Ir al contenido principal

Domingo 22 TO B 2018

A PALABRA INVÍTANOS A FUXIR DAS FALSAS FIDELIDADES E A NON ESQUECER QUE O ÚNICO IMPORTANTE, O QUE VERDADEIRAMENTE NOS FARÁ FELICES, É AXUDAR, COMPARTIR, EMPATIZAR COA XENTE, NA QUE DEUS SE NOS MOSTRA
CANTO GOZOSO
ENTRADA: Andarei na presenza do Señor (Nº 11)

LECTURAS: Benaventurados (Nº 119)

OFERTORIO: Seguirei os teus pasos (Nº 103)

COMUÑÓN: Déixate querer (Nº 61)
PARA NON PERDER O PASO

En máis dunha ocasión tennos matado a nosa “pretendida e excesiva” fidelidade. Si, inda que nos resulte estraño, quen algunha vez non se deixou levar polo que manda a letra, esquecendo ás persoas que vían que esa mesma letra os facía infelices?. Quen, en máis dunha ocasión, non se ten amarrado á literalidade para xustificar os propios medos e inseguridades?. Quen non ten posto as normas por diante do corazón das persoas para pretender ter tranquila a súa conciencia?.

A Palabra invítanos hoxe a fuxir destas falsas fidelidades, e a non esquecer que o único importante, o que verdadeiramente nos fará felices, non é o seguir un manual cunhas letras que, tantas veces, mata, senón axudar, compartir, empatizar coa xente, na que Deus se nos mostra. Acollamos entón esta Palabra, camiñemos nela e deixemos atrás o culto baleiro que non nos leva á esperanza.
CO CORAZÓN FERIDO
Porque moitas veces deixámonos levar pola frivolidade e a superficialidade; SEÑOR, PURIFICA A NOSA FE.
Porque nos deixamos levar polas aparencias, ou polo que nos din, sen preocupármonos de coñecer persoal e a fondo á outra persoa; CRISTO, PURIFICA A NOSA FE.
Porque en demasiadas ocasións, por unha falsa fidelidade á letra, temos sementado infelicidade, fanatismo e afastamento na vida da xente; SEÑOR, PURIFICA A NOSA FE.
UNHA PALABRA QUE AGROMA
Moit@s dentro da nosa Igrexa teñen verdadeiros problemas para distinguir o fundamental do accesorio, o envoltorio do agasallo, a cáscara do froito. Como noutro tempo lles pasaba aos fariseos, poñen o grito no ceo porque as autoridades civís néganse a acudir aos actos relixiosos, porque o Papa di que el non e quen para xulgar a unha persoa homosexual, porque verbaliza algo tan diáfano como que as persoas separadas non están excomulgadas, porque non nos axeonllamos durante a consagración, porque as celebracións son en galego, porque temos celebracións da Palabra, porque os nenos que van facer a primeira comuñón non memorizan coma loros as oracións do devocionario... e por tantas e tantas cousas triviais que, en demasiadas ocasións, afogan o que debera ser o principal: o amor. Porén, esas mesmas persoas non din unha palabra a propósito do nepotismo dentro da Igrexa, da crise, do mercadeo relixioso, dos abusos ás persoas máis débiles, non queren asegurar ás súas empregadas do fogar (ás que elas lle chaman criadas), non se cortan un pelo por comerlle a suor a quen desenvolve un traballo para elas, non se escandalizan diante de gastos superficiais e ostentosos para seguir mantendo o boato e a aparencia........ Eses son, para elas, temas que non teñen que ver coa relixión, faltaría máis!!!!!!!.

