Ir al contenido principal

Domingo 19 TO B 2018

CANDO A DESCONFIANZA SE CONVERTE NO PARADIGMA DESDE O QUE NOS ACHEGAMOS ÁS PERSOAS, O PROXECTO DE XESÚS ESTÁ MOI LONXE DE NÓS

CANTO GOZOSO


  • ENTRADA: Con ledicia vaiamos todos ao altar (Nº 2)
  • LECTURAS: Cantade ao Señor (Nº 23)
  • OFERTORIO: Recibe, Señor (Nº 31)
  • COMUÑÓN: Quédate, Señor, connosco (Nº 63)

PARA NON PERDER O PASO

A desconfianza é unha actitude que nos predispón de maneira negativa respecto aos demais. Desde ela o achegamento ás persoas facémolo buscando conseguir o noso propio proveito e comenencia. Outras veces, esta desconfianza fai que directamente non nos acheguemos á xente. Non é o noso entón un actuar que supoña acollida, fraternidade ou preocupación senón interese e rendibilidade: persoal, económica, política e mesmo tamén relixiosa –medrar e facer carreira-. A loitar contra a tentación da desconfianza é ao que nos invita a Palabra que hoxe imos proclamar na celebración. Prestemos oídos e corazón para acollela e facela vida a través do noso xeito de facer as cousas.

CO CORAZÓN FERIDO

  • Polas veces nas que nos mostramos como persoas resabidas e interesadas; SEÑOR, QUE A DESCONFIANZA NON FAGA CAMIÑO CON NÓS.
  • Polas veces nas que a desconfianza nos leva a utilizar ás persoas no noso proveito; CRISTO, QUE A DESCONFIANZA NON FAGA CAMIÑO CON NÓS.
  • Polas veces nas que a desconfianza nos converte en persoas faltas de verdade e sinxeleza; SEÑOR, QUE A DESCONFIANZA NON FAGA CAMIÑO CON NÓS.

UNHA PALABRA QUE AGROMA


  • Elías séntese desacougado e falto de ilusión. Os seus proxectos, as súas ilusións non se cumpriron, o que provoca unha fonda desesperanza e tristura na súa vida. Nesta decepción achégase á oración desde un pesimismo total, onde o único camiño que ve viable é a morte. Ante este baleiro nihilista móstrasenos que a perspectiva desde a que Deus se achega a nós e nos quere é outra: non hai que deixarse derrotar pola sensación de fracaso! Verdade que tod@s nos vemos hoxe bastante reflectidos no texto e na experiencia que nel se nos narra? E cal é a nosa resposta? Somos dos que nos empeñamos en saír coa nosa e permanecer no derrotismo que non abre camiños nin perspectivas; ou somos dos que buscamos, sabendo das dificultades nas que estamos e que seguiremos atopando, mirar cara adiante, esforzarnos por saír do pozo no que só vemos negrura, achegarnos a outras persoas para deixarnos acompañar e alentar pola súa presenza e as súas palabras? Da resposta que queiramos dar vai depender a ilusión, a forza e o sentido da nosa vida. Elías, deixou por fin de laiarse e comezou un novo camiño deixándose guiar pola proposta que Deus lle facía. E nós? A coherencia e a razón da fe non está no consumo de horas dentro dos templos, senón da capacidade de incorporar ao noso acontecer cotián as actitudes que o proxecto de Deus, que non nos saca as dificultades, pero que si non nos deixa sos, nos ofrece. Gustemos entón e non utilicemos a presenza da bondade de Deus en nós.
  • Este estado de aflición permanente non nos fai nin mellores persoas nin mellores seguidores de Xesús. Por moito que nos empeñemos en que sexa así. A proposta de Xesús non se asenta nas nosas teimas, senón na busca de camiños que nos leven a sentírmonos persoas ledas, xustas, capaces de afrontar retos e de nos deixarse vencer nin carcomer polos problemas e dificultades. Aquí esta a diferenza entre ser ou non ser crentes. Os ritos, as tradicións, os costumes, moitas veces, cando teimamos en facer deles o centro da nosa vida de fe, o único que fan é escurecer a forza do que ten que ser a fe na nosa vida e desde todas as súas perspectivas. E nisto insístelle Paulo aos Efesios tal e como acabamos de escoitar. Se permanecemos na ira, na carraxe, no rancor, os berros, no buscar no pasado moi pasado cousas para ferir e provocar dor e tristura na persoa á que nos diriximos, non estamos a seguir os vieiros que nos propón Xesús cando nos chama a un novo estilo de vida. O noso esforzo ten que irse desenvolvendo tratando de sacar o mellor de nós para compartilo e ofrecelo a quen vemos que pode necesitalo. Por iso sen misericordia nin bondade non pode haber coherencia de fe e seguimento de Xesús. Arredemos de nós entón todo canto nos fai persoas desconfiadas e faltas do perdón que reconcilia e aleda.
  • Moitos dos que escoitaban a Xesús, mesmo algún dos que estaba no seu grupo, non acababan de confiar nel. E esa desconfianza facíaos persoas entristecidas e desacougadas, externa e internamente, e constantemente murmurando e queixándose. Verdade que este comportamento non nos resulta estraño? Cantas veces tamén nós somos dos que actuamos así? No canto de animar e buscar saídas ante as dificultades non deixamos de darlle unha e mil veces volta á situación para acabar por non saír dela. Se nos damos conta, a nosa maneira de actuar non é a de Xesús, senón a daqueles a quen non lles gustaba nin o que dicía nin o que facía. Se lles dá pan porque lles dá pan, se non llo dá porque non llo dá, o importante é ter algo polo que protestar e cuestionalo. Somos tamén deses? Se o somos, xa sabemos cal é o camiño, porque só quen está disposto a cambiar, a non mirar sempre para atrás, a non tentar sacarlle punta a todo... será capaz de entender a proposta e o estilo de vida de Xesús. Entón entenderemos que quere dicir Xesús ofrecéndonos do seu pan. Queremos ser dos seus?

