Ir al contenido principal

Nadal 2021

 ESTE NADAL, CADA PORTAL IMPORTA

SINAL: Colocamos ao Neno Xesús



CANTOS: Panxoliñas

OLLOS DE ESPERANZA

Bos días e Bo Nadal para tod@s vós!!!! Desde aquela noite santa en Belén, o portal asume un novo sentido. Xa non é un lugar polo que pasamos sen reparar, tampouco é un lugar onde nos agochamos e moito menos unha estancia escura e tenebrosa, senón que o portal é lugar de encontro, de man tendida, de sorriso compartido, de diálogo, de conversa sinxela do que nos pasa cada día, de luz que irradia a toda a humanidade.

Comezamos, xa que logo, a nosa celebración desde o noso portal parroquial.

 

CORAZÓN MISERICORDIOSO

*   Porque moitas veces pasamos de lonxe, sen mirar cara dentro dos portais para non comprometer a nosa vida, SEÑOR, QUE CAMIÑEMOS CARA AO PORTAL.

*   Por ter esquecido que o portal é lugar de encontro e de fraternidade, CRISTO, QUE CAMIÑEMOS CARA AO PORTAL.

*   Por ter pechado a porta do noso portal a quen non pensa, non reza, non ama ou non actúa coma nós, SEÑOR, QUE CAMIÑEMOS CARA AO PORTAL.

PALABRA PROCLAMADA 

PROCLAMACION DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS

Que fermosos son sobre os montes os pés do mensaxeiro de boas novas,

que anuncia a fartura, que proclama a felicidade, que pregoa a salvación,

que di: Sión, o teu Deus reina!

¡Un grito! Os teus vixías levantan a voz, berran xubilosos a un tempo:

"Todos os ollos contemplarán a volta do Señor a Sión".

Berrade a coro con xúbilo, ruínas de Xerusalén, 

que o Señor consolou o seu pobo, redimiu Xerusalén.

O Señor remangou o seu brazo santo ós ollos de todos os pobos,

e todos os confíns da terra viron a salvación do noso Deus.

Palabra do Señor

Grazas a Deus

PROCLAMACION DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA AOS HEBREOS

En moitas ocasións e de moitos xeitos veulles falando Deus en tempos pasados ós nosos devanceiros por medio dos profetas. Agora, neste período definitivo, falounos por medio dun que lle é Fillo, a quen fixo herdeiro de todo, pois xa creara por medio del o mundo e as idades. El é reflexo da súa gloria e imaxe do seu ser, El sostén todas as cousas coa súa poderosa palabra e, despois de realizar a purificación dos pecados, sentouse á destra da Maxestade nas alturas, facéndose tanto máis poderoso cós anxos, canto que herdou un título máis valioso có deles. Porque ¿a cal dos anxos lle dixo algunha vez: “Ti es o meu fillo, hoxe xereite eu”; ou tamén: “Eu serei para El un pai e El será para min un Fillo?”. E outra vez máis, cando fala de introducir o Fillo primoxénito no mundo celeste, di: “Adóreno todos os anxos de Deus”.

Palabra do Señor

Grazas a Deus

 

PROCLAMACION DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO XÓAN

No principio existía a Palabra,

e a Palabra estaba onda Deus,

e a Palabra era Deus.

Ela estaba no principio onda Deus.

Todo foi feito por ela,

e sen ela non se fixo

nada do que foi feito.

Nela estaba a vida,

e a vida era a luz dos homes;

a luz aluma na tebra,

e a tebra non a deu apagado.

Houbo un home

mandado por Deus:

o seu nome era Xoán.

Este veu de testemuña

para dar testemuño da luz,

para que todos cresen por el.

Non era el a luz,

senón que veu para dar testemuño da luz.

(A Palabra) era a verdadeira luz

que aluma a todo home

que vén a este mundo.

Ela estaba no mundo,

e o mundo foi feito por ela,

pero o mundo non a recoñeceu.

Veu á súa propiedade,

e os seus non a acolleron.

Pero a cantos a recibiron,

‑ós que cren no seu nome‑

déulle-lo poder

de seren fillos de Deus.

Estes, non naceron do sangue,

nin da vontade da carne,

senón de Deus.