Se cadra, Xesús tamén nos faría hoxe a nós a mesma réplica que lles fixo a eles: diríanos que somos hipócritas, por converter as celebracións nun negocio, nun espectáculo alleo á comunidade, cun esquema ríxido ás veces lonxe da vida das persoas que nelas participan. A relixión redúcese a un conxunto de prohibicións ou normas a cumprir (coma se se tratase dunha desas cartillas dos xornais que temos que encher cos cupóns) e ten pouco que ver cunha proposta para que a nosa vida sexa máis feliz. De verdade a meirande parte da nosa xerarquía, empezando polos bispos, están preocupados pola xente?; seguro que os nosos pastores coñecen ás persoas que forman as comunidades ás que serven, comparten as súas tristuras, as súas ledicias, as súas inquedanzas; traballan por construír parroquia, pobo, Reino?. E nós, como comunidade, non estamos máis preocupad@s tamén polo exterior que polo interior: pola cantidade de curas que hai nun funeral, por “pagar” uns servizos relixiosos, por ter unha misa só polos meus defuntos, porque o meu ramo sexa o máis bonito, porque o templo estea ben fermoso para o bauticeiro, a comuñón ou a voda dos meus?. Cando nunha comunidade cristiá se dan orientacións para celebrar a liturxia mellor ou cando o cura trata de axudarnos a vivir a celebración dun xeito máis responsable, pídeselle rapidamente que non amole demasiado, que termine canto antes a súa prédica e que siga administrando os sacramentos “como se fixo sempre”, o que equivale a dicir coma unha máquina expendedora de tabaco. E é que o que realmente importa é o vestido do neno, a foto dos noivos, as flores do altar ou a reportaxe de vídeo. Iso é o “bonito e emocionante”. Porén, iso, non son máis que pequeneces, pois o importante para Deus, como nos lembra Santiago na lectura, a fidelidade da que El nos fala é a do corazón limpo, sinxelo, sen dobres lecturas, nin intentos de quedar ben diante dos demais.

Pero nós establecemos unhas normas e tradicións e colocámolas no lugar de Deus, mesmo por riba da súa vontade: non hai que pasar por alto a máis mínima prescrición, aínda que vaia contra o amor e fira ás persoas. Desde esta perspectiva é explicable que moitas persoas busquen refuxio nunha ortodoxia reforzada, un corpo doutrinal seguro, un código de conduta ben definido, unha organización relixiosa forte. Por que?. Pois porque en realidade non están seguros da súa fe, que non é máis que unha coraza detrás da cal agochan as súas frustracións e os seus sentimentos..... Unha fe así é unha pesada carga sobre os ombreiros, porque non é liberadora. Unha fe así non é fe, é fanatismo. A fe verdadeira sempre debe cuestionar, porque sempre é busca, un camiñar descubrindo en cada momento e situación cal e como ha ser a nosa fidelidade ao o único que nos debera importar: Cristo. Sabendo telo a El como razón do noso ser e vivir, seguro que non nos deixaremos tentar por aqueles que só buscan signos e sabedoría, púlpitos e vanaglorias. Nós, aprendendo Del, descubriremos que o que verdadeiramente importa é o amor. Un amor descuberto e expresado no sinxelo, pobre, desprendido e misericordioso; un amor que se manifesta nesas pequenas cousiñas que van enchendo a nosa vida, un amor que mira sempre o interior das persoas, os seus sentimentos, a súa capacidade de amar, de poñerse no lugar do outr@, de sentir compaixón e de doerse do irmán.

Ao final da vida, a pesares do que moitos impoñen, pensan ou predican, non se nos vai examinar do número de misas nas que participamos, das oracións que coñecemos, dos rosarios que rezamos ou das novenas ás que asistimos. Tampouco se nos descontarán as indulxencias coma se dunha rebaixa se tratara, senón que o exame terá unha única cuestión: canto maches?. Sen amor, o demais será baleiro e estéril, mera anécdota.
DESDE A ORACIÓN COMUNITARIA
Alentad@s pola Palabra de Deus, que nos chama a un culto realizado desde e co corazón, dicim@s xuntos:
FAI DA NOSA VIDA UN CANTO DE AMOR

