Ir al contenido principal

Santa Maria 2018

QUE A PAZ QUE NOS TRAE O NENO SEXAMOS CAPACES DE FACELA REALIDADE NUN MUNDO DIVIDIDO E ENFRONTADO
Descarga o ficheiro
CANTO GOZOSO
Panxoliñas
o   ENTRADA: 
o   LECTURAS:
o   OFERTORIO:
o   COMUÑÓN: 
BENDICIÓN NO COMEZO
´ Que Deus nos bendiga todos os días do ano,
´ Que Deus nos sorría todos os días do ano,
´ Que Deus se fixe en nós todos os días do ano,
´ Que Deus nos conceda a súa paz todos os días do ano
´ A paz, o amor e a xustiza de Deus, que se manifestaron en Cristo, nacido para a nosa salvación sexan con todos e con todas vós.

ABRINDO AS PORTAS DO CORAZÓN
NECESITANDO DA SÚA MISERICORDIA
·        Porque se nos enche a boca falando de que queremos paz; pero non damos entendido que para que sexa posible debemos respectar e valorar aos demais tal e como son; SEÑOR, BENDÍCENOS COA TÚA PAZ.
·        Porque a diferenza dos pastores non estamos dispost@s a deixar atrás rutinas, comodidades e indiferenzas para ir ao teu encontro; CRISTO, BENDÍCENOS COA TÚA PAZ.
·        Porque a diferenza de María, non deixamos que a túa Palabra enchoupe o noso corazón, dándonos razóns para facer que non esmoreza a esperanza; SEÑOR, BENDÍCENOS COA TÚA PAZ.

ESCOITAMOS O ECO DA PALABRA
ü Empezar un novo ano é sempre unha bendición. Bendición porque temos unha oportunidade máis de manifestar, coa nosa vida, a esperanza e a salvación que nos trae Xesús. Aceptar esta bendición, abrirnos a Deus, é deixar que El nos acompañe, que alumee o noso camiño, que nos aconselle, que nos anime e sobre todo, deixarnos querer por El. Aceptar a bendición de Deus é ter paz no noso corazón, é ser a súa canle no medio dos nosos irmáns e irmás. Aceptar a bendición de Deus é ser nós mesmos. Neste tempo que nos toca vivir, cómpre, máis que nunca que nós tamén sexamos bendición: coas nosas actitudes de respecto, de diálogo, de solidariedade; coas nosas palabras de ánimo, de agradecemento, de amor, cos nosos feitos. Seremos bendición se valoramos a vida, especialmente a máis desfavorecida, a que pasa pola enfermidade, polo abandono, pola ancianidade. Oxalá que ao longo deste ano que comezamos todo encontro co irmán e a irmá sexa unha bendición, para ir construíndo entre todos o don que Xesús nos trae: a paz.

ü A Igrexa fai coincidir o día de aninovo e a oitava de Nadal coa celebración da Xornada Mundial da paz; porque a vinda do Mesías é a inauguración dunha nova xeira, dun tempo novo no que as lanzas se converten en podadeiras e das espadas nacen arados e os oprimidos son liberados. A paz non é ausencia de guerra, nin equilibrio de forzas adversarias, nin situación de calma imposta. A paz é Shalom, harmonía nunha tríada:
ö Con nós mesmos, queréndonos, valorándonos, sendo conscientes de que Deus pousou nos nosos corazóns uns talentos, unhas cualidades, uns dons... que temos que poñer a render ao servizo do ben común. Cómpre, xa que logo, que empoderemos, é dicir, que desenvolvamos a confianza e seguridade en nós mesm@s, nas nosas capacidades, no noso potencial e na importancia das nosas accións e decisións para afectar á nosa vida dun xeito positivo. 
ö Cos irmáns e coas irmás: acollendo, protexendo, promovendo e integrando a todas as persoas, especialmente ás máis excluídas e marxinadas, tal e como nos lembra o papa Francisco na súa mensaxe para este día
ö Coa casa común, pois non basta con estar en paz coas persoas, senón que tamén debemos estar en paz coa natureza. A paz está ameazada tamén pola nosa falta de respecto cara á terra, pola explotación desordenada dos seus recursos, polo deterioro da calidade de vida. O arco da vella da paz debe abranguer tamén á creación enteira, pois debemos ter claro que a destrución ou o abuso desconsiderado da natureza constitúen un problema de índole moral. Non somos os donos, senón os coidadores do mundo, non só non debemos destruílo nin contaminalo, senón que temos que traballar por deixalo máis limpo e habitable.

DESDE A ORACIÓN COMPARTIDA
Na festa de Santa María, e neste comezo de ano que nos volve falar outra vez de paz, dicimos agora:
BENDITO O QUE VÉN NO NOME DO SEÑOR
v Por unha Igrexa renovada e fiel ao Evanxeo, que esqueza o poder e o dominio, OREMOS.
BENDITO O QUE VÉN NO NOME DO SEÑOR
v Por unhas comunidades cristiás que, asentadas sobra a forza da paz e o camiño da fraternidade, saben ser testemuñas de encontro, perdón e tolerancia no medio dos enfrontamentos dunha sociedade que moitas veces se esquece de Deus, OREMOS.
BENDITO O QUE VÉN NO NOME DO SEÑOR
v Polas familias que sofren a causa das dificultades económicas, a enfermidade ou a falta de entendemento; OREMOS. 
BENDITO O QUE VÉN NO NOME DO SEÑOR
v Por todas as persoas migrantes e refuxiadas, que comezan o novo ano sen un teito no que acubillarse, para que nós, a diferenza dos pousadeiros de Belén, sexamos quen de acollelas; OREMOS.

BENDITO O QUE VÉN NO NOME DO SEÑOR 

v Para que esteamos ao carón das persoas que pasan por dificultades: desempregados, persoas que traballan en condicións precarias, por aquelas que perderon a seres queridos, polas que pasan por rupturas familiares, polas que teñen medo ao futuro, polas que se senten soas, e así sexamos para elas bendición de Deus; OREMOS.
BENDITO O QUE VÉN NO NOME DO SEÑOR
Grazas, Señor, porque sabemos que a paz é un don teu. Axúdanos a traballar arreo para que sexa unha realidade na nosa vida de cada día. P.X.N.S. Amén.

PARA POÑER O CORAZÓN NA ESPERANZA
A Xesús, deitadiño na manxadoira,
entre o admiramento dos seus pais 
e os ditos e louvanzas de pastores,
polo baixiño,
presentámoslle os nosos desexos
para o ano que empeza.
Que haxa pan e paz nas nosas casas.
Que vaia adiante a unión que nos libera.
Que solezan os pobres desta terra.
Que a terra sexa fiel a tantas suores.
Que o mar cos mariñeiros se volva doce.
Que teñamos razóns para vivir cada amencer.
Que non morra a esperanza nas horas negras.
Que vexamos en cada noite a nosa estrela.
Que medren os amigos ás nosas portas.
Que a confianza abonde no noso trato.
Que morra a falsidade, que a leve o trasno.
Que non morran os soños dos soñadores.
Que non se apague a vela dos que alumean.
Que non cansen da loita os loitadores.
Que aproveitemos o don de cada día.
Que fagamos render os bens xa recibidos.
Que veña a túa man, Xesús, e nos bendiga. Amén.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...