Ir al contenido principal

2 advento 2021

 Co corazón ledo, avancemos na espera do Señor

SINAL DE ADVENTO

Colocamos a mula e o boi


 

CANTO GOZOSO

o   ENTRADA: Volve Señor (Nº 90)

o   LECTURAS: Preparade o camiño ao Señor 

o   OFERTORIO: Recibe Señor (Nº 31)

o   COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)

 

ESPERTANDO Á RENOVACIÓN

Imos avanzando no tempo Advento, e neste segundo domingo invitásenos a facer da alegría motor, tarefa e esforzo permanente da nosa vida. É verdade que non é doado facer desta actitude guieiro, pero non é menos verdade que este tempo de preparación a celebrar o Nadal, ben pode ser o momento no que nos plantexemos a necesidade de vivir con verdadeira fondura a nosa fe, de xeito que non nos contentemos con realizar ritos ou celebrar costumes, para que, adentrándonos na fondura da palabra de Deus, comecemos a establecer, dunha vez por todas, os cimentos  desde os que vivir hoxe a fe. E entre eles ten que estar sempre a alegría. Que non é sorriso aparente, e senón transformación interior.

 

ABRÍNDONOS Á MISERICORDIA

·     Por ter confundido o sorriso externo coa alegría á que Ti nos invitas; SEÑOR, AQUÉCENOS O CORAZÓN.

·     Por non ser capaz de vivir con alegría o don da fe; CRISTO, AQUÉCENOS O CORAZÓN.

·     Por non esforzarnos en descubrir sinais de alegría no noso facer e actuar; SEÑOR, AQUÉCENOS O CORAZÓN.

 

PALABRA PROCLAMADA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE BARUC

Xerusalén, quita o vestido da túa dor e da túa desgracia,

e viste para sempre o esplendor da gloria que vén de Deus.

Envólvete no manto glorioso da xustiza que vén de Deus:

pon na túa cabeza a diadema da gloria do Eterno.

Deus vai mostra-lo teu esplendor a toda cidade baixo o ceo,

pois Deus fará que o teu nome sexa para sempre "paz da Xustiza e Gloria da Piedade diante de Deus".

Ponte de pé, Xerusalén, ponte de pé no alto, e mira cara ó nacente,

olla ós teus fillos reunidos pola palabra do Santo,

alegres pola lembranza do Señor desde o poñente ata o nacente.

Saíron de onda ti, levados a pé polos inimigos,

pero Deus devólvechos en andas de gloria, coma un trono de realeza.

Pois mandou o Señor que se rebaixasen os montes altos e os vellos outeiros

e que os barrancos se enchesen volvéndose chairas,

para que Israel camiñe con paso seguro,

guiado pola gloria de Deus;

e por orde de Deus as árbores do bosque e as plantas recendentes

déronlle sombra a Israel.

Si, Deus conducirá a Israel con alegría á luz da súa gloria,

coa misericordia e a xustiza que están con El.

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS FILIPENSES

Irmáns e irmás:

Sempre que rezo por vós, fágoo con alegría, pola parte que vides tomando na difusión do Evanxeo desde o primeiro día ata hoxe. Eu fío en que o que encetou en vós un traballo bo, halle de ir dando cabo de aquí ó día de Cristo Xesús. 

 ¡Ben sabe Deus con que morriña cristiá vos boto a faltar aquí! E na miña oración pido que o voso amor reborde de penetración e de sensibilidade para todo: así poderedes acertar co mellor para chegardes enxebres e sen chata ó día de Cristo Xesús, e cheos do froito da xustiza que se consegue por medio de Xesús Cristo para gloria e louvanza de Deus.

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

 

No ano quince do reinado do emperador Tiberio César, sendo Poncio Pilato gobernador de Xudea e Herodes tetrarca de Galilea; sendo Filipo, o seu irmán, tetrarca de Iturea e mais da Traconítide, e Lisanias, tetrarca de Abilene: durante o pontificado de Anás e Caifás, chegoulle a Palabra de Deus a Xoán, fillo de Zacarías, no deserto. Entón el percorreu toda a rexión do Xordán, pregoando un bautismo de conversión, para acada-lo perdón dos pecados, conforme está escrito no libro do profeta Isaías:

Unha voz chama no deserto:

Preparade os camiños do Señor,

reparade os seus vieiros.

