Ir al contenido principal

4 Advento 2017 B

Non deixemos que o medo esconda, secuestre ou se impoña ás nosas moitas capacidades: Advento é tempo de empoderar; de ser nós mesm@s
SINAL DE ADVENTO

Neste cuarto e derradeiro domingo de Advento, sacamos unha nova pedra para que vaia emerxendo a esperanza que nos trae Xesús facéndose un de nós.
Descarga o ficheiro

CANTO GOZOSO
o   ENTRADA: Volve Señor (Nª 90)
o   LECTURAS: Non vou so (Nº 60)
o   OFERTORIO: Eu sei de quen me fiei (Nº 64)
o   COMUÑÓN: Grazas, Señor, graciñas (Nº 50)
PARA NON PERDER O PASO
            Estamos no final do traxecto que comezabamos hai catro semanas. Tempo suficiente para sincerarnos con nós mesmos, para aprender a mirar a nosa contorna con ollos diferentes, para facer da nosa vida unha experiencia da cambio e renovación.
            Que balance podemos facer de todo canto temos recibido a través da palabra que Deus nos dirixiu nestas catro semanas? En que temos mellorado, que cousas xa quedaron atrás; que outras cousas temos que seguir botando fóra para que agrome a paz no noso corazón?
            Fagamos logo memoria agradecida deste tempo de Advento no que, unha vez máis, a chegada de Xesús, fixo posible que lle botaramos unha mirada a nosa vida para revisala e deixar atrás todo canto vai ennegrecendo o corazón.
CO CORAZÓN FERIDO
·      Ante os nosos medos e as nosas dúbidas; SEÑOR, GRAZAS POR ESTAR AO NOSO LADO.
·      Ante as nosas desconfianzas e inseguridades; CRISTO, GRAZAS POR ESTAR AO NOSO LADO.
·      Ante as nosas infidelidades e indiferenzas; SEÑOR, GRAZAS POR ESTAR AO NOSO LADO.
UNHA PALABRA QUE AGROMA
Na primeira lectura escoitabamos o diálogo entre Deus e Samuel. E, máis alá dos recursos literarios que utiliza a linguaxe relixiosa para expresar vivencias tan profundas como son as que trascenden o material, o que se ve e toca, queda clara unha cousa: Deus está, e está sempre. Esta afirmación deixa ben ás claras que cando confesamos a fe nel, o que estamos é a mostrar o noso afecto e o noso agradecemento por non deixarnos ao pairo. E namentres os amigos, as veces os familiares, e non poucas veces os veciños poden desentenderse de nós, Deus, como fixo sempre desde Israel ata hoxe, non se vai senón que segue a estar. Pero tamén ocorre que os nosos ollos e a nosa mirada moitas veces non perciben nin queren percibir esa presenza, porque sen ela –aparentemente- todo é moito máis doado: todo xira ao redor da nosa vontade, do que queiramos ou non... pero sen esixencias nin compromisos que nos fagan respectar, dignificar e tratar por igual ás demais persoas. Non é logo estraño que moitas veces saquemos peito para manifestar que Deus non pinta nada na nosa vida, porque o que queremos dicir é: ao prescindir de Deus, xa podemos facer o que nos pete, dando primacía non á reflexión que nos fai mirar ás persoas e á realidade na que vivimos desde o binomio dignidade-igualdade, senón á apetencia na que todo dá o mesmo, todo vale e non se diferenza o que está ben e é bo, de canto non o é. Deus non é un Deus morto nin desaparecido, senón vivo e presente para alentar, acompañar e animar a nosa vida.

É neste Deus no que temos que ir afianzando a vida, e desde o que ao longo deste Advento estamos sendo invitados a botar de nós as pólas/pedras ennegrecidas e que escurecen o noso corazón. Paseniñamente, sen présa, fagamos o esforzo por deixar atrás os cantos de serea que nos fan crer que podemos obviar e prescindir da presenza de Deus para facer da nosa vida ocorrencia que todo o xustifica e no que todo se iguala sen discernir nin diferenciar. Vexamos logo se desde que comezou o Advento temos sido capaces de ir ordenando a nosa vida, de ir prescindindo das pólas queimadas que só nos traen amargura e descorazonamento, de recoñecer que temos que cambiar para chegar ao Nadal coa mirada sobre o mundo á que nos invita o Deus Neno que está a chegar. Unha mirada que non sente vergoña polo que facemos nin por achegarse a quen está a esperar de nós unha petición de perdón ou un cambio na maneira de tratarnos e relacionarnos. Porque o Nadal é acoller, no pequeno de cada día, os cambios na forma de comportarnos, dicir as cousas, tratar aos demais ou saír das nosas zonas de conforto que non nos crean problemas... pero tampouco ofrecen estímulo nin motivación á nosa vida. Nadal é nacer desde o Neno que chega e peta para que lle abramos.

