Ir al contenido principal

2 domingo Nadal 2022

 Remol

Domingo 2 despois de Nadal

 

NUN MUNDO CHEO DE PALABRAS, CHÉGANOS A PALABRA

CANTO GOZOSO

         - Entrada: Que ledicia (nº 4)

       - Lecturas: Con tódalas criaturas (Nº 22)

       - Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36)     

- Comuñón: Acharte presente (Nº 51)

 

A MAXIA DE ABRIR OS OLLOS

Estamos tan distraídos en multitude de cousas que non nos damos conta de que o importante, o bonito, o que nos fai felices, o que humaniza e nos humaniza está no sinxelo, humilde e pequeno. Porque aquí está a verdadeira maxia; a maxia que fai que o noso corazón latexe enchoupado de alegría e sensibilidade. 

Hoxe a maxia descubrímola neste compartir comunitario que, sen importar o número das persoas que somos, nos reúne ao pé do altar. E dicimos que é máxico porque algo tan sinxelo como a palabra que imos proclamar e o pan e viño que poñeremos por riba do altar, conseguirán que o noso corazón se aqueza e que deixemos de pensar só en nós para abrirnos a ter presentes ás persoas que non están, ás persoas enfermas, ás persoas migrantes, a quen está pasando por dificultades, a... Uníndonos a todas elas, a todos eles, dispoñámonos a rezar con alegría.

RECOÑECENDO QUE MOITAS VECES FALLAMOS

·      Pola rutina que nos leva a vivir a fe como costume. SEÑOR, ESPÉRTANOS Á MAXIA DA TÚA MISERICORDIA.

·      Pola perda da nosa capacidade para descubrirte no pequeno e sinxelo. CRISTO, ESPÉRTANOS Á MAXIA DA TÚA MISERICORDIA.

·      Polas dificultades que nos poñemos para ser persoas humildes e xenerosas. SEÑOR, ESPÉRTANOS Á MAXIA DA TÚA MISERICORDIA.

PALABRA PROCLAMADA

PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO ECLESIÁSTICO

 

A Sabedoría fai a propia louvanza

e gábase no medio do seu pobo;

Abre a boca na asemblea do Altísimo,

proclama a súa gloria diante do seu exército:

‑"Eu saín da boca do Altísimo

e recubrín a terra coma a néboa;

plantei a miña tenda no máis alto

e pousei o meu trono nunha columna de nubes.

Foi entón cando o creador universal me ordenou

e o que me formou fíxome planta-la tenda

dicíndome: Afinca en Xacob,

colle por herdanza a Israel.

Antes dos séculos, desde o comezo, creoume

e endexamais non deixarei de existir;

oficiei na súa tenda santa, diante del,

e deste modo estableceume en Sión;

do mesmo xeito, fíxome acougar na súa cidade amada,

Xerusalén, onde goberno.

Botei raiceiras nun pobo de moita sona

e teño a miña herdanza na parcela do Señor. Palabra do Señor. Grazas a Deus

 

PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE PAULO APÓSTOLO ÓS EFESIOS

 

Bendito sexa o Deus e Pai do noso Señor Xesús Cristo, que por medio de Cristo nos bendiciu no ceo con toda clase de bendicións do Espírito! Porque nos escolleu antes da formación do mundo, para que fósemos santos e sen mancha perante El polo amor.

El decidiu xa daquela porfillarnos por medio de Xesús Cristo, para El, conforme o designio da súa vontade

Por iso, tamén eu, tendo oído falar da vosa fe no Señor Xesús e do voso amor a tódolos crentes, non paro de lle dar gracias a Deus por vós, recordándovos nas miñas oracións, de xeito que o Deus do noso Señor Xesús Cristo, o Pai glorioso, vos conceda espírito de sabedoría e de revelación, para coñece-lo ben; que manteña iluminados os ollos da vosa alma, para que comprendáde-las esperanzas que abre a súa chamada, a riqueza que supón a súa gloriosa herdanza destinada ós crentes. Palabra do Señor. Grazas a Deus

 

EVANXEO SEGUNDO XOÁN

 

No principio existía a Palabra,

e a Palabra estaba onda Deus,

e a Palabra era Deus.

Ela estaba no principio onda Deus.

Todo foi feito por ela,

e sen ela non se fixo 

nada do que foi feito.

Nela estaba a vida,

e a vida era a luz dos homes; 

a luz aluma na tebra,

e a tebra non a deu apagado.

(A Palabra) era a verdadeira luz

que aluma a todo home

que vén a este mundo.

Ela estaba no mundo,

e o mundo foi feito por ela,

pero o mundo non a recoñeceu.

Veu á súa propiedade,

e os seus non a acolleron.