Toda barranqueira se cubrirá

todo monte e outeiro se rebaixará,

os camiños tortos hanse endereitar

e os fragosos hanse achanzar.

E todos verán a salvación de Deus.

 

 

PALABRA REMOÍDA

·      Como o Advento é tempo de renovación e cambio interior, os textos que hoxe temos proclamado insisten nas consecuencias deste cambio renovador que se ha dar en nós. Un cambio que temos que ir percibindo ao pasar da mirada tristeira, pesimista e negativa que tantas veces temos da nosa vida, do mundo e das persoas, para comezar a ver cuns ollos distintos, diversos, plurais e cun ángulo de visión amplo e integrador: os ollos de humanización. Uns ollos que nos achegan á realidade sendo persoas marcadas, si, marcadas, pola esperanza, pola capacidade de superación, pola capacidade de non estar sempre mirando cara atrás e laiándonos do que xa foi e nunca máis volverá ser. Advento, entón, é actualidade realista e futuro esperanzado. 

 

·      Por iso o Advento sempre chega con nome de paz e de xustiza. Porque é un tempo das e para as persoas. Non é tempo de ritos e luces; é tempo para traballar a nosa interioridade, para coñecela, para descubrir onde están as actitudes que debemos cambiar; para tomar en serio a renovación que dea acollida verdadeiramente gozosa e cristiá á chegada de Xesús. El non vén para quedar nun piñeiro ou nun pobo con figuriñas de barro; El vén para adentrarse no noso corazón e remover a nosa vida. Por iso é un tempo de cambio marcado pola alegría de quen espera o mellor, non pola nostalxia do que xa non vai volver. É esperanza, é camiño, é horizonte de novidade.

 

·      Neste camiño todo cambia e nos cambia. De xeito que a nosa oración deixe de ser rutina ou simple movemento de beizos para converterse en agradecemento polo don que se nos concede de ser mellores tendendo a man para acoller as dificultades, tristuras, desacougos ou fracasos de quen camiña coma nós. É tempo de volver poñer os nosos reloxos en hora. Unha hora compartida e acompasada coa de quen temos ao lado, de maneira que avancemos en comunidade e de xeito solidario. Non só pensando en nós e buscando o noso; senón pensando cos demais e pensando no de tod@s. Isto converte a nosa oración nunha experiencia de alegría compartida e sensible a canto pasa e nos pasa. Como nos di Xoán no evanxeo, preparemos tamén nós os camiños para, deste xeito gozoso, recibir ao Señor.

 

 

REZANDO EN COMUNIDADE

Querendo preparar o camiño que nos leva ao Señor, recemos xunt@s dicindo: 

SEÑOR, QUE O NOSO SEXA UN CAMIÑAR CARA TI

 

·      Para que entre todas e todos construamos unha Igrexa solidaria e agradecida, e non escandalosa; Oremos. SEÑOR, QUE O NOSO SEXA UN CAMIÑAR CARA TI.

·      Para que as nosas relacións de veciñanza saiban levar alegría e non enfrontamento nin desconfianza; Oremos. SEÑOR, QUE O NOSO SEXA UN CAMIÑAR CARA TI.

·      Para que nós vaiamos avanzando na superación de todo canto nos faga persoas entristecidas, pesimistas e faltas de esperanza; Oremos. SEÑOR, QUE O NOSO SEXA UN CAMIÑAR CARA TI.

 

Grazas, Señor, por chamarnos a facer da alegría experiencia de cambio e renovación persoal. P.X.N.S. Amén.

AGRADECENDO O DON DA FE

Ala, erguédevos,

poñédevos en marcha con ilusión renovada!

Mirade cara ao horizonte.

Vivide atent@s aos “murmurios”,

aos choros, gritos e sorrisos da humanidade enteira.

Deus está preto.

Agromade á vida.

Deixade o baleiro estéril.

Pedide forza para a espera.

Deus está preto! 

(Cáritas 2021/2022)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...