Ir al contenido principal

Cristo Rei Lecturas

Primeira Lectura    Dn 7, 13-14

O seu poder é eterno


LECTURA DO LIBRO DE DANIEL

            Proseguín ollando as visións nocturnas, e, velaquí, sobre as nubes do ceo viña alguén semellante a un fillo de home, que se dirixiu cara ao ancián e se presentou diante del.
            Foille outorgado poder, maxestade e imperio, e servírono todos os pobos, nacións e linguas.
            O seu poder é un poder eterno, que non pasará nunca, e o seu reino endexamais será destruído.

 
                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus

 

SALMO RESPONSORIAL     Sal 92, 1ab. 1c-2. 5

R/.  (1a):  O Señor reina vestido de maxestade.

O Señor reina, vestido de maxestade;
o Señor está vestido e cinguido de poder.

O mundo está firme e non abalará.

Consolidado está o teu asento desde sempre,
ti es desde a eternidade.

A revelación do Señor é verdadeira,
a santidade é o ornato da túa casa,
polos séculos, Señor.

 
 
Segunda Lectura     Ap 1, 5-8
O soberano dos reis da terra constituíunos en reino, sacerdotes para o noso Deus

 
LECTURA DO LIBRO DA APOCALIPSE DE SAN XOÁN

            Xesús Cristo é a testemuña que merece fe, o primeiro en renacer da morte e soberano dos reis da terra.
            A aquel que nos ama, que nos liberou dos nosos pecados co seu sangue e que nos converteu nun reino, en sacerdotes para o seu Deus e Pai: a el a gloria e mais o poder polos séculos dos séculos. Amén.

            Velaquí vén nas nubes,
e todo ollo o verá,
mesmo aqueles que o traspasaron:
por el baterán no peito todas as razas da terra.
Certo. Amén.
            Eu son o Alfa e o Omega, di o Señor Deus, o que é, o que era e o que está a vir, o que todo o sostén.

 

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


 

ALELUIA     Mc 11, 9. 10
Se non se canta, pódese omitir

 
Aleluia, aleluia.
Bendito o que vén no nome do Señor!
Bendito o Reino do noso pai David que vén!
Aleluia.

 

Evanxeo     Xn 18, 33b-37
Ti dis que eu son rei

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

             Naquel tempo, díxolle Pilato a Xesús:
            ‑ Es ti o Rei dos Xudeus?
            Xesús respondeu:
            ‑ Dilo ti pola túa conta ou dixéroncho outros de min?
            Pilato replicou:
            ‑ E logo son eu xudeu? A túa xente e os sumos sacerdotes entregáronte a min: que fixeches?
            Xesús contestoulle:
            ‑ O meu reino non é deste mundo; se deste mundo fose, os meus oficiais loitarían para que ninguén me entregase aos xudeus; pero o meu reino non é de aquí.
            Díxolle entón Pilato:
            ‑ Logo ti es Rei?
            Xesús respondeu:
            ‑ Tal como o estás dicindo, eu son Rei: para iso nacín e para iso vin ao mundo, para dar testemuño da verdade; todo o que está aberto á verdade, escoita a miña voz.

                                   Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo

Comentarios

Entradas populares de este blog

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...