Miles
de anos despois... El segue a enviarnos para dar aos pobres a gran noticia: Non
estades sos; sodes o centro das nosas preocupacións. Vivimos así o noso ser
Igrexa hoxe?
Descarga o ficheiro
SINAL DE ADVENTO
Neste terceiro
domingo de Advento, sacamos unha nova pedra para que vaia emerxendo a esperanza
que nos trae Xesús facéndose un de nós.
CANTO GOZOSO
o
ENTRADA:
Volve Señor (Nª 90)
o
LECTURAS:
Manda o teu Espírito (Nº 126)
o
OFERTORIO:
Eu sei de quen me fiei (Nº 64)
o
COMUÑÓN:
Coa nosa naiciña do ceo (Nº 69)
PARA NON PERDER O PASO
A
través das palabras do profeta Isaías chega hoxe a nós a voz do Deus que nos di
que no camiño que imos percorrendo non estamos soos. O seu Espírito acompáñanos
en cada un dos pasos que imos dando. El está; pero nós, témoslle prestado
atención e acollida? É a xente pobre, a desherdada, a excluída, @s ninguén do
noso mundo a preferida? Son as persoas pobres, en palabras do papa Francisco, as
que fan que a solidariedade non sexa só unha palabra, a escoita un retrouso e a
acollida un entretemento?
Que este momento de encontro
comunitario que agora comezamos nos axude a poñer os pés no chan, os ollos nas
persoas e o corazón nas mans de Deus, para que as pólas secas e as pedras ennegrecidas
non atopen oco no noso corazón e na nosa maneira de mirar a vida.
CO CORAZÓN FERIDO
·
Pola cegueira dos
nosos ollos, que nos impide ver a tristura que causamos coas nosas palabras; SEÑOR, QUE A NOSA SEXA UNHA MIRADA LIMPA..
·
Pola cegueira dos
nosos ollos, que non nos deixa contemplar o dano que facemos coa nosa
indiferenza; CRISTO, QUE A NOSA SEXA
UNHA MIRADA LIMPA.
·
Pola cegueira dos
nosos ollos, que nos fai crer mellores e superiores aos que lles causamos dor e
ferimos dándolles as costas; SEÑOR, QUE
A NOSA SEXA UNHA MIRADA LIMPA .
UNHA PALABRA QUE AGROMA
"Porque o Señor me unxiu": O Señor únxenos para
encomendarnos unha misión, non para quedar quedos. E como ben explicaba o texto
da primeira lectura, esta unción pasa polas persoas, non polos ritos nin os
costumes. Pero fundamentalmente refírese á actitude que debemos ter coas
persoas máis esquecidas e ignoradas do noso mudo. Cada día escoitamos nos
medios de comunicación canta xente, sen máis culpa que ter nacido nun lugar e
non noutro, é violentada, expulsada, perseguida ou asasinada por non pertencer
ao grupo maioritario, non darlle a razón a quen se cre o seu "xefe"
ou ten ideas diferentes aos que mandan... En que pouca consideración temos a
vida, recibida de Deus! O Advento quere ser tempo onde os gromos do cambio
crezan para que cando chegue o tempo do froito, o Nadal, estean en todo o seu
esplendor. Ou o que é o mesmo: que teñamos sido capaces de sacar todas as
pedras ennegrecidas e todas as pólas queimadas que impedían que circulase a savia
da conversión e do cambio a través delas. Pensemos logo e aquí, en que cousas
este Advento me está a cambiar, me está a facer mellor persoa, crente,
familiar, compañeir@ de traballo, veciñ@... e en cales sigo necesitando
traballar para que o queimado e ennegrecido non aniñe de vez en min. Unha boa
valedora nesta tarefa permanente que temos no Advento é María. Nela e desde
ela, podemos ir descubrindo que facer este camiño é posible para que a saúde do
corazón volva de novo a nós, e as faladurías do intestino se vaian afastando do
que dicimos, terxiversamos ou mentimos. Como di o papa Francisco: "estamos tan acostumados ás faladurías que
moitas veces transformamos as nosas comunidades e tamén as nosas familias nun
inferno onde se manifesta esta forma de criminalidade que leva a matar ao irmán
e á irmá coa lingua" (Francisco meditación en Sta. Marta, 2 de
setembro de 2013).
