FÓRA DO TEMPLO
SAÚDO
PROCLAMACIÓN DA PALABRA (Flp 2, 6-11)
BENDICIÓN DOS RAMOS
CANTO PROCESIONAL: Moito me alegrei
DENTRO DO TEMPLO
ORACION COLECTA
PROCLAMACIÓN DA PAIXÓN
PETISCOS DE CONCRECIÓN NA VIDA
CREDO
ORACIÓN DA COMUNIDADE
OFERTORIO: Cantádelle ao Señor unha cantiga nova (Nº 33)
COMUÑÓN: Acharte presente na vida (Nº 51)
MIRADA ESPERANZADA
BENDICIÓN
POR CAMIÑOS DIFERENTES, PERO CARA A UN MESMO
DESTINO, DEIXÉMONOS ACOMPAÑAR UNS DAS OUTRAS
Nota previa: A celebración está pensada desde o criterio do realismo pastoral, que non do pragmatismo, polo que sendo conscientes de que o mundo rural é o ámbito onde se realiza, e atendendo a que quen a preside/dirixe ha facela en varias comunidades ao longo da mañá, buscamos que sexa un encontro sinxelo, non moi alongado, pero sempre cercano, participativo, creativo -non rubricista-,e que non se realice ás présas, senón desde o acougo interior de tod@s cantos queremos poñernos no camiño que nos levará á Pascua.
Comézase fóra, a poder ser nun lugar un pouco afastado da Igrexa, para poder camiñar procesionalmente unha vez bendicidos os ramos.
SAÚDO DE QUEN DIRIXE A CELEBRACIÓN
Quen preside: A celebración de hoxe volve poñernos no camiño de Xesús cara a Xerusalén. Un camiño de espiños e rosas; de acollida e desprezo; de encontro e rexeitamento; de morte e resurrección. Poñámonos logo en camiño, sen quedar no externo. Esforcémonos para ir interiorizando cada un destes momentos que nos unen á experiencia crente de que a vida é un proceso no que, se persistimos, sempre acabamos vencendo. A resurrección é triunfo, pero antes ten que pasar pola dor e a exclusión, como ocorre no noso mundo de hoxe, no que parece que non hai amencer de esperanza cando nos achegamos a el movidos polas présas e sen ser capaces de ver máis alá do presentismo. Non nos deixemos vencer entón polo aparente, e busquemos sempre razóns que dean razón da nosa esperanza.
PROCLAMACIÓN DA PALABRA
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE
PAULO APÓSTOLO AOS FILIPENSES
Cristo, con ser de condición divina,
non se agarrou cobizosamente á súa categoría de Deus;
senón que se espiu do seu rango, asumiu a condición de escravo;
fíxose un home normal e presentouse coma tal abaixouse a si mesmo, facéndose obediente ata á morte, ¡e a morte na cruz!
Por iso tamén Deus o exaltou sobre todo
e lle concedeu un título que está por riba de calquera título para que ante o título de Xesús se dobre todo xeonllo no ceo, na terra e mais no abismo, e para que toda lingua proclame para gloria de Deus Pai que Xesús Cristo é o Señor.
PALABRA DO SEÑOR
GRAZAS A DEUS
Bendición DOS RAMOS
Señor, no teu camiño tamén houbo bágoas de exclusión e tristura, pero non te deixaches vencer por elas. A túa vida é exemplo de confianza e constancia que Ti nos chamas a continuar.
As palmas e ramos que hoxe traemos queren ser sinal de que precisamos sentir a forza da túa esperanza e o recendo da túa compaña que sempre camiña ao noso lado. Que a túa bendición se faga presente entre nós, para que sexamos testemuñas de colaboración, entendemento e diálogo.
Bendí + estes ramos e palmas, cos que mostramos que comezamos o camiño que nos leva a participar comunitariamente da Semana Santa. P.X.N.S. Amén.
ORACIÓN COLECTA
Deus noso Pai, quixeches que Xesús asumise a nosa condición humana e vivise na cruz a experiencia de dor e esperanza; fai que nós, seguindo as súas pegadas, non nos deixemos vencer polas dificultades, e aprendamos a loitar por ser persoas construtoras de canto dignifica e nos recoñece como fillas túas e fillos teus. P.X.N.S. Amén.
Abrámonos á súa PALABRA
PROCLAMACIÓN DA PAIXÓN DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO
SEGUNDO LUCAS
Cando se levantou a sesión, conduciron a Xesús ante Pilato. Alí empezárono a acusar, dicindo:
‑ Atopamos a este revolucionando ao pobo, impedíndolle pagar o tributo ao César, e declarándose ademais Mesías e rei.
