Ir al contenido principal

A Inmaculada 2014


CHAMAD@S A TRABALLAR POR UNHA IGREXA NAI
Descarga o ficheiro


ESCOITA ACTIVA
                No camiño do advento, facemos hoxe unha parada festiva para contemplar a María, muller, labrega, sinxela, humilde, valente, comprometida…. NAI. Porén a nosa parada non é inmobilismo, senón chamada á acción, a dar un paso cara adiante, como fixo Ela, cando se trate de defender a dignidade de tantas e tantas persoas que, dun cabo ao outro do mundo son explotadas, pisoteadas e condenadas a vivir na tristura e na dor dun mundo cada vez máis deshumanizado.
            O alégrate que proclamaremos hoxe no Evanxeo de Lucas quere ser unha chamada á esperanza, a saír das nosas teimas e rutinas dunha vez por todas para proclamar, alto e claro, que grazas ao Si dunha mociña sinxela, dunha mociña de aldea, no mundo puido encarnarse o que vén traer a verdadeira ledicia, a esperanza sen fin e a paz duradeira.
            Que, como María, sexamos quen de responder SI a Deus, sen prexuízos, sen medos, sen recuar.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
·         Porque nós, a diferenza de María, afogamos a túa voz cos nosos medos, complexos e prexuízos, SEÑOR, RENOVA A NOSA ESPERANZA.
·         Porque nós, a diferenza de María, non acabamos de fiarnos por completo de Ti e somos dos que lle pomos unha vea a Deus e outra ao diaño, CRISTO, RENOVA A NOSA ESPERANZA.
·         Porque a nós, a diferenza de María, cústanos recoñecerte en quen non ten traballo, está enfermo, é marxinado ou explotado, SEÑOR, RENOVA A NOSA ESPERANZA.
PALABRA ENRAIZADA
·       Escoitabamos na primeira lectura que vimos de proclamar como Paulo lles dicía aos Efesios, que Deus os escollera para a santidade, para seren imaxe da súa gloria. Iso mesmo é o que se nos di hoxe a nós: somos escollidos e bendicidos na persoa de Cristo, en quen nos convertemos en fill@s. Pero todo isto foi posible, cómpre non esquecelo, grazas ao si radical e valente dunha mociña que non agochou a cabeza, nin recuou cando Deus lle pide ser Nai do seu Fillo. Non tivo que ser fácil a decisión de María, nun tempo e nunha sociedade na que as mulleres non tiñan os mesmos dereitos cós homes. Por que, logo, Ela, tomaría esa opción?.... porque se fiou de Deus, porque se puxo na súa man, porque foi consciente de que alguén tiña que ser a primeira persoa en romper as rutinas e as incercias do sempre se fixo así que tanto dano nos fan. María quere ser alento e forza para tantas e tantas mulleres que, mesmo nun mundo aparentemente tan desenvolvido, non teñen os mesmos dereitos que os varóns no eido laboral (soldos máis baixos, non son contratadas por mor de que queden embarazadas, postos con menor responsabilidade…..), da política (como ben sabemos iso é cousa de homes e ás veces escoitamos, sen dar creto, que este ministerio, esa autonomía ou aquel concello non poden ir ben…. porque á fronte deles está unha muller…..), do deporte (como un equipo de tenistas vai ter unha capitá?; pero un home si pode adestrar un equipo de waterpolo, balonmán, baloncesto feminino…..), na cultura (as mulleres, pensamos, só poden escribir novelas románticas, nada con fundamento…..), e así poderiamos seguir contando.
·       E no eido eclesial?. Pois este tampouco é alleo, e á vista está que as mulleres non teñen os mesmos dereitos e oportunidades que eles, a pesares de que ambos somos cread@s a imaxe e semellanza de Deus e posuímos a mesma dignidade. E, paradoxalmente, cando pensamos en tenrura, compaixón, amor sen límites, entrega… automaticamente nos vén ao maxín o rostro e a palabra nai. Non en van, o amor de Deus foi comparado ao longo de toda a Escritura co dunha muller polos seus fillos e fillas. Por iso hoxe é un bo día para reivindicar unha Igrexa fondamente mariana:

