Ir al contenido principal

Domingo 18 TO B 2018

 RENOVARNOS PARA SER TESTEMUÑAS CRIBLES

CANTO GOZOSO

ENTRADA: Que ledos hoxe estamos (Nº 5)
LECTURAS: As túas palabras, Señor (Nº 113)
OFERTORIO: Grazas, Señor, na mañá (Nº 117)
COMUÑÓN: Eu soñei (Nº 58)

PARA NON PERDER O PASO

Que sinais fas para que creamos en Ti?. Velaí a pregunta que lle lanzan a Xesús os
seus contemporáneos. Esa é tamén a pregunta que hoxe estamos chamad@s a
respostar nós, cristiáns e cristiás do século XXI: que aportamos, coma Igrexa, coma
seguidores de Xesús, ao noso mundo e á nosa sociedade?. Da resposta que lle deamos a
tan importante cuestión, dependerá que a nosa sexa unha Igrexa crible, testemuñal,
compañeira, coherente, nai.... Por desgraza, sabemos que moitas veces non ten sido así.
No fondo deixámonos levar do laio estéril e das rutinas e inercias, ancorados no “sempre
se fixo así” ou no “iso nunca se fixo así”.
Porén, Deus chámanos a non ter medo, a sermos creativ@s, a comezar de novo, a
ensaiar novos plantexamentos, a deixar atrás a comodidade.... nunha palabra: a saber
ler os sinais dos tempos, inculturando a nosa fe nas distintas realidades que forman a
nosa vida. A que esperamos para aprender esta nova linguaxe?. Nunca é tarde para
recomezar e poñer o noso gran de area, porque, aínda que ás veces nos pareza que non,
o certo é que outro mundo e outra Igrexa son posibles. Só depende de nós.

CO CORAZÓN FERIDO

Para que nin pechemos os ollos nin lle deamos as costas ás situacións de pobreza
e exclusión, SEÑOR, QUE NON NOS PECHEMOS NAS NOSAS COMODIDADES.
Porque somos tan mesquiños que sempre pensamos que o fin xustifica os medios
e só nos preocupamos da nosa “salvación”, CRISTO, QUE NON NOS PECHEMOS
NAS NOSAS COMODIDADES.
Porque como “sempre se fixo así” seguimos ancorad@s nunha fe infantil,
superficial e moitas veces enchoupada de maxia e supersticións baratas que
poñen pesadas cargas sobre os nosos ombreiros, SEÑOR, QUE NON NOS
PECHEMOS NAS NOSAS COMODIDADES.

UNHA PALABRA QUE AGROMA

Na lectura do libro do Éxodo podemos atopar un espello da historia e da nosa vida: o medo ao risco, o convencemento de que non é posible traballar por unha vida máis digna, o “non te metas en líos” como criterio básico das que se consideran persoas de xuízo, a busca da tranquilidade e da seguridade ao prezo que sexa....Todas estas actitudes forman parte da nosa propia natureza, pero, se as deixamos, destrozan moitos proxectos de mellora e matan a creatividade e a frescura da fe. Os hebreos estiveron a piques de botar por terra o proxecto de Deus, que quería liberar ao seu pobo da dominación exipcia. Os israelitas preferíaa tranquilidade da escravitude antes que o risco da loita pola liberdade.
Exactamente o contrario do que Deus quería. Na nosa sociedade e na nosa Igrexa atopamos exemplos abondo disto. Cando alguén ten unha idea novidosa e quere levala á práctica, cando alguén quere por en marcha un proxecto novo, cando a creatividade busca romper a rutina.... rapidamente aparecen os profetas de calamidades que tentan botala abaixo falando de inviabilidade, de sen sentido.... Razóns: “iso non se fixo nunca así”. E xa non digamos se a cousa se pon en marcha e non sae ben.... entón caen chuzos de punta por todos lados.... esquecendo o esforzo, a ilusión e o traballo que había detrás. Por iso, o mellor, o máis cómodo, o máis seguro é seguir coma sempre, nas nosas rutinas, na nosa mediocridade, no laio estéril e permanente. Pero..., será iso o que Deus quere?.