Pilato preguntoulle:
‑ ¿Es ti o rei dos xudeus?
Respondeulle:
‑ Ti o dis.
Entón díxolles Pilato aos sumos sacerdotes e mais á xente:
‑ Eu non atopo delito ningún neste home.
Pero eles teimaban dicindo:
‑ Anda encirrando á xente, ensinando por toda Xudea, desde Galilea ata aquí.
Oíndo aquilo, Pilato preguntou se aquel home era galileo. Ao saber que pertencía á xurisdicción de Herodes, remitiullo a el, que casualmente estaba por aqueles días en Xerusalén.
Herodes, ao ver a Xesús, alegrouse moito, porque había tempo que o quería ver polo moito que tiña oído falar del; de por parte, esperaba ver algún milagre. Fíxolle moitas preguntas, pero Xesús non dixo palabra. Tamén estaban alí os sumos sacerdotes e mailos letrados acusándoo arrufadamente. Herodes e mailos seus soldados aldraxárono, e, para faceren riso del, vestírono cunha roupa fachendosa; e despois Herodes mandoullo de volta a Pilato. E desde aquel día Herodes e Pilato, que se levaban moi mal, quedaron amigos.
Pilato convocou os sumos sacerdotes, os xefes e mailo pobo e díxolles: ‑ Trouxéstesme este home coma se fose un revolucionario; pero eu, despois de o interrogar diante de vós, non atopei nel ningún delito deses dos que o acusades; nin tampouco Herodes, que nolo devolveu. Nada que mereza a morte cometeu; así que voulle pór un escarmento, e despois vouno soltar.
Pero todos empezaron a berrar, dicindo:
‑ ¡Fóra ese, solta a Barrabás!
(Este estaba na cadea por unha revolta con asasinato, ocorrido na cidade).
Pilato volveulles falar, pois quería librar a Xesús. Pero eles berraban:
‑ ¡Crucifícao, crucifícao!
Pilato replicou por terceira vez:
‑ ¿Pero que mal fixo? Ningún delito de morte atopei nel. Dareille un escarmento e soltareino.
Pero eles porfiaban a berros e pedían a crucifixión, facendo cada vez máis algareo. Por fin Pilato sentenciou tal coma eles querían. Soltou ao que reclamaban ‑o encadeado por revolta e asasinato‑, e a Xesús entregóullelo ao seu antollo.
Cando o levaban, botaron man dun certo Simón de Cirene, que viña da leira, e cargáronlle a cruz, para que a levase detrás de Xesús. Ía tras eles unha chea de xente e mulleres batendo no peito e laiándose por el. Xesús volvéndose a elas, díxolles:
‑ Fillas de Xerusalén, non choredes por min: chorade máis ben por vós e polos vosos fillos. Porque, mirade, veñen días nos que se dirá: "Afortunadas as ésteriles, os ventres que non enxendraron e os peitos que non criaron". E pediranlles aos montes: ¡Caede enriba de nós!, e aos outeiros: tapádenos. Porque se isto fan coa árbore verde, ¿que lle pasará á seca?
Levaban con el tamén a outros dous bandidos, para executalos. E cando chegaron ao lugar chamado "A Caveira", crucificárono alí; e con el aos dous bandidos: un á dereita e outro á esquerda del.
Xesús dicía:
‑ Meu Pai, perdóaos que eles non saben o que fan.
E, botando a sorte, repartiron a roupa del. A xente estaba a mirar, e os xefes moqueábanse del, dicindo:
‑ A outros salvounos. Pois que se salve agora el, se é o Mesías de Deus, o Elixido.
Tamén os soldados se burlaban del, e achegándose ofrecíanlle vinagre, dicindo:
‑ Se ti es o rei dos xudeus, sálvate a ti mesmo.
E había un letreiro enriba del: "Este é o rei dos xudeus".
Un dos bandidos que estaban crucificados, insultábao tamén:
‑ ¿Non es ti o Mesías? Pois sálvate ti e sálvanos a nós.
Pero contestoulle o outro, reprendéndoo:
‑ ¿Seica non temes a Deus, ti que sofres a mesma condena ca el? Nós, polo menos, recibimos o que merecemos, pero este non fixo mal ningún.
E dicíalle:
‑ Xesús, lémbrate de min cando volvas coma rei.
Xesús respondeulle:
‑ Asegúroche que hoxe estarás comigo no paraíso.
