Ir al contenido principal

4 Advento B

QUE GOZO PODER CANTAR A MISERICORDIA DO SEÑOR, E FACER DELA UNHA DAS ACTITUDES DO NOSO ACTUAR!

Descarga o ficheiro

SINAL DE ADVENTO

Incorporamos as catro últimas follas de carballo ao taboleiro. E se non o temos feito, explicamos o sentido que lle quixemos dar á utilización deste sinal ao longo do Advento: a esperanza está ás portas, unha esperanza que ha vivirse e testemuñarse na realidade cotiá de cada un/ha dos que nos chamamos cristi@ns. Non hai esperanza sen inculturación, a fe nunca pode ser allea á lingua, preocupacións e raíces dos que a profesamos. Esta é a razón da utilización da folla de carballo. Por último, tamén debemos entender/explicar que esa esperanza está sempre nutrida pola forza do Espírito –a luz amarela no interior da folla-. Camiñemos logo co corazón preparado a acoller ao neno que chega!

ESCOITA ACTIVA

Xoán e María volveron ser no Advento as referencias que nos van traendo a Xesús. Cada un de xeito diferente; pero os dous a través da súa experiencia de vida. O si de María e a acollida de Xoán son para nós testemuñas do que ha ser a vida de cada un/ha de nós. Se non somos capaces, ou mellor, se non estamos dispostos a acoller a Xesús tal e como chega: nos excluíd@s, nos empobrecidos, nos enganad@s, nos fracasad@s e desilusionad@s coa Igrexa, coa política, coa economía, cos amigos... non podemos dicir que estamos preparad@s para acollelo a El. Xoán e María entenderon e deron un paso cara adiante. Fagamos nós o mesmo e gocemos da presenza de Xesús en nós!.

CORAZÓN MISERICORDIOSO

  • Pola nosa teimosía para superar prexuízos respecto a Deus e aos demais, SEÑOR, ALÉNTANOS NO ESFORZO POR CAMBIAR.
  • Por non deixar que o corazón se abra a recoñecer os nosos erros e equivocacións, CRISTO, ALÉNTANOS NO ESFORZO POR CAMBIAR.
  • Porque seguimos tendo moito medo e pouca confianza en Ti, SEÑOR,ALÉNTANOS NO ESFORZO POR CAMBIAR.

PALABRA ENRAIZADA

* Ao longo de todo o A.T., Deus Pai aparece como Aquel que sempre vai termando do pobo. Verbos como acompañar, preocupar, acubillar, estar... aparecen sempre para poñer de manifesto cal é actitude de Deus respecto do seu Pobo. A diferenza dos deuses dos pobos veciños, o Deus de Israel non os deixa solos, non lles falla nin practica con eles o masoquismo de facelos sufrir. Deus, coma Pai, está sempre pendente e termando do pobo... Mesmo cando o pobo se afasta del e lle da as costas, El permanece á espera. Samuel danos a razón desta actitude ao poñer en boca de Deus a permanente disposición a non afastarse do seu pobo, mesmo cando o pobo fai oídos xordos ao seu compromiso de gardar a Alianza –“saqueite dos pasteiros. Estiven contigo en todo o que
emprediches”-. Algo así pasa tamén hoxe con nós: esperamos que chegue Xesús, falamos de Nadal, mesmo podemos adornar as nosas casas con motivos referentes a este tempo, pero no importante, nos nosos corazóns, pásanos como lle pasaba a Israel. Tamén nós lle damos as costas, o afastamos da nosa vida, prescindimos del no profundo das decisións que temos que tomar. Rapidamente esquecemos que El está, e que a súa presenza lémbranos que actitudes fundamentais como son a honestidade, a verdade, a responsabilidade, a acollida, o respecto aos demais... actitudes que para un crente deberan estar sempre en relación coas exixencias de seguimento e fidelidade ao Deus no que manifestamos crer. Deixemos logo que Xesús volva ao noso corazón non como algo externo e superficial, senón para transformalo. Pero para iso necesitamos unha cousa: deixarnos. Seremos capaces de facelo?. As misericordias do Señor non son palabras bonitas, senón deixar que actúe en nós para que coa súa presenza e a nosa liberdade lle vaiamos dando outro rumbo á nosa vida.

