Ir al contenido principal

3 Domingo Pascua Ciclo A


ONTE, HOXE, MAÑÁ….. GRAZAS PORQUE SABEMOS QUE ACOMPAÑAS SEMPRE O NOSO CAMIÑAR
Descargar o ficheiro
Lecturas 3 Domingo Pascua Ciclo A


ESCOITA ACTIVA
Coma os discípulos de Emaús, tamén nós hoxe te recoñecemos ao partir o pan. Un pan que moitas veces está duro, porque a vida non sempre é doada... pero alí estás Ti. Un pan que noutras ocasións está aínda sen facer e se converte en pequenos que non son queridos e cuxa vida non lles vale nada aos maiores que por eles deciden... pero alí tamén estás Ti. Un pan que noutras ocasións está tan queimado pola dureza da vida, polo abandono ao ser maiores, pola tristura de estar solos, pola falta de traballo, polo fracaso de todos os proxectos, pola desilusión que nos causan persoas ás que criamos amigas, un pan demasiado torrado...pero alí segues estando Ti.




          Por iso nesta mañá, non só te recoñecemos no pan que se fai presente no medio da comunidade, senón que estamos decididos a levarte dentro de nós para que sigas a ser o alimento que nunca nos falte e sempre nos ama. Participemos xuntos deste pan.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
*        Renuncias a pechar as portas da túa casa, da túa mente e do teu corazón, excluíndo a quen pensa distinto da túa mesa e do teu pan, para considerar ao outro como compañeir@ que comparte e enriquece?. SI, RENUNCIO.
*        Renuncias a seguir vivindo na tristura, no andazo e no medo, para poder camiñar na ledicia, froito da presenza do Señor na túa vida?. SI, RENUNCIO.
*        Renuncias a desacreditar e calumniar ás persoas que seguen crendo, esperando e loitando pola causa de Xesús, que é a dos pobres e excluídos?. SI, RENUNCIO.
PALABRA ENRAIZADA
MÁIS ALÁ DE FALSAS SEGURIDADES....
·      A nosa vida é unha búsquea continua de seguridades, de comodidades, de instalación. Queremos ter un bo traballo, unha vivenda en propiedade, un coche, uns aforriños no banco (por se acaso)... e ás veces, as máis das veces, queremos que a nosa fe tamén sexa unha fe de seguridades. Coma os discípulos, tamén nós estamos coas portas ben pechadas ao novo, ao que chega, ancorados no pasado. É a nosa única preocupación: as miñas intencións individuais (non vaia ser que o Señor non salve se a intención é de máis dun), os meus rosarios, os viacrucis, os xoves eucarísticos.... e, para que?. Para sentir a nosa conciencia tranquila cun cumpro + minto, cunha morea de prácticas rutinarias, baleiras de sentimento, afastadas da nosa vida e que non comprometen a nada. Sempre estamos a falar de Xesús, pero afogámolo por tradicións, costumes e rutinas que o relegan a un segundo ou a un terceiro plano. Ás veces somos nós mesmos quen o facemos desaparecer: reunímonos no seu nome, pero non hai lugar para El no noso corazón; dámonos a paz do Señor, pero reducímolo a un mero saúdo; escoitamos o seu Evanxeo, pero non deixamos que pouse no noso corazón.
Todo isto fai que os que nos consideramos crentes vivamos a miúdo, como os discípulos, “ao anoitecer”, “coas portas pechadas”, “cheos de medo”. Coma os de Emaús, que estaban abatidos por non ver, por non tocar coas súas mans o soño que tanto esperaron, polo que traballaron. Hoxe, tamén nós fuximos de Xerusalén (onde seguen traballando os que esperan) cara Emaús, á casa do descanso. Espertaron, volvéronse realistas, pasaron esa páxina da súa vida e apuntáronse a outra cousa. Coma nós. As nosas comunidades están repregadas, ocultas, esmorecidas, sen dar testemuño.
...TEMOS QUE DAR TESTEMUÑO DA RESURRECCIÓN NO NOSO MUNDO
