Ir al contenido principal

Nadal

QUE FIXECHES CO TEU IRMÁN?. DE XÉNESE 4,9 A MATEU 25,31
Descarga o ficheiro
ESCOITA ACTIVA
            De Caín a Xesús. Nesta dobre dirección témonos movido as persoas ao longo dos séculos. Si. Desde Caín temos sido violentos, insolidarios, inxustos, egoístas, soberbios, excluíntes... pois en Caín reflíctese toda a capacidade que temos de facer/nos mal uns aos outros. Porén en Mateu 25, Xesús preséntanos o contrapunto: a solidariedade, o servizo, a entrega, a capacidade de sentir a paixón pola outra persoa, irmá nosa.
            O que marca a diferenza entre un ou outro xeito de ser e estar no mundo é a nosa capacidade, ou non, de permitir que Xesús e a súa mensaxe entren no noso corazón. Con El e desde El a vida ten outra perspectiva. E que mellor preguntárnolo hoxe, no día no que celebramos o seu nacemento. Por quen optamos: por Caín ou por Xesús?. En nós, na nosa liberdade, está a escolla. Abramos portas e rompamos candados que nos escravizan e pechan a sentir a cercanía dos irmáns e das irmás.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
  • Porque inda que Ti te achegas facéndote un coma nós, seguimos provocando desencontros e marcando distancias uns para cos outros, SEÑOR, QUE TE DEIXEMOS NACER NO NOSO CORAZÓN.
  • Porque o que dicimos coa lingua non queremos sentilo e vivilo co corazón, CRISTO, QUE TE DEIXEMOS NACER NO NOSO CORAZÓN.
  • Porque namentres a túa misericordia nos abriu un camiño de sentido e salvación, nós seguimos apegados ás nosas insolidariedades e ás nosas cobizas materialistas, SEÑOR, QUE TE DEIXEMOS NACER NO NOSO CORAZÓN.
PALABRA ENRAIZADA
*        Isaísas no texto que lemos na primeira lectura dinos que o nacemento dun neno cambiará a tebra en luz; dándolle sentido e horizonte á vida dos seres humanos. O “algo novo” que ía agromar xa chegou: Deus está con nós. Chegou a liberación, a forza para non deixarse ir na rutina do “sempre foi así e non se pode facer nada”. A opresión, desde Aquel que hoxe chegou a nós, pode ser vencida. O destino non existe, somos libres e decidimos. Non enfrontándonos e matando aos que oprimen, senón poñendo en valor a xustiza e a verdade. “Hoxe naceunos un neno” cantamos nas panxoliñas. Si, naceu. Pero con El chegou algo máis: a nosa autonomía, a nosa maioría de idade, a nosa liberdade para decidir, optar e elixir. Ninguén nos dirixe coma se foramos monicreques. A súa chegada dálle un sentido radical e humanizador á nosa, ás nosas vidas. E isto chéganos cimentado sobre o dereito e a xustiza; é dicir a igualdade e a inclusión. A porta está aberta. Non volvamos pechala.
*        Coa súa chegada acollemos en nós o gran sacramento. Non un rito, senón o encontro pleno e gozoso con aquel que se quixo facer un de nós, un coma nós. Un dos nosos. Xa está aquí. Un estar que é para tod@s, sen deixar a ninguén fóra. Un aquí que hai que vivir. Non se estuda,vívese. por iso a fe é sempre tarefa, esforzo e agradecemento. Neste día de festa en toda a Igrexa, esforcémonos por vivir a ledicia do Evanxeo que nos abre o nacemento de Xesús. Gloria ao Señor nas alturas; hoxe naceu un neniño, pobre a para os empobrecidos, por iso cremos na esperanza.
*        Lucas nárranos o nacemento de Xesús. Faino de xeito sinxelo e sobrio. Non había onde quedar e non houbo máis remedio que acubillarse no sitio onde menos se esperaba que nacese o Salvador: nun cortello. Toda unha imaxe do significado deste nacemento!. Pobre e para os pobres. O contrapunto do que logo foi sendo a Igrexa: boato e barroquismo, rica e para ricos. Diante desta deriva eclesial, o nacemento de Xesús quere ser unha chamada a pararnos e facer revisión para que a Igrexa sexa verdadeiramente testemuña non de ritos e costumes, senón dunha actitude –sobre isto insiste unha e outra vez o Papa Francisco–. El viu para tod@s, non fai exclusións; pero os preferidos sempre foron os máis pobres e empobrecidos; non por unha opción ideolóxica, senón desde unha opción a prol dos que máis necesitan de calor e humanidade, de tenrura e acubillo. Son os abandonados e esquecid@s; os que resultan insignificantes para quen reduce as persoas a números, estatísticas ou tantos por cento. A opción de Xesús é polos máis débiles. Por iso os que nada teñen e son pouco considerados –invisibilidade– son os seus preferidos. Pero fronte ás opcións ideoloxizadas que caen, ben no paternalismo –meus pobres, “que pena que estean así, imos axudalos”- ben na intolerancia dos que optan polo enfrontamento de clases -“hai que facer desaparecer aos ricos e opresores“- .O nacemento de Xesús busca cambiar corazóns e chama á conversión deses corazóns e das actitudes: traballemos pola humanización sen condenar, perseguir nin excluír. Aquí nace a verdadeira irmandade!. E iso, é o que hoxe queremos celebrar.
FRATERNIDADE ORANTE
Movid@s pola forza do Espírito, acollemos o testemuño de entrega e xenerosidade que nos trae hoxe a encarnación de Aquel que se fixo un de nós, e dicimos xunt@s:
GRAZAS, PAI, POR AGASALLARNOS CO TEU FILLO
  • Para que os que toman decisións sobre as persoas, saiban facelo dese o servizo e non desde o aproveitamento e a mentira, OREMOS.

