Ir al contenido principal

2 Advento 2017 B

Destapemos as pedras que ennegrecen o corazón
SINAL DE ADVENTO
Neste segundo domingo de Advento, sacamos unha nova pedra para que vaia emerxendo a esperanza que nos trae Xesús facéndose un de nós.
CANTO GOZOSO
o   ENTRADA: Volve Señor (Nª 90)
o   LECTURAS: Non vou so (Nº 60)
o   OFERTORIO: Eu sei de quen me fiei (Nº 64)
o   COMUÑÓN: Grazas, Señor, graciñas (Nº 50)
PARA NON PERDER O PASO
            Na vida é fundamental saber, practicar e valorar a importancia de dar as grazas; pero facéndoo desde o corazón, non de maneira nin de xeito rutineiro. Sexamos persoas agradecidas aprendendo a mirar aos ollos, poñendo un sorriso nos beizos, tendo sempre presente que a quen nos estamos dirixindo é a unha persoa coma nós, que sofre, se alegra, se entristece ou goza do mesmo xeito que nos pasa a cada un/ha dos que hoxe estamos aquí.
Saquemos logo con gozo, non con pena, outra das rochas que non nos deixan ver a verde esperanza do Deus que se achega para traernos un corazón aquecido de misericordia e tenrura.
CO CORAZÓN FERIDO
·      Por ser persoas endurecidas e intransixentes; SEÑOR, QUE A NEGRURA NON ANIÑE NO NOSO CORAZÓN.
·      Por ser crentes intolerantes e autoritarios; CRISTO, QUE A NEGRURA NON ANIÑE NO NOSO CORAZÓN.
·      Por ser cristiás e cristiáns afastados do actuar e vivir de Cristo; SEÑOR, QUE A NEGRURA NON ANIÑE NO NOSO CORAZÓN.
UNHA PALABRA QUE AGROMA
Desde a Palabra de Deus que acabamos de escoitar, poderiamos plantexarnos algunhas preguntas que nos axudasen a facer do Advento un tempo para revisar as nosas actitudes, e así valorar como imos facendo este camiño de preparación cara ao Nadal. Non falamos, por suposto, dese nadal que para algúns xa comezou no mes de setembro, e que se foi amplificando nos dous meses sucesivos. O nadal do consumo, o gasto, a comida ou as viaxes. Non, quere ser outro Nadal: Nadal da acollida en nós deste tempo no que celebramos e compartimos que Xesús chega; e faino de verdade, non como teatro para captar consumidores/clientes, senón como invitación a poñer a nosa vida en valor humanizador, en valor que se encontra con e coas persoas; en valor que lle pon rostro de acollida e tenrura á súa presenza nos iguais. Por riba de situacións económicas, culturais, laborais, políticas ou relixiosas; como ben nos acaba de dicir o papa Francisco na súa recente viaxe a Birmania e Bangladesh. O Deus que nos preparamos para recibir non fai distincións. Vén para tod@s. De verdade queremos, ou mellor, estamos dispostos a acollelo?. Desde esta invitación que nos fai, e tentando sacar unha nova pedra ennegrecida, que tanto pesa e tanto dano nos fai, preguntémonos se estamos dispostos a camiñar na actitude que nos chama a estar:
En vela, sen confiarnos nin crernos que xa o sabemos todo e cumprimos co que nos toca. Durmir a destempo apámpanos, á vez que nos impide poder relacionarnos cos demais, pois renunciamos á comunicación e agochámonos nos noso cuarteis de inverno. E como ben sabemos, a invernía produce moito frío. Tanto que entumece músculos e corazón. Velemos entón para non deixarnos levar da tentación de adurmiñar; esforcémonos por ter unha mirada curiosa que nos impida entrar na zona de conforto, que nos volve indiferentes e ausentes de canto lles pasa aos demais.
Á espreita. O vixía pon a súa mirada moito máis alá de si mesmo. Por iso a vixilancia supón saír da comodidade de quen só mira e pensa en si mesmo, incapaz de poñer a mirada e o corazón nos demais. Un demais que me/nos necesitan e se senten esquecidos.
E sempre espertos, sen que teñamos que avisar a outros para que nos chamen, nos movan, nos digan ou nos marquen o que temos que facer. Ser crentes dános a liberdade de aprender a confiar nos demais; pero non nin a manipulalos nin a deixarnos manipular por eles.
Advento é entón tempo para espertar, desentumecer e espabilar. Porque como ben sabemos, cada día que pasa, se non poñemos esforzo pola nosa parte, vai acumulando rutina, comodidade, preguiza, desinterese... o que nos impide, como nos dicía Xesús hoxe no evanxeo, estar na actitude que nos invita a potenciar quen é para nós luz, camiño e esperanza no nosa camiño: Xesús. Vixiemos logo sen cansar e esteamos atentos e á espreita, para que este non acabe sendo tempo baleiro e superficial, onde hai moita luz, pero incapaz de chegar a iluminar os ámbitos onde aniña a escuridade que non nos deixa acoller, facéndolle oco en nós, ao Xesús que chega.
DESDE A ORACIÓN COMPARTIDA
Agradecid@s pola confianza que sempre pos en nós, dicimos xunt@s:
SEÑOR, QUE ENRAICEMOS NA ESPERANZA QUE NOS OFRECES
Para que sexamos unha Igrexa vixiante e esperta no medio dun mundo moitas veces durmido e indiferente; OREMOS.
SEÑOR, QUE ENRAICEMOS NA ESPERANZA QUE NOS OFRECES
Para que conformemos comunidades vivas e afastadas da tentación do empobrecemento espiritual que nos conxela a iniciativa de ser semente de acollida e colaboración; OREMOS.
SEÑOR, QUE ENRAICEMOS NA ESPERANZA QUE NOS OFRECES
Para que esteamos vixiantes, sabendo ser paz e xustiza para todas as persoas que se acheguen a nós buscando tempo aquecido de escoita e axuda; OREMOS.
SEÑOR, QUE ENRAICEMOS NA ESPERANZA QUE NOS OFRECES
Grazas, Señor, porque nos acompañas cada día no camiño que nos fai mirar ao noso redor e recoñecer aos irmáns e ás irmás que nos tenden a súa man para que os acompañemos. P.X.N.S. Amén.
PARA QUE TOD@S SINTAMOS A LEDICIA DO COMUNITARIO
Grazas, Señor por invitarnos a velar,
a non cansar de poñer en ti a nosa esperanza.
Grazas, Señor, porque unha vez máis,
ante a nosa intransixencia e o noso illamento,
chámasnos a erguer a mirada,
a non ter medo,
a confiar en ti e nos demais,
a ser construtores desa casa común
que non é de ninguén e é de tod@s.
Porque Ti o quixeches así.
Non a dividiches,
non fixeches pequenas parcelas,
pechadas e incomunicadas.
Grazas, Señor, por apostar polo comunitario:
o que une,
o que nos fai sentir pobo e corpo desde o que responder á túa chamada
de deixar atrás as rochas ennegrecidas
que secuestran a nosa  esperanza e non nos deixan vivir.
Desde a alegría do corazón
que acolle, perdoa e acompaña.
Grazas, sempre, Señor.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...