Ir al contenido principal

4 Domingo TO C 2016


Por que sempre lle damos tanta importancia ás campás e descoidamos para que nos chaman?
Descarga o ficheiro

CANTO GOZOSO
*      ENTRADA: Camiñando pola vida (Nº 9)
*      LECTURAS: Señor Xesús, bendito sexas (Nº 52)
*      OFERTORIO: Grazas, Señor, graciñas (Nº 50)
*     COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 119)
ESCOITA ACTIVA
Mira que insistimos unha e outra vez na importancia da fe e máis da esperanza! E facemos ben; pero esquecemos que estas dúas non valerían ren se non as poñemos en relación coa caridade. A mensaxe de Xesús está dirixida ás persoas, ao seu corazón, a canto nos fai sentir e percibir. Non estamos diante dunha construción dogmática, preocupada por controlar se somos ou non moi cumpridores das prácticas de piedade ou se nos apartamos de cumprir ou incumprir as leis que ao longo destes dous mil anos de vida da Igrexa nos fomos dando para poder organizarnos como comunidade universal presente en todo recuncho do mundo. Xesús fala e fai, invitándonos tamén a nós a falar e facer poñendo o amor no centro da nosa vida. E porque somos unha comunidade de comunidades, temos que aprender a respectarnos uns a outros desde a pluralidade de linguas e culturas nas que imos vivindo e dándolle contido e concreción á súa mensaxe. E se El sempre pon o amor no centro, por que nós nos empeñamos en levar conta das veces, do como, e do con quen, no canto de esforzarnos por ser mellores persoas, máis humanas e felices, para que o amor sexa o cerne desde o que confesemos a fe e vivamos a esperanza?
CORAZÓN MISERICORDIOSO
·      Porque esquecemos que o amor non é un acto físico, senón un compromiso de respectar, acoller e acompañar a quen se sente derrotado e esquecido; SEÑOR, QUE FAGAMOS DA SALVACIÓN DEFENSA DOS MÁIS DÉBILES.
·      Porque nos deixamos levar polo derrotismo, e renunciamos a loitar por facer da túa esperanza luz no camiño da vida; CRISTO, QUE FAGAMOS DA SALVACIÓN DEFENSA DOS MÁIS DÉBILES.
·      Porque nos sobra boa vontade; pero nos faltan compromiso e esixencia para tomar en serio a túa mensaxe; SEÑOR, QUE FAGAMOS DA SALVACIÓN DEFENSA DOS MÁIS DÉBILES.
OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
*      O Señor desde sempre buscounos e esperounos. Para El somos presenza constante e permanente. E namentres a nosa relación duns cos outros está moi marcada polo interese e o esquecemento, a relación de Deus con nós é sempre unha relación de presenza, acompañamento de raíz e identidade. Como di o profeta Xeremías na primeira lectura, antes de saír do seo das nosas nais El xa nos miraba con tenrura e misericordia. A súa pegada púxoa en nós desde o comezo: no amor dos nosos pais e nais que deu lugar á nosa vida. Estaba presente alí e ségueo a estar tamén hoxe. E así o cremos e confesamos cando rezamos xunt@s e cando levamos o que temos vivido nas celebracións á vida de cada día. E esa é a nosa tarefa, non outra, por moito que nos queiran desviar do fundamental da fe para convertela en costume, rito ou imposicións. A súa invitación é unha constate chamada a non ter medo, a non esmorecer, a non deixarnos render polas dificultades e problemas que nos poidan ir aparecendo.
*      Só desde esta identidade xenética –desde o comezo– poderemos entender canto Paulo recolle na súa carta aos Corintios ao afirmar que o amor é cerne da vida do cristián. Sen amor non seriamos máis que robots que cumpren normas; pero que son incapaces de descubrir ao outro como igual e irmán, como rostro de presenza de Deus. E isto, inda que o teñamos escoitado moitas veces e de xeitos diferentes, nunca pasa de moda, porque aquí reside o que define e diferenza a un seguidor de Xesús de quen non o é. Non somos cristiáns por ter sido bautizados; tampouco por repetir xestos que facían os nosos maiores, senón por esforzarnos en vivir o amor, por facer del verdade na nosa vida. Non é logo nin unha palabra que pase de moda nin tampouco unha actividade físico ximnástica, senón actitude permanente que identifica e mostra que Xesús segue presente no noso mundo a pesares da tecnoloxía ou a indiferenza. O amor, imaxe que mellor define a Deus, non pasa. Porque, coma El, tamén é para sempre.
