Ir al contenido principal

Domingo 21 TO B 2018


A INMADUREZ DE BOTARLLE AS CULPAS AOS DEMAIS, SEN ASUMIR AS CONSECUENCIAS DAS NOSAS ACCIÓNS, IMPÍDENOS CRECER NA LIBERDADE RESPONSABLE
CANTO GOZOSO

  • ENTRADA: Que ledicia a miña (Nº 4)
  • LECTURAS: As túas palabras, Señor (Nº 113)
  • OFERTORIO: Velaquí, Señor, o viño (Nº 37)
  • COMUÑÓN: Todos xuntos (Nº 56)

PARA NON PERDER O PASO
Neste mundo tan "perfecto" que queremos construír ten pouca cabida o fracaso, a esixencia, a dor, as dificultades... nunha palabra, todo canto non saia coa perfección coa que temos programado. Caemos na falsa ilusión de que as cousas con só pensalas xa van para adiante, esquecendo que unha das características das persoas é que somos falibles, e polo tanto equivocámonos e fallamos nos nosos prognósticos e previsións. E contra o que puidera parecer, esa falibilidade humanízanos e fainos tomar conciencia de que nin somos perfectos nin nos bastamos a nós solos, que necesitamos uns dos outros. Que os demais son importantes e necesarios sempre.
Deixemos que o realismo entre na nosa vida, e asumamos que teremos que equivocarnos, fallar e fracasar moitas veces, pero iso, no canto de desanimarnos e desazonarnos ten que servir para que tentemos superarnos, afrontar novos retos e situacións e comezar de novo. Desde esta invitación da palabra de Deus, comecemos a celebración comunitaria que hoxe nos volve reunir no nome do Señor.

CO CORAZÓN FERIDO
  • Señor, temos pouca memoria e somos moi dados ao individualismo; SEÑOR, ANÍMANOS PARA SUPERAR AS NOSAS DEBILIDADES.
  • Cristo, moitas veces buscamos aos demais para servirnos e non para servir; CRISTO, ANÍMANOS PARA SUPERAR AS NOSAS DEBILIDADES.
  • Señor, non son poucas as veces nas que as nosas palabras lévaas o vento e esquecemos canto dixemos; SEÑOR, ANÍMANOS PARA SUPERAR AS NOSAS DEBILIDADES.
UNHA PALABRA QUE AGROMA

  • Para Israel, o feito de sentirse pobo era non só unha idea teórica, senón tamén unha experiencia permanente de actuar de xeito comunitario. Sabíanse pobo, tiñan vivido moitas experiencias de dificultade e dureza. Como pobo foran tratados coma escravos e dominados fóra da súa terra, por iso valoran tanto a experiencia de estar xuntos, de non deixarse vencer polo individualismo, de non caer na tentación de facer da reivindicación persoal a ruptura do sentido comunitario que tanto lle tiña valido para superar as dificultades do sometemento en Exipto. E como parecía que algúns comezaban a cuestionar isto, Xosué invítaos, mellor, úrxeos, a tomar unha decisión sobre a quen querían servir. Na súa liberdade, na súa capacidade de escolla, na súa decisión estaba o que quixeran facer. E o pobo responde que a pesares das dificultades non se deixarían vencer polo cómodo e previsible, que non se arredarían do que eran: pobo de Deus. Moitos anos despois, hoxe, tamén ante as dificultades e situacións provocadas polas accións daqueles que terían que ter sido referentes honestos de comportamento ético, moitos cuestionan o ser e o sentido dos que temos fe. Seremos capaces de distinguir entre o importante e o accesorio? entre o que é obra do amor de Deus e o que é froito da acción predadora e enganosa de persoas que querían aproveitarse da confianza en Deus para abusar, coaccionar, maltratar e utilizar aos máis indefensos e débiles? A mensaxe de Deus é a de acoller, amar, escoitar e preocuparse para que a través do actuar entregado e xeneroso se mostre a salvación que nos ofrece. Non nos deixemos confundir e esforcémonos para non permitir que ninguén, tomando en van o nome de Deus, nos engane para o seu propio proveito.
  • E nesta tarefa temos que estar moi atentos, de xeito que ninguén nos confunda. E, como xa lle dicía Paulo aos efesios, é necesario que nos esforcemos para saber distinguir e non confundir. Porque quen nos guía non son nin os curas nin os bispos nin o papa nin... senón Cristo. Por El é por quen nos temos que deixar guiar, o que nos esixe unha actitude constante de discernimento e a necesidade de formar e educar a conciencia para non deixar que ninguén nos manipule nin nos engane.
  • Porque non é dura a doutrina, senón que nós ímonos facendo cómodos e, querendo autoxustificarnos, pretendemos poñer a forza da nosa protesta na doutrina no canto de analizar o noso propio actuar e a nosa propia coherencia. Caemos na tentación de manipular a mensaxe, para adaptala a nosa propia comenencia, como lles pasaba a aqueles discípulos que protestaban e murmuraban contra Xesús. Moitos daqueles botáronse atrás, dinos o Evanxeo. Tamén hoxe moitos bótanse para atrás e danlle as costas ao proxecto de Deus que, sendo esixente, non é inhumano, senón facedor de todo canto supoña dignidade, respecto e compromiso coas persoas, especialmente coas máis débiles e esquecidas. Por iso non hai que calar, senón denunciar cando alguén no nome de Deus o que busca non é a Deus, senón o seu propio interese e comodidade, xa sexa no campo da sexualidade, dos cartos ou do ritualismo que non cuestiona a xustiza dun mundo polo que tod@s temos que loitar. Que as palabras de vida eterna aprendamos a buscalas desde este actuar que nos achega a Xesús e non á nosa propia comodidade e xustificación.
DESDE A ORACIÓN COMUNITARIA
Deus chámanos a non permanecer calados ante o abuso e a inxustiza que vai agromando no noso mundo, por iso dicimos:


