Deus non salva por control
remoto, senón desde a cercanía de quen tende a man para acoller e acompañar
CANTO AGRADECIDO
§ ENTRADA: Eu soñei
(Nº 58)
§ LECTURAS: Escoita
Ti a Palabra de Deus (Nº 26)
§ OFERTORIO: Na
nosa terra (Nº 36)
§ COMUÑÓN: Acharte
presente (Nº 51)
ESCOITA ACTIVA
A idea central da celebración de hoxe, que
non por moi repetida e escoitada temos posto en practica, é a de que Deus está
aquí, entre nós, ao noso lado; non está lonxe nin hai que terlle medo. Está ao
noso carón e participa das nosas ledicias e tristuras. Como nos custa entender
e acoller isto! Seguimos a pensar a Deus nas claves dunha sociedade clasista e
piramidal: é poderoso, manda, hai que terlle medo, debemos pregarnos ao que El
mande... como se a nosa tivese que ser unha relación entre servos –nós- e señor
–El-. Pero non é así. Todo o contrario: cando un cristián di Deus, a imaxe
desde a que fala é a de alguén, non algo, que escoita, acolle, acompaña e está
sempre disposto a facer da misericordia o eixo no que situar a súa relación con
nós. Deixemos logo que a súa tenrura enchoupe a nosa vida: pensar e actuar,
para que cando digamos Deus non poidamos pensar noutra cousa que no amigo que
nos quere. Por iso soñamos un mundo fogar no que El, como bo Pai sabe acompañar
sen necesidade de mostrarse como o amo que todo o pode e domina.
Poñámonos entón neste camiño que El quere acompañar, para que
fagamos da celebración que agora comezamos un canto de ledicia compartida e celebrada.
FRATERNIDADE ORANTE
Ø Por
non ter ollos para descubrir a presenza de Deus en quen sufre; SEÑOR,
QUE A TÚA SABEDORÍA CAMBIE O NOSO CORAZÓN.
Ø Por
querer darlle as costas ao esforzo de facer do noso traballo ofrecemento a
mellorar canto non facemos ben; CRISTO,
QUE A TÚA SABEDORÍA CAMBIE O NOSO CORAZÓN.
Ø Por
esquecer que o legado de Cristo pide que sexamos irreprochables, solidarios e
honestos no noso actuar; SEÑOR, QUE A
TÚA SABEDORÍA CAMBIE O NOSO CORAZÓN.
OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
· Estamos no tempo de Nadal; tempo de festa,
encontro familiar, momento de atoparnos persoas que, quizais, ao longo do ano
poucas veces volveremos estar xuntas. Por que no canto de queixarnos sempre do
mesmo: comemos moito, discutimos, son días tristes, aborrécenos... non
comezamos a facer propostas en positivo para sacar o mellor de todas as
posibilidades que nos dan estes encontros polo Nadal? A lectura do libro do
Eclesiástico dinos que a sabedoría de Deus habitou entre o pobo. Pensemos sobre
esta frase. Nela dísenos que Deus nos ofrece a súa sabedoría. Pero non pensemos
en sabedoría como unha acumulación de coñecementos. Non. A sabedoría de Deus
vai ao corazón. É a sabedoría que fai que rompamos a imaxe de que non
necesitamos dos demais, de que nos valemos sos, de que podemos ir ao noso sen
contar con ninguén. Esta é a sabedoría humana; e xa sabemos, porque o temos
experimentado, a onde leva e que
produce. Simplemente pensemos como nos temos sentido as veces nas que quixemos
ir "ao noso aire" e canto sufrimento non teriamos evitado se
prestaramos atención a esa outra sabedoría que nos vén traer Deus! Porque nos
guste ou non, despois do "momento de gloria" que sempre é o que se
consegue cando alardeamos de que non necesitamos dos demais nin tampouco de
Deus, que este é un invento para someternos, acabamos recoñecendo que non nos
sentimos ben, que os demais si son importantes para facernos felices, e que
Deus non é unha idea, senón o alguén que sinto preto, e que me vai acompañando
e abrindo un horizonte novo, distinto e aberto desde o que son invitado -non
obrigado-, a orientar a vida. Deixemos logo que esta sabedoría teña acollida en
nós!
· E todo este proxecto ten unha foto fixa;
unha foto que non cambia segundo esteamos de ánimo. Esa foto fixa é Deus, quen
chama á nosa porta e pide permiso para entrar, quen non traspasa a nosa
liberdade e capacidade de decisión, quen
non usurpa a nosa toma de decisións nin fala por nós. El chega e chama. Se nós
abrimos, pasa e acompáñanos. Isto é así porque para El non somos estraños,
senón os seus Fill@s. Si, escrito con maiúscula, porque fillos tamén son os
demais seres vivos: animais, plantas...
dos que temos que termar e preocuparnos, pero que non nos igualan nin superan. Sabendo
comprendelo, e acadando cada quen o seu sitio, entenderemos por que debemos
coidar esta casa común que chamamos mundo: porque é de todos. Pero nel cadaquén
ten o seu lugar; non para abusar ou destruír do que é máis débil, senón para
unir e saborear xuntos este agasallo que Deus puxo nas nosas mans para que o
coidaramos, na persoa de Cristo, o Xesús neno e pobre, recoñecendo a dignidade
e respecto que todos cantos conformamos o mundo nos merecemos uns aos outros. O
noso mundo, a nosa historia, o noso protagonismo... pero sempre desde a tenrura
enchoupada de misericordia que El nos invita a construír.
