Ir al contenido principal

4 domingo Pascua 2023

ESCOITAMOS A SÚA VOZ PORQUE NOS CHAMA POLO NOSO NOME

 

CANTO GOZOSO

 

⬁ ENTRADA: Andarei na presenza do Señor (Nº 11)
⬁ LECTURAS: O Señor é o meu pastor (Nº 27)
⬁ OFERTORIO: Eiquí están Señor (Nº 32)
⬁ COMUÑÓN: Grazas, Señor, graciñas (Nº 50)

MIRADA AGRADECIDA

Celebramos hoxe en toda a Igrexa o cuarto domingo de Pascua, o domingo do Bo Pastor. Celebramos que Cristo é o Bo Pastor que nos coñece e que nos chama polo noso nome. Celebramos que El é o Bo Pastor que vén para que teñamos vida e vida dabondo.

Por iso a nosa celebración de hoxe convídanos a todas e a todos, pastores e laicado, a reflexionar sobre como estamos levando a cabo, cadaquén desde a súa vocación, a tarefa que se nos encomenda, que non é outra que a de testemuñar. Porque non podemos esixirlle aos demais o que nós non estamos dispostas e dispostos a dar, poñámonos ao carro e deamos o mellor de nós: un testemuño de servizo, de compromiso, de esperanza e de amor coa nosa vida.

CORAZÓN MISERICORDIOSO

∗ Porque moitas veces criticamos e non colaboramos; SEÑOR, QUE NON NOS CREAMOS MÁS CA NINGUÉN.
∗ Porque nos sobra intolerancia e nos falta humildade, CRISTO, QUE NON NOS CREAMOS MÁS CA NINGUÉN.
∗ Porque non buscamos tempos de silencio na nosa vida para escoitar a túa voz, que nos chama polo noso nomeSEÑOR, QUE NON NOS CREAMOS MÁS CA NINGUÉN.

PALABRA PROCLAMADA

PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS

Pero Pedro, de pé cos Once, levantou a voz e díxolles:

Saiba, logo, con certeza toda a casa de Israel que Deus fixo Señor e Mesías a este Xesús a quen vós crucificastes.

O sentiren isto, quedaron moi impresionados e dixéronlle a Pedro e ós outros apóstolos:

Irmáns, ¿que debemos facer?

Pedro respondeulles:

Arrepentídevos e cambiade, que cada un de vós se faga bautizar no nome de Xesús para o perdón dos seus pecados, e recibiredes o don do Espírito Santo. Porque a promesa é para vós e mais para os vosos fillos e para todos os que están lonxe, tantos como queira chamar o Señor noso Deus.

Con moitas outras palabras testificaba e animábaos, dicindo:

Salvádevos desta xeración ruín.

Os que recibiron a súa palabra foron bautizados: e ese mesmo día xuntáronselles arredor de tres mil almas.

PALABRA DO SEÑOR

PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE PEDRO

Pero, se vos portades ben e, mesmo así, aguantades sufrimentos, isto é precioso ós ollos de Deus.

De feito chamouvos Deus para isto, porque tamén Cristo sufriu por vós, deixándovos así un exemplo para que sigades os seus pasos.

El, que non fixo pecado, nin engano se atopou na súa boca, cando o aldraxaban, non devolvía aldraxes; mentres sufría, non ameazaba, senón que se puña nas mans do que xulga con xustiza.

No seu corpo, el ofrendou os nosos pecados sobre a cruz, para que nós, mortos ó pecado, vivamos para a xustiza:curáronnos as súas chagas.

Erades coma ovellas extraviadas, pero agora volvéstesvos ó voso pegureiro e pastor.

PALABRA DO SEÑOR

 

PROCLAMACIÓN DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO XOÁN

Con toda verdade volo aseguro: o que non entra pola porta no curral das ovellas, senón que sobe por outra parte, é un ladrón e un bandido. En cambio, quen entra pola porta é o pastor das ovellas. A ese ábrelle o porteiro, e as ovellas escoitan a súa voz. Chama as súas polo nome e lévaas a fóra. Cando as dá sacado todas, vai diante delas e as ovellas ségueno, pois recoñecen a súa voz. Pero a un alleo non o seguirán, senón que fuxirán del, pois non coñecen a voz dos alleos.

Díxolles Xesús esta alegoría mais eles non coñeceron que era o que lles daba a entender. Entón díxolles de novo:

Con toda verdade volo aseguro: eu son a porta das ovellas. Todos os que viñeron antes ca min eran ladróns e bandidos; pero as ovellas non os escoitaron. Eu son a porta; se alguén entra por min, salvarase: entrará e sairá e atopará pasto. O ladrón non entra senón para roubar, matar e estragar. Eu vin para que teñan vida e para que a teñan de abondo.

