non se pecha en si mesmo, senón que se abre, man tendida e aberta, a recoller e acompañar aos irm@ns que van quedando no camiño.
No Deus que nos creou libres sentímonos protexidos, queridos e agarimados, por iso tantas veces damos grazas por non estar sol@s. É verdade que na sociedade do efémero, do aquí e xa, do presentismo que perde a paciencia e cústalle dicir mañá e futuro, sentir á beira de cada un a presenza de Deus; o Deus que se axuda das mediacións de persoas e situacións para dicir aquí estou..., moit@s non son capaces de entender que El é agarimo, compaña, palabra, silencio, compromiso ou protección. A protección que non deixa que os medos e as inseguridades, inda que estean, nos dominen e impidan que aflore e se manifeste nas decisións e accións a liberdade. Nós, que si o temos experimentado como presenza na vida, e en moitas das situacións que temos vivido, si que podemos entender por que dicimos: protéxeme que me refuxio en ti. E podemos facelo porque só quen entende a Deus como amor e dando amor, non pode imaxinalo senón á carón e sempre a prol daque@s que máis quere: os seus fill@s.
Por iso, os cristiáns seguimos pensando que detrás da tebra sempre acaba saíndo o sol; que detrás das dificultades poden ir aparecendo pequenas esperanzas, que na medida que se van unindo ás dos demais, acaban conformando a esperanza que se converte en salvación e plenitude. A esperanza do Deus amor que se manifesta na súa totalidade en Xesús, de quen aprendemos e desde o que somos invitados a ir e anunciar, coa palabra e coa vida, que Deus é amor, que salva e non se deixa derrotar por moitas que sexan as dificultades e os problemas. Para un crente, e isto aprendémolo de Xesús, sempre hai unha raiola de esperanza que o fai confiar en que é posible saír do bache, por moi grande que sexa, porque a esperanza está nel e na confianza que nos dá. El, o fillo de Home, ofrécenos a experiencia de ter vencido escuridades e tribulacións. Mesmo na dificultade seguiu confiando en Deus. Esta é a chamada que nos fai: confianza. E a confianza en Deus fai que atopemos as mans solidarias dos irm@ns, nos que Deus se vai facendo presente.

Oración da comunidade

A oración é sempre unha chamada na que aprender a descubrir a presenza de Deus entre nós, na realidade da nosa vida sentindo a súa forza e o seu alento. Convencidos de que isto é verdade, dicimos xunt@s:
SEÑOR, EN TI POÑEMOS A NOSA ESPERANZA
Para que na Igrexa non perdamos nunca a sensibilidade que leva ao compromiso permanente de estar ao lado dos pobres e excluídos, tendéndolle a man e ofrecéndolle o noso tempo, OREMOS.
SEÑOR, EN TI POÑEMOS A NOSA ESPERANZA
Para que nas nosas parroquias esteamos sempre dispostos a non deixar que a soidade, o desespero e a indiferenza aniñen no corazón e nas relacións entre os veciñ@s, OREMOS.
SEÑOR, EN TI POÑEMOS A NOSA ESPERANZA
Para que teñamos os nosos sentidos sempre en alerta; unha alerta que nos leve a ser esperanza e presenza de Xesús onde a enfermidade, a dor, a perda de traballo ou a ruptura familiar se teñen instalado, OREMOS.
SEÑOR, EN TI POÑEMOS A NOSA ESPERANZA
Hoxe, no día da Igrexa diocesana queremos ter presente na nosa oración dun xeito especial a loita e o traballo de tantas persoas que son capaces de deixar atrás ansias de enriquecemento, poder, prestixio… pola causa do Reino. Para que sempre sexan para nós exemplo e testemuño, OREMOS
SEÑOR, EN TI POÑEMOS A NOSA ESPERANZA
Señor, unha vez máis chámasnos a espertar do soño de pensar que a fe é so un entretemento que nos fala do máis alá, para lembrarnos que non hai máis alá pleno se esquecemos o máis acá onde a dor, a enfermidade, a tristura e o fracaso na vida das persoas, esíxenos ser samaritanos da presenza e man tendida cara os irmáns. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN

El vén...
Non oíches os seus pasos silandeiros?
El vén, vén, vén sempre.

En cada intre, en cada idade.
Todos os días, todas as noites.
El vén, vén, vén sempre.
 
Cantei moitas cancións e de mil formas;
pero sempre dicían as súas notas:
El vén, vén, vén sempre.
 
Nos días fragrantes do soleado abril,
pola verea do bosque. 
 
Na escura anguria da choiva das noites de novembro,
sobre o carro atronador das nubes.
 
De pena en pena miña, 
son os seus pasos os que oprimen o meu corazón, 
e o dourado roce dos seus pes 
é o que fai brillar a miña alegría, 
porque El vén, vén, vén sempre. 
R. Tagore en Gritos y plegarias 244 

CANTOS

ENTRADA: Camiñando pola vida
LECTURAS: Cómo che cantarei?
OFERTORIO: Todos xuntos
COMUÑÓN: Déixate querer

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...

4 advento 2024

    HUMILDES CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA SINXELEZA ACOLLEDORA SINAL DE ADVENTO Completamos o noso berce.   CANTO GOZOSO o    ENTRADA:  Volve Señor (Nº 90) o    LECTURAS:  Vén axiña visitarnos (Nº 86) o    OFERTORIO:  Recibe, Señor (Nº 31) o    COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   OLLOS DE ESPERANZA              Belén era unha aldea pequeniña, un lugar que pasaba totalmente desapercibido e que semellaba pouco ou nada importante. Ata que unha noite converteuse en lugar de salvación e acollida, porque alí naceu o Fillo de Deus. Neste cuarto e derradeiro domingo do Advento, Belén quere ser para todas e todos nós un recordatorio claro de que Deus está no sinxelo, no humilde, na xente máis esquecida e que, ao igual que Belén, é moitas veces invisibilizada e marxinada.    CORAZÓN MISERICORDIOSO ·      ...