  • Porén, a experiencia de Xesús é abrírmonos á súa presenza, sentir a súa proximidade. E desde aí estamos chamad@s a ser referencia para @s afastad@s que están ao noso lado de que a fe paga a pena, Deus está aquí compartindo o noso camiño, agarimándonos coa súa compaña, alentándonos co seu Espírito, alumeando as nosas tebras. Só así seremos auténticas testemuñas do Reino, do mundo novo construído co respecto, a colaboración, a solidariedade, a paz. Cómpre volver de novo a partir o noso pan, aínda que sexa pouco, cómpre sementar, abrir as nosas portas. Así coma os primeiros cristiáns, tamén nós seremos lévedo no medio da masa. Coma os de Emaús, tamén nós hoxe somos invitados a recoñer a Xesús, compañeiro de camiño, neste pan que imos partir e compartir. Un pan que quere ser forza e alimento contra toda desesperanza, individualismo e calquera outra actitude derrotista. Nisto consiste afirmar que cremos que a morte non é o final do camiño. Ela, inda que aparentemente o poida parecer, non manda; é a vida á que se nos abre e á que se nos invita. A que esperamos para testemuñalo?
FRATERNIDADE ORANTE
A Xesús, que acompaña o noso camiñar e parte para nós o seu pan, dicímoslle esperanzad@s e convencid@s:
GRAZAS POR QUEDARES CONNOSCO
ü  Pola Igrexa, para que saiba ser sempre no noso mundo testemuño do Resucitado para todas aquelas persoas que buscan, coma os discípulos de Emaús, un sentido para o seu esforzo, para a súa loita, para a súa dor e para os seus fracasos na procura dun mundo máis xusto e humano, OREMOS.
GRAZAS POR QUEDARES CONNOSCO
ü  Polas nosas comunidades, para que sexan lugares de encontro co Resucitado na Palabra, na fracción do pan e no compromiso cos pobres, OREMOS.
GRAZAS POR QUEDARES CONNOSCO
ü  Por cada un e cada unha de nós, para que descubramos que a fe é o motor que pon sal, ilusión, ganas e ilusión na nosa vida, e así nunca caiamos na doada tentación de deixar o camiño inacabado, sen ganas para novos proxectos, OREMOS.
GRAZAS POR QUEDARES CONNOSCO
ü  Hoxe queremos ter presentes na nosa oración dun xeito especial ás nosas nais, a todas as mulleres que están a levar adiante o coidado da vida, escoitando a voz do Señor e dando a luz unha sociedade nova, máis humana, máis xusta, máis fraterna. Por todas elas, para que o seu papel primordial na sociedade sempre sexa recoñecido, valorado e protexido, OREMOS.
GRAZAS POR QUEDARES CONNOSCO
Grazas por acompañar o noso camiñar cotián. Que coma os de Emaús nós tamén saibamos descubrirte coma compañeiro e coma libertador. PXNS. Amén.
MIRADA ESPERANZADA
Tamén nós imos pola vida coma os discípulos de Emaús:
pensando que a vida non ten sentido, crendo que todo é negro,
incapaces de ver cos nosos ollos a claridade do día e as estrelas da noite;
coa tentación de crer que a dor é máis forte cá vida;
dicindo que isto non ten saída, que non hai quen o amañe;
facéndonos demasiadas ilusións.
Señor, non poderías saír hoxe ao camiño e pasear connosco?,
non poderías levantar a nosa esperanza,
quedar a comer e quentar o noso corazón frío;
non poderías facer algo para descubrir a túa presenza?
Non poderías repetir aquela escena de Emaús na nosa vida?.
Non poderías, Señor, non poderías…?
Si, sabemos que podes…
Quizá é que hoxe estamos coma daquela,
cos ollos mergullados na cegueira e nubrados de tristura
diante da dor que nos rodea.
Pero si, sabemos que podes….
Por iso, unha vez iluminados, mantémonos á túa espera.
CANTO GOZOSO
ð  ENTRADA: Camiñando pola vida
ð  GLORIA
ð  LECTURAS: Acharte presente na vida
ð  OFERTORIO: Pan do ceo
ð  PAZ: Démonos todos a man
ð  COMUÑÓN: Quédate Señor connosco

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...