Ir al contenido principal

4 advento 2021

  

NA SINXELEZA DAS COUSAS PEQUENAS VAISE DESCUBRINDO A GRANDEZA DO IMPORTANTE

SINAL DE ADVENTO

Colocamos á Virxe María

CANTO GOZOSO

  • ENTRADA: Volve Señor (Nº 90)
  • LECTURAS: Escoita ti a palabra de Deus (26)
  • OFERTORIO: Recibe, Señor 
  • COMUÑÓN: No colo de miña nai (49)

OLLOS DE ESPERANZA

         Belén era unha aldea, un recuncho pequeno, un sitio onde nunca pasaba nada. Ata que pasou. E a partires de aí Belén é presenza permanente do pequeno, da sinxeleza, do humilde, pero tamén, no imaxinario da todas e todos nós, da grandeza do acontecemento que cambiou a historia da humanidade e converteu o pequeno en grande e inesquecible. Xa ninguén, a partires daquela noite de anxos e pastores esqueceu que na sinxeleza do pouco sempre acaba aparecendo a grandeza de Deus.

       Participemos, neste cuarto domingo de Advento, desde a sinxeleza do corazón da grandeza da presenza de Deus que se queda con nós no pan e no viño que imos poñer por riba do altar.

 

CORAZÓN MISERICORDIOSO

·      Por ter consentido na soberbia de valorar só o importante. SEÑOR, QUE APRENDAMOS A SERMOS HUMILDES. 

·      Por non saber facer do noso tempo dispoñibilidade e servizo. CRISTO, QUE APRENDAMOS A SERMOS HUMILDES. 

·      Por non deixar que este tempo de Advento nos axude a prepararnos para un Nadal cristián. SEÑOR, QUE APRENDAMOS A SERMOS HUMILDES.

PALABRA PROCLAMADA

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE MIQUEAS

 

Isto di o Señor:

E ti, Belén de Efratah, tan pequeniña entre as familias de Xudá,

de ti vai saír un que será o soberano de Israel;

a súa orixe é desde antigo, desde os días do comezo.

El seranos conservado para sempre, mentres haxa muller que dea a luz;

o resto dos seus irmáns volverá,

e serán devoltos os fillos de Israel.

Manterase firme e pastoreará co poder do Señor,

coa gloria do nome do Señor, o seu Deus,

e cando se instalen ata o mesmo cabo da terra, estenderá a súa grandeza:  "o da Paz" será o seu nome. Palabra do Señor.

 

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA ÓS HEBREOS

 

Irmáns e irmás:

Cando Cristo entra no mundo, di:

"Sacrificios e ofrendas non os quixeches,

pero formáchesme un corpo;

holocausto e sacrificio de expiación

non che gustaron;

entón dixen:

olla que xa cheguei, meu Deus,

para face-la túa vontade

‑como se di de min nun capítulo do libro"‑.

Di no comezo: "Sacrificios, ofrendas, holocaustos e sacrificios de expiación, nin os quixeches nin che gustaron" (todos eles son sacrificios que a Lei manda ofrecer); e di despois: "Olla que xa cheguei para face-la túa vontade". Deixa sen validez o primeiro para darlle soamente validez ó segundo. Foi por esta vontade de Deus, como quedamos nós santificados coa ofrenda única e para sempre do corpo de Xesús Cristo.

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

 

Naqueles días saíu María con moita présa camiño da montaña, a unha vila de Xudá. Entrou na casa de Zacarías e saudou a Isabel. E en oíndo Isabel o saúdo de María, o neno brincoulle no ventre. Entón, chea do Espírito Santo,exclamou Isabel, a grandes voces:

‑Bendita ti entre as mulleres e bendito o froito do teu ventre. ¿Quen son eu para que me visite a nai do meu Señor? Pois ó que chegou o teu saúdo ós meus oídos, brincou de alegría a criatura no meu ventre. ¡Ditosa ti que criches que se cumpriría canto che anunciaron de parte do Señor!

 

PALABRA REMOÍDA

·      Falabamos na monición de entrada da importancia do pequeno e sinxelo, o que pode resultar estraño nesta nosa sociedade na que parece que vivimos anceiando o grandioso, o importante o que nos fai quedar sempre ben. Porén, como diciamos, Belén, era aldea pequena e descoñecida, pero pasou a ser, na súa pequenez, retrouso permanente de acollida e agradecemento. Cando colocamos o nacemento nas nosas casas, o Belén, móstranos a grandeza desta sinxeleza e a alegría de aprender a vivir desde ela.

 

·      Belén é tamén imaxe e eco permanente de paz, de capacidade de deter a violencia e o enfrontamento; de esforzo por encontrarse e dialogar; de tarefa permanente por facer das nosas relacións busca continua do que compartimos e non laio permanente do que nos diferenza. En tempos nos que hai tanta xente abonada a teorías que rompen o ben común e camiñan no individualismo de quen cre que a razón só, e sempre, está nel/ nela, Belén segue a ser imaxe de concordia, sinxeleza e solidariedade.

 

·      Sinxeleza e solidariedade que, unha vez máis, descubrimos en María no texto que acabamos de proclamar do evanxeo. Non tarda en poñerse en camiño. Para ela o camiño é sinal de encontro, de tarefa a realizar, de experiencia de escoita, de proceso de realización solidaria e compartida. María non para a ver que beneficio lle atrae ir axudar a Sabela, senón que sabe que alí, naquela casa precísana, e non dubida de ir alá. Cantas veces nós, a diferenza de María, temos dado as costas a quen nos precisaba? Cantas veces, nós, a diferenza de María, seguimos ao noso, nas nosa teorías, nos nosos retrousos, nas nosas autoxustificacións para facer o que nos peta, sen pensar o dano que ese facer o que nos peta lle pode causar aos demais? Reflexionemos entón á luz desta palabra sobre como están a ser os camiños polos que imos facendo a vida; e non só neste tempo de Advento.

 

ORACIÓN COMPARTIDA

 

Rezamos desde a servicialidade da oración compartida dicindo: 

QUE COMO MARÍA, SAIBAMOS POÑERNOS NO CAMIÑO DO SERVIZO.

·      Para que aprendamos a ser unha Igrexa servidora e dispoñible a escoitar e acompañar a quen nos precise. Oremos. Que como María, saibamos poñernos no camiño do servizo.

·      Para que nos esforcemos por ter nas nosas parroquias unhas relacións que nos acheguen a preocuparnos unhas persoas polas outras. Oremos. Que como María, saibamos poñernos no camiño do servizo.

·      Para que este tempo de Advento siga a servir para recoñecer que temos que deixar atrás actitudes e comportamentos individualistas. Oremos. Que como María, saibamos poñernos no camiño do servizo.

 

Señor, grazas por descubrirnos que no noso camiño temos que aprender a tender a man e deixar que outras persoas tamén nola tendan cando o precisemos. P.X.N.S. Amén.

 

INTERIORIDADE ACOLLIDA

Señor:

Chegas ao noso mundo

E invítasnos a abrir a porta

do noso corazón.

Ti xa nos dixeches

que es Ti quen chega

cando alguén chama 

na nosa porta.

Señor:

Que saibamos escoitar a túa voz,

esa voz que nos chega

polos nosos irmáns e polas nosas irmás

Que abramos a porta

para acollerte a Ti,

e en Ti a tódalas persoas.

O próximo non é algo que xa existe.

Próximo é algo que un se fai.

Próximo fágome eu cando ante o ser humano,

mesmo estranxeiro ou inimigo,

decido dar un paso que me achegue,

que me aproxime a el. 

(Do libro de Caritas 2021/2022)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...