O PRESENTE TAMÉN É TEMPO DE SALVACIÓN....
HOXE CÚMPRESE EN NÓS ESTA ESCRITURA
Descarga o ficheiro- ENTRADA: Camiñando pola vida
- LECTURAS: A túa palabra
- OFERTORIO: Eu soñei
- COMUÑÓN: Grazas, Señor, graciñas
ESCOITA ACTIVA
Escoitamos e mesmo dicimos moitas veces que
co Papa Francisco a Igrexa está a vivir unha nova primavera eclesial despois
dunha longa noite de pedra. Unha primavera na que recupera o diálogo co mundo
que inaugurara o Concilio Vaticano II desde dúas categorías: compromiso e
solidariedade, atent@s aos sinais dos tempos.
Na liña marcada por Francisco, a celebración
de hoxe quere ser unha invitación a que abramos portas de renovación, sen medo
nin desconfianza; portas de diálogo e entendemento; portas de búsquea do ben da
persoa; portas de traballo compartido por canto libera, axuda, dialoga e
expresa o amor de Deus; portas, en definitiva, de misericordia que poñan á
persoa, e non a lei ou os ritos no centro. Só así seremos quen de converter os
gozos e esperanzas da xente nos gozos e esperanzas dunha Igrexa crible que se
descubre como hospital de campaña e balón de osíxeno para quen se sente desesperanzado.
Só así poderemos dicir que hoxe tamén se cumpre esta Palabra, Palabra de vida,
de esperanza, de alento, de compromiso, de compaña... de amor.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
- Polas veces nas que en lugar de buscar a unión somos motivo de división, sementando discordia e buscando enfrontamentos dentro das nosas familias, cos nosos veciños, no noso traballo, na nosa parroquia, SEÑOR, DEVÓLVENOS A ILUSIÓN.
- Porque nos refuxiamos na comodidade e na autocompaixón fácil do “non sei” ou “non vallo” para evitar comprometer a nosa vida, CRISTO, DEVÓLVENOS A ILUSIÓN.
- Porque a novidade que es Ti non chega ao noso corazón, que segue sendo de pedra, SEÑOR, DEVÓLVENOS A ILUSIÓN.
OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
O pobo de Israel quere reconstruír a súa
esperanza despois da amarga experiencia do desterro en Babilonia, pero esta
reconstrución só será posible dende a unidade, tendo en conta, ou mellor dito,
poñendo en primeiro lugar aos máis febles, aos pequenos. Pasaron os anos, os
séculos e tanto tempo despois do profeta, seguimos, máis que nunca, necesitad@s
desta sanación, dentro dun mundo dividido entre ricos e pobres, dentro dunha
sociedade dividida entre dominadores e dominados, dentro dunhas comunidades
divididas por vellas e rancias xenreiras, por estúpidas discusións ou por
inútiles partidismos e protagonismos. A crúa verdade é que non damos entendido
que a liberación que propón Cristo é unha liberación total, que abrangue todas
as dimensións da persoa. Deus non pode, e nós tampouco, ser neutral diante dun
mundo dividido e desgarrado pola inxustiza. El trae a liberdade a un mundo no
que tanto se fala dela, pero no que paradoxalmente cada vez son máis os deuses
que nos encadean e tiranizan: o poder, a riqueza, o prestixio... Trae a luz
para unhas persoas que pode que saibamos e teñamos moito; pero que non sabemos
vivir e valorar as cousas cotiás, sinxelas e pequenas. En definitiva, El trae
VIDA, pero vida en abundancia. Porque cómpre non esquecer que Xesús, para
demostrar que El era o Mesías non quixo, alomenos neste momento, deslumbrar aos
seus paisanos co brillo das súas milagres. Non. A súa afirmación clara baséase
en que evanxelizaba aos pobres, pregoaba a remisión e a vista, enviaba con
liberdade aos oprimidos e pregoaba un ano de graza. Cada vez que unha persoa
traballa para que os homes coñezan de verdade o Evanxeo, para que saiban que
son fill@s de Deus e irmáns.... cúmprese esta escritura. Cada vez que unha
persoa se esforza por acadar unha orde social máis xusta na que as persoas
sexan persoas e non cousas.... estase cumprindo esta escritura. Cada vez que
unha persoa tenta que miremos por riba da miopía dos cartos, do poder, da
comodidade, da preguiza.... estase cumprindo a escritura. Cada vez que unha
persoa pregoa aos catro ventos un ano de graza do Señor, un ano interminable no
que deixemos de ser lobos para os irmáns, en que acabemos de ver no outro un
inimigo ao que hai que perseguir.... cúmprese esta escritura. Cada vez que unha
persoa berra que quere a paz e non a guerra, dándonos de verdade a man, sen
rancores e poñendo o diálogo como punto de partida... cúmprese esta escritura.