SEÑOR, QUE O MEDO NON NOS IMPIDA DICIR A VERDADE

  • Para que a Igrexa non protexa nunca aos que no nome de Deus ou da busca da satisfacción do propio egoísmo, fan dano e feren a dignidade das persoas, especialmente das máis indefensas; OREMOS.

SEÑOR, QUE O MEDO NON NOS IMPIDA DICIR A VERDADE

  • Para que o noso actuar comunitario non cale nunca ante as inxustizas, da violencia, os malos tratos ou o abuso; OREMOS.

SEÑOR, QUE O MEDO NON NOS IMPIDA DICIR A VERDADE

  • Para que que na nosa vida fagamos do esforzo unha tarefa permanente que nos axude a crecer e madurar acadando proxectos, asumindo os fracasos e proxectando sempre esperanza; OREMOS.

SEÑOR, QUE O MEDO NON NOS IMPIDA DICIR A VERDADE

Acolle, alenta e acompaña coa túa forza a oración que hoxe temos compartido. PXNS.

PARA SENTIR A LEDICIA DO COMUNITARIO

Para o Papa Francisco, a presenza das mulleres na igrexa debe chegar a ser máis influínte (cf. Evangelii gaudium, 103). Xa que Cristo se uniu a cada persoa humana, home e muller, a fe nel leva implícita a boa nova da plena dignidade das mulleres, e a solidariedade con elas é unha verdade ínsita na fe cristolóxica, que inclúe de modo especial a todas as mulleres –anciás, adultas, mozas e nenas– que sofren a desigualdade a causa da súa diferenza sexual e non poden participar plenamente na vida relixiosa e social. Unha teoloxía da muller con agudeza histórica resalta “a igual dignidade entre varón e muller, en razón de ser creados a imaxe e semellanza de Deus” (DA, n. 451), bendice a Deus “por facernos fillas e fillos seus en Cristo, por ternos redimido co prezo do seu sangue” (DA, n. 104), denuncia a violencia, o abuso de poder e machismo sufrido por moitas mulleres, donas e fillas (cf. DA, n. 461) e anuncia a dignidade das mulleres: discípulas e irmás de Xesús (cf. DA, n. 451). Cando nós, as mulleres, facemos teoloxía, agradecemos a tenrura do Deus que nos fai irmás e irmáns do seu Fillo, pensamos na igual dignidade e no don da diferenza, somos solidarias con todas as mulleres que sofren por falta de recoñecemento, participación ou acompañamento, sen esquecer ás demais criaturas humanas vítimas da exclusión.
                                         (Virginia R. Azcuy, Teóloga )

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Domingo Ramos 2025

TRANSFORMEMOS A FLOR MURCHA DA CORESMA NO VERDE ESPERANZADO CARA Á PASCUA   Comézase fóra, a poder ser nun lugar un pouco afastado da Igrexa, para poder camiñar procesionalmente unha vez bendicidos os ramos.  COMEZANDO A CAMIÑAR Xesús púxose en camiño cara a Xerusalén ,escoitaremos na lectura do evanxeo de Lucas. Un camiño que se converte en sinal de contradición. En Xerusalén vivirá a morte; pero tamén alí, na mesma Xerusalén, na resurrección, mostrarase a grandeza e a fondura do Deus que envía ao seu Fillo para ser coma nós. A resurrección é, xa que logo, o triunfo, a esperanza, o punto de chegada dun camiño duro, difícil e cheo de dificultades. Nós hoxe tamén, coma Xesús, poñémonos en camiño cara esa Xerusalén que nos levará da mesa da fraternidade ao triunfo da Noite Santa da vida, pasando pola tristura e o desacougo da Paixón do Venres Santo. Dispoñámonos, poñendo o mellor de nós, a comezar esta andaina de salvación e esperanza. ACOLLENDO A BENDICIÓN DE DEUS Señor, sabénd...