Ir al contenido principal

2 Domingo TO C 2016

FACEDE O QUE EL VOS DIGA

CANTO GOZOSO

ENTRADA: Ide e pregoade (Nº 55)
LECTURAS: Como che cantarei (Nº 28)
OFERTORIO: Na nosa terra (Nº 36)
COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 119)

ESCOITA ACTIVA

Hoxe, o calendario litúrxico lémbranos que volvemos ao tempo ordinario, e  facémolo che@s de esperanza e de novos folgos despois da graza que quixeron supor  na nosa vida o tempo de advento e o de Nadal. O extraordinario pasou. É tempo de poñelo en práctica: as ilusións, os propósitos, a vida ateigada de proxectos... E todo, coma sempre, na compaña de Deus, que se achega para cambiar a auga da mediocridade, da inxustiza, do abuso e da mentira no viño novo de xustiza, creatividade, coherencia e misericordia. Un Deus que nos bendí cos seus dons, coas calidades que pousa no corazón de cada un e cada unha de nós e que non son para enterrar, senón para poñer ao servizo do ben común, para compartir e así complementarnos mutuamente.

“Facede o que El vos diga”. Que as palabras de María que imos proclamar no evanxeo de hoxe nos poñan en disposición de escoitar, celebrar e vivir unha Palabra que sempre é actual.

CORAZÓN MISERICORDIOSO

  • Porque nos falla constancia, e rapidamente tiramos a toalla, deixándonos vencer pola apatía, a desesperanza e a indiferenza, SEÑOR QUE ESCOITEMOS A TÚA VOZ.
  • Porque moitas veces facemos oídos xordos ao que ti nos dis, esquecendo que a túa é unha Palabra viva, sempre actual e que quere ser alento na nosa vida, CRISTO, QUE ESCOITEMOS A TÚA VOZ.
  • Porque nos cremos en posesión da verdade absoluta, o embigo do mundo, @s mellores..., esquecendo que a diversidade de dons é froito do Espírito do Señor, SEÑOR, QUE ESCOITEMOS A TÚA VOZ.

OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN

Hoxe imos de voda. Si, así é, porque tanto a primeira lectura do profeta Isaías coma o evanxeo de Xoán que vimos de proclamar fálannos de vodas. É este un símbolo frecuente para expresar a alianza de Deus co seu pobo, no sentido de canto ten de festa, de compromiso, de entrega, de vida en común. Agora ben, o relato das vodas de Caná vai máis alá, pois quere expresar o paso da antiga alianza á nova, o paso da relixiosidade dos xudeus á relixiosidade de Xesús. En tempos de Xesús, a relixión xudía chegara a unha degradación total. A relación de Deus co seu pobo, que os profetas describiran coma un namoramento apaixonado ou coma a tenrura dun namorado coa súa amada, convertérase nunha manchea de ritos e cerimonias, repetidos unha e mil veces. Os seus dirixentes e os seus pensadores presentaban unha imaxe de Deus, máis que xusto, xusticeiro, dedicado en exclusiva a vixiar se os seus servos cumprían as moitas leis que lles dera. Solución: participar cantas máis veces mellor nas cerimonias que se celebraban no templo para pedir perdón ao Señor e realizar na casa unha e outra vez os ritos e lavados de purificación prescritos na lei relixiosa. Por iso no centro do relato evanxélico de hoxe sitúanse as tinas de cen litros de capacidade destinadas a conter auga para uso relixioso. Por iso se transforma a auga en viño, porque comezou unha situación nova, unha relixión nova, unha alianza nova. As tinas de pedra son sinal da relixión antiga: aquela relixión non servía nin tan sequera para lograr o que os seus dirixentes dicían que era obxectivo da práctica relixiosa: conseguir e conservar a pureza, resultar agradable a Deus. Pasaron os anos, os séculos... e a realidade é que seguimos tendo as tinas de pedra cheíñas da auga do desencanto, da mediocridade, da falla de compromiso, da desesperanza, da rutina...... Pasaron os anos, os séculos.... e a realidade é que seguimos sen entender a nosa relación con Deus coma unha voda, coma unha festa, coma ledicia, senón coma un funeral, coma unha pesada carga sobre os nosos ombreiros, coma un fardo que nos resulta difícil de transportar. Pasaron os anos, os séculos.... e a realidade é que seguimos prostituíndo e desvirtuando a imaxe de Deus, presentándoo coma un ogro ao que hai que ter contento para que non nos devore, coma un castigador ou coma un espía da nosa vida. Pasaron os anos, os séculos, e seguimos sen decatarnos de que Xesús pode transformar a auga da nosa vida en viño novo de comprensión, de misericordia, de paz, de xustiza, de compromiso, de igualdade.... e todo desde o amor e respectando sempre a nosa liberdade. Pasaron os anos, os séculos, e seguimos escribindo nas vellas táboas de pedra, do cumprimento e da obediencia cega, sen decatarnos de que a nova lei, o amor, está inscrita nos nosos corazóns. Pasaron os anos, os séculos....e a solución que seguimos propoñendo é a mesma: culto baleiro, rixidez doutrinal, frialdade de ritos afastados da vida real.... Que nos pasa?.
E María... estaba alí. Unha vez máis. Ela é, malia quen lle pese, a que fai a transición entre o antigo e o novo, entre o pasado e o futuro que xa é realidade, entre a auga e o viño. A súa sensibilidade, sensibilidade feminina, o seu saberse pór no lugar do outro, a súa dispoñibilidade será a que saque do apuro a aquela parella que calculara mal o viño necesario para a festa da súa voda. “Facede o que el vos diga”. Así lle dixo aos servidores da voda e así nos di hoxe a tod@s nós. Porque o importante xa non son as táboas de pedra da lei antiga, senón a nova lei do amor inscrita nos nosos corazóns quentes e misericordiosos. Xesús é o noso guieiro, é a El a quen temos que seguir. Se deixamos que toque a nosa vida, esta encherase de sentido e a nosa auga insípida converterase en viño saboroso. Que toque a nosa vida familiar e nos faga ver que paga a pena darse, amar incondicionalmente. Que toque as nosas relacións para que superemos cerrazóns e insensibilidades que nos impiden descubrir ás persoas a quen nos lles queda viño de ilusión, de esperanza, de compaña, de calor humana. Que toque a nosa vida de traballo para que saibamos descubrila coma un don que nos converte en recreadores, invitándonos a construír Reino desde a honestidade e a responsabilidade.
Entenderemos, daquela, o que Paulo lles di a aqueles cristiáns de Corinto e que hoxe nos lembra tamén a cada un e cada unha de nós: Deus pousa os seus talentos nos nosos corazóns, danos o seu Espírito que, soprando como quere, sementa diversidade dentro da Igrexa. Non deixemos que o xoio da uniformidade, da intolerancia e do pensamento único envelenen a sementeira do Señor.