PALABRA DO SEÑOR

PALABRA ENRAIZADA

✓ A promesa é para vós e mais para os vosos fillos e para todos os que están lonxe, tantos como queira chamar o Señor noso DeusAs palabras de Pedro que escoitabamos na primeira lectura, tomada do libro dos Feitos dos Apóstolos parecen indicarnos que isto da exclusividade é un problema vello na nosa Igrexa, pois xa estaba presente nas primeiras comunidades. Como nos custa entender que ninguén ten a Deus en exclusiva, que ninguén pode, no nome de Deus, xulgar, escoller, condenar... a ninguén. Hai uns meses o papa Francisco afirmaba nunha homilía que hoxe o drama da Igrexa é que Xesús segue petando na porta; pero desde dentro, para que o deixemos saír!!!!!!. Moitas veces terminamos sendo unha Igrexa prisioneira, que non deixa saír ao Señor, que o ten como algo propio. Mais o señor veu para a misión e quérenos persoas misioneiras. Se cadra aí está o quiz da cuestión..... en que pretendemos encorsetar ao Señor dentro dos nosos raquíticos esquemas mentais... Por iso hoxe, como aqueles cristiáns e cristiás da primeira fornada estamos chamadas e chamados a cambiar, a abrir os nosos corazóns, a aportar o noso gran de area, si, persen pretender que sexa o gran máis importante.

 

✓ As ovellas escoitan a súa voz porque as chama polo seu nome: Interesante esta sentencia que escoitamos no Evanxeo. Hoxe é o domingo do Bo Pastor e somos convidadas e convidados a reflexionar sobre o papel dos pastores nas nosas comunidades. Pero esta reflexión debemos facela nunha dobre dirección. Certamente o Evanxeo hoxe afirma con claridade cal ha ser o comportamento dos que un día foron ordenados para servir ás comunidades, algo que tan ben definiu o papa Francisco cando falou de pastores con cheiro a ovella: servir, testemuñar, alentar, acompañar.... Algo que está ben lonxe do papel que moitas veces se teñen outorgado: controlar, mandar, impoñer, xulgar ou condenar. 

Mais tamén debemos facer esta reflexión as persoas que non somos pastores. Porque o pastor necesita sentirse querido, acollido, recoñecido coma un membro máis da comunidade. Mais cantas veces criticamos e non estamos dispostas e dispostos a colaborar, cantas veces seguimos entrando no xogo do comercio con Deus; cantas veces queremos que sexa a nosa comenencia, aínda que non teña moito sentido....

Todo isto é o que poñemos hoxe por riba do altar, pastores e laicado, para facer comunidades misioneiras e vivas.

ORACIÓN COMPARTIDA

A Xesús, Pastor Bo que nos coñece e que nos chama polo noso nome dicímoslle con convencemento:

PASTOR BO, LÉVANOS POLO CAMIÑO DA VIDA

• Para que na Igrexa xurdan bos pastores que escoiten, acompañen e fagan súas as dores, tristuras e esperanzas das persoas do noso tempo, OREMOS.

PASTOR BO, LÉVANOS POLO CAMIÑO DA VIDA

• Polas persoas que alentan, animan e acompañan as celebracións das nosas comunidades, para que fagan sempre este servizo con ledicia e transmitindo con sinceridade a esperanza de Xesús, OREMOS. 

PASTOR BO, LÉVANOS POLO CAMIÑO DA VIDA

• Cando o 1 de maio, Día Internacional das Persoas Traballadoras, peta na nosa portapedimos polas persoas que sofren violencia no traballo e polas que viven na precariedade e sen dereitos sociais, OREMOS

PASTOR BO, LÉVANOS POLO CAMIÑO DA VIDA

• Para que na nosa vida termemos de nós e dos demais, e así, se chega o lobo que mata, domina , engana, oprime ou afoga a nosa liberdade, saibamos facerlle fronte e non deixemos que nos manipule, OREMOS. 

PASTOR BO, LÉVANOS POLO CAMIÑO DA VIDA

Acolle, Señor, a oración que acabamos de compartir como comunidade reunida no teu nome. PXNS. Amén.

 

MIRADA ESPERANZADA

 

Envía ,Pai, traballadores ás túas comunidades

⬁ Para que se multipliquen na Igrexa coma pastores santos.
⬁ Para que non haxa mercedarios nin burócratas que utilicen e enganen ás persoas.
⬁ Para que haxa pastores responsables que defendan e busquen o benestar dos pobos, evitando prepotencias e corrupcións.
⬁ Para que as persoas máis débiles e indefensas sexan protexidas e valoradas.
⬁ Para que non falten persoas misioneiras e samaritanas que evanxelicen aos pobres. 
⬁ Para que a mocidade e as persoas maiores non se pechen á chamada de Deus.
⬁ Para que esta celebración nos teña axudado a sentírmonos especialmente bendicidos e alimentados por Cristo pastor.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

3 Advento 2024

  CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA XUSTIZA SINAL DE ADVENTO:  Colocamos no taboleiro a terceira parte do noso berce. CANTO GOZOSO   §      Entrada: Volve, Señor (Nº 90)  §      Lecturas: Que ledicia miña (Nº 4) §      Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36) §      Comuñón: Ven axiña visitarnos (Nº 86)   OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN   Estamos xa no terceiro domingo do Advento. Nas semanas anteriores a Palabra de Deus invitábanos a espertar e a ir preparando o berce do noso corazón. Neste domingo, entre as palabras de ánimo do profeta Sofonías e a invitación á ledicia de Paulo, fáisenos unha nova indicación que vén responder, coma nos tempos do Bautista, á nosa pregunta de “que temos que facer?”. A indicación desta terceira semana é ben directa e clara: convértete e practica a xustiza!. Porque non nos enganemos: todas as persoas estamos necesitadas de conversión, de cambiar actitud...