Por iso, como ocorreu con María, non debemos ter medo a dar un paso adiante, a ser os primeiros en recoñecer os erros, a valorar o que os outros fan de bo por min ou por outras persoas, a ir máis alá da vida plana e, aparentemente tranquila, que tan pouco nos gusta, e da que non facemos máis que queixarnos. Ante Gabriel, María non se paraliza co medo, senón que dos seus beizos sae a afirmación de ofrecerse para que o proxecto de Deus se realice: “fágase en min a túa palabra”. Poderíamos dicir nós o mesmo? Teriamos tamén unha actitude de escoitar e acoller canto Deus nos vai ofrecendo e poñendo no nos camiño? Ou máis ben somos dos que oímos pero non escoitamos? María pasa do desconcerto á confianza, da vergoña ao empoderamento. Sabe cales van ser as dificultades, entende que vai ser incomprendida e criticada... pero tamén sabe que neste traxecto non vai estar soa, por iso no seu si vai a afirmación da tódalas persoas, homes e mulleres, que queren empoderar para poñer de manifesto o moito que son capaces de facer, á vez de que non van deixar que ninguén fale por el@s ou lle silencie a súa voz. Somos iguais en dignidade, o que nos pon ao mesmo nivel, sen ter que someternos a quen pretende impoñer a súa voz e secuestrar a liberdade de cadaquén. Xesús nace para que, destapada a última pedra/póla queimada, fagamos da nosa vida esperanza real, auténtica, activa e sempre potenciadora do que humaniza.
DESDE A ORACIÓN COMPARTIDA
Agradecid@s de saberte ao noso lado, compartimos este momento de oración comunitaria e dicimos:
GRAZAS POR ALENTAR O CAMBIO DE CORAZÓN
  • Para que sexamos verdadeira Igrexa en saída, que mira máis ao futuro e non ao pasado que, para ben, xa non vai volver; OREMOS.
GRAZAS POR ALENTAR O CAMBIO DE CORAZÓN
  • Para que sexamos parroquia que colabora e participa da vida comunitaria, e non suma de simples individuos que viven no mesmo lugar; OREMOS.
GRAZAS POR ALENTAR O CAMBIO DE CORAZÓN
  • Para que as rutinas, os costumes, a falta de ilusión e interese pola túa persoa e mensaxe, non nos faga caer na mediocridade de quen non sabe por que Deus se quixo facer un de nós, nacendo pobre e ofrecéndonos unha mensaxe que enriquece a vida; OREMOS.
GRAZAS POR ALENTAR O CAMBIO DE CORAZÓN
Grazas, Señor, por acompañarnos no esforzo por descubrir cal ha ser o noso camiño e ofrecernos a compaña do Neno que nace para que pasemos da negrura á esperanza. P.X.N.S. Amén.
PARA QUE TOD@S SINTAMOS A LEDICIA DO COMUNITARIO
Señor, nós non temos medo, porque ti vas ao noso lado;
aléntasnos, anímasnos e dásnos o agarimo da túa compaña.
Como María, tamén nós nos deixamos coller da túa man,
para poder camiñar ao teu lado.
Porque só así seremos capaces de que a negrura
que imos acumulando no corazón desapareza,
de xeito que a esperanza que nos chega co Neno,
saibamos acollela e vivila en cada un dos pasos que imos dando.
E así, como fixeches Ti,
tamén nós pasemos deixando pegada.
Pegada que marca, guía e orienta.
Grazas, Señor, por invitarnos a deixar atrás o medo.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

3 Coresma 2024

DIANTE DA TENTACIÓN DE MERCADEAR COA FE, PROPOÑAMOS GRATUIDADE CANTO GOZOSO o     ENTRADA .- Eu sei de quen me fiei  ( 64) o     LECTURAS .- Oh, Señor, escólleme ( 62 ) o     OFERTORIO.-  Grazas Señor na mañá ( 34) o     COMUÑÓN.-   Ti es camiño e verdade ( 57)   Sinal de Coresma.-  Engadimos unha nova parte do corazón roto que estamos a conformar.   ESPERTANDO Á RENOVACIÓN              As comunidades cristiás vanse conformando ao redor da persoa e a palabra de Xesús. Persoa e palabra desde as que se nos invita a interiorizar a fe, as conviccións, os valores e actitudes desde os que vivir. Pero ocorre que moitas veces, por razóns diversas, imos esquecendo estes dous aspectos fundamentais da fe para caer na inconsistencia das rutinas, os costumes, o aburrimento desde os que acabamos vivindo a fe. No evanxeo de hoxe escoitaremos co...

6 Pascua 2024

  CONSTRUÍNDO CASA COMÚN SEN FACER DISTINCIÓNS NIN PERDER A IDENTIDADE CANTOS ·        ENTRADA:  Con ledicia vimos todos ao altar (Nº 2) ·        LECTURAS:  Cantádelle ao Señor unha cantiga nova (Nº 23) ·        OFERTORIO:  O amor é o meirande (Nº 120) ·        COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   AQUECENDO O CORAZÓN              Neste sexto domingo de Pascua invítasenos a prestar atención, poñendo corazón, ollos, mans, pensamento, pés... para vivir facendo do amor cerne da nosa vida. A isto chámanos o Evanxeo de hoxe. Non é doado, sabémolo, pero non podemos renunciar a tentalo, porque só quen se esforza pode recoller logo o froito do seu esforzo.          Cando Xesús fala do amor, non está a teorizar nin tampouco a dicir palabras pa...