DESDE A ORACIÓN COMUNITARIA

Deus, na súa confianza, convócanos e invítanos a rezar en comunidade. Acollamos esta invitación dicindo:
QUE A CONFIANZA NOS ABRA O CAMIÑO CARA A TI
Para que a Igrexa sexa comunidade que pensa e actúa desde, para e coas persoas, superando a tentación de impoñer e excluír; OREMOS.
QUE A CONFIANZA NOS ABRA O CAMIÑO CARA A TI
Para que nas nosas comunidades parroquiais fomentemos a confianza, a colaboración e a axuda dunhas persoas para coas outras; OREMOS.
QUE A CONFIANZA NOS ABRA O CAMIÑO CARA A TI
Para que nós fagamos o esforzo de ser persoas con capacidade de pensar nos demais e non de berrar nin retrucar a todo cando eles din, senten, pensan e viven; OREMOS
QUE A CONFIANZA NOS ABRA O CAMIÑO CARA A TI
Señor, poñemos na túa man a nosa oración comunitaria, para que atopando en Ti alento e forza, non nos deixemos abater polo desencanto que sempre produce a desconfianza. PXNS. Amén.

PARA SENTIR A LEDICIA DO COMUNITARIO


Ai daquelas persoas que saborean o doce do azucre en pratos refinados;
pero non teñen padal para a amargura do pobre que corta a caña de azucre.
Ai daquelas persoas que miran a beleza nas fachadas dos grandes edificios;
pero non oen nas pedras o grito dos obreiros mal pagados.
Ai daquelas persoas que exhiben roupas elegantes en corpos ben coidados;
pero non se preocupan das mans que colleitan o algodón…
Deixan esvarar sobre a vida a súa mirada de turistas e non contemplan as fachadas con ollos de profeta!
Ai daquelas persoas que só ven na xente pobre unha man que mendiga,
non unha dignidade indestrutible que busca a xustiza.
Ai daquelas persoas que só ven na infancia marxinada unha praga
e non unha esperanza que hai que cultivar;
Ai daquelas persoas que só escoitan nos gritos da xente pobre caos e perigos,
e non oen a protesta de Deus contra os fortes...
Todas estas persoas non poderán contemplar a salvación que xermola no Xesús encarnado desde abaixo.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...