Ir al contenido principal

Domingo 20 TO B 2018

A Igrexa é muller, é a Igrexa, non o Igrexa. É este un desafío que xa non pode postergarse... Configurouse un novo paradigma: o da reciprocidade na equivalencia e na diferenza.
(Francisco, Discurso aos participantes na Plenaria do Consello Pontificio para a Cultura, Roma 7 febreiro 2015)

GRAZAS, SEÑOR, POR QUERERNOS EMPODERADAS E NON SUMISAS


CANTO GOZOSO

    • ENTRADA: Camiñar sen Xesús, sen amor (Nº 68)
    • LECTURAS: Noraboa María (Nº 74)
    • OFERTORIO: Benaventurados (Nº 118)
    • COMUÑÓN: Coa nosa naiciña do ceo (Nº 69)


    PARA NON PERDER O PASO

    Se miramos a realidade dun xeito superficial, parece que a muller xa está no mesmo plano de igualdade co home. Pero se nos poñemos os anteollos da igualdade, descubriremos que en todos os ámbitos que conforman a realidade humana: social, político, relixioso, cultural, laboral... segue presente un patriarcado que discrimina á muller, relegándoa a un segundo ou terceiro posto. Nembargantes, o Evanxeo preséntanos a María coma a muller que co seu si foi capaz de cambiar a historia, de darlle un novo pulo para inaugurar unha nova xeira. Un si que segue a derrubar muros que separan para abrir camiños que unen, camiños de liberación e liberdade, camiños de loita e xustiza. Que, como María, tamén nós continuemos o labor que ela iniciou e sexamos capaces de empoderar no seu si.

    CO CORAZÓN FERIDO

    • Por non saber valorar o traballo e o esforzo de tantas mulleres pioneiras na loita por facer un mundo máis xusto e igual, SEÑOR, QUE A TÚA MISERICORDIA VEÑA SOBRE NÓS.
    • Por non querer unir ilusións e proxectos que superan calquera discriminación da muller; CRISTO, QUE A TÚA MISERICORDIA VEÑA SOBRE NÓS.
    • Por reducir a dignidade da muller a un corpo bonito e tentador, unha cousa que se pode utilizar e comprar, SEÑOR, QUE A TÚA MISERICORDIA VEÑA SOBRE NÓS.
    UNHA PALABRA QUE AGROMA
    PROCLAMA A MIÑA ALMA A GRANDEZA DO SEÑOR

    • proclama a pesares das inxustizas coas que nós atopamos cada día
    • proclama a pesares das inxustizas que, polo mero feito de ser mulleres, temos que sufrir cada día.
    • proclama porque é alento para denunciar o patriarcado que oprime e impide vivir con dignidade
    • proclama a pesares dos nosos silencios e dos nosos medos a defender a quen non é respectado nin recoñecido como persoa
    • proclama porque máis alá do rebumbio que nos rodea, está sempre disposto a deixarse escoitar por nós
    • proclama porque sen El, a nosa vida non sería nada: proxectos, plans, ilusións, esperanzas, alentos nos fracasos...

    DENDE AGORA HANME FELICITAR TODAS AS XERACIÓNS
    • felicitar porque o si e a valentía dunha mociña permitiu que Deus se encarnase.
    • felicitar porque a pesares das murmuracións e máis alá dos sor
    • felicitar porque aínda que moitos reneguen, segue habendo moitas mulleres dispostas a dar a cara por defender ás persoas explotadas, enfermas, esquecidas... porque son quen de descubrir nelas o rostro de Deus que nos interpela.
    • felicitar porque, aínda con dificultades, vanse facendo cousas para que a xente sexa más feliz
    • felicitar, aínda que moitos nos critiquen, falen de nós ou nos ameacen, porque, como ocorreu con María, a confianza en Deus é moita e moi grande.
    • felicitar porque diante das dificultades segue habendo xente que sabe alentar e animar para que se sigan facendo cousas. E si hoxe só hai unha persoa, mañá acabarán sendo moitas.

