Ir al contenido principal

1 Advento C


UNHA IGREXA CHAMADA A SER LUZ DAS XENTES E POBO DE DEUS
PÓRTICO
            Xa estamos outra vez no tempo de Advento, o que nos indica que comezamos a preparación para recibir ao Señor que chega ao corazón de cada un e cada unha de nós. Catro semanas nas que somos chamados a poñernos en camiño, a romper dunha vez por todas a inercia de pensar que a vida non é máis ca unha sucesión de minutos que se converten en horas, días e anos; catro semanas para ir crecendo por dentro e preparando en nós o berce no que acoller ao neno.
            Neste Ano da Fe co que a Igrexa quere celebrar os cincuenta anos do comezo do Concilio Vaticano II –1962-, a nosa proposta quere ser un impulso que nos leve a coñecer e reflexionar sobre o que tal acontecemento ten suposto na vida da Igrexa. A tal fin, cada un dos domingos iremos presentando unha das catro Constitucións que conforman o traballo que o Concilio ofreceu a toda a Igrexa para renovarse e estar no mundo con actitude de diálogo e encontro. O Concilio foi unha invitación a camiñar xunt@s, deixando atrás enfrontamentos e apoloxéticas.
            Neste primeiro domingo falaremos da Constitución –o documento– que tratou sobre a Igrexa, que se chama “Lumen gentium” –Luz das xentes– e que puxo como elemento principal da Igrexa o ser pobo en camiño; sen distincións nin xerarquías. Impulsados por esta invitación, comecemos logo a celebración de hoxe.
O PERDÓN
¨      Por non sentirnos comunidade e desaproveitar as ocasións de celebrar xunt@s a fe, SEÑOR, QUE SEXAMOS LUZ E POBO.
¨      Por non esforzarnos en renovar os contidos e as vivencias da fe, CRISTO, QUE SEXAMOS LUZ E POBO.
¨      Por deixar que a fe se converta en algo utilitarista á que recorremos cando nos interesa, SEÑOR, QUE SEXAMOS LUZ E POBO

REMUÍÑO
ð  Escribe Paulo na carta aos tesalonicenses que necesitamos sentir a fortaleza do Señor no interior de cada un de nós. Unha fortaleza que reforce o noso querer ser testemuñas dunha mensaxe liberadora no medio dun mundo cheo de escravitude, ansia de poder e de dominio dos demais, especialmente dos máis pequenos e necesitados. Paulo faille estas reflexións a aqueles cristiáns da primeira hora para que a súa vida estivera asentada non sobre comportamentos externos, senón sobre o fundamento, a raíz, o cimento da fe: Xesucristo. Con, por El e nel, como dicimos ao remate da pregaria eucarística, nós imos facendo da nosa vida compromiso e ofrenda de fidelidade á súa persoa e á súa mensaxe; un compromiso que debe ser experiencia de crecemento interior que nos leve a sentírmonos non coma illas abandonadas no medio dun océano, senón como grans de area que coa aportación de tod@s conseguen ir facendo verdadeiras montañas asentadas na solidariedade, na alegría compartida e na esperanza vivida e ofrecida aos demais.
ð  Esa mesma fortaleza á que se refería Paulo, pasados moitos anos, foi tamén a que nos invitaba a construír o Concilio Vaticano II hai cincuenta anos, poñendo ao noso dispor o documento que nos fala de que tod@s, non só o Papa, os bispos, os curas ou as monxas e os frades, somos e formamos a Igrexa. E que esta non podería ser verdadeiro testemuño de Xesús e da súa mensaxe no medio do mundo se non se considerase pobo. Pero non un pobo calquera, senón un pobo en camiño, no que vai atopando a outras persoas polas que se preocupa, ás que atende e alenta, e tamén das que aprende e coas que vai colaborando en facer do mundo a casa de tod@s. E para poñernos nesta xeira, o Concilio aprobou un documento que se chama “Luz das xentes” –Lumen gentium-, querendo referirse con esta expresión á tarefa que nos incumbe a cantos nos chamamos e sentimos cristiáns hoxe en día. A Igrexa, se quere ser fiel a Xesús, non pode enredarse en ritos ou dogmas que ninguén entende e que están moi lonxe do que son as verdadeiras preocupacións das persoas no momento actual. Por iso fai un chamado invitando a tod@s a ser luz para as xentes; luz alí onde nos atopemos; luz cando traballamos, luz cando imos creando familias, luz cando queremos dedicar parte do noso tempo libre a unha causa solidaria, luz coas nosas actitudes e formas de actuar. Só se somos luz, dísenos, como Paulo tamén lle dicía a os membros das primeiras comunidades, estaremos respondendo ao envío que nos apóstolos nos fai Xesús tamén a nós: ide e anunciade. E este anuncio temos que facelo cada un desde a tarefa que desenvolvamos na sociedade, sen que ninguén se crea nin se pense ou sinta máis importante ou superior aos demais. De aí que a L.G. insiste en que ao ser Pobo de Deus, a conciencia de ser Igrexa e de participar nela correspóndenos a tod@s; cadaquén desde a súa responsabilidade: o papa como papa, os bispos como bispos, os curas como curas, as relixiosas/os como relixiosas/os e os segrares como segrares. E todos no medio do mundo, entre e cos demais, sen que ninguén se considere ou se crea nin máis importante nin mellor. E isto, que parece estar claro nos papeis, moitas veces non ten sido así, polo que é moi importante volver a ler a L.G. e recordarnos a tod@s cal é o noso traballo coma Igrexa, un traballo que non exclúe, senón que, aceptando a pluralidade duns e doutros, busca o mesmo camiño: facer da Igrexa sacramento -presenza viva de encontro con Xesús- universal de salvación. Xesús, que vén e que o tempo de Advento nos axuda a prepararnos para recibilo, El mesmo, estanos chamando a participar nesta Igrexa pobo de Deus.
ð   O Evanxeo que acabamos de escoitar quere ser a chamada que nos corresponde a cantos formamos parte da Igrexa a non deixarnos levar pola rutina, o sometemento ou a minoría de idade eclesial, senón que nos urxe a vivir a nosa pertenza á Igrexa de xeito liberador e gozoso; non deixando que o medo e a intolerancia aniñen nela. Deste xeito entenderemos cando Lucas di que está a chegar, que xa está a nosa porta a verdadeira liberación: Xesús de Nazaret. Nel, como nos di tamén o concilio está o gran misterio de amor que somos invitados a construír desde o noso ser Igrexa.