· E cando dicimos que a Palabra se fixo carne, queremos dicir que se fixo un
de nós, dos nosos: sufre, chora, alédase, entristecese, desenvolve proxectos e
tamén se vai atopando con fracasos e
incomprensións. Coma nós. E se é coma
nós, podemos logo entender moito mellor
a forza da súa mensaxe; e se é coma nós,
comprendemos por que foi incomprendido e acabou como acabou; e se é coma
nós entendemos por que era tan importante a relación de confianza con Deus Pai
nos momentos de dificultade e incomprensión polos que pasou. A súa encarnación
faino dos nosos; pero tamén nos ofrece outra perspectiva: a perspectiva de quen
cando todo se volve negro e sen horizonte, non se vén abaixo, senón que atopa
no Pai a forza para loitar contra a desesperanza e o derrotismo, que tantas
veces nos acaba comendo e fundindo. Por iso estamos aquí: porque non se deixou
vencer nin dominar nin polo destino, o sempre se fixo así ou o non hai nada que
facer. Si que había e si que o fixo, e nós hoxe sentímonos agradecidos e non
podemos dicir nada máis que: grazas, Señor, por facer da túa presenza unha
acampada permanente. O mundo agora é así, pero se paseniñamente nos propoñemos
non deixarnos vencer polo derrotismo, seguro que acabará sendo de outra
maneira. E coma cidadáns do mundo, estamos aquí, porque as cousas sempre poden
cambiar!
FRATERNIDADE ORANTE
Agradecemos agora a presenza
de Deus entre nós e con nós, para dicir xunt@s:
POR SER PALABRA VIVA E DE
ESPERANZA, GRAZAS SEÑOR
•
Pola
Igrexa, para que sexamos comunidade sabia que sabe facerse presente nos
excluídos da nosa sociedade, para converter a inxustiza en solidariedade e
amor, OREMOS.
POR SER PALABRA VIVA E DE ESPERANZA, GRAZAS
SEÑOR
•
Polas nosas parroquias, para que
vaiamos cambiando actitudes que nos fan insolidarios, individualistas e
despreocupados do sufrimento dos veciños necesitados, para transformalos en
amor fraterno e humano, OREMOS.
POR SER PALABRA VIVA E DE
ESPERANZA, GRAZAS SEÑOR
•
Para que fagamos un verdadeiro
esforzo por abrir os ollos a canto pasa ao noso redor, superando a tentación de
reducir a fe a canto celebramos dentro dos nosos templos, para levar á vida, na
relación de cada día, o que rezamos, compartimos e agradecemos nas nosas
celebracións, OREMOS.
POR SER PALABRA VIVA E DE
ESPERANZA, GRAZAS SEÑOR
Acolle, Señor, o noso esforzo por poñerlle rostro, corazón e
tarefa permanente á invitación que nos fas de ser sal e luz no medio dun mundo,
que se non poñemos esforzo da nosa parte, non será máis ca tebra entristecida
pola desesperanza. P.X.N.S. Amén.
MIRADA ESPERANZADA
A xente está tan cansada de
dicir e oír dicir que “O Verbo de Deus
fíxose carne”, que chega a non reflexionar o que isto significa. El quixo
realmente ser como un de nós, coma ti e coma min, menos no pecado: un home
limitado que crece, que aprende e que pregunta; un home capaz de oír e de
responder. Deus non asumiu unha humanidade abstracta de animal racional, senón
que desde o primeiro momento da súa concepción asumiu un ser histórico: Xesús
de Nazaret, un xudeu por raza e por
relixión, que se formou no reducido espazo do seo materno; que creceu no
reducido espazo dunha patria insignificante; que madurou no reducido espazo
dunha minúscula e remota aldea; que traballou nun medio limitado e moi pouco
culto, onde non se falaba grego nin latín, as linguas da época, senón un
dialecto, o arameo, con acento de Galilea; que sentiu a opresión das forzas de
ocupación do seu país; que coñeceu a fame, a sede, a soidade, as bágoas pola
morte do amigo, a alegría da amizade, a tristeza, o temor, as tentacións e o
horror á morte; e que pasou pola noite escura do abandono de Deus. Todo isto
asumiuno Deus en Xesucristo. Nada diso se lle aforrou. Asumiu todo o que é autenticamente
humano e pertence á nosa condición, como a xusta ira e a santa alegría, a
bondade e a dureza, a amizade e o conflito, a vida e a morte. Todo isto está
presente na fráxil figura do Neno que comeza a xemer na manxadoira, entre o boi
e a burra.
(Leonardo Boff, ÉL QUISO
SER COMO UNO DE NOSOTROS)
Comentarios