·      Para que a Igrexa non caia nunca no integrismo nin no fanatismo, senón que saiba sempre axudar a que poidamos todos e todas descubrir que a fidelidade está na intención dos corazóns, e non na superficialidade dos feitos, Oremos.
FAI DA NOSA VIDA UN CANTO DE AMOR
·      Para que nas nosas comunidades non nos escandalicemos do que fan os demais, e nos esforcemos por mirar cara dentro de nós, para así descubrirmos que precisamos recoñecer primeiro os nosos propios erros, antes de xulgar os dos demais, OREMOS.
FAI DA NOSA VIDA UN CANTO DE AMOR
·      Para que sexamos capaces de descubrir que o seguimento de Xesús non é unha doutrina, senón un estilo de vida que nos invita a aportar e non a condenar, a acoller e non a satanizar; a entender e non a xulgar, OREMOS.
FAI DA NOSA VIDA UN CANTO DE AMOR
Grazas, Señor, porque Ti non miras as aparencias nin te fixas en pequeneces, senón que o único que nos pides é que sexamos capaces de amar moito aos nosos irmáns. P.X.N.S.
PARA SENTIR A LEDICIA DO COMUNITARIO
Agora si, Señor.
Agora xa sei escoitar a túa voz,
e creo nela,
a pesares dos meus prexuízos e das miñas torpes decisións.

Tanto tempo cargado
coa mochila ás costas,
sufrindo o andazo desde o primeiro paso,
suando,
sen poder erguer a vista,
triste e calado...
pensando que seguía as túas pegadas!.

Pero Ti espertáchesme do falso soño da responsabilidade.
Descargaches a miña mochila de seguridades inútiles e de necesidades falsas,
dixéchesme con voz amiga:
camiña lixeira de equipaxe.

Agora si, Señor.
Agora xa sei escoitar a túa voz amiga,
e o seu eco no abrente,
e estou aprendendo a alixeirar as miñas costas,
a camiñar erguido
e a gozar da túa compaña.

Agora si, Señor,
camiñe ou descanse,
síntote ao meu carón,
e non me pesa a vida
nin o seguimento das túas pegadas. 
--> -->

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

3 Coresma 2024

DIANTE DA TENTACIÓN DE MERCADEAR COA FE, PROPOÑAMOS GRATUIDADE CANTO GOZOSO o     ENTRADA .- Eu sei de quen me fiei  ( 64) o     LECTURAS .- Oh, Señor, escólleme ( 62 ) o     OFERTORIO.-  Grazas Señor na mañá ( 34) o     COMUÑÓN.-   Ti es camiño e verdade ( 57)   Sinal de Coresma.-  Engadimos unha nova parte do corazón roto que estamos a conformar.   ESPERTANDO Á RENOVACIÓN              As comunidades cristiás vanse conformando ao redor da persoa e a palabra de Xesús. Persoa e palabra desde as que se nos invita a interiorizar a fe, as conviccións, os valores e actitudes desde os que vivir. Pero ocorre que moitas veces, por razóns diversas, imos esquecendo estes dous aspectos fundamentais da fe para caer na inconsistencia das rutinas, os costumes, o aburrimento desde os que acabamos vivindo a fe. No evanxeo de hoxe escoitaremos co...

6 Pascua 2024

  CONSTRUÍNDO CASA COMÚN SEN FACER DISTINCIÓNS NIN PERDER A IDENTIDADE CANTOS ·        ENTRADA:  Con ledicia vimos todos ao altar (Nº 2) ·        LECTURAS:  Cantádelle ao Señor unha cantiga nova (Nº 23) ·        OFERTORIO:  O amor é o meirande (Nº 120) ·        COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   AQUECENDO O CORAZÓN              Neste sexto domingo de Pascua invítasenos a prestar atención, poñendo corazón, ollos, mans, pensamento, pés... para vivir facendo do amor cerne da nosa vida. A isto chámanos o Evanxeo de hoxe. Non é doado, sabémolo, pero non podemos renunciar a tentalo, porque só quen se esforza pode recoller logo o froito do seu esforzo.          Cando Xesús fala do amor, non está a teorizar nin tampouco a dicir palabras pa...