Cada vez que unha persoa pregoa que cómpre achegarse sen medo nin reservas aos
demais, sentar con eles e compartir mesa e mesmo bolsa... estase cumprindo esa
escritura. É responsabilidade nosa o feito de que HOXE, HOXE mesmo, poida ou
non cumprirse esta escritura.
E nós, a que esperamos?. Cómpre ir dando
pasos firmes que xeren vida ao noso redor, que dean boas noticias, capaces de
reconstruír e facer xermolar de novo a esperanza de que outro mundo é posible.
O Espírito do Señor está sobre cada un e cada unha de nós, e fai que sexamos
portadores desta Boa Nova: Deus quérenos, ocúpase e preocúpase por nós. E se é
un o Espírito que anima a nosa vida, estamos chamad@s a traballar pola unidade
dentro das nosas familias, das nosas comunidades, da nosa Igrexa. Cantas
divisións, desencontros e enfrontamentos por mor dos nosos egoísmos e do noso
afán de protagonismo!. Cando nos decataremos, como nos lembra Paulo, de que
todos nós somos membros do corpo de Cristo, iguais en importancia e que polo
tanto non podemos atribuírnos a exclusividade?. Comecemos xa. Non perdamos máis
tempo: tamén hoxe, coma nos tempos de Nehemías, é hora de reconstruír a
comunidade na unidade e na liberdade.
FRATERNIDADE ORANTE
Abramos o corazón a Deus, e confiémoslle a nosa vida, para
que a acompañe coa súa presenza e o seu alento e digámoslle:
QUE SE CUMPRA EN NÓS A
TÚA PALABRA
Para que a Igrexa, en
fidelidade á mensaxe de Xesús, nunca canse de acompañar a quen o necesita,
escoitar a quen pete na súa porta e alentar a quen vive na desesperanza, OREMOS.
QUE SE CUMPRA EN NÓS A
TÚA PALABRA
Polas nosas comunidades,
para que de verdade tomemos conciencia de que somos parte dun mesmo corpo, e
para o seu bo funcionamento tod@s somos necesari@s, OREMOS.
QUE SE CUMPRA EN NÓS A
TÚA PALABRA
Por cada un e cada unha
de nós, para que non cansemos de anunciar o ano de graza do Señor no medio dun
mundo marcado pola desesperanza, o egoísmo, a inxustiza, a vinganza e a
opresión, OREMOS.
QUE SE CUMPRA EN NÓS A
TÚA PALABRA
Grazas, Señor, por invitarnos a ter unha fe activa e
comprometida con todo canto supoña e signifique o traballo comunitario de facer
a vida máis agradable e alegre aos demais. P.X.N.S. Amén.
PARA A REFLEXIÓN
Que non se me
afaga o corazón, Señor,
a ver persoas
sufrindo en situacións inxustas.
Que non vexa
normal tropezar todos os días
con homes e
mulleres desprazados, sen casa, sen teito.
Que me sorprenda
cada día deste mundo que montamos
no que uns temos
de todo e a outros fáltalles todo.
Que non se me
afaga o corazón
á mirada triste e
perdida,
ao xesto caído e
desanimado,
á palabra soez ou
burlona,
ás poucas ganas de
vivir,
a calquera
deterioro do irmán,
que é o seu berro
desde a beirarrúa da vida.
Que non se me
afaga o corazón, Señor,
a ver como normal
ao refuxiado
que cruza o mar para
buscar un futuro,
ao que quedou sen
familia, sen traballo, sen teito
e mañá non atopará
saída para o seu problema.
Pon tenrura,
Señor, no meu mirar;
pon agarimo na
miña man que saúda;
pon misericordia
na miña mente que fai xuízos;
pon sabedoría na
miña linguaxe;
pon escoita nos
meus oídos abertos.
Comentarios