Chegado o mediodía, a escuridade cubriu a terra ata a media tarde, pois houbo unha eclipse de sol. E o veo do Santuario rachou polo medio. Entón Xesús, pegou un berro moi alto e dixo:
‑ ¡Meu Pai! nas túas mans entrego o meu espírito.
E dicindo isto, morreu.
O centurión, vendo o que sucedera, glorificou a Deus, dicindo:
‑ Realmente este home era inocente.
E toda a xente que acudira ao espectáculo, ao ver o que pasaba, volvía batendo no peito. Os seus coñecidos seguían todo de lonxe, e igual as mulleres que o acompañaran desde Galilea.
PALABRA DO SEÑOR
PETISCOS DE CONCRECIÓN NA VIDA
• É Domingo de Ramos, a celebración que, a modo de pregón, nos anuncia o comezo da Semana Grande da fe cristiá. Unha experiencia profunda pola experiencia vital de cada unha e cada un de nós, para que, a semellanza do vivido por Xesús, tamén nós fagamos o noso camiño a Xerusalén. O camiño da vida. Porque, máis alá de procesións, sermóns, meditacións ou viacrucis, o importante; o verdadeiramente importante, é como cada unha e cada un de nós queremos vivir esta experiencia desde a celebración dos grandes misterios da fe cristiá: entrada en Xerusalén, mesa compartida, cruz e morte, vida e resurrección.
Da nosa resposta sairá o sentido que lle queremos dar a estes días de encontro, celebración e camiño compartido.
• Se quedasemos simplemente no externo, nos ritos e tradicións que se foron conformando co paso dos séculos, non veriamos máis que un espectáculo. Non unha vivencia de fe no proxecto de Xesús. A Semana Santa é tempo para pensar, celebrar, compartir e revisar como estamos a vivir a fe, e que lugar ocupa Deus nas nosas decisións sobre os elementos importantes do noso proxecto de vida. Porque se o que o que nos move é simplemente o externo, pero sen ser capaces de entrar no interno da cada un e cada unha de nós, acabaremos por facer da Semana Santa tempo de espectáculo e vacacións; pero, se nos achegamos a estes días desde unha vivencia de fe, seremos capaces de facer o camiño de Xesús sabendo vivir esta experiencia como un tempo de esperanza, renovación, vida e futuro.
• Esforcémonos logo para que estes sexan días de oración compartida e compromiso por non deixarnos vencer pola frustración. Xa demos o primeiro paso, xa estamos, coma Xesús, tamén nós en Xerusalén. Sigamos camiñando para poder celebrara a vida en resurrección e futuro.
Apostemos pola confianza: poñámonos nas súas mans
Deus convócanos e acompáñanos sempre que nos reunimos no seu nome para celebrar e compartir a fe. Co agradecemento de quen se sabe na súa compaña, dicimos:
QUE AS TÚAS PEGADAS SEXAN GUIEIRO NO NOSO CAMIÑAR
û Para que a forza da Paixón de Cristo renove a Igrexa, converténdoa en servidora das persoas empobrecidas e descartadas do noso mundo;
QUE AS TÚAS PEGADAS SEXAN GUIEIRO NO NOSO CAMIÑAR
û Para que crezan nos nosos corazóns actitudes de misericordia, perdón, acollida e solidariedade para coas persoas que sofren; OREMOS.
QUE AS TÚAS PEGADAS SEXAN GUIEIRO NO NOSO CAMIÑAR
û Un día máis volvemos pedir pola paz no noso mundo, especialmente polas persoas que son vítimas da violencia e o fanatismo. Por todas elas, OREMOS.
QUE AS TÚAS PEGADAS SEXAN GUIEIRO NO NOSO CAMIÑAR
Grazas, Señor, por acompañar, alentar e escoitar a nosa oración compartida para que sexamos fermento transformador neste noso mundo tan durmido na indiferenza. P.X.N.S. Amén.
ORACIÓN Á PRESENTACIÓN DO PAN E DO VIÑO
Señor, este pan e viño que poñemos por riba do altar, xunto coa nosas ledicias e tristuras, queren ser sinais de que precisamos do teu alento e da túa forza para alimentar cada día das nosas vidas. P.X.N.S. Amén.
ORACIÓN FINAL
Grazas, Señor, por todo canto temos compartido e celebrado esta mañá no teu nome. Que sexa pulo para que o noso esforzo e traballo cotián sintan sempre o agarimo e a tenrura da túa compaña. P.X.N.S. Amén.
Comentarios