A resposta a esta pregunta vén da man de Paulo, quen lle lembra aos efesios, e a nós tamén, que temos que abandonar o noso anterior xeito de vida, ou o que é o mesmo, como as persoas e as sociedades evoluimos, o que valeu para outro tempo agora xa non é tan válido porque as circunstancias cambian. Por que esta afirmación que tan crara temos nalgunhas cousas na nosa vida cotiá (uso das novas tecnoloxías para comunicarnos, uso de novos electrodomésticos, mesmo cambios no noso xeito de vestir e na nosa imaxe) xa non é que non a teñamos crara no eido da fe, senón que nin tan sequera a contemplamos, e preferimos seguir vivindo na escravitude do medo e da rutina?. Non será que detrás de afirmacións como doutrinalmente seguro, cumprir o precepto, seguir ao pé da letra o ritual.... e outras parecidas agóchanse a nosa inseguridade, a nosa preguiza por apostar por un “aggiornamento” ou un querer seguir mantendo unha estrutura piramidal que fai que tanta e tanta xente se sinta desencantada e desesperanzada, sen atopar o seu lugar nunha Igrexa encorsetada e ríxida?. Paulo chámanos a deixar que o Espírito renove a nosa mentalidade, a que abramos as nosas ventás, facendo de nós persoas creativas que, desde a fidelidade á mensaxe de Cristo, sexan capaces de aterrar na realidade e dar respostas cribles ás necesidades actuais das persoas no aquí e agora do noso mundo.

Por iso hoxe, se cadra coma nunca, precisamos que o Señor nos dea dese Pan, para non volver ter fame nin sede. O pan da escoita e do diálogo, o pan do sorriso, o pan da solidariedade, o pan da creatividade, o pan da gratuidade, o pan da xustiza, o pan da compaña, o pan do traballo..... o Pan da Eucaristía, na que El se nos ofrece como forza para a vida, como alento para o desánimo, como novidade contra das rutinas, como caxato para o camiño. Que nos fartemos do seu pan para compartilo coas persoas pequenas, coas que arriscan, coas que non teñen medo, coas que se esforzan, día a día, para que a súa mensaxe chegue a todos os recunchos da terra.

DESDE A ORACIÓN COMUNITARIA

Unha vez máis, unímonos para compartir a forza da oración comunitaria, dicindo xuntos:
QUE VIVAMOS SEMPRE A FE COMO NOVIDADE E NUNCA COMA RUTINA
Pola Igrexa, para que nunca peche a súa porta a quen chama nela buscando pan para poder comer e forza para superar dificultades, OREMOS.
QUE VIVAMOS SEMPRE A FE COMO NOVIDADE E NUNCA COMA RUTINA
Polas nosas parroquias, para que non nos deixemos levar polo pesimismo que sempre di que somos poucos e irrelevantes; que co noso testemuño e presenza fagamos do pouco moito, e do noso convencemento esperanza e misericordia, OREMOS.
QUE VIVAMOS SEMPRE A FE COMO NOVIDADE E NUNCA COMA RUTINA
Para que cada unha das persoas que hoxe sentimos a necesidade de renovar a nosa vivencia de fe saibamos concretar esta renovación na visita aos enfermos, no tempo compartido cos que están solos, no sorriso sincero e solidario dos nosos maiores, na palabra amiga para quen está triste... OREMOS.
QUE VIVAMOS SEMPRE A FE COMO NOVIDADE E NUNCA COMA RUTINA
Señor, grazas por facer posible que nos reunamos no teu nome e descubramos a nosa necesidade de axudarnos uns aos outros. P.X.N.S. Amén.

PARA SENTIR A LEDICIA DO COMUNITARIO

Señor,
andamos como perdidos entre tantas cousas.
Temos a casa chea de cousas,
temos cheos de cousas as tendas e os almacéns,
cheos de cousas os museos e as cidades,
cheo de cousas o tempo,
chea de cousas a alma.
Ensínanos a desprendernos das que nos estorban,
a repartir as que non precisamos,
a compartir as necesarias,
para gañar aos irmáns e ás irmás,
aínda que perdamos cartos e prestixio.
Ensínanos a descubrir o verdadeiro sentido das cousas,
a súa funcionalidade e a súa caducidade,
o seu sentido de solidariedade,
a súa verdadeira dimensión de dons teus.
Axúdanos a facer un bo uso das cousas,
sen empobrecer aos outros, sen degradar a natureza,
sen poñer en elas o corazón nin a esperanza.
Para que non sexamos consumidores, senón viventes,
crentes, irmáns de todas as persoas,
pois Ti, Señor, es Pai-Nai de tod@s
e déchesnos todo para que poidamos vivir felices e en paz.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...