FRATERNIDADE ORANTE

Porque estamos segur@s de que a túa vontade é que sexamos máis felices, máis humanos, máis misericordios@s, dicímosche:
SEÑOR, QUE CUMPRAMOS A TÚA VONTADE
Pola Igrexa, para que sempre estea atenta ás necesidades das persoas e poida converter a auga do desacougo, da tristura, do paro, do problema da vivenda, da enfermidade, da exclusión, da pena,... en viño novo de ledicia, liberación, humanidade nova, xustiza e igualdade, OREMOS.
SEÑOR, QUE CUMPRAMOS A TÚA VONTADE
Para que as comunidades das que formamos parte sexan lugares onde celebremos o compromiso permanente de acoller a quen vén, de perdoar a quen se equivoca, de defender a quen se sente maltratad@, de escoitar a quen se sente desesperanzado, OREMOS.
SEÑOR, QUE CUMPRAMOS A TÚA VONTADE
Por tod@s nós, para que non esquezamos nunca que o importante xa non son as táboas de pedra do cumprimento e da doutrina, senón a nova lei do amor inscrita nos nosos corazóns quentes e misericordiosos, OREMOS.
SEÑOR, QUE CUMPRAMOS A TÚA VONTADE
Señor, Ti queres que tod@s participemos no banquete de vodas do teu amor. Fai que, como María, sempre sexamos quen de saber poñernos no lugar do outro. P.X.N.S. Amén.

MIRADA ESPERANZADA

Non temos viño, Xesús.
Non temos viño.
Para as vodas de irmandade, onde festexamos o que amor que Ti nos dás.
Para as xuntanzas fraternas, nas que fas medrar os nosos amores.
Para a alianza do Norte co Sur, do mundo rico co mundo pobre.
Para a aperta solidaria cos inmigrantes, que reclaman os dereitos máis fundamentais.
Para as manifestacións de protesta, pedindo paz, traballo, xustiza.
Para a festa do compromiso humano, onde celebramos triunfos e fracasos.
Para o encontro do perdón, que sanda, renova e rehabilita.
Para a apertura do amor familiar, limpo, fondo, agradecido.
Para as nosas celebracións de cada día, sinxelas, íntimas, queridas.
E por iso andamos tristes e apoucados, sen graza e coa ilusión apagada.
Non temos viño, Xesús.
Non temos viño.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...