GRAZAS, PAI, POR AGASALLARNOS CO TEU FILLO
  • Para que a Igrexa non caia na tentación de ser institución opresiva, senón casa de pan compartido e solidariedade vivida, OREMOS.

GRAZAS, PAI, POR AGASALLARNOS CO TEU FILLO
  • Para que non recuemos nunca diante da defensa de dignidade de tod@s as persoas, fill@s de Deus, OREMOS.

GRAZAS, PAI, POR AGASALLARNOS CO TEU FILLO
  • Para que a nosa participación na celebración abra os nosos ollos á necesidade de ver a realidade desde a denuncia da inxustiza e o traballo a favor dos máis empobrecidos e necesitados, OREMOS.

GRAZAS, PAI, POR AGASALLARNOS CO TEU FILLO
Grazas, Señor, por espabilarnos e non deixar que vivamos de xeito mortecino e rutinario a nosa fe. P. X.N.S. Amén.
MIRADA ESPERANZADA
Desde que Deus se fixo presenza, o amor converteuse en nome e rostro: Antonio, Xoel, Uxía, María, Pepe...
Desde que Deus curou, o ser humano volveuse dignidade e graza.
Desde que Deus acampou entre nós, a nosa dignidade reafirmouse.
Desde que Deus se fixo neno que naceu pobre, @s nen@s pobres convertéronse en sacramento da súa presenza.
Desde que Deus nos cantou a paz, xa non hai inimigo, e os conflitos pasan polo diálogo e non pola violencia.
Desde que Deus naceu en familia, as familias somos berces sagrados de amor e xenerosidade.
Desde que Deus se fixo emigrante, ninguén debe ter nome de extranxeir@.
Desde que Deus dixo:grazas, Pai, a oración é comunicación, agradecemento e vida para compartir nesta casa común que chamamos Igrexa.

CANTO GOZOSO
PANXOLIÑAS

(Ao final da celebración presentamos ao neno para que cantos queiramos, o recoñezamos como Aquel que vén para mover os nosos corazóns, para facer do actuar verdadeira irmandade).

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

3 Advento 2024

  CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA XUSTIZA SINAL DE ADVENTO:  Colocamos no taboleiro a terceira parte do noso berce. CANTO GOZOSO   §      Entrada: Volve, Señor (Nº 90)  §      Lecturas: Que ledicia miña (Nº 4) §      Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36) §      Comuñón: Ven axiña visitarnos (Nº 86)   OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN   Estamos xa no terceiro domingo do Advento. Nas semanas anteriores a Palabra de Deus invitábanos a espertar e a ir preparando o berce do noso corazón. Neste domingo, entre as palabras de ánimo do profeta Sofonías e a invitación á ledicia de Paulo, fáisenos unha nova indicación que vén responder, coma nos tempos do Bautista, á nosa pregunta de “que temos que facer?”. A indicación desta terceira semana é ben directa e clara: convértete e practica a xustiza!. Porque non nos enganemos: todas as persoas estamos necesitadas de conversión, de cambiar actitud...