    DERRUBA DO TRONO AOS PODEROSOS, E ERGUE AOS PEQUENOS
    • tamén hoxe se derruban muros que separan
    • tamén hoxe hai xente empoderada, disposta a traballar por empoderar a quen está pisoteada
    • tamén hoxe segue habendo testemuñas de que é posible, aínda que sexa paseniñamente, cambiar modos, xeitos e maneiras
    • tamén hoxe, a pesares dos sorrisos irónicos e dos paus nas rodas, segue habendo persoas que fan da súa vida un servizo desde a opción por Cristo.
    • tamén hoxe, como no tempo de María, Deus elixe á xente pequena para empoderala e erguela, pois El camiña ao noso lado.
    • tamén hoxe segue habendo persoas que non fan do xénero un problema, senón unha riqueza.
    DESDE A ORACIÓN COMPARTIDA
    Como María, poñámonos tamén nós hoxe en actitude de acoller a misericordia de Deus e digamos:
    DITOSOS NÓS POR TER CRIDO
    • Pola Igrexa, para que nunca esqueza ás mulleres e sexa capaz de tomar en serio o seu importante papel dentro do Pobo de Deus como protagonistas e non como meras espectadoras, OREMOS.
    DITOSOS NÓS POR TER CRIDO
    • Por todas as mulleres que nas nosas comunidades realizan un traballo, calado e eficaz, e ás que poucas veces se lle recoñece de maneira xusta e pública: cantoras, catequistas, coidadoras da limpeza das igrexas, lectoras... OREMOS.
    DITOSOS NÓS POR TER CRIDO
    • Por todas as mulleres que dun cabo ao outro do mundo sofren polo simple feito de ter nacido mulleres: as vítimas da violencia de xénero, as que son obrigadas a prostituírse, as que son escravizadas polos modelos estéticos imperantes na nosa sociedade, as que non teñen acceso a unha cultura que permita o seu desenvolvemento como persoa, as que son ignoradas polos vellos prexuízos; OREMOS.
    DITOSOS NÓS POR TER CRIDO
    Grazas, Señor, por estar sendo alento, forza, camiño e esperanza na nosa vida. Que, coma María, perdamos os nosos medos e traballemos por poñer no centro sempre a misericordia. P.X.N.S. Amén.
    PARA QUE TOD@S SINTAMOS A LEDICIA DO COMUNITARIO
    BENAVENTURANZAS DA MULLER
    BENAVENTURADAS
    as que loitan pola igualdade, porque nelas agroma un novo xeito de vida.
    BENAVENTURADAS
    as rescatadoras de liberdade porque, coa súa vida, conquistan a xustiza.
    BENAVENTURADAS
    aquelas que se converten elas mesmas en Evanxeo, porque fan crible que Deus vive entre nós.

    BENAVENTURADAS
    mulleres fortes, xenerosas, que nunha procura conxunta e solidaria cos homes testemuñan que é posible sermos iguais na diferenza.
    BENAVENTURADAS
    mulleres tenras, dilixentes que, co seu esforzo e labor, deron realizado a transformación que soñaron.
    BENAVENTURADAS
    aquelas que, expresando a súa sensibilidade, dan recuperado a face materna de Deus.
    BENAVENTURADAS
    aquelas que, coa súa resistencia e constancia, glorifican a Deus transformando a sociedade.
    BENAVENTURADAS
    aquelas que, con fidelidade ao espírito, recuperan para o noso tempo a vida na igrexa dos pobres.
    ALÉDENSE
    cando, nunha andaina de oración e contemplación, saben descubrir a historia da revelación e interprétana para os outr@s.
    ALÉDENSE
    cando, adiantándose á utopía da liberación, cultivan, colleitan e reparten o pan da fraternidade e da solidariedade.

    ALÉDENSE
    cando, sendo a un tempo nais e pais, fanse responsables da vida con espírito combativo.
    De certo, recoñecemos hoxe que é agasallo do Pai, rescate do Fillo, forza do Espírito, que:
    NEGRAS, BRANCAS, INDIAS, NAIS, LABREGAS, RELIXIOSAS, MILITANTES; MULLERES TODAS, SOMOS SACRAMENTO DE VIDA, FACE SALVADORA DE DEUS.
    ¡GRAZAS, SEÑOR, POR TERME FEITO MULLER!

    Comentarios

    Entradas populares de este blog

    Pentecostes 2026

    PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

    Corpus 2026

    ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

    Igrexa Diocesana 2025

      DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...