Ø  Unha Igrexa que non sexa nai por correspondencia, como di o Papa Francisco, senón nai que acolle, acubilla e consola.
Ø  Unha Igrexa que proclama con sinxeleza, alegría e esperanza a grandeza dun Deus que derruba do seu trono aos poderosos e enaltece aos humildes.
Ø  Unha Igrexa pobre e para os pobres que, como boa Nai, non atesoure para si, senón que comparta e reparta para que todos os seus fillos e as súas fillas teñan pan, casa, vivenda…. dignidade.
Ø  Unha Igrexa que anuncie a ledicia e a esperanza dun mundo, o actual, que é tempo de salvación.
Ø  Unha Igrexa que quere por igual aos seus fillos e ás súas fillas, pois para ela non hai distingos de xénero.
Ø  Unha Igrexa que, coma as nosas nais, poña no centro do seu quefacer e do seu actuar aos máis débiles e explotados.
Ø  Unha Igrexa que sempre estea disposta a dar segundas, terceiras, cuartas, ata setenta veces sete oportunidades a quen se afastou do camiño.
Ø  Unha Igrexa que, como boa Nai, saiba saír aos arrabais para buscar aos fillos e ás fillas que pasan a noite ao pairo, porque ela non é capaz de durmir.
Ø  Unha Igrexa que non cale nin volva a cara diante das inxustizas, a explotación e a miseria de tanta xente do noso mundo.
Ø  Unha Igrexa que, como María, sabe dicir SI a Deus desde a fidelidade aos sinais dos tempos.
Ø  Unha Igrexa que non ten resposta para todo, pero que está disposta a entrar en diálogo con quen busca o ben e a xustiza.
Ø  Unha Igrexa que non rezuma soberbia, intolerancia e carraxe; senón que é consciente que non é perfecta.
Ø  Unha Igrexa que promove, alenta e escoita a voz e a creatividade da muller.
Ø   Unha Igrexa nai, capaz de dicir unha palabra de alento a quen está afundido.
FRATERNIDADE ORANTE
Poñemos a nosa oración nas mans do Señor na intercesión de María. Como fixo ela, respondemos:
QUE SE FAGA A TÚA VONTADE, SEÑOR
·         Que se cumpra a túa vontade dunha Igrexa, que formamos todos e todas nós, na que ninguén se sinta estraño, marxinado ou silenciado, senón que saiba ser fogar de igualdade, escoita, acollida e entendemento, OREMOS.
QUE SE FAGA A TÚA VONTADE, SEÑOR
·         Que se cumpra a túa vontade dunhas comunidades, as nosas, atentas sempre ao sufrimento de todas as persoas, ás que queremos levar o viño para celebrar a festa da vida, OREMOS.
QUE SE FAGA A TÚA VONTADE, SEÑOR
·         Que se cumpra a túa vontade dunhas cristiás e duns cristiáns, nós, sempre dispost@s a poñernos nas túas mans incondicionalmente, segur@s de que só queres a nosa felicidade, OREMOS.
QUE SE FAGA A TÚA VONTADE, SEÑOR
Grazas, Señor, por invitarnos a construír unha Igrexa Nai. P.X.N.S. Amén.
MIRADA ESPERANZADA
Muller dos silencios e da escoita,
sensible á voz de Deus.
María é a esperanza das persoas pobres.
Ela, a máis pobre e pequena da súa raza,
abriu o corazón á voz do Deus
que ensalza aos humildes e aos famentos
e anuncia que hai esperanza,
que o día de mañá o mundo será mellor, será distinto.
Será un mundo no que a dignidade das persoas sexa sempre respectada,
pois será un mundo que reborde de amor e salvación,
grazas ao teu si.
Grazas, María.
(Caritas, ADVENTO 2014 p. 66)
CANTO GOZOSO
ENTRADA: Bos días, María
LECTURAS: Noraboa, María
OFERTORIO: Esa é María
COMUÑÓN: Coa nosa naiciña do ceo

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Domingo Ramos 2025

TRANSFORMEMOS A FLOR MURCHA DA CORESMA NO VERDE ESPERANZADO CARA Á PASCUA   Comézase fóra, a poder ser nun lugar un pouco afastado da Igrexa, para poder camiñar procesionalmente unha vez bendicidos os ramos.  COMEZANDO A CAMIÑAR Xesús púxose en camiño cara a Xerusalén ,escoitaremos na lectura do evanxeo de Lucas. Un camiño que se converte en sinal de contradición. En Xerusalén vivirá a morte; pero tamén alí, na mesma Xerusalén, na resurrección, mostrarase a grandeza e a fondura do Deus que envía ao seu Fillo para ser coma nós. A resurrección é, xa que logo, o triunfo, a esperanza, o punto de chegada dun camiño duro, difícil e cheo de dificultades. Nós hoxe tamén, coma Xesús, poñémonos en camiño cara esa Xerusalén que nos levará da mesa da fraternidade ao triunfo da Noite Santa da vida, pasando pola tristura e o desacougo da Paixón do Venres Santo. Dispoñámonos, poñendo o mellor de nós, a comezar esta andaina de salvación e esperanza. ACOLLENDO A BENDICIÓN DE DEUS Señor, sabénd...