“Examinádeo
todo e agarrádevos ao que é bo". Paulo dille aos tesalonicenses
que se afasten de canto os degrada, humilla ou fai de menos polo seu xeito de
falar ou de facer as cousas. E esta invitación de Paulo tamén chega hoxe ata
cada un e cada unha de nós. Por iso podemos facernos tamén a pregunta de si á
hora de tomar decisións, dicir as cousas, tratar ou dirixirnos aos demais,
tentamos facelo buscando o que é bo, o que non fire, o que non pon tristura nin
amargura nos demais nin en nós, ou iso non nos importa e facémolo de calquera
xeito, inda que polo camiño vaiamos deixando regueiros de dor, desesperanza,
desánimo e desengano ? Como imos estar alegres se o noso actuar o único que fai
é fomentar o que nos entristece a nós e a aos demais? Como podemos sentir que a
esperanza está en Xesús e que se nos ofrece neste Nadal, si o noso é estar
constantemente vendo o negativo, o malo o catastrófico... e moitas veces somos
os primeiros en favorecer de que sexa así? Volvamos entón, outra vez, os ollos
ao cartel que nos vai axudar a facer este camiño do Advento, e tentemos sacar
un pouco da negrura que o tempo nos levou a acumular no noso corazón.
“Veu de testemuña para dar
testemuño da luz". E como non podía ser doutro xeito, seguindo a
lóxica desta tarefa de ir sacando de nós a negrura, o evanxeo achéganos a Xoán
Bautista como referencia desde a que entender por que debemos preparar o camiño
que nos leva a acoller ao Deus que nace. Xoán non engana, non minte, non se
presenta como o primeiro no que todos se han fixar nel, senón que, sinxela e
humildemente, irrompe neste tempo de Advento como quen testemuña sobre quen é a
Luz. El non quere protagonismo, non lle toca a el, senón que a súa misión é
presentar, abrir camiño, anunciar que o que chega ha irradiar de tal xeito en
quen queira acollelo que lle vai cambiar a vida. Que todas as negruras de
pedras e pólas, desaparecen para que emerxa e xurda a savia nova da árbore que
non seca nin arde: Xesús. Como vimos dicindo desde o comezo desta reflexión,
poñámonos en actitude de deixar atrás o que foi, asumamos o presente que é, e
preparémonos, sen falso sorriso nin falsa humildade, para acoller e facer oco
en nós, na nosa familia a través de nós, e nas nosas parroquias co testemuño
sincero e real de tod@s nós a facer da vida, desde o Deus que nace, unha
experiencia de renovación, cambio, e mirada limpa e leda que, a pesares dos
problemas e dificultades de cada día, é posible.
DESDE A ORACIÓN COMPARTIDA
Porque queremos que a luz que trae Xesús
irradie en nós sen desmembrarnos, pero si iluminándonos, dicimos xunt@s:
SEÑOR, QUE SEXAMOS
TESTEMUÑAS CRIBLES DO EVANXEO
Para que a Igrexa tome en serio que está chamada
a sumar e unir desde a súa presenza no mundo, e non a xulgar nin a amedrentar; OREMOS.
SEÑOR, QUE
SEXAMOS TESTEMUÑAS CRIBLES DO EVANXEO
Para que nós, na relación coas persoas da nosa
parroquia/comunidade non sexamos os que creamos faladurías, chismes, contos...
que caen na mentira e promoven o enfrontamento e a desunión; OREMOS.
SEÑOR, QUE SEXAMOS TESTEMUÑAS CRIBLES DO
EVANXEO
Para que ao remate de cada xornada teñamos o
valor de preguntarnos: que fun capaz de facer hoxe de bo e de ben polas persoas
coas que me teño atopado?; OREMOS.
SEÑOR, QUE SEXAMOS TESTEMUÑAS CRIBLES DO
EVANXEO
Grazas, Señor, por ofrecerme este
momento de oración para poñer en ti todo canto necesito para que a mirada da
miña vida sexa limpa, honesta e sincera. P.X.N.S. Amén.
PARA QUE TOD@S SINTAMOS A LEDICIA DO COMUNITARIO
A
mirada non son os ollos. A mirada son os ollos dirixidos polo corazón. Iso, o
corazón; non a cabeza. O corazón é o órgano que tradicionalmente asociamos co
sentimento, a vontade e ás intencións; ese complemento da intelixencia –e da
razón– que tanto engaiola a tantos homes e mulleres ao longo do tempo!. O
corazón está cargado de desexos, intencións e expectativas, como a mente está,
ás veces, cargada de razóns. Ese revoltiño de previsións é o que determina o
movemento da atención, e este diríxese, entre outras cousas, á mirada. A mirada
sérvese da pupila para ver, o iris non é o que mira, senón o mirado. Aprendamos
a mirar desde o corazón; aprendamos a mirar tamén aos lados; aprendamos a mirar
ás persoas e non o que teñen ou o importantes que son!
Comentarios