*      Sendo o actuar de Xesús coherente co seu dicir, non é de estrañar que os veciños dubidaran del. A eles (só a eles?) non lles cabía na cabeza que aquel fillo do carpinteiro e daquela moza que o tivera antes de casar con Xosé, puidera presentarse coma Fillo de Deus; o que daba cumprimento na súa persoa ás palabras que desde había tantos séculos viñan lendo e rezando xunt@s na sinagoga. Non podían dar creto a que un dos deles e coma eles puidera presentarse invitando a cambiar os comportamentos, anunciándolles que a salvación pasa pola acollida e o respecto duns para cos outro; que lles fixera saír as cores pola súa falta de sinceridade e coherencia á hora de actuar, pois críanse os mellores por cumprir ritos e normas; pero non eran capaces de poñer o corazón no que facían. Isto pasáballe a Xesús cos veciños; pero... non nos pasa tamén a nós que somos desconfiados e valoramos pouco, cando non nada, os logros dun veciño ou de alguén que está disposto a poñer tempo do seu a favor do tempo de todos? Preguntémonos logo, non o que outros fan por nós, senón o que nós somos capaces de facer polos outros. Porque na resposta que deamos verémonos reflectidos como seguidores -ou non- de Xesús.
FRATERNIDADE ORANTE
Compartamos en comunidade a oración que nos fai sentir comunidade en comuñón que se une en linguas e culturas distintas para proclamar que o amor de Deus nunca nos abandona, dicindo:
SEÑOR, QUE O AMOR DE IGUALDADE SEXA O NOSO GUIEIRO
  • Para que Igrexa sexa berce de amor e non madrasta incapaz de amar e acoller a quen se sente só, desenganado e triste, OREMOS.
SEÑOR, QUE O AMOR DE IGUALDADE SEXA O NOSO GUIEIRO
  • Para que as nosas comunidades sexan lareira de quentura onde nos xuntemos para escoitarnos, axudarnos e preocuparnos uns polos outros, OREMOS.
SEÑOR, QUE O AMOR DE IGUALDADE SEXA O NOSO GUIEIRO
  • Para que non esquezamos nunca que Deus non pon nin fronteiras nin barreiras que separen, senón que é un Deus que tende pontes para encontrarnos e unirnos na loita por coidar a casa común que non é de ninguén en particular, senón de tod@s en igualdade, OREMOS.
SEÑOR, QUE O AMOR DE IGUALDADE SEXA O NOSO GUIEIRO
Grazas, Señor, por invitarnos a vivir o amor, a esperanza e a fe na misericordia, facendo o esforzo por superar prexuízos que nos separan e tantas veces nos enfrontan. P.X.N.S. Amén.
MIRADA DE ESPERANZA
O Señor é “misericordioso”: este vocábulo evoca unha actitude de tenrura, coma a dunha nai polo seu fillo. En efecto, o termo hebreo usado pola Biblia leva a pensar nas vísceras, no ventre materno. Por iso a imaxe que suxire é a dun Deus que se conmove e sente tenrura por nós, coma unha nai cando colle ao seu fillo no colo, unicamente desexosa de amar, protexer e axudar, pronta a doar todo, ata a si mesma. Esta é a imaxe que este termo suxire. Por tanto, un amor que se pode definir, no bo sentido, “visceral”.
Despois, está escrito que o Señor é “compasivo”, no sentido de que concede a graza, ten compaixón e, na súa grandeza, debrúzase sobre cantos son fráxiles e pobres, sempre pronto a acoller, comprender e perdoar. É coma o pai da parábola do Evanxeo de Lucas (un pai que non se pecha no resentimento polo abandono do fillo mais novo, ao contrario, continua a esperar por el –foi el que o xerou!– e despois corre ao seu encontro, abrazándoo. Nin sequera lle deixa rematar a súa confesión –como se tapase a súa boca– tan grandes son o amor e a alegría por telo reencontrado; e de seguida vai chamar tamén ao fillo mais vello, que se sente indignado e non quere festexar. Era o fillo que permaneceu sempre na casa, pero que vivía máis coma un servo que coma un fillo. O pai debruzase sobre el, convidándoo a entrar, procurando abrir o seu corazón ao amor, a fin de que ninguén sexa excluído da festa da misericordia. A misericordia é unha festa!
(Catequese do Papa: O nome de Deus é o Misericordioso 13/1/2016)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...