* Porque as súas misericordias temos que ilas facendo realidade nós co xeito de vivir, necesitamos ir construíndo espazos e experiencias de encontro, de colaboración, de convivencia fraterna alí onde esteamos, coas persoas que están ao noso redor. A fe non é unha experiencia para gardar individualmente, senón que é sempre chamada a encontrase, escoitar, tender pontes, unir mans para facer proxectos de cambio e transformación que fagan ás persoas máis felices e xustas. Nesta tarefa non estamos nunca solos. Os que nos sentimos tocados pola persoa e a mensaxe de Xesús sabemos ir experimentando e descubrindo como vai movendo o corazón, e como nos vai levando a superar intolerancias, prexuízos ou afáns de vinganza; o que nos fai sentir pequenos, necesitados e sempre en actitude de aprender o que outros nos poidan dicir; de deixarnos corrixir, de superar teimosías que tanto dano, cando pensamos nelas, nos fan. O que nos axuda a descubrir que a fe é universal e non se pecha nin nos nosos nin tampouco ten como única forma de ver as cousas a dos que pensan coma nós. Aprendamos logo desta palabra que nos invita a transformar o corazón e fagamos do Advento tempo no que, estando atentos aos sinais dos tempos, nos esforcemos por achegarnos e tender a man a quen pensa distinto, fala outra lingua ou non lle reza ao mesmo Deus ca nós.

* E, como María, deixemos que a alegría vaia enchoupando a nosa vida –o Papa Francisco vén de dicilo na exhortación “A ledicia do Evanxeo”– e que os medos, os complexos e as limitacións non nos fagan sentir menos cós demais, senón dispostos a saír e buscar quen nos poida axudar botándonos unha man, buscando tempo para escoitarnos ou acompañándonos co seu silencio respectuoso pero sempre activo. Tamén para nós chegou a graza, e o mesmo que lle ocorreu a María, estamos chamados a facerllo saber aos demais. A forza do Espírito vainos alentar neste camiño. Adiante!

FRATERNIDADE ORANTE

Señor, presentámosche a oración comunitaria coa confianza de que non só a escoitas, senón sabendo que a transformas en esperanza para a nosa vida. Por iso dicimos xunt@s:
GRAZAS POR QUERER FACER DA NOSA VIDA UN CANTO DE ESPERANZA
> Para que en toda a Igrexa este tempo de Advento sexa tempo de perdón e misericordia, OREMOS.
GRAZAS POR QUERER FACER DA NOSA VIDA UN CANTO DE ESPERANZA
> Para que nas nosas parroquias saibamos recoñecer os nosos erros e pedir perdón a quen lle temos faltado e entristecido, OREMOS.
GRAZAS POR QUERER FACER DA NOSA VIDA UN CANTO DE ESPERANZA
* Para que este tempo de Advento remate en cada un/ha de nós celebrando e participando do gozo da conversión e do perdón, que Deus nos ofrece tendéndonos a man á reconciliación, OREMOS.
GRAZAS POR QUERER FACER DA NOSA VIDA UN CANTO DE ESPERANZA
Grazas, Señor, por invitarnos a vivir a oración desde a esperanza que reconcilia, transforma e endereita o noso corazón a participar e ofrecer a túa misericordia. P.X.N.S. Amén.

MIRADA ESPERANZADA

Pai, que sexamos unha comunidade na que a caridade sexa dignidade e respecto para:
  • Aprender a acoller e escoitar;
  • Saber ser humildes e solidarios;
  • Non pechar os ollos á realidade inxusta e excluínte,
  • Escoitar a túa palabra e deixarnos transformar por ela;
  • Cambiar os nosos corazóns e deixar atrás a indiferenza;
  • Non volver a cara ante o engano, a mentira e a corrupción.
Pai, que tomemos en serio a túa Palabra,
e que vivamos con esperanza o gozo de sabernos
seguidores dunha mensaxe que nos invita
a non quedar quedos, senón a loitar
por transformar os corazóns e cambiar os comportamentos.
Que a túa misericordia compasiva sexa sempre o noso guieiro. Amén.

CANTO GOZOSO

  • ENTRADA: Volve, Señor
  • LECTURAS: Contade as marabillas do Señor
  • OFERTORIO: Todos xuntos
  • COMUÑÓN: Xesús chamado amigo

Comentarios

Entradas populares de este blog

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...