ORACIÓN DA COMUNIDADE
Ao comezar este tempo de Advento, no que nos preparamos para acoller ao teu Fillo nos nosos corazóns, compartimos a oración sentíndonos membros desa Igrexa á que lle pides que sexa luz no medio das xentes,e dicimos xunt@s:
QUE SEXAMOS LUZ SOLIDARIA PARA OS IRM@NS
*        Para que a Igrexa, Pobo de Deus do século XXI, se esforce por ter a súa porta sempre aberta para que entren nela os excluídos da sociedade, que os vai deixando nas beiras cando xa non lle serven, e responda así á chamada que Deus nos fai a través do Concilio Vaticano II, de ser sempre luz que abra camiños de encontro, axuda e colaboración, OREMOS.
QUE SEXAMOS LUZ SOLIDARIA PARA OS IRM@NS
*        Para que nas nosas parroquias non nos deixemos levar da rutina, os costumes e as tradicións, e nos esforcemos por formarnos e renovar os nosos coñecementos sobre canto nos supón e esixa ser cristiáns no mundo de hoxe; sen deixarnos levar das modas nin apartarnos da invitación de Xesús de ser luz para os veciñ@s, OREMOS.
QUE SEXAMOS LUZ SOLIDARIA PARA OS IRM@NS
*        Para que nós, tomando en serio que temos que renovarnos para dar testemuño da fe que recibimos no bautismo, aproveitemos todas as oportunidades para coñecer máis e mellor que é ser e vivir como cristiáns, evitando falar de memoria e sen coñecemento da mensaxe de Xesús, e así este tempo de Advento nos descubra a necesidade de formarnos e poder ser luz para os enfermos, solidariedade cos parados, apoio e loita cos desahuciados e pan para quen necesita alimento, OREMOS.
QUE SEXAMOS LUZ SOLIDARIA PARA OS IRM@NS
Señor, ao comezar o Advento queremos tamén nós poñernos en camiño de renovación e cambio para que deixemos atrás o conformismo e nos esforcemos porque a esperanza gañe a carreira fronte ao derrotismo. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN
Non creo nin espero:
û  No Meu Deus, senón no Noso Deus.
û  Nas fachendas nin nos escaparates, senón nos corazóns que aman de verdade.
û  Nos xestos triunfalistas, senón nos actos de servizo.
û  Nos profetas de desventuras, senón nos da esperanza.
û  Nas ameazas dos fundamentalistas, senón no esforzo dos educadores.
û  Na fin do mundo, senón na fin deste mundo inxusto e corrupto.
û  No calquera tempo pasado foi mellor, senón que foi distinto, e tamén mellorable.
û  No traballo individualista, senón na cooperación do equipo.
û  Nos movementos de divisións que enfrontan e afastan a uns dos outros, senón na comuñón que une e busca o ben común.
û  Na espiritualidade de consumo, medo e imposición; senón a de acollida e a porta aberta que invita a pasar.
û  Nas palabras de políticos, banqueiros ou os chamados representantes do sagrado, senón nas de Xesucristo, que pasou facendo o ben e nos invitou a facer o mesmo.
(Sobre unha idea do caderno de Cáritas, Advento e Nadal 2012-2013, p.21)

CANTOS
o       ENTRADA: Ven axiña visitarnos
o       LECTURAS: Volve, Señor
o       OFERTORIO: Con tódalas criaturas
o       COMUÑÓN: Xesús chamado amigo

Comentarios

Entradas populares de este blog

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...