Ir al contenido principal

Catro candeas de Advento


CATRO CANDEAS ACENDIDAS PARA UNHA IGREXA COMPROMETIDA E XERADORA DE ESPERANZA

Ao comezo do tempo de Advento volvemos poñernos en camiño cara ao Nadal. O Nadal no que Deus vén para quedarse e facerse compañeiro no camiñar; un camiñar que non está a ser nada doado, senón mais ben cheo de atrancos, dificultades e desilusións. Nesta situación, os católicos, seguimos querendo aportar esperanza, xerar encontro, superar individualismos, unir experiencias que posibiliten facer ese camiño en comunidade, non para quitarlle dureza, que a ten e a seguirá tendo, senón para sentir o corazón solidario de quen considera que a comunidade alenta, escoita, acompaña e axuda. Neste Advento, cando sentimos o gozo de celebrar os cincuenta anos do comezo do Concilio Vaticano II, e desenvolvendo as iniciativas que desde este acontecemento van facendo que este Ano da Fe sexa un tempo de presenza viva e anuncio gozoso de que o Evanxeo segue a ter actualidade; queremos que a Palabra viva e sempre renovada enchoupe a nosa sociedade aberta, plural e necesitada sempre de solidariedade. A solidariedade á que nos chama a fe que compartimos, e desde a que queremos agasallar aos irmáns que esperan de nós unha palabra de ánimo, un compromiso de desprendemento do que temos para compartilo con quen non ten; un testemuño crible de que testemuñamos coa nosa vida que Deus non só non nos deixa, senón que nos aprema para que o fagamos presente a través do noso actuar honesto, participativo, democrático e sempre respectuoso coa igualdade e a diferenza. 
 
Advento, porque é tempo de desprendernos do zurrón que tan cheo temos de egoísmo, envexa, humillación dos máis débiles, soberbia do noso actuar, inxustiza e o desinterese cara quen nos pedía axuda; para  comezar a tecer un novo zurrón que non nos faga impasibles diante da situación que vivimos, e nos leve a meter dentro del todo aquilo ao que nos vai invitando o Evanxeo de quen nace pobre e necesitado de todo. Aquel que valora o compartir e nos chama a non deixar que agrome en nós a desesperanza e o pensamento que afirma que todo está perdido e non queda máis que deixármonos ir cara ao desastre. Para os que non estamos dispostos a deixarnos abater, a luz das candeas do Advento quere ser signo de que non é de xeonllos como podemos facerlle fronte aos problemas e dificultades, senón de pé, camiñando xunt@s e sempre dispostos a poñerlle creatividade e imaxinación ao pensamento líquido dos que insisten, unha e outra vez, en que as cousas son así e non poden ser de outro xeito.

E para que canto vimos dicindo sexa un pouco máis visible, ao longo destas catro semanas de Advento que nos invitan a preparar a chegada do Nadal como tempo de renovación, mesa compartida e berce solidario, queremos significalo propoñendo que ao longo das próximas catro semanas vaiamos acendendo, cada domingo, unha candea que nos lembre non só os cincuenta anos do inicio do Concilio Vaticano II, senón que o que alí se discutiu, traballou e puxo en marcha: a renovación da Igrexa e a súa necesidade de diálogo permanente, igualitario, maduro e adulto co mundo non o esquezamos; ao contrario, que fagamos memoria activa daquel feito, de todo canto aportou para que a Igrexa fose máis Pobo de Deus en camiño; que se nutre continuamente da fonte da Palabra; gozosa de celebralo en comunidade e aberta a entenderse, dialogando, cun mundo en cambio.

Sendo estas as catro claves nas que descorreu o Concilio hai cincuenta anos, cada domingo de Advento acenderemos, real ou simbolicamente -debuxándoas- unha candea co nome dunha das catro Constitucións deste fito tan importante da Igrexa de Xesús. Así, o primeiro domingo colocaremos a candea da LUMEN GENTIUM, o segundo a da SACROSANCTUM CONCILIUM, o terceiro o da DEI VERBUM e o cuarto a da GAUDIUM et SPES. Deste xeito aproveitaremos, ao longo de cada un dos domingos de Advento, desde a Palabra proclamada e buscando encarnala na vida, para coñecer ou lembrar que foi, que significou e como segue a ter vixencia, forza e actualidade canto alí se traballou para facer da Igrexa de Xesús luz e esperanza para as xentes, principalmente para as xentes de boa vontade, como nos diría o sempre recordado Papa Xoán XXIII, impulsor de que o Concilio se celebrase; pois só na renovación, actualizada e permanente, é posible que o aire sega a entrar na Igrexa, impedindo que as termitas a destrúan.

Que este tempo de Advento, sexa un verdadeiro “aggiornamento“ –renovación– para as nosas vidas e o noso compromiso de ser luz sempre acendida no medio do mundo.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...