E a Palabra fíxose carne,

e plantou entre nós a súa tenda,

e nós vimos a súa gloria,

gloria coma de Unixénito

que vén do Pai,

cheo de graza e de verdade.

Xoán dá testemuño del,

exclamando:

Este évos de quen eu dixen:

"O que vén detrás miña,

pasa diante miña,

pois existía primeiro ca min".

E da súa abundancia

recibimos todos nós

graza e máis graza.

Pois a Lei deuse

por medio de Moisés;

a graza e a verdade

realizáronse por Xesús Cristo.

A Deus ninguén o viu;

o Unixénito, que está no seo do Pai,

foi quen nolo revelou.

Palabra do Señor

Grazas a Deus

PALABRA REMOÍDA

Os emperadores rexían o mundo a base de decretos e lexións. Decrétase que Roma ha ser a Cidade, o centro do mundo, e as lexións recorrerán a xeografía para implantar o selo romano. Decrétase que as únicas leis que valerán serán as aprobadas polo Senado Romano ou as que dite o emperador. Decrétase que todos os súbditos do imperio han ter papeis romanos e pagarán impostos con moeda romana.

Por un deses decretos, unha parella nova tivo que desprazarse cara á Belén a pesares do embarazo avanzado da muller. Non tiñan a documentación en regra nin tampouco lles sobraban os denarios; pero ela pariría nunha cova a quen ía ser a meirande xustificación e riqueza das persoas. Aquel Neno traía paz, tenrura, xenerosidade… e atopou unha manxadoira, uns cueiros e un par de corazóns acendidos que tremían diante do misterio.

Roma e Belén son todo un contraste: Roma é o poder dun home endeusado, Belén, a pequenez dun Deus humanado. Roma é o triunfo da forza; Belén, o triunfo do amor. Roma é un canto de gloria; Belén, un sinal de marxinación. Roma é imposición; Belén, respecto. A Roma conflúen os ríos das finanzas; Belén é fonte de desprendemento. Roma é un resume da inhumanidade; Belén, o comezo dunha nova humanidade. Unha nova humanidade na que cada portal importa, unha nova humanidade na que os portais son sinal da presenza de Deus. Por iso, neste día somos convidadas e convidados a parara e a deternos diante do portal. Do portal de Belén, si; pero tamén diante do portal daquela persoa maior que leva unha chea de tempo sen recibir a visita de ninguén; diante do portal daquela familia que non ten para pagar a luz; diante do portal daquela nai á que non lle chegan os cartos para dar de comer ás súas crianzas, diante do portal daquela persoa enferma que vive na desesperanza, diante do portal daquela persoa distinta... Porque en todas elas e para todas elas.. hoxe nace Xesús!!!!!!

 

ORACIÓN COMPARTIDA

Neste día santo no que se nos deu un Salvador, dicimos:

GRAZAS, SEÑOR, POR VIR AO NOSO PORTAL

û  Para que toda a Igrexa sexa capaz de acoller a invitación de Deus a camiñar cara ao portal da humildade, OREMOS.

û  Para que o que non atopou casa ao nacer, atope abertos os candados do noso corazón, OREMOS.

û  Para que o Deus connosco nos converta en mans amigas, abertas, sinceras e solidarias para todas as persoas, OREMOS.

Grazas, Señor, por facerte un de nós para traernos a felicidade e a esperanza. P.X.N.S. Amén

MIRADA DE ESPERANZA

Unha vez máis tes, onda ti, de balde, o Nadal.

Coma outros moitos anos desde que es consciente

el pasará, onda ti, tal como es, sen disfraces.

Que raro se nos fai!

 

Chamará á túa porta, con suavidade ou inoportunamente,

coma outros moitos anos, esperando escoitar a túa voz:

voz de traballo, voz de rúa,

voz de ledicia ou de dor,

forte ou suave,

a túa, sen disfraces.

Que raro se nos fai!.

 

Non che pedirá nada,

porque a pesares de que o quere todo, 

quéreo de balde, entendes?.

Que raro se nos fai!.

 

Nadal para ti se soñas e compartes,

se camiñas e te encarnas, coma El,

xunto aos que nada teñen.

 

Nadal para ti, se aínda te atreves,

coma os primeiros cristiáns,

a dicir cada día:

“Gloria a Deus no ceo 

e paz na terra aos homes e mulleres que El quere tanto”.

 

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...