Pero a cantos a recibiron,

‑ós que cren no seu nome‑

déulle-lo poder

de seren fillos de Deus.

Estes, non naceron do sangue,

nin da vontade da carne,

senón de Deus.

E a Palabra fíxose carne,

e plantou entre nós a súa tenda,

e nós vímo-la súa gloria,

gloria coma de Unixénito

que vén do Pai,

cheo de gracia e de verdade. Palabra do Señor. Gloria a Ti, Señor Xesús.

PALABRA REMOÍDA

·       Comezabamos a celebración falando da maxia do sinxelo nun mundo cheo de arrogancia e pragmatismo. E comezabamos así porque unha celebración relixiosa fai posible a maxia de unir corazón e pensamento transcendendo cara a Deus. Vencendo a tentación de quedarnos cunha mirada que só ve resultados, números ou utilidade. Por iso dicimos que é máxico poder ir máis alá do que vemos; sentir e imaxinar a tenrura e cercanía dun Deus que se nos achega, que se fai dos nosos, que nos trae unha mensaxe que comeza por abaixo e cos de abaixo. Ao revés do que estamos habituados a ver, mesmo a facer, no mundo e en nós mesmos. Esta é a raíz máxica que nos leva a sentir con quen sofre, a ser persoas solidarias con quen nos precisa e a ser capaces de partir e repartir: tempo, sorrisos, presenza, coñecementos, axuda... con quen, moitas veces, non agarda nada máis que pase o tempo e chegue o final.

·       Ser conscientes desta grande experiencia que nos ofrece a fe a quen a temos, lévanos, como acabamos de escoitar na lectura de Paulo, a dar grazas sen cansar e recoñecer que somos persoas bendicidas por un Deus que nos ofrece esa bendición. Unha bendición que non é rito, senón que quere ser mirada ilusionada e capaz de ilusionar, paso compartido ao lado de quen xa non espera nada ou ve como nada do que pensaba e anceiaba lle sae como esperaba. E por iso, como Paulo invitaba a facer aos efesios, damos, tamén nós, grazas a Deus. Non por ter, si por descubrir que en Xesús fomos agrazados coa forza dun proxecto que descubrimos e que temos que desenvolver xunto con e ao lado de. Nunca de xeito individual nin contra.

·       E a maxia de todo este camiño polo que se nos invita a camiñar descubrímola non nas moitas palabras que tanto barullo fan e que, en non poucas ocasións, nos van abouxando, senón na Palabra que se fixo das nosas, que sentiu como o facemos nós. Chorando, aledándose, tendendo a man, camiñando con quen o precisaba... para habitar entre e con nós ofrecéndonos luz nas nosas escuridades, acolléndonos cando sentiamos o rexeitamento de quen tiñamos ao lado, aledándose cando os nosas ilusións e proxectos ían polo mellor dos camiños. Que máis e mellor maxia ca esta! Deixémonos engaiolar por ela, porque é unha maxia sen truco.

 

ORACIÓN COMPARTIDA

Fagamos momento agradecido da fe que compartimos dicindo: 

 

SEÑOR, TI ES O NOSO REFUXIO

 

·      Para que a maxia da túa proposta de Salvación nos esforcemos por vivila ofrecendo ao mundo solidariedade e testemuño de misericordia; OREMOS.

 

·      Para que as nosas comunidades non se deixen arrastrar pola tristura da rutina nin o empobrecemento de quen tenta comprar a Deus con cartos; OREMOS.

 

·      Para que non nos deixemos arrastrar por actitudes e comportamentos que só miran ás ganancias e o uso e abuso das persoas para obter beneficio material; OREMOS.

 

Grazas, Señor, por espertarnos a unha mirada da fe solidaria, humanizadora e humilde. P.X.N.S. Amén.

 

REMEXENDO NO NOSO INTERIOR

A vulnerabilidade forma parte intrínseca da nosa condición humana, e é grazas a ela como podemos descubrirnos seres dependentes uns dos outros, responsables tamén uns dos outros. Precisamos percorrer un longo camiño para entrar na dinámica da verdadeira relación, acostumados como estamos a desempeñar distintos papeis segundo a historia de cada quen, ben como seres independentes e capaces de buscarse sos a vida, ben como vítimas dun destino ao que lle pasamos constantemente factura.

Para coidar, se queremos entrar realmente nunha relación de persoa a persoa, primeiro hai que descalzarse dos zapatos do dominio, que poderían pisotear perigosamente a vida fráxil que crece ao noso lado. 

Coidar desde a vulnerabilidade evitará que nos convertamos nun xendarme que establece normas e aplica procedementos, e nos convertamos, máis ben, nun bastón no que a outra persoa poida apoiarse cando o precise.

 